"Falar desde ese lugar de servizo público é un trazo diferencial"

ENTREVISTA | Ana Romaní

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Laura R. Cuba | Texto e fotos | Compostela | 5 de outubro. Unha semana despois de recibir o Premio Nacional de Periodismo Cultural, Ana Romaní (Noia, 1962) segue a remitir á dimensión colectiva do galardón nun contexto de conflito aberto na radio e televisión pública galega. Após case 30 anos dirixindo o Diario Cultural –cargo que abandonou no cambio de formato do programa–, o recoñecemento non só pon en valor a súa longa traxectoria profesional. Con compromiso social e visión feminista, Romaní segue a construír trincheiras de resistencia, unha labrega da cultura que traballa os sucos identitarios dun país. En alerta, tomando o pulso e sempre atenta.

Como foi recibir o premio?

Non o esperaba nada. En ningún momento pensei nesa posibilidade. Non se me pasou pola cabeza nunca, e moito menos agora, despois de todo o que pasou. Recibino con moita sorpresa. De feito, cando me chamaron non o cría e tiveron que repetirmo varias veces. É un premio reparador dalgún xeito. Eu percíboo así e ao mesmo tempo eu fago unha lectura colectiva. Reparador a nivel individual e grato porque ten unha dimensión colectiva. Non sei se o xurado considerou iso no seu debate, na súa resolución, mais eu si que o considero así e quero consideralo así. Éme grato porque ven dar azos a unha mobilización que se desenvolve desde hai 20 venres.

O galardón recoñece tamén a túa traxectoria. Empezaches no ‘Diario Cultural’ en 1990. Como valoras a evolución do programa? Que lle deparará o futuro?

Prefiro falar do pasado porque xa non teño responsabilidade co futuro do proxecto neste momento. O futuro dependerá das persoas que nestes momentos coordinan o Diario Cultural e eu agora estou totalmente desvinculada del nese ámbito. Agora son parte da equipa de redactoras que fan eses espazos mais non teño ningún grao de responsabilidade. Con respecto ao pasado, o Diario Cultural é un programa que tentou facerse cargo da esforzada vitalidade da cultura galega. Tentou levar a cabo unha información cultural situada, con perspectiva, implicada, partícipe, cómplice… Creo que os espazos culturais son cultura e forman parte da cultura dun país, e o programa quixo ser parte. Tentou, ademais, acoller a pluralidade de voces e discursos que conforman a cultura contemporánea da Galiza. Fixo un esforzo por ir rexistrando, dentro das súas moitas limitacións e dentro dos seus poucos recursos, como foron evolucionando os distintos discursos da cultura na Galiza. Ademais, tentamos tratar sempre con rigor e dignidade e con respecto á cultura, á materia que traballamos, aos profesionais cos que traballamos e á audiencia. É algo que eu aprecio especialmente dos espazos de cultura, a dignidade e respecto coa que se trata a audiencia.

O ‘Diario Cultural’ tentaba ser un espello da cultura galega en cada momento…

Eu creo que si. De feito, foi reformulándose, modulándose e reinventándose ao paso do devir da cultura galega. Existiu sempre unha interacción constante. Algo do que estou especialmente contenta e polo que me sinto agradecida tamén é porque en maio e xuño, cando se anunciou a mudanza do programa, percibín que o Diario Cultural era entendido como algo de todos e todas. Nese sentido, o espazo procurou manterse sempre partícipe e atento.

No ‘Diario Cultural’ fixemos un exercicio de resistencia. Ás veces é moi difícil desenvolver un traballo cultural cunha merma de espazo, medios e recursos. Nós desenvolvemos o traballo nesas circunstancias.

O espazo tivo un compromiso social moi firme. Que imaxe da cultura galega se deu desde o programa? Hai risco de caer en estereotipos neste labor?

O risco do estereotipo, do lugar común e da conformación dun único discurso existe sempre e hai que estar sempre moi pendente de non caer niso. Creo que o contexto do Diario Cultural é moi relevante. É un espazo cultural nun medio público. Iso xa é un marco que obriga a respectar unha lei que di que cómpre unha defensa do idioma. Nós soubemos sempre que eramos un espazo de servizo público. Iso implica un discurso de pluralidade. Escasamente dogmático e sempre interrogante, interaccionante co que acontece. Falar desde ese lugar de servizo público é un trazo diferencial.

Alén de traballar nun axente cultural versátil, tamén es académica. Este ámbito é frecuentemente sinalado polo inmobilismo cultural. Pode o teu ingreso supor un vento fresco desde dentro da institución?

Con respecto o da academia, aínda non entrei. Efectivamente, xa teño un pé dentro. Foi unha decisión complicada e difícil. Xa o teño dito nalgunha ocasión, non son persoa de institucións. Son estruturas ás que non son moi dada. Vaia por diante, eu agradezo moito a consideración dos membros da Academia, mais resultoume difícil. Non obstante, ao mesmo tempo considero que as institucións culturais son necesarias. O país necesita de institucións culturais permeábeis que se fagan cargo das súas urxencias sociais e culturais. Nese sentido, iso comprométeme no senso en que todas e todos por activa e pasiva somos responsábeis de como se desenvolve o sistema. Descoñezo a institución por dentro, non sei como é, que dinámicas establece, como se traballa dentro, que se pode facer… Tentarei ser honesta comigo mesma.

Levas a camisola de Defende A Galega. Que podes dicir sobre o conflito no medio público? Como sufrides isto na sección de cultura?

Tanto na mobilización dos Venres Negros como en Defende A Galega ou na manifestación pola dignidade dos medios públicos de setembro vexo un regreso do xornalismo dos medios públicos á súa función social. Todas estas accións son indicadores dese regreso e desa preocupación que teñen as e os xornalistas dos medios públicos pola súa función de servizo ao público que queren desenvolver simplemente no marco que unha lei ampara. O que se está reclamando é simplemente iso, o cumprimento dunha lei, para poder desenvolver o traballo dun medio público. O xornalismo, ao mesmo tempo, é un traballo que esixe estar sempre moi vixiante e atenta: que fas, para quen o fas, a quen atende… É un estado de observación constante. Polo demais, claro, no que respecta á situación en detalle da problemática, creo que é preferíbel que fale o comité de empresa, que é o representante das traballadoras e traballadores. Eles son quen teñen os datos, o amparo legal, para facer as valoracións e análises. Tamén está o documento que fixo Defende A Galega con motivo da manifestación, que explica como chegamos aquí, que está pasando, que demandamos… Non me quero erixir como voceira de nada, son unha integrante máis e valoro especialmente que sexa un movemento horizontal sen líderes, cunha forma de organización neses mesmos termos. Por iso, en canto a entrar en detalles de manipulación, prefiro que sexan os nosos representantes legais quen falen. Gustaríame subliñar, iso si, o regreso á función social do xornalismo.

Tanto na mobilización dos Venres Negros como en Defende A Galega ou na manifestación pola dignidade dos medios públicos de setembro vexo un regreso do xornalismo dos medios públicos á súa función social.

Ao longo destes anos, pensas que este abandono da cuestión social acusouse moito na área de cultura?

Eu podo explicar o que vivín desde o Diario Cultural. Nós fixemos un exercicio de resistencia. O programa foi pasando por moitas épocas, foi reinventándose e reformulándose constantemente en función tamén dos recursos dos que dispuña. Estes foron reducíndose e minguando co paso dos anos. Ás veces é moi difícil desenvolver un traballo cultural cunha merma de espazo, medios e recursos. Nós desenvolvemos o traballo nesas circunstancias, e tamén é certo que cando hai que aplicar recortes por cuestións de orzamento, a cultura é dos primeiros sectores en se resentir.

Cal dirías entón que foi a época de máis bonanza do ‘Diario Cultural’?

Houbo un momento estupendo no que na redacción eramos cinco persoas, un técnico de son, produción e dez colaboradoras. Agora eramos dúas redactoras, unha persoa en produción compartida con outros programas, o técnico e cinco críticas. Foi do 2005 ou 2006 até o 2009.

Como esperas que se resolva o conflito? Tes reticencias, esperanzas…?

A demanda é que se cumpra a lei. Son optimista pola capacidade que tivemos as traballadoras e traballadores de sermos conscientes da situación e mostrar socialmente a nosa postura. Iso paréceme moi esperanzador e positivo. Tamén os medios públicos son da cidadanía, e á cidadanía tócalle tamén defendelos se o considera, se quere telos e dotarse dese instrumento. Por exemplo, nos Venres Negros percíbese a participación da xente que non é da tele nin da radio. Iso é moi importante para todas.

Pensas que, co cambio de rumbo do ‘Diario Cultural’, a imaxe da cultura do país que se ofrece desde o medio público pode verse resentida?

Non o sei. Eu non comparto a formulación desta nova programación, esta serie de espazos agrupados baixo a denominación de Diario Cultural. Por iso, eu desvinculeime de calquera tipo de responsabilidade co proxecto. É un paso a ser unha redactora máis do equipo. Por que se produciu isto e que expectativas de futuro ten? Penso que non son a interlocutora nese sentido. Non me corresponde a min responder iso.

Dentro desa pluralidade de realidades culturais galegas que reflectía o ‘Diario Cultural’, é posíbel que tamén se detecten discursos e realidades colonizadoras?

Antes comentaba que o Diario Cultural tentou ser un programa situado. Esa situación ten que ver con ter perspectiva propia, estar situado no contexto, e cun código de referencias propio. Nós tentamos acoller a cultura cunha perspectiva moi localizada nun país, cun marco de referencias moi concreto. Iso non evita que ti esteas no mundo porque estamos, claro. Nós atendiamos moi especialmente a área da lusofonía porque é o noso marco cultural. Iso preocupábanos especialmente, mais é un programa situado cos seus marcos de referencia: en galego e desde un lugar moi claro. Creo que esa é a información cultural pola que eu e o equipo apostou. Interésame porque é o que corresponde. Nós estamos aquí, non no centro do Estado español. Temos unha cultura propia, uns indicadores diferentes, temos unha historia, temos unha lingua, temos uns parámetros nos que nos movemos e temos un horizonte propio.

Dicías que o ‘Diario’ era un axente que se sitúa nun contexto de resistencia.

Nós apostabamos por unha liña de traballo e tentamos mantela nun contexto no que esa liña non é a predominante.

Desde a organización do premio valoraron o teu compromiso social, que tamén se filtra a través do teu compromiso feminista. A cultura, a música e o propio xornalismo son territorios moi masculinizados.

Unha cousa é a participación das mulleres nos distintos ámbitos sociais, que é unha cuestión de xustiza social e equidade. Outra cuestión, a que me interesa, é o feminismo, que o concibo como un proxecto emancipador, de construción de futuro e de alternativa social. Interésame e alimento ilusionada e con expectativas os cambios que os feminismos e as feministas poidan introducir nos distintos ámbitos da vida. Iso é o que máis me interesa. Estamos nun sistema que ten uns mecanismos que funcionan dunha determinada maneira. Ten unhas normas, uns códigos no simbólico, no cotián… que é o sistema patriarcal que eu cuestiono. A min paréceme que é un sistema que se reactiva reformulado con outras aparencias constantemente. Eu creo que, nese senso, hai que estar moi vixiantes e moi atentas porque obviamente hai moitos avances, aí está o 8M do ano pasado, mais hai unha reactivación do sistema reformulado baixo outra aparencia mais que segue aí. Por exemplo, os asasinatos das mulleres é unha fenda social. Cada asasinato abre un abismo social que nos implica a todas e todos. É unha fenda na nosa liberdade e dignidade colectiva como sociedade. É un estado de agresión constante no que vivimos desde o simbólico e xa non só nas violencias e agresións. Estamos vivindo nunha especie de disfunción, porque por un lado temos os discursos de corrección mais por outro lado é un territorio de barbarie.

Ese tipo de discursos de corrección son unha maquillaxe?

Non, eu creo que son necesarios eses discursos que alertan sobre a situación e se preocupan e toman consciencia. Porén, tamén é necesario ir á raíz. Eu concibo o feminismo como un movemento emancipador e radical. Cómpre ir á raíz das cousas e do que acontece.

No teu día a día, á luz de como é a situación, como ves esta barbarie?

Eu o que vexo é que hai un sistema que se reformula baixo novas aparencias e que está aí. Iso é o que debemos cuestionar e o que debemos mudar desde o feminismo e nesas chaves. A min interésame esa visión. Por iso dicía que alimento con expectativas o que poden facer as mulleres feministas e o feminismo nunha Academia, nun programa de radio e en calquera ámbito, na rúa e na xustiza. Por exemplo, co caso de Iria Pinheiro. A min paréceme gravísimo e quero transmitirlle desde aquí a miña solidariedade e o meu xesto. Cando digo que vivimos nun territorio de barbarie refírome a ese cotián, ese que ela acaba de vivir e que vivimos moitas mulleres. É necesario que muden as cousas, e é necesario que muden de raíz. Con iso non estou desbotando ou cuestionando a eficacia e a utilidade de mobilizacións masivas como o 8M, porque son estimulantes e esperanzadoras. Hai unha incorporación de moitas mulleres novas ao discurso dos feminismos que o está a enriquecer moitísimo e que xera moita esperanza ás persoas que levamos moito tempo nisto.

A raíz disto tamén hai moito debate no propio feminismo…

Si, porque ademais o feminismo é un movemento que sempre debate, debate e debate. Iso é estupendo porque é escasamente conformista e escasamente reformista.

Non obstante, non perde a forza.

Iso é porque no fondo sabemos de onde vimos e o importante que é a acción das feministas e dos feminismos para asomarmos a un futuro diferente. Todo radica niso. Hai unha percepción consciente do comunitario do movemento, con todas as diferenzas e toda a súa pluralidade, mais ese comunitario –que está na raíz da súa historia e na súa xenealoxía– permanece. Iso é moi relevante dentro do feminismo e ao mesmo tempo esa convivencia cos diferentes discursos e debates, que o amplían e enriquecen. As feministas tivemos que organizarnos soas. Foi e é necesario.

A entrevistada

Ana Romaní

Ana Romaní

Noia, 1962. Xornalista, activista feminista, poeta. Ligada ao movemento cultural da súa vila natal na súa mocidade, foi membro da Asociación Cultural Catavento de Noia e da revista artesanal Carabela de Xiada. Logo dunha etapa como actriz de dobraxe foi locutora en RNE-Radio Catro no programa A Viborona, canda Chema Gagino. No ano 1989 entra na radio pública galega, onde desde 1990 dirixiu o Diario Cultural, de emisión diaria, até a mudanza no formato do programa. Gañadora de numerosos premios literarios, sempre estivo ligada á dinamización cultural e ao movemento feminista a través da literatura e as artes.

Outras entrevistas

A entrevistada

Ana Romaní

Ana Romaní

Noia, 1962. Xornalista, activista feminista, poeta. Ligada ao movemento cultural da súa vila natal na súa mocidade, foi membro da Asociación Cultural Catavento de Noia e da revista artesanal Carabela de Xiada. Logo dunha etapa como actriz de dobraxe foi locutora en RNE-Radio Catro no programa A Viborona, canda Chema Gagino. No ano 1989 entra na radio pública galega, onde desde 1990 dirixiu o Diario Cultural, de emisión diaria, até a mudanza no formato do programa. Gañadora de numerosos premios literarios, sempre estivo ligada á dinamización cultural e ao movemento feminista a través da literatura e as artes.

Outras entrevistas

1 comentário em ““Falar desde ese lugar de servizo público é un trazo diferencial””

Deixe um comentário

1 comentário em ““Falar desde ese lugar de servizo público é un trazo diferencial””

Deixe um comentário