Temos fame de dereitos

Ruth L. Herero, Isabel Álvarez e Diego Lores

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

A “crise” orixinada pola COVID-19 está a desvelar e agudizando situacións de desigualdade nas que vivíamos a maioría: empobrecemento, precarización da vida, desafiuzamentos, centralismo do urbano, violencia machista, sexista e racista…

Como na anterior crise/estafa -instaladas xa nun mundo colapsado- as políticas sociais volven ao debate público, e como ocorreu co estoupido da burbulla inmobiliaria volven tratar de nos confundir. Hai xa tempo que desde as institucións xerouse unha narrativa na que se enxalza a necesidade da “colaboración” público-privada. Así créase unha opinión na que se mesturan as respostas públicas coas de entidades privadas, eliminando dereitos con medidas asistenciais e condicionadas, confundindo rendas básicas con esmolas, autonomía con control social e sobre todo faise ver unha certa “esencialidade” do privado para unha boa xestión. Isto aplícase a todos os eidos e o ámbito alimentario non se libra.

Así nestes meses vimos como se fala de normalidade na cadea alimentaria mentres as produtoras tiveron pechados os mercados locais e moitas persoas están a pasar fame. Fíxose ver que non había problema ningún porque a gran distribución é quen de abastecer, que non é o mesmo que alimentar, a quen podía achegarse aos supermercados para facer a compra.

E que está a pasar coas que non poden mercar ao carecer de recursos económicos suficientes? Pois que volven aparecer como resposta estrela os bancos de alimentos, sinónimo -salvo contadas excepcións- de saídas que afondan na estigmatización, o control, a burocracia, a dependencia, o poder… e que evidencian a fraxilidade das persoas nun sistema que non é capaz de garantir nin o máis básico: o acceso a unha alimentación sa e nutritiva como un dereito e non como un privilexio.

“Volven aparecer como resposta estrela os bancos de alimentos (…) saídas que afondan na estigmatización, o control, a burocracia, a dependencia, o poder… e que evidencian a fraxilidade das persoas nun sistema que non é capaz de garantir nin o máis básico”

Moitos destes bancos de alimentos parten das “doazóns” das propias empresas que provocan o caos climático e o colapso global, que nos trouxo até aquí e que obteñen beneficios fiscais deses agasallos. Ademais, a xestión en moitos casos recae no voluntariado e non nunha resposta real que garanta un dereito á alimentación para todas as persoas. Vemos como ás veces asinanse convenios con grandes marcas de produtos ultraprocesados (non alimentos), evidenciando que para quen non contan con recursos no mellor dos casos desde as institucións búscase que leven algo á boca, dá igual o que sexa, á conta da saúde.

Na xestión das bolsas de comedor durante a crise, en moitas das comunidades autónomas só as crianzas que tiñan cuberto por bolsa máis do 75% do custo do comedor escolar recibiron alimento; é dicir, quen tiña bolsa por baixo desta porcentaxe non recibiron nada, o que agravou a situación en moitos fogares e prexudicou especialmente ás mulleres. Á hora de repartir, sabemos que a alimentación das crianzas nunha casa sempre é prioritaria e a das súas nais sempre é a última que conta. Ademais disto, nestes meses pecháronse as hortas de autoconsumo en moitos lugares privando a moita xente dun recurso esencial para a súa alimentación diaria. Pois estas hortas non son meros espazos de lecer, xeralmente son espazos indispensables para a vida.

“Á hora de repartir, sabemos que a alimentación das crianzas nunha casa sempre é prioritaria e a das súas nais sempre é a última que conta”

Por iso esiximos que as respostas partan desde un enfoque de dereitos, de dereitos fortes: sociais, básicos e universais. Como o dereito á alimentación e á nutrición adecuada, o dereito á vivenda en condicións dignas, o dereito á Renda Básica das iguais e moitos outros que en nada se parecen ás respostas que chaman a participar de falsas solucións que perpetúan a desigualdade, a inxustiza e a desmobilización.

Os Servizos Sociais máis orientados a conter necesidades que a garantir dereitos

Sabemos que nos Servizos Sociais que moitas levamos anos sufrindo non imos atopar saídas. No mellor dos casos, alivio, que desexamos non substitúa á necesidade de xuntarse e buscar saídas desde a raíz: saídas colectivas e comunitarias. Que coñezamos as limitacións dos Servizos Sociais e a súa función non exime para que estes gocen de máis recursos e de profesionais que sexan tamén compañeiras/aliadas de loitas e vidas. Para moitas, os Servizos Sociais son sinónimo de fiscalización, de control, de atrasos, de papeladas, de negocios para o capital… e do esquecemento das necesidades básicas que quedan afundidas baixo papeis.

Na súa curta vida os Servizos Sociais perderon a parte máis importante do seu sentido, quedou a palabra “social” esmagada pola de “servizos” que cousifican ás persoas tratándonos como expedientes, somos o “caso individual” que pode ou non entrar nos seus parámetros ou criterios de intervención. Polo que a moitas nos humillan, maltratan e teñen en conta a nosa cor de pel á hora de dar información para facer a criba necesaria que vai eliminando da lista ás máis necesitadas. A distancia da mesa dos despachos de traballadoras de base fronte á realidades sociais faise cada día máis grande, así o foi creando unha maquinaria que non xera empatía nin proximidade.

As traballadoras sociais que realizan unha labor próxima e social son apartadas da institución, se teñen unha verdadeira intención de solucionar situacións, non serven ao sistema capitalista, e se non serven ao sistema non se renova o seu contrato. Algunhas sofren até o punto de abandonar os seus postos de traballo mentres buscan o oasis onde seren traballadoras sociais e non autómatas, ou para salvar o muro da indolencia que nega calquera trámite.

“A distancia da mesa dos despachos de traballadoras de base fronte á realidades sociais faise cada día máis grande, así o foi creando unha maquinaria que non xera empatía nin proximidade”

Estes días, mentres as persoas e as economías domésticas caían como fichas de dominó fronte á imposibilidade de adquirir alimentos, pagar o aluguer, a luz, a auga, o teléfono, Internet… os servizos sociais de base, en demasiadas ocasións, dedicáronse a derivar ás persoas aos recursos de beneficencia para adquirir comida como primeiro e, ás veces, como único recurso fronte ás insuficientes e miserentas axudas económicas públicas.

En demasiadas ocasións fomos “derivadas” a parroquias ou ONGs sen antes ofrecernos información sobre as prestacións sociais ou sen nos facilitar o seu acceso. Como quen sacude algo molesto, cuestionan a credibilidade das persoas angustiadas pola carencia de recursos, polo medo a enfermar e/ou pola falta de alimentos. Botamos en falta profesionais que cuestionen a institución que lles garante un emprego público, a mesma que obstaculiza e non garante o acceso aos recursos máis básicos. Sóbranos o traballo social hexemónico que culpabiliza e revitimiza ás persoas no seu afán de análise individualizada que agocha os problemas sociais que xera este sistema capitalista, patriarcal e racista.

“Botamos en falta profesionais que cuestionen a institución que lles garante un emprego público, a mesma que obstaculiza e non garante o acceso aos recursos máis básicos”

Con todo isto o que dicimos é que non queremos producións de alimentos insáns ou de alimentos nutritivos inaccesibles para a maioría das persoas, non queremos que nos fogares sexa necesario priorizar a alimentación das crianzas por non quedar alimentos para quen as coida, non queremos unha realidade na que as mulleres non poidamos desligarnos dos coidados porque o resto da sociedade non está disposta a asumilos e non nos considera útiles alén da nosa función gratuíta de coidados e non queremos que o labor dos Servizos Sociais sexa controlar e perpetuar este sistema de organización e de valores en lugar de exercer un labor social de coidados, que é o que lles correspondería, e non condenarnos á fame e a desidia.

E é verdade que temos fame, mais sobre todo temos FAME DE DEREITOS.

 

Vigo, maio de 2020.

As autoras

Ruth L. Herero, Isabel Álvarez e Diego Lores

Ruth L. Herero, Isabel Álvarez e Diego Lores

Baladre, coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social.

Dereitos

Deixe um comentário

Deixe um comentário