A batalla por Meirás entra, 43 anos despois, na vía legal
O rescate do Pazo de Meirás pende de Madrid. Dous informes apoiados pola Deputación da Coruña e polo Parlamento galego sinalan as vías xurídicas para a recuperación do espazo. Os relatores urxen ao Estado que actúe.
Erik Dobaño | Coruña, 6 de xullo. A batalla pola recuperación do Pazo de Meirás ascendeu a outro plano desde a publicación dos dous informes que sinalan as vías xurídicas para que o Estado español reclame a propiedade do espazo aos herdeiros do ditador. Foron dúas institucións públicas galegas as que por primeira vez desde a morte de Franco en 1975 asumiron a reivindicación da propiedade de Meirás. Pero ten que ser o Estado quen emprenda as accións legais contra os Franco. Dous participantes na comisión parlamentaria –o catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña, José Manuel Busto; e o representante do Concello de Sada, Francisco Montouto–, un dos redactores do informe á Xunta Pro Devolución, auspiciada pola Deputación da Coruña –o profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, Xavier Ferreira–, e o principal investigador sobre o Pazo de Meirás e co-autor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, Carlos Babío, valoran o resultado da comisión parlamentaria e da iniciativa da Xunta Pro Devolución e as posibilidades do rescate legal do Pazo.
“Demos un paso importante, non está todo feito, pero estamos diante da posibilidade de rematar coa anomalía que supón esas nove hectáreas de impunidade fascista en Europa”, di Carlos Babío este xoves nun café de Sada, a escasos metros das oficinas de urbanismo do Concello de Sada, desde onde Francisco Montouto, o concelleiro, apela a unidade das forzas políticas: “O martes hai pleno no Parlamento galego e esperamos que haxa un acordo unánime para que sexa a cámara a que leve o asunto a Madrid”. “O que se pide é que a Administración Xeral do Estado inicie unha acción reivindicatoria, que supón a declaración da propiedade e a recuperación da posesión”, indica Busto Lago no seu despacho da UDC, e explica que o proceso será longo, “uns catro ou cinco anos”, e afectará a tres instancias: a demanda no Xulgado de Primeira Instancia de Betanzos, a posíbel apelación diante da Audiencia Provincia da Coruña e o recurso de casación na Sala Civil do Supremo. “Pero recuperar Meirás a través destas accións sería unha vitoria xurídica e moral”, di Xavier Ferreira, que vén de estrear responsabilidade na xerencia da USC e anda estes días entre Compostela e Lugo, atento ás reaccións desde Madrid despois de coñecerse o informe da comisión parlamentaria. O seu, o da Xunta Pro Devolución, fíxose público a principios de ano e mereceu unha resposta por parte de Patrimonio Nacional, o 8 de abril, baixo a administración do PP.
As dúas vías: excluíntes ou non?
A vía legal que propón o estudo asinado por Ferreira é emprender unha acción civil que declare nulo o contrato de compra-venda “simulado”, en opinión dos relatores, que Franco asinou en 1941 para que Meirás pasase a ser patrimonio da familia. “Foi unha compra-venda simulada. Deuse a intención por parte do Xefe do Estado de adquirir un ben, ou de recibilo… porque non hai constancia material da entrega de diñeiro e mesmo hai unha renuncia a emprender accións futuras respecto desa venda”.
Os relatores do informe da comisión parlamentaria coñeceron o estudo de Ferreira e, durante un tempo, valoraron a posibilidade de incidir na mesma vía. “Pero topamos dous problemas”, sinala Busto Lago, “o tema da nulidade vímolo complicado porque é certo que hai unha adquisición por parte de Franco e a súa dona no 41, que está documentada a doazón anterior, no 38, así como a constitución con ese fin da Junta Pro Pazo del Caudillo e a forma de recadar desta Junta, pero non demos coa escritura, non coñecemos o xeito en que a propiedade foi adquirida por esa Junta antes da doazón. Podería pasar que a propiedade volvera aos herdeiros de Pardo Bazán”. E continúa: “o segundo problema é que ese informe chega á conclusión de que Meirás era un ben de Patrimonio Nacional, pero os bens de Patrimonio Nacional naquela altura eran bens herdados da Coroa e a resposta que recibiu a Xunta Pro Devolución así o di”.
A resposta de Patrimonio Nacional que chegou en abril advirte que a adquisición por parte de Franco “fue a título privado” por iso o ben “no ha sido inventariado por Patrimonio Nacional ni bajo la vigencia de la Ley de 1940 ni de la Ley de 1982“. “Nós o que propuxemos é unha posibilidade, non unha certeza. En dereito non hai certezas”, matiza Ferreira, que advirte que se trata “dunha acción arriscada” porque se o resultado é negativo “confirma a futuro e sine die a propiedade e lexitimaría negocios xurídicos feitos polo ditador e iniciados no período bélico; na práctica un punto final”.
En calquera caso, “non son vías paralelas”, di Busto Lago; “non vai haber dúas accións, o xuíz ordenaría a acumulación. O Estado ten que elixir unha”, concede Ferreira.
A vía que cobra máis forza
A vía que propón o informe da comisión parlamentaria tivo inesperadamente certo respaldo na resposta de Patrimonio Nacional á Xunta Pro Devolución. Nesa resposta, o Estado asume que o Pazo de Meirás tivo carácter de residencia oficial de verán do Xefe do Estado e que os gastos de mantemento, as reformas e as ampliacións correron a cargo do Estado. “O que vén a dicir Patrimonio Nacional é nesta porta non toquedes, tocade noutra”, considera Francisco Montouto, que representa ao Concello de Sada tanto na comisión parlamentaria como na Xunta Pro Devolución.
“O Pazo, entre o ano 38 e o 41, podemos situar en calquera desas datas o inicio, e o 20 de novembro de 1975 foi residencia do Xefe do Estado, acolleu actos institucionais propios da Xefatura do Estado e foi o Estado o que o mantivo, conservou e ampliou como un ben máis vinculado á Xefatura do Estado e posto a disposición do Xefe do Estado para exercer as súas funcións”, resume Busto Lago o argumento da comisión.
“É certo que a comisión parlamentaria avanza na vía dos usos, está ben orientado o traballo, pero eu o problema que lle vexo é que se deteña en 1975…”, di Babío.
“Para nós non é relevante como se usase, porque hai moitas doazóns, aínda hoxe, ao Xefe do Estado das que non fai uso”, comenta Ferreira. “Non temos o documento de como a Junta Pro Pazo del Caudillo adquire Meirás á familia de Pardo Bazán, pero si hai documentación que acredita ese feito, acta no pleno da Coruña, telegramas nos que se dá conta da adquisición… O importante é que hai xuristas que poñen enriba da mesa dúas posibilidades”, intervén Babío. “É certo que a comisión parlamentaria avanza na vía dos usos, está ben orientado o traballo, pero eu o problema que lle vexo é que se deteña en 1975…”
O que conclúe o informe de Busto Lago e a comisión de expertos é que debe ser o Estado o que emprenda unha acción contra os actuais propietarios, a familia Franco, reclamando a propiedade do ben como patrimonio do Estado e conseguir unha sentenza que deixe sen eficacia a compra-venda do 41 e anule o rexistro da propiedade en Betanzos a nome de Franco e a súa dona.
“Temos dúas solucións, pero é o Estado quen ten a lexitimidade. Que interveña xa, porque Meirás non pode ter un tratamento diferente ao Valle dos Caídos”, reclama Montouto.
As diferenzas
Pero na fronte institucional para a reclamación do Pazo de Meirás segue habendo divisións. Nesta altura, a principal ten que ver co debate sobre se se debe ou non pagar aos Franco. “O mandato do Parlamento é claro”, di Montouto, “respectando a legalidade vixente incorporar o Pazo ao patrimonio público sen que implique un novo custo para o pobo galego”.
“Si, no encargo dise iso, porque habería outras vías, como a expropiación”, explica Busto Lago, “pero é un erro notábel pór o foco niso e así o puxen de manifesto nas reunións finais da comisión, porque a vía que se propón o único que fai é reproducir unha norma do Código Civil que sería necesario aplicar, si ou si, e que di que quen ten a posesión material e realiza gastos de conservación ou que incrementan o valor, ten dereito a que lle sexan reembolsados, porque o propietario tería que ter feito eses mesmo gastos”.
“Me dá que vai haber que pagar”, comenta Ferreira. “No fondo é un asunto moral, trátase de cuestionar un negocio xurídico baixo unha coacción, as veces sutil… a doazón das autoridades foi voluntaria. Isto segue sucedendo: ao Xefe de Estado se lle seguen doando bens. Sería pagar dúas veces, si”.
Desde a súa perspectiva como historiador e máis de dúas décadas de investigacións sobre o espolio, Carlos Babío advirte sobre “algunhas carencias” do informe da comisión parlamentaria: “O Parlamento crea a comisión con expertos en materias xurídicas, históricas, administrativas, pero non son expertos en Meirás. E o que se lles pide é unha opinión, quero subliñalo, porque as carencias do informe veñen de aí… Se foran expertos en Meirás, terían chegado a unha conclusión diferente á conclusión IV [na que se advirte que o procedemento suxerido podería levar a que o Estado teña que indemnizar aos Franco]. Se o informe non se detivera en 1975, igual eran os Franco os que lle teñen que pagar ao Estado, porque despois da morte do ditador seguiu habendo gastos e mesmo persoal, os dous gardas civís non se retiraron até ben entrados os anos oitenta, cando se xubilaron os últimos, que correron a cargo do Estado”.
“Teño serias dúbidas de que o Estado vaia iniciar unha acción nesta materia diante do perigo dunha eventual perda da demanda”, conclúe Ferreira.
A segunda advertencia que lanza Babío é sobre “o xiro de 180 graos do Partido Popular”, que xa demandou ao goberno de Pedro Sánchez que atenda a petición da comisión parlamentaria que hai apenas 18 meses se negaba a crear. Di Babío: “Eu dubido de que a postura do PP teña que ver cos seus principios; benvido sexa, pero o que está facendo o PP é responder a esa demanda social que reclama Meirás. O espolio está documentado e o PP non pode obvialo. A mesma resposta de Patrimonio Nacional, cunha administración do PP, reflicte a visión do PP. Por unha banda di que hai que recuperar o ben; pero por outra, di que o espolio xerou corrupción, pero xa prescribiu. A versión do Estado segue sendo que Meirás é un agasallo”.
A urxencia e a oportunidade
Babío pide deixar para máis adiante o debate sobre se o Estado debe pagar ou non e que as institucións públicas galegas se centren en acelerar o proceso mediante a presión ao Estado. Na opinión pública consolidouse a sensación de urxencia, e a oportunidade vén dada polo cambio de goberno en Madrid, di. “A urxencia vén determinada pola morte da filla de Franco e a posibilidade de que o Pazo sexa vendido, iniciar unha acción civil impediría cautelarmente a venda”, anota Ferreira. E engade: “a oportunidade está en abrir o debate cando parece acaído facelo”.
Busto Lago opina na mesma liña: “obviamente parece que si hai urxencia cando o Parlamento decide tomar a iniciativa, pero a comisión non valorou nin a urxencia nin a oportunidade, só escrutamos unha vía xurídica”. “En Sada lavamos traballado moito na reclamación de Meirás, non só agora”, sinala Montouto.
“Non está todo feito”, alerta Babío. As institucións deben teimar, solicita. “O verdadeiramente importante é que por vez primeira en corenta anos as institucións democráticas do país, recollendo o traballo de documentación do espolio e as loitas de moitas e moitos por manter viva a reclamación, foron quen de sacar adiante unha proposta e responder a unha reacción social que é un punto de non retorno”, subliña o autor de Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio. El sitúa o paso decisivo no verán do 2017, cando desde a Deputación da Coruña se lanzou a Xunta Pro Devolución respondendo as accións da Fundación Franco en Meirás.
“Que significa Meirás? Meirás é o símbolo dese momento histórico vinculado a esa Xefatura do Estado que obviamente non partía dun principio democrático, segue a ser un símbolo deses corenta anos escuros”, comenta Busto Lago. “Teño serias dúbidas de que o Estado vaia iniciar unha acción nesta materia diante do perigo dunha eventual perda da demanda”, conclúe Ferreira.
Últimas publicacións
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Actualidades
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Actualidades
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas