A chamada do "Ulises" de James Joyce

Gonzalo Trasbach

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Recende a bieiteiro esta turbia mañá de xuño, case escura coma a tumba onde xace James Joyce. Estaban no seu cume as rosas silvestres cando Nora citouse con el na praia de Sandycove. Era o 16 de xuño do 1904, unha data que en Dublín se celebra coma o Blooms day, o día no que transcorre a odisea dun home moderno calquera que se relata no Ulises, e que hoxe acada o seu 114 aniversario. Joyce nacera no 1882 nun barrio da capital irlandesa e morreu un frío 14 de xaneiro de 1941 en Zürich, onde foi soterrado o 15 no camposanto de Flutern. Pensando nese prodixioso libro, lembras que, con motivo da 1ª Guerra Mundial, Joyce abandonou Trieste e refuxiouse en Zürich, onde arribara por vez primeira na compaña de Nora, os dous aínda mozos e cheos de enerxía e ilusión. A esta cidade suíza retornou por terceira e última vez fuxindo da Francia ocupada polos nazis. Mais nesta ocasión aterrou enfermo e case sen alento ao escenario onde antano tiña despregado a súa portentosa potencia creativa.

E logo pregúntaste, cando petou James Joyce na miña xanela? Talvez no Nadal do 1977. Mais xa tiveras antes un pequeno roce con el. Catro anos atrás, trabaras amizade cun grupo de compañeiros da facultade de Matemáticas de Santiago afín ao Partido Comunista. Ninguén nesta panda sabía un chisco de Marx e de Hegel, aínda menos. Eras un mozo bastante impresionábel. Inda que de substrato católico-labrego-mariñeiro, gustabas da xente de aspecto moderno. Os novos colegas semellaban pillos, intelixentes e mesmo cultos. Agás ti, todos eran de cidade. Tiñan libros (algúns prohibidos), discos e tocadiscos. Unha tómbola para ti, que non tiñas. Aínda cuberto coa néboa do mundo máxico da túa aldea, cambiaches tremendo de relixión. Cagado de medo, trucaches o mañá celeste católico polo mañá roxo marxista. Tardaches algúns anos en rachar o espellismo.

Ademais, os novos camaradas, fillos da emerxente clase media galega, eran hedonistas, divertidos e follaban coas noivas ou amigas. Ti escoitabas música e soñabas. Até aquel momento eras un estudante traballador. Pero acabaches descubrindo que a preguiza era un valor revolucionario: Meu Deus! Aínda que os colegas parecían ter coñecementos artísticos e literarios, faceta na que andabas algo coxo, un día levaches unha inquietante sorpresa. Entraches co que máis admirabas do grupo nunha libraría. E colliches un libro cun título que che recordaba a Odisea de Homero: Ulises. O nome do seu autor non che soaba de nada. Un tempo despois soubeches que era a primeira edición en castelán do Ulises, a de José Salas Subirats (Bos Aires. Rueda, 1945). Botácheslle unha ollada. O teu camarada dixo algo así coma que non era un bo libro. Estabas case seguro de que non o lera. Quedaches coa dúbida e calaches. As xentes do rural sempre fomos moi guiadiños!

Ti escoitabas música e soñabas. Até aquel momento eras un estudante traballador. Pero acabaches descubrindo que a preguiza era un valor revolucionario: Meu Deus!

Un incidente posterior levouche ao servizo militar. Logo de 16 meses desterrado na provincia de Cádiz, regresaches á casa dos teus pais. Durante ese período e tan lonxe dos teus, caéuseche o teu suposto marxismo. Mudar de vida era o plan cando arribaches a Compostela. Pouco tempo despois, volviches fixarte no libro de James Joyce. Baixo o recordo daquel vello amigo, mercaches a túa primeira edición, a de José María Valverde (Barcelona. Lumen, 1976), e comezaches ler tenuemente aquel libro tan enigmático. Cando o remataches escribiches nun caderno: “Paréceme moi bo, pero complicado”. Gustábache o que entendías, e os parágrafos que non comprendías resultáronche fascinantes. Cativáronte e acenderon aínda máis o desexo de lelo outra vez.

E frecuentaches as súas páxinas con deleite. E logo desta segunda travesía polos procelosos mares das súas follas, experimentaches algo semellante ao vello e simple goce de ver chover. E anotaches na túa bitácora: “Non é necesario deixarse impresionar polas numerosas citas e referencias culturais e relixiosas. O espírito da obra é coma un río discorrendo melodiosamente por entre os meandros do seu leito. Por iso ten o encanto do inaccesíbel e o pérfido atractivo do que ninguén quere”. Presumiches do libro e comprobaches que xeraba hostilidade, mesmo dentro do sector progresista, que por aquel tempo practicaba un rendido culto ao malditismo francés.

Viñeron a continuación as lecturas doutras obras do dublinés. Pero na terceira vez, respondiches á chamada do Ulises dun xeito distinto. Na volta dunha viaxe a Londres topaches no avión cunha veciña que estudaba filoloxía inglesa en Santiago. Falácheslle da obra. E aínda que ela a detestaba porque a obrigaba a un enorme esforzo (tiña que ler o texto orixinal), comprometeuse a parafrasear algúns capítulos (tiña unha magnífica dicción) para ti. Cando recitou o tramo final do obsesivo monólogo de Molly comprobaches o resoante que é o desenlace. E no teu caderno escribiches este comentario: “Para escoitar as palabras vibrando no seu silencio dentro de min, para nada é imprescindíbel atender a esa maraña de citas e chiscos de ollo culturais, históricos ou mitolóxicos. Entre outras moitas interpretacións que se poidan facer sobre a obra, para min só se trata dunha das máis longas, minuciosas, sincera e auténtica declaración de amor ás xentes dunha cidade calquera (Dublín ou outra calsexa) e a unha muller (Nora-Molly)”.

E no teu caderno escribiches este comentario: “Para min só se trata dunha das máis longas, minuciosas, sincera e auténtica declaración de amor ás xentes dunha cidade calquera (Dublín ou outra calsexa) e a unha muller (Nora-Molly)”

Leopold Bloom é o dublinés de orixe húngaro e xudeu que o 16 de xuño de 1904 experimentou unha alucinante odisea polos labirintos do “suxeito” moderno. Bloom camiña, come, defeca, engana á súa muller (que a súa vez o engana con outro), corre, discute, dubida, sobrevive a sucesivos colapsos íntimos… Si. A redención é posible. Está no monólogo interior de Molly. Si. Aí é onde se abraza afirmativamente a vida, a vida querida coma o que é irremediable. E máis aínda cando Molly di con rotundidade: …and Yes I said Yes I Will Yes.

 

Boiro | 16 de xuño.

Gonzalo Trasbach

Gonzalo Trasbach

Licenciado en Filosofía e diplomado en Educación Básica (mestre) pola Universidade de Santiago, traballei durante máis de vinte anos en La Voz de Galicia, xornal co que aínda colaboro na edición do Barbanza cun artigo semanal. Agora exerzo basicamente de xubilado na miña vila, Boiro, onde vivo. Ocupo o meu tempo libre camiñando, nadando, lendo, escribindo, escoitando música e indo ao cine de vez en cando. Tamén achego algunha colaboración á revista dixital Café Barbantia. Son dos que penso que non só somos de onde nacemos ou pacemos, senón que tamén somos o que lemos, o que escoitamos, os cadros que contemplamos, as amizades que cultivamos...

Café Barbantia

Deixe um comentário

Deixe um comentário