"A forma organizativa en sociedades fragmentadas só pode ser a agregación de loitas e movementos sociais"

ENTREVISTA | Albert Noguera

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | Coruña, 31 de xullo. Albert Noguera participou a principios de mes na segunda das conferencias sobre os dereitos dos pobos de Europa organizadas este ano pola Fundación Galiza Sempre en colaboración co Centre Maurits Coppieters. Noguera explicou algunhas propostas encamiñadas a mellorar o funcionamento das ferramentas tradicionais nos Movementos de Liberación Nacional, os partidos. Mais, durante a entrevista na sede da Fundación Once na Coruña, matizou as súas intencións: “Non creo que haxa que pedir nin dicir a ningunha organización que forma orgánica debe adoptar, non era esta a miña intención. Cada organización debe ter plena autonomía para realizar as súas propias análises e adoptar a forma organizativa e de acción política que os seus militantes consideren máis eficaz para transformar”.

A que se refería, durante a conferencia, cando falaba dos aspectos que deberían reformular os Movementos de Liberación Nacional? Empezando pola forma partido, como pedirlles a partidos con 40 ou máis anos ás costas que actualicen organicamente?

Durante gran parte do século XX, a construción de elementos unificadores ou do sentimento de formar parte dunha comunidade de intereses entre os cidadáns, levábase a cabo no marco de comunidades cunha única forma de traballador-tipo de referencia: o obreiro-masa, con pleno emprego, de comunidades culturalmente homoxéneas sen apenas inmigración, cun proteccionismo económico que daba lugar a fronteiras nacionais pechadas onde operaba a receita do Keynes at home, Smith abroad, [Keynes na casa; Smith (Adam), no estranxeiro] e cun único modelo de familia nuclear heterosexual con esquemas patriarcais ríxidos. Todo iso facía que as dúas grandes identidades colectivas sobre as que se construía a idea de dereitos colectivos eran, basicamente, a nación e a clase. Tanto a nación como a clase conforman categorías organicistas que expresan homoxeneidade e unicidade no seu interior. Ambas son categorías de igualdade-identidade que, pasando por encima da diversidade existente entre os seus membros, unifícannos como igual pertenza de todos a un mesmo grupo de alteridade respecto o ‘eles’. A forma organizativa colectiva por excelencia en sociedades deste tipo son o partido político e a identificación do pobo-masa cun líder, en tanto que ambas son tamén formas organicistas de unificación. Era normal, mesmo, que moitos partidos tivesen o adxectivo ‘Nacional’ ou ‘Socialista’ ou o nome do país engadido ás súas siglas, ou que os líderes usasen como instrumentos de mobilización símbolos nacionais ou de clase.

Esas identificacións xa non funcionan?

As sociedades de hoxe están sometidas a procesos de diferenciación colectiva que fragmentaron os vellos suxeitos políticos organicistas en múltiples e novas identidades ou lazos sociais de base non territorial nin de clase, senón por razóns diversas: de xénero, étnicas, sexuais, laborais, culturais, veciñais, afectados por vulneración de dereitos sociais concretos, de relación coa natureza ou os animais, etcétera. No marco de sociedades deste tipo, dificilmente poderemos construír grandes movementos cidadáns de enfrontamento contra o sistema mediante formas de subsunción da diversidade nunha única e gran identidade de partido ou de líder nacional ou de clase, especialmente cando os aparellos de partidos están hoxe desprestixiados. A forma organizativa en sociedades fragmentadas só pode ser a agregación de loitas e movementos sociais. Iso non significa que non haxa suxeito histórico, simplemente significa que este cambia a súa forma. O reto está en articular todo este conxunto de suxeitos ao redor dun programa común de transformación.

Poden as demandas de múltiples suxeitos que reivindican distintas formas de soberanía (alimentaria, enerxética, corporal…) integrarse coas vellas demandas de clase e nación?

Non é que poidan senón que, se queremos ter algunha esperanza de transformación, deben. As novas reivindicacións de grupos, xa sexan ecoloxistas, feministas, veciñais, LGTBI… só poden ser transformadoras, non como micro-reivindicacións segmentadas e desconectadas dos conceptos clásicos do marxismo como modo de produción, alienación ou Poder no sentido amplo, senón como articulación común ao redor deles. Fragmentadas e desconectadas dos conceptos clásicos do marxismo, as reivindicacións de grupo adoptan a forma do que chamo dereitos colectivos constitucionais. Isto é, dereitos-fragmento, reivindicacións de gueto cuxo recoñecemento trae unha ampliación de liberdade ou tolerancia cara a determinados suxeitos sociais, pero non afecta estruturalmente á base do sistema. O capitalismo pode integralos como estrutura parcial do Estado sen necesidade de transformarse a el mesmo. Pola contra, conectados ao marxismo, as reivindicacións de grupo adoptan a forma do que chamo dereitos colectivos constituíntes. Isto é, dereitos-totalidade, cuxo recoñecemento supón, necesariamente, unha re-organización estrutural do sistema político ou socio-económico, dando lugar a un novo sistema de relacións sociais, políticas, culturais e económicas.

Daquela, os partidos necesitan aos movementos e estes, aos partidos?

Un dos problemas, hoxe, de parte do movemento feminista, do ecoloxista, do LGTBI ou doutros é que absolutizan as súas reivindicacións e lles outorgan rango de universalidade, pero é unha realidade social que é parcial. Facer que as reivindicacións de toda esta multiplicidade de loitas e movementos sociais adopte a forma de dereitos colectivos constituíntes e non constitucionais, é a única opción para articular unha agregación de movementos transformadora. E iso esixe, necesariamente, conectar e interrelacionar como algo indivisible as novas formas de soberanía coas vellas.

Política, Catalunya, partidos, democracia,

Que espera do proceso iniciado en Euskadi que inclúe unha consulta á cidadanía antes de levar o seu proxecto de Estatuto a Cortes?

En termos estritos, o Estatuto de autonomía do País Vasco establece que a súa reforma esixe, primeiro, ser aprobada polo Parlamento Vasco por maioría absoluta. Segundo, a aprobación das Cortes Xerais do Estado mediante Lei Orgánica. E, finalmente, aprobación dos cidadáns vascos mediante referendo. O pacto entre PNV e Bildu para incorporar, no medio deste procedemento, unha consulta non vinculante do novo Estatuto que salga do Parlamento vasco antes de ser enviado as Cortes de Madrid, é unha boa xogada que pode abrir, en Euskadi, un novo foco de inestabilidade para o réxime do 78. As potencialidades de ambos para abrir un novo conflito contra o Estado en Euskadi, son interesantes.

Que escenarios se debuxan?

Os escenarios poden ser dous. O primeiro, pouco probable na miña opinión, é que se permita celebrar a consulta e a proposta de Estatuto do Parlamento vasco sexa referendada popularmente. Neste caso, calquera recorte posterior do Estatuto por parte das Cortes Xerais xera, para o Estado, un problema de obxección contramaioritaria. Está o poder constituído de Madrid lexitimado para anular e impor a súa vontade sobre o poder constituínte vasco? Legalmente si. Pero, non significa iso unha imposición e unha vulneración do principio democrático? O factor que activou o proceso catalán foi a sentenza de 2010 pola que o Tribunal Constitucional (TC) impón a súa vontade e anula parcialmente o Estatut aprobado en referendo en 2006 en Catalunya. O non respecto, por parte de Madrid, da vontade do pobo vasco manifestada en referendo podería prender un proceso igual.

E o segundo escenario?

O escenario máis probable na miña opinión é que o Goberno impugne a convocatoria da consulta e o TC a declare inconstitucional por vulnerar o artigo 149.1.32 da Constitución e o procedemento de reforma do artigo 46 do Estatuto vasco, que fai parte do que os constitucionalistas chamamos o bloque de constitucionalidade. Neste caso, os escenarios que se abren poden tamén ser interesantes: un sería o da desobediencia e realización dunha consulta como o 1-O catalán, aínda que neste caso calquera tipo de represión poría en forte evidencia ao Estado posto que se estaría actuando non contra un referendo de secesión, senón contra o exercicio do dereito de autonomía recoñecido pola propia Constitución. E outro sería a prohibición do referendo para, a continuación, proceder desde as Cortes a un recorte do Estatuto, o que expresa un acto de sometemento que xeraría moitos receos entre as e os vascos. En resumo, creo que é unha boa xogada xa que, pase o que pase, pode permitir abrir un escenario de conflito. Tanto se non se respecta o resultado da consulta como se non se lles deixa votar, abriríase na conciencia dunha ampla parte da poboación vasca unha nova estrutura de conflito onde as dúas cleavages (eixos de disputa política) tradicionais do nacional e o social, se reagrupan, transforman e reconfiguran nunha nova cleavage política central, a da democracia e o dereito a votar e que se respecte o votado. E cando nunha sociedade esta cleavage pasa a ocupar unha posición central, polo seu carácter transversal e mobilizador, hai moitos números de que apareza un forte movemento de masas contra o Estado.

En calquera caso, un proceso de autodeterminación en Euskadi nunca poderá facerse sen o PNV?

Correcto, simplemente digo que a xogada pode permitir en Euskadi o xurdimento dun movemento soberanista amplo como o catalán e abrir un escenario de conflito co Estado. Agora ben, que este movemento sexa transversal e de masas dependerá, en gran parte, de se o PNV coas súas bases, opta por sumarse ou non. E iso dependerá da posibilidade que a burguesía vasca teña de manter ou non a súa posición política e económica, propiciada polo réxime de concerto económico no interior do Estado.

Foron esas as razóns da deriva de CiU?

Anos atrás, a ninguén en Catalunya ocorreríaselle imaxinar que CiU pasaría a ser un partido independentista e con presos políticos no cárcere. O xiro estratéxico do rexionalismo ao independentismo por parte da pequena e mediana burguesía catalá explícase froito do cambio de modelo económico en Cataluña. A substitución do modelo económico industrial por un modelo especulativo-inmobiliario-financeiro supón unha perda de importancia política e adquisitiva desta pequena e mediana burguesía catalá industrial na repartición do pastel no interior do Estado. Iso fai que, nun primeiro momento do proceso, esta xogue a carta independentista como farol para tentar arrincar ao Estado novas vantaxes fiscais e competencias políticas. Pero ao ver que o Estado non só non está disposto a negociar, senón que profunda a recentralización, a única opción que queda a este sector da burguesía catalá para poder reiniciar procesos de acumulación ampliada é a de constituír un Estado propio como instrumento necesario para reorganizar un capitalismo autóctono. A partir deste momento apostan abertamente, non sen contradicións internas, pola desobediencia e ruptura nacional. En igual sentido, podemos afirmar que un hipotético goberno español, nas próximas eleccións dentro de dous anos, conformado por unha coalición entre un PP con sede de vinganza contra o PNV polo seu apoio á moción de censura de Sánchez, e Cidadáns, que leva anos defendendo a eliminación do réxime de concerto para o País Vasco, dificilmente deixaría á burguesía vasca outra opción, para poder satisfacer os seus intereses, que a de tentar construír unha forma de capitalismo autóctono vasco, tendo que sumar e pór á súa xente ao servizo dun movemento soberanista, disputándose, no seu interior, a hexemonía do movemento cos sectores populares. Así pois, a posición do PNV dependerá, como digo, da posibilidade que a burguesía vasca teña de manter ou non a súa posición política e económica dentro de España.

A posición do PNV dependerá, como digo, da posibilidade que a burguesía vasca teña de manter ou non a súa posición política e económica dentro de España.

Política, Catalunya, partidos, democracia,

Até onde irán de man a burguesía e esquerda no procés catalán?

Creo que a pregunta está mal formulada. Sobre isto é necesario aclarar dúas cousas. A primeira é que tal como formula a pregunta pode dar a sensación que o procés é froito dun acordo estratéxico de despacho entre burguesía e esquerda independentista, e tal cousa é absolutamente falsa. A orixe do procés está nas tres ondas de consultas independentistas nos municipios que empezan en 2009. Tanto no seu nacemento como na súa posterior evolución, o epicentro do movemento está na rúa, e é a cidadanía quen ten a iniciativa e impulsa o procés. Os partidos, o Parlament e o Govern, son sempre reactivos e obran con atraso, estando obrigados a reformarse permanentemente para adaptarse ás accións e mobilizacións da cidadanía. E a segunda cuestión a aclarar é que a pesar de que a CUP votase, en ocasións, con Junts per Catalunya, iso non quere dicir que vaian da man. A relación da CUP coa burguesía catalá non é de alianza senón de loita de clases.

Como están a día de hoxe as alianzas?

O feito de que en Catalunya se crucen dous eixos de loita, o nacional e o social, fai que o conflito catalán non poida entenderse en termos de dialéctica binaria, senón só en forma de dialéctica triádica, con tres axentes autónomos (réxime do 78, burguesía catalá e clases populares) en interacción entre si. A esquerda independentista debe facer fronte, de maneira solapada, a dous inimigos, o Estado e a burguesía catalá, que á vez son tamén inimigos entre eles. Se o referendo de autodeterminación tivera sido recoñecido polo Estado, a orde do conflito sería distinta. Primeiro habería unha alianza de clases contra o Estado monárquico español para conformar a República, e proclamada esta, durante a fase constituínte, operaríase a loita de clases para definir o contido material da nova República. O problema está en que, en tanto que o Estado non recoñece o dereito de autodeterminación, o proceso de ruptura con España e o proceso constituínte de determinar o contido material da nova República, débense levar a cabo á vez. A batalla contra o réxime do 78 e contra a burguesía catalá debe realizarse de maneira solapada. Neste contexto, a única posibilidade que a esquerda independentista ten para poder facer fronte ao Estado e garantir que o proceso triunfe, á vez que conseguir ancorar cara á esquerda o contido da constitución, é adoptar unha estratexia de mutación caótica da forma do suxeito político.

Que quere dicir iso?

Pois que se partimos, por unha banda, de que a forma pobo-masa, de natureza transversal, constitúese na forma de mobilización e suxeito político máis eficaz para afrontar os ataques por parte do Estado e defender a lexitimidade as institucións constituíntes, e a forma do conflito de clase é a forma máis eficaz para conseguir ancorar a nova realidade constitucional cara á esquerda; e, por outra banda, partimos de que o conflito co Estado e coa burguesía catalá para definir os novos contidos constitucionais daranse de maneira solapada e entrecruzada, a estratexia da esquerda independentista só pode ser a de ir mutando permanentemente de maneira caótica dunha forma a outra de suxeito político. E procurando que iso xere o mínimo de contradicións posibles. Para entendernos: o uso de recursos-accións de mobilización social para tentar conseguir a nacionalización do sector enerxético que poida acabar cunha actuación represiva dos mossos d’esquadra non condenada polo PDCat, non ten que impedir que ao cabo de dous días estes mesmos movementos impulsen e participen de convocatorias conxuntas de alcance transversal en defensa da institucionalidade constituínte atacada polo Estado, ou para pedir a liberdade dos presos. Nin isto último debe impedir tampouco que tres días máis tarde continúen as formas de conflito social para reivindicar a reversión das concesións de xestión privada na sanidade catalá pedindo a dimisión da responsábel de sanidade do goberno. Por iso digo, que non é correcto afirmar que burguesía e esquerda independentista vaian da man en Catalunya. A estratexia da CUP non é a alianza de clases senón a dobre loita de clases: contra o réxime do 78 e contra a burguesía catalá, axentes autónomos e enfrontados entre eles. O carácter triádico do conflito obriga á esquerda independentista a adoptar unha estratexia de mutación caótica do suxeito político. Esta é actualmente, en Catalunya, a única maneira de afrontar a loita de clases.

O conflito catalán só pode entenderse en forma de dialéctica triádica, con tres axentes (réxime do 78, burguesía catalá e clases populares). A esquerda independentista debe facer fronte, de maneira solapada, a dous inimigos, o Estado e a burguesía catalá, que á vez son tamén inimigos entre eles.

Que foi o máis innovador do repertorio de mobilizacións sociais en Catalunya?

A propia evolución do procés permitiu crear un conxunto de estruturas de rebelión popular de distinta natureza que se saben combinarse, estratéxica e adecuadamente entre elas, ofrecen grandes potencialidades de conflito. As dúas grandes estruturas de rebelión popular son a Asemblea Nacional Catalá (ANC) e Òmnium Cultural (OC) e, doutra banda, os Comités de Defensa da República (CDR). Ambas teñen unha natureza e formas de acción política, totalmente distintas. A forma de intervención social da ANC e OC é a da mobilización e as grandes demostracións masivas transversais. Malia ter unha estrutura territorial, nas súas convocatorias agregan moitos cidadáns que non están afiliados a ningún partido ou organización nin teñen pertenza política concreta. Os seus organizadores colectivos son listas de Telegram, Facebook, Twitter, etcétera. Son cidadáns, moitas veces, sen unha ideoloxía clara, o único que lles une é o rexeitamento a todo o que supón o réxime do 78. E o tipo de accións que fan son grandes accións multitudinarias con ton reivindicativo e festivo nas que pode participar todos os membros da familia e que alimentan, lexitiman e fortalecen a idea de colectividade. Trátase dunhas estruturas de rebelión popular que puxeron, realmente, entre o eixo e a roda ao Estado, xa que este atópase enfrontado a un inimigo ao que é difícil pór nome e ao que lle resulta difícil encerrar nunha categoría que xustifique a súa represión (comunistas?, terroristas?, anarquistas?).

Cales son as diferencias cos CDR?

A forma de intervención social dos CDR é a da participación e o conflito social. Participar é distinto que mobilizarse. Participar consiste en intervir no deseño de estratexias e a de toma de decisións. A mobilización pode supor, en moitos casos, a simple asistencia a manifestacións sen involucrarse nin no que sucede antes nin no que sucede despois. Nos CDR hai máis participación que mobilización. Están conformados por xente fortemente ideoloxizada que fai asembleas semanais en todos as localidades, ou nos seus espazos de coordinación, onde se discute colectivamente e se toman decisións asambleariamente. Ademais, o tipo de acción política dos CDR tamén é distinta, estes levan a cabo accións de conflito social tradicionais moito máis contundentes, como folgas, ocupacións, levantamento de barreiras das peaxes das autoestradas… O gran logro foi entender que a relación entre ambos os tipos de estruturas populares de rebelión, ANC e OC, por un lado, e CDR, polo outro, non debe ser de competencia senón de complementariedade estratéxica. En determinados momentos e para determinados obxectivos é necesario e moito máis eficaz activar a forma de intervención social da ANC e do OC. Pola contra, noutros determinados momentos do procés, é necesario activar formas de conflito social a través dos CDR. Saber combinar e activar, estratexicamente en cada momento, unha ou outra estrutura de rebelión popular é fundamental para poder manter aberto un conflito de gran envergadura contra o Estado para a defensa da República.

Para determinados obxectivos é necesario e moito máis eficaz activar a forma de intervención social da Asemblea Nacional e do Òmnium. Noutros momentos do procés, é necesario activar formas de conflito social a través dos CDR.

Política, Catalunya, partidos, democracia,

Volvendo a un dos tema da conferencia, a Unión Europea. Se é irreformable, para que serve a UE? Poden constituír os MLN articulados internacionalmente unha ferramenta política alternativa á UE?

Sobre a cuestión da posibilidade de reforma ou non da UE, e en concreto no tema do euro, creo que a esquerda se atopa, fronte a dous círculos viciosos difíciles de resolver: o da ruptura e o do reformismo. Son varios os economistas que fixeron referencia ás dificultades económicas que a saída do euro por parte dun só país significaría para este, así como a ineficacia da medida posto que a recuperación da súa moeda tampouco lle permitiría volver ter soberanía económica. Fronte a iso, mencionan propostas como a dunha alianza dos países do sur europeo para a creación dunha moeda propia, o repudio dunha parte da débeda e a renegociación do resto ao tipo de cambio oficial da nova moeda e a nacionalización e a regulación da banca para evitar saída de capitais. Efectivamente, trátase dunha proposta que choca cun círculo vicioso difícil de resolver, ao que podemos chamar o círculo vicioso da ruptura: por unha banda, non hai outra opción viábel de saída do euro que a saída conxunta dos países do sur de Europa. Pero, doutra banda, lograr un cambio simultáneo ou coincidencia na liña ideolóxica de todos os gobernos do sur para que actúen neste sentido resulta imposíbel. Daquela, se a saída non é verosímil, hai que seguir insistindo na tendencia actual de uso alternativo das institucións, isto é, seguir tentando reformar o Dereito da UE e aproveitar as fírgoas xurídicas que ofrece para aplicar políticas sociais. E iso choca tamén con outro círculo vicioso tan difícil de resolver como o anterior e ao que podemos chamar o círculo vicioso do reformismo. No interior do marco legal da UE a única maneira de ampliar a marxe de manobra, liberdade e autonomía decisional sobre as políticas a adoptar polos novos gobernos de esquerda sería introducir reformas nos actuais principios e obxectivos neoliberais básicos do Dereito primario da UE ao que están subordinados os Gobernos e ordenamentos xurídicos estatais. Pero reformar os tratados esixe a unanimidade dos 28 membros da UE, o que é tamén imposíbel e fai que o Dereito da UE pasase de ser un Dereito vivo a ser un Dereito petrificado, bloqueándose calquera posibilidade de reforma do mesmo. En resumo, o círculo vicioso en que se atopa a proposta reformista convértea en igual de inverosímil que a proposta rupturista.

Non hai escapatoria?

Pois seguramente haberá que pensar en formas intermedias entre a saída do euro e a aceptación da súa disciplina, como, por exemplo, a da desobediencia do pago dunha parte da débeda desde a articulación entre institución e mobilización popular. Sería posíbel unha coordinación de concellos do Estado onde hai gobernos de esquerdas para que conxuntamente e a partir dunha interrelación cunha forte mobilización cidadá expresada en referendos, manifestacións, etcétera, se negaran a pagar a débeda ou a cumprir os límites de déficit para dedicar o excedente á garantía de dereitos sociais? Posibelmente hoxe non se ten a capacidade de mobilización social para iso, pero se se traballa neste sentido, isto si é verosímil a curto prazo e, sen dúbida, suporía unha dura afronta para a UE.

O entrevistado

Albert Noguera

Albert Noguera

Granollers, 1978. Profesor de Dereito Constitucional na Universitat de València. Xurista e politólogo pola UAB e doutor en Dereito pola Universidad de La Habana. Asesor nas asembleas constituíntes de Bolivia e Ecuador. Autor, entre outra obras, de Utopía y poder constituyente. Los ciudadanos ante los tres monismos del estado neoliberal (2012) e La igualdad ante el fin del Estado Social. Propuestas constitucionales para construir una nueva igualdad (2014). O seu último ensaio é El sujeto constituyente. Entre lo viejo y lo nuevo (Trotta, 2017).

Outras entrevistas

O entrevistado

Albert Noguera

Albert Noguera

Granollers, 1978. Profesor de Dereito Constitucional na Universitat de València. Xurista e politólogo pola UAB e doutor en Dereito pola Universidad de La Habana. Asesor nas asembleas constituíntes de Bolivia e Ecuador. Autor, entre outra obras, de Utopía y poder constituyente. Los ciudadanos ante los tres monismos del estado neoliberal (2012) e La igualdad ante el fin del Estado Social. Propuestas constitucionales para construir una nueva igualdad (2014). O seu último ensaio é El sujeto constituyente. Entre lo viejo y lo nuevo (Trotta, 2017).

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário