A lenta agonía da pesca de baixura no litoral norte de Arousa

Existe a convicción de que as distintas administracións non fan máis que colocar constantemente novas trabas para desenvolver a actividade pesqueira.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Gonzalo Trasbach | Texto e fotos | Boiro, 18 de xuño.  A agonía das artes menores da pesca tradicional é, nas nosas rías, un feito, aínda que de duración incerta. Dese estado medio comatoso no que se ven desenvolvendo a pesca de baixura non se libran os mariñeiros da marxe norte da ría de Arousa, onde recentemente temos falado con tres homes pertencentes a tres confrarías pequenas, pero moi representativas e mesmo simbólicas: A Pobra, Cabo de Cruz e Rianxo. A de Ribeira, a grande referencia neste beira, deixámola aparte, porque é diferente tanto no seu tamaño coma tamén na súa posición. Situada na bocana da ría, teñen alí base o maior número e as máis potentes embarcacións desta marxe do litoral. Neste sentido, chega con lembrar que é aí onde saen a faenar barcos que levan a bordo dende 2.000 até 3.000 nasas, por exemplo.

Se a cousa anda máis ou menos regular, e se existe en xeral a convicción de que as distintas administracións non fan máis que colocar constantemente novas trabas para desenvolver a actividade pesqueira, coa finalidade de, segundo constatan Hugo Triñanes (Cabo de Cruz), Alberto González (Escarabote) e José Luis Rodríguez, Carolo (Rianxo), liquidar a pesca de baixura ou de artes menores. Agora, semella que a UE pretende darlle a estocada definitiva a unha forma de vida que leva anos minguando, polo menos no relativo a que cada vez é menor o número de persoas que se gañan o sustento con certa dignidade nun medio tan tradicional como é o mar.

Cando o sector está metido no debate da falta de polbo nas rías, non só en Arousa, senón tamén nas de Noia e Muros e mesmo na Costa da Morte, e asemade a cuestión de se a veda debe ou non ser máis ampla no tempo, a UE pretende endurecer os controis sobre as embarcacións e tamén as sancións para os pescadores que infrinxan as vedas e os tamaños establecidos para as distintas artes. A veda do polbo entrou en acción cando caeu a folla de maio do calendario, pero volverá a levantarse en xullo, ao mesmo tempo que a da nécora e a do camarón.

A falta de materia prima marcou o peche da campaña do polbo, unha pésima noticia compensada co extraordinario prezo que chegou a acadar nas lonxas. Estivo bastante por enriba da centola, por exemplo. Neste senso, un mariñeiro mozo de Cabo de Cruz atracou no porto o pasado 18 de maio cun bo lote de centolas. Foi vendelo a Ribeira. Tres horas máis tarde volveu desolado sen vender a mercadoría: “Non pagan demasiado porque hai moita, pero é que ademais hoxe nin a querían”. Non sabía que ía facer co produto do seu traballo. Non o podía deixar colgado do barco no mar, porque llo podían roubar. Tampouco está permitido que vai polas portas a ofrecerlle o marisco aos veciños. “Vaia semana. Non fixen nin para gasolina”, lamentouse antes de marchar e pensar nunha solución.

Reportaxe sobre a pesca de baixura. Gonzalo Trasbach.
Hugo Triñanes, a esquera, e un mariñeiro na súa lancha en Cabo de Cruz.

Porén, ao día seguinte no mesmo porto, Hugo, que estaba limpando os seus aparellos para saír de noite á pesca da sardiña, comentou logo de escoitar o relato do que lle pasara ao seu compañeiro: “Vender por fóra non é legal, certo. Pero despois de traballar todo o día, que vas facer?”. El mesmo responde a súa pregunta: “Eu non son partidario de tirar coa pesca ao mar. Iso tamén me ten pasado co peixe. Hai quen o vende polas portas. Xa sei que non está ben. Se os collen, terán que pagar a multa, pero non son partidario de tirar o froito do noso traballo”.

Alberto González, con base no porto de Escarabote, pero afiliado á confraría da Pobra, anda ao chopo e non se queixa, pois “está acadando un bo prezo en lonxa”. Di que uns días máis e outros menos, vai zafando. Tamén comenta que xa viviu tempos moito peores cos de agora. Aínda que non faena o polbo, si pensa que a veda tería que ser moito máis longa no tempo. “Nun só mes é imposible que se recupere. Pois a falta de polbo é debida a que a arte está sobreexplotada”. No mesmo sentido téñense expresado voces dos mariñeiros de Muros e da Costa da Morte.

“Hai quen vende o peixe polas portas. Xa sei que non está ben. Se os collen, terán que pagar a multa, pero non son partidario de tirar o froito do noso traballo”.

Outra das cuestións que preocupa é a campaña da sardiña e da xouba, que arrancou ao principio de maio. Desta modalidade, Alberto non está moi o tanto, porque “nós non temos permex para ir ao xeito, nin ao bou de vara. Os que o teñen son os dos pósitos de Rianxo e Cambados”. Hugo Triñanes, aínda que atraca en Cabo, sae a pescar á sardiña, porque mercou o seu barco en Cambados cos permex correspondentes, e é onde oficialmente está inscrito. Cando falamos, comentaba que aínda non había moito peixe dentro da ría: “É pouca a que se pesca e tamén está baixa de prezo”, destaca mentres arranxa as redes para saír ao mar pola noite. Pero insiste que ás veces suplen a escaseza coa captura de bocareu: “Non se pode ir a este peixe, pero se nos entra, si o podemos meter a bordo. Aínda que non o pagan moi ben”, laiase.

Neste punto, o rianxero José Luis Rodríguez, Carolo, ten moi claro cal é o principal problema na campaña da sardiña: “Xa non se trata de que entre ou non o peixe na ría, que tamén, e nin sequera o de falar do prezo. O asunto decisivo agora mesmo é que non temos cota suficiente”. Isto quere dicir que para todos os barcos que faenan nas augas de Arousa “só temos 100 toneladas de capturas para toda a tempada. Cando nos queiramos dar conta, porque somos moitas embarcacións, xa teremos esgotada a cantidade de capturas concedida e logo deberemos atracar os barcos ou dedicarnos a outra actividade”.

Co rianxeiro coincide en parte o crucense Hugo Triñanes, que insiste nas continuas trabas que lles pon a burocracia oficial: “Tanto as diferentes administracións, como as mesmas lonxas”, sinala un Triñanes que no tocante á sardiña asegura que o máis importante é “o pouco volume que existe de captura, entre outros motivos, porque unha boa parte dela déronlla aos da rapeta, que antes non tiñan”. O mellor da tempada, seguramente chegará nesta semana de San Xoán, que é cando máis se demanda e cando acada un prezo máis alto.

Reportaxe sobre a pesca de baixura. Gonzalo Trasbach.
Barcos de faena en Cabo de Cruz.

Ademais Alberto González considera que existen normativas que favorecen a uns e prexudican a outros. Neste apartado, sinala que o feito de que os trasmallos llos dean a todos, xera unha masificación nunhas pesquerías e noutras non. El estima que sería moito máis xusto que cada mariñeiro traballara na arte que quixera, “iso si, sempre respectando as vedas e os tamaños das especies”. Todos falan doutros inimigos, o mal tempo aparte, coma o furtivismo e algo de pesca de recreo. En relación co primeiro aseguran que hai moitos que na campaña da xoubiña e da sardiña sacan as redes e as súas chalanas sen estar legais e logo venden o que collen. “Os vixiantes case sempre van enriba dos barcos despachados”, recorda Alberto.

O riaxeiro Carolo subliña que, aínda que se pode gañar a vida na ría, cada vez é máis complicado porque cada vez poñen máis obstáculos e normas, como na campaña actual, unha das máis duras dos últimos anos, segundo moitas voces. Neste punto lembrou o dato de que só os barcos de Rianxo e Cambados teñan o permex para o xeito e o bou de vara responde a unha medida que ten como finalidade acabar coa pesca de baixura. “A nós non nos afecta a veda do polbo, pero coincido en que a veda tiña que durar varios meses. Tampouco me vou centrar, se non hai outro remedio, na nécora nin no camarón. Só me dedico a esta pesquería cando chega a tempada de Nadal”, argumenta.

Tamén conta que o colectivo rianxeiro anda moi nervioso “porque facemos unha inversión moi cuantiosa nas redes, que son moi caras, e por enriba de que as perspectivas non parecen moi esperanzadoras, está o temor de que non nos deixen pescar”. Isto dicíao antes de que se publicasen as ameazadoras intencións da UE.

O regulamento de control que quere establecer vai facer sangue na pesca de baixura. Xa que os barcos de 10 metros de eslora sumaranse aos grandes buques á hora de rexistrar e notificar todas as súa capturas nos seus diarios. Ademais, independentemente do seu tamaño, Bruxelas pretende que todas as embarcacións dixitalicen toda a información sobre a súa actividade. Tamén quere que porten un sistema de rastrexo electrónico a bordo para trazar a súa ruta en todo momento. E quere acabar con os inspectores a bordo, e substituílos por cámaras.

“Facemos unha inversión moi cuantiosa nas redes, que son moi caras, e por enriba de que as perspectivas non parecen moi esperanzadoras, está o temor de que non nos deixen pescar”

Hugo, Alberto e José Luis tamén falan do marisqueo a flote, unha actividade na que os afiliados a Confraría de Cabo de Cruz son os que se atopan na mellor situación, porque as concesións son realmente produtivas, mentres que non é tan doada na Pobra, onde moita xente abandonou a actividade porque agora hai zonas que xa non xeran tanta ameixa nin tanto berberecho como anos atrás. En Rianxo, o sector deféndese ben mentres a veda está aberta, de outubro a marzo, “pero logo pásano mal, porque nas áreas de libre marisqueo, segundo din, están case peladas”, subliña Rodríguez. Unha vantaxe que teñen os mariscadores é que apenas fan inversión: “Un raño costa pouco e, senón cho rouba, dura moitos anos. As redes a nós cústannos de 800 a 2.000 euros e as nasas tamén son caras”, conta Alberto, que lembra que ir ao raño é ademais un traballo limpo e require menos dedicación: “Eles non teñen que arranxar as redes, nin que vir limpalas, como nos pasa a nó”.

Na área de Barbanza, onde o marisqueo máis produce é, sen dúbida, na ría de Noia. Alí, ademais de contar co berberecho máis apreciado do mercado, nos últimos tempos se ten posto en marcha un mercado de compra venda e alugamento de embarcacións para traballar durante a campaña, desde os mes de outubro ata marzo.

Deixe um comentário

Deixe um comentário