A negación da negación

Cheikh Fayé

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Todos os heroes son controvertidos. Todos os grandes homes proxectan unha luz tan intensa que non deixa apreciar as sombras. Pero o importante é a luz, porque como di Ngũgĩ wa Thiong’o de Mandela, eles reflicten a mesma luz do pobo. Aimé Césaire viviu 95 anos e foi un faro instalado na Martinica, unha das pequenas illas no este do Caribe que se enrosca sobre a capital, Fort-de-France, dando as costas a África desde onde chegaran os escravos. Aimé Césaire foi alcalde de Fort-de-France desde finais da II Guerra Mundial até o ano 2001. A Segunda Guerra Mundial é un fito importante na historia das loitas anticoloniais, porque as colonias reclamaron con toda razón a súa propia liberación despois da derrota dos nazis.

Aimé Césaire non figura nesta galería de homes xustos, e non é (propiamente dito) un dos leóns africanos, por ter liderado a liberación da Martinica, que nunca se produciu. Aimé foi até final dos seus días un político hábil, consciente da fraxilidade dun territorio condenado a vivir baixo a tutela dunha potencia. E pode que pensara que, dada a situación, mellor Francia. Césaire mesmo foi quen de manexar os tempos da autonomía. Comunista e máis tarde, socialista, sempre estivo pendente dos cambios en París; e se contra o final da súa vida política foi quen de negarlle unha cita a un ministro de Interior chamado Nicolas Sarkozy, antes fora quen de manterse do lado de Mitterrand cando toda a illa apoiaba á dereita temendo que cos socialistas en París chegase, ao fin, a liberación e se pechara a billa das axudas. Martinica segue sendo (administrativamente) parte de Francia e Césaire case nunca estivo na práctica política á altura que alcanzaron os seus panfletos. O discurso anticolonial máis radical que se teña escrito veu da man dun home que se mantivo sempre dentro das institucións francesas. Pode que por iso vivira 95 anos, moitos máis que calquera outro dos heroes desta galería.

Pero Césaire deixounos algunhas leccións imprescindíbeis. O que nos ensinou foi:

1. Que os negros temos unha cultura negra.

2. Que esa cultura non é inferior a ningunha outra.

3. Que é unha arma de defensa contra a dominación branca.

4. Que temos que coidala.

5. Que desde ese lugar podemos dialogar con calquera outra cultura.

Aimé Césaire tivo un avó mestre, un pai funcionario, foi estudante de Letras en Francia, alí coñeceu e fíxose amigo de Léopold Sédar Senghor, foi un dos fundadores do movemento da negritude, regresou á Martinica, foi profesor, deputado na Asemblea Francesa e alcalde. Durante todo ese tempo foi unha referencia para a cultura negra en todo o planeta. En 1966, en plena efervescencia do panafricanismo, foi un dos organizadores do Festival Mundial das Artes Negras en Dakar (Senegal).

Segundo Sédar Senghor, a negritude é o conxunto de valores culturais da África negra. Un feito, unha cultura. Césaire converte o termo na “negación da negación do home negro2. É dicir, un rexeitamento. “O rexeitamento á asimilación cultural, ao estereotipo do negro pacífico e incapaz”. E desde esa actitude elabora un balance da colonización. A colonización trouxo máis mal que ben, di; e di tamén que non foi unha empresa evanxelizadora, nin rematou co analfabetismo, nin coas enfermidades, ni construíu estradas nin camiños de ferro, non fixo aos negros nin máis ricos nin máis libres. O balance é deshumanización, que se concreta na cousificación do home negro polo home branco. Césaire di que os negros se sublevan contra a idea dunha raza superior que ten dereito de dominar ás outras, que foi o mesmo que fixo Europa diante do nazismo… Pero en Europa, conclúe, é unha civilización decadente, e iso sucede cando unha civilización xa non sabe resolver os seus problemas. Europa, lembra o intelectual, e África entraron en contacto no peor momento da historia, no momento en que o imperialismo domina Europa e quere someter e explotar e espoliar o resto do mundo.

A cultura dános unha identidade. Ensínanos o que somos e que lugar ocupamos no mundo. A cultura indícanos como conducirmos e que facer. Por iso o colonizador destrúe a cultura. A cultura é unha arma contra a colonización.

Aimé Césaire encabezou unha revolución cultural nos anos que África nacía politicamente ao mundo. Toda unha xeración de leóns africanos que nacía. O orgullo de sermos negros. Irmáns. Comprometidos desde nós coa humanidade.

Aimé Césaire fixo unha proclama revolucionaria que chamaba a negritude a pórse en pé. Ensinounos de vez quen é o home branco e que podemos esperar del: a negación do home negro. Hoxe, igual que fai cincuenta anos. Miren ao seu redor.

Coruña, 28 de xaneiro.

Cheikh Fayé

Cheikh Fayé

Gade Escale (Senegal), 1962. Inmigrante. Vive na Coruña desde 2003. Comezou a escribir o blogue Senegaliza hai tres anos, e en 2017 publicou Ser Modou Modou (AS-PG, 2017), con textos dese blogue. Mantén unha colaboración periódica en Sermos Galiza e eventuais noutros medios dixitais.

Senegaliza

Deixe um comentário

Deixe um comentário