A orixe como consenso pero o horizonte, múltiple

Rebeca Baceiredo

“Aconteceulles o que sempre lles acontece ao pensamento vitorioso, que, a penas sae voluntariamente do seu elemento crítico para converterse en instrumento ao servizo dunha realidade, contribúe sen querer a transformar o positivo en algo negativo e funesto.”
Horkheimer e Adorno

O tsunami, esa metáfora que nos encanta usar para os movementos sociais, comezou en Hollywood. Coa viralidade do #metoo, a resistencia feminista chegaba aos medios de xeneralistas, ocupaba a axenda main-stream. Mais, se no centro do liberalismo ese proceso xa comezara no 2005, sen tanta axitación, descubrindo os casos individuais de acoso dentro da industria cultural hexemónica, por aquí ían establecéndose fortes respostas estruturais, moitas veces inaudibles na prensa, tralas ofensivas conservadoras que, tamén a nivel de xénero, se intentaron asentar coa crise: a tentativa de lei sobre a interrupción do embarazo, a insistencia na redistribución tradicional de roles de xénero, a regresión en seguridade, igualdade e liberdade civil das identidades subalternas, etcétera.

Ao igual que os recursos teóricos e prácticos da esquerda, que se actualizaron e sofisticaron para enfrontarse ao simulacro do fin da historia e da sociedade sen clases, a resistencia feminista tivo que pórse rapidamente alerta para evitar perder o espazo conquistado durante o século XX. Cunha capacidade epistemolóxica e performática a ter en conta, pois ben se combinan a teoría académica e a lúdica práctica artística neste ámbito, por moito que digan, o feminismo non só marcou as liñas vermellas de maneira clara e eficaz senón que estableceu horizontes cara os que seguir camiñando. Sen simplificar o discurso, fixo verdadeiros esforzos didácticos para achegar á poboación non só o problema, senón as súas causas e manifestacións, así como a pluralidade de respostas e posturas.

“O feminismo non só marcou as liñas vermellas de maneira clara e eficaz senón que estableceu horizontes cara os que seguir camiñando. Sen simplificar o discurso, fixo verdadeiros esforzos didácticos para achegar á poboación non só o problema, senón as súas causas e manifestacións, así como a pluralidade de respostas e posturas.”

Mais todo comezou en Hollywood co #metoo, porque a sociedade da sobre- ou des- información segue a ser, como evidente nos resulta, unha sociedade de masas. Por unha banda, non é estraño que a industria cultural abrace o discurso liberal: a ‘arte’ consegue con ela a liberdade de non morrer de fame, lembran Horkheimer e Adorno, ao fomentar a capacitación dos talentosos, tan rendibles. Por outra, esa rama liberal que nos permite a posibilidade de abrazar a liña máis progresista do sistema, convive en conivencia co brazo máis conservador, proporcionando unha dobre captura (double bind) e unha consecuente tensión semiótica que alimenta os motores económicos.

Non obstante, tal sistema económico parece, en principio, seguir enarborando, mesmo acentuando, o pacto social da unidade e da homoxeneidade, o contrato social do consenso. Precisamente iso foi o que se conseguiu o 8M a pesar das insistentes atribucións do movemento ás zonas alleas a ese espazo cívico común: ata o día anterior a folga era antisistema, pois cuestionaba os modos e as relacións de produción, como, por outro lado, non pode ser doutra maneira. Pero esa terminoloxía, que é epistemoloxía marxista, é máis que sospeitosa para os voceiros oficiais. Nada de analizar clases, estruturas e nada de cuestionar patróns produtivos. O que si podemos ofrecer, parecían dicirnos, é a igualdade dos individuos en tanto que unidades produtivas, en tanto que homos economicus. Podemos atopar un oco aí para vós, mulleres, identidades definidas, semellan anunciar.

“Precisamente iso foi o que se conseguiu o 8M a pesar das insistentes atribucións do movemento ás zonas alleas a ese espazo cívico común: ata o día anterior a folga era antisistema, pois cuestionaba os modos e as relacións de produción, como, por outro lado, non pode ser doutra maneira.”

Un exemplo concreto desta dialéctica observouse cando Carmena apostou, nun debate da televisión, por un feminismo transversal que atravese e supere os programas dos partidos políticos, en clara referencia á intervención de Arrimadas, que se limitaba a defender o espazo para a igualdade dentro do liberalismo que di asegurar o seu partido. Moi probablemente Carmena tivera en mente a necesidade de presentar, na lóxica imposta do consenso, unha zona irrefutable de homoxeneidade nas demandas sociais de igualdade, pois só así van ser tidas en conta como revisión do pacto social. Isto é, preséntase un movemento que entra no patrón de consenso que o statu quo propón. Máis alá das diverxencias ideolóxicas e de clase logrouse desenvolver un espazo de acordo, con principios unánimes, capaz de transferir a forza obtida na convocatoria da folga.

Ora ben, acontecido isto, haberá que ter tino das capturas: a maior parte dos feminismos apostan pola disensión e desenvolven o non tan novo paradigma da diferenza, de maneira que, unha vez dentro da axenda política oficial, non debera esquecerse tal multiplicidade. Por outro lado, haberá que ter presente que un importante número das persoas adheridas ao proceso non se realizou dende o coñecemento sobre o tema, senón dende as paixóns e opinións. Isto pode estar ben para conseguir un trunfo a curto prazo mais, se non se traballa na consistencia de tales adhesións, é posible que muden de dirección cos ventos. As emocións non son moi consistentes, para a maior parte da humanidade. Ser conducidos pola psicoloxía de masas nunca nos levou a bo porto…

“…haberá que ter tino das capturas: a maior parte dos feminismos apostan pola disensión e desenvolven o non tan novo paradigma da diferenza, de maneira que, unha vez dentro da axenda política oficial, non debera esquecerse tal multiplicidade.”

Quizais é bo que nos coidemos da ignorancia, de converter as demandas sociais en doutrinas morais, da banalización do ‘todo vale’. Quizais sería bo evitar limitarse a repetir as formas de resistencia e denuncia liberais, que insisten nas mesmas visibilizacións e nos mesmos veos.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email
Rebeca Baceiredo

Rebeca Baceiredo

Ourense, 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación e doutora en Filosofía e con estudios en arte contemporánea. Escribe sobre sistemas de representación e réximes de poder. Os ensaios filosóficos xiran, esencialmente, en torno aos modos de subxectivación e a obra máis literaria aposta pola deconstrución do suxeito-autor.