A penúltima encrucillada de Internet

Dossier | Rede e control (1)

Espertamos do soño da liberación pola tecnoloxía e caemos en brazos da “tecnofobia”. As preguntas, hoxe, son outras: que agocha a apracíbel cotiandade?, que monstros medran na frustración?

Coletivo Amanhecer | Galiza, xuño 2020.  Internet, a ágora dixital democrática dos oitenta, aparece tres décadas despois como o inimigo que coñece o sistema, que é o sistema, ferramenta chave do control social e espazo para os negocios da atención que expulsa a democracia. Así pensan os novos apocalípticos. Enfrontados a unha corte de integrados -os mellores cerebros das últimas xeracións traballan para esas corporacións que capitalizan a Rede-, pero tamén a unha guerrilla de excluídos que aínda quere pelexar coas armas do poder.

Internet é hoxe “desorde e desinformación”, como di o antropólogo brasileiro Rafael Evangelista; unha (falsa?) esfera pública que era unha trampa para a colonización, onde a base do negocio é a mala información.

“Internet é unha ferramenta moi poderosa e produciu un cambio radical na civilización que xa non ten volta atrás. Vexo o copo medio baleiro porque o que se nos prometía quedou deturpado polo camiño. Non digo que non haxa espazo para esa outra Internet de cultura libre, pero somos minoría… todo o espazo foi ocupado polas grandes corporacións”, constata Bárbara Román, avogada de NoLegalTech, unha firma con despachos en Vigo e Compostela. Ela conta unha anécdota significativa. “Hai pouco fixen unha enquisa entre os meus alumnos de mestrado de avogacía na Universidade de Santiago de Compostela. Cando lles preguntei: ‘Que é Internet para vós?’ As respostas, todas, foron: ‘Google”.

“Temos certa tendencia a botarlle a culpa a Internet de derivas sociais que nos resultan incómodas. É máis fácil dicir que Trump ou o Brexit manipularon a poboación que aceptar que hai unha parte da poboación que vota con odio”, di Gemma Galdón, consultora no ámbito dixital e analista de políticas públicas, afincada desde hai dous anos na Coruña.

“A esquerda comprou ese discurso de que a xente votou Trump ou votou Bretxit porque estaban manipulados. Pero a principal razón de que medre o fascismo é que hai moita xente que é fascista”, coincide Sergio Salgado, membro de Xnet, desde Barcelona. O colectivo leva once anos na guerrilla. Primeiro, contra os monopolios do copyright, despois no 15M e, agora, coa intención de “poñer ao día a democracia do século XXI a través da Rede”. Hai certa “tecnofobia” en parte da esquerda, sinala Salgado.

“Temos certa tendencia a botarlle a culpa a Internet de derivas sociais que nos resultan incómodas. É máis fácil dicir que Trump ou o Brexit manipularon a poboación que aceptar que hai unha parte da poboación que vota con odio”, di Gemma Galdón.

Román, Galdón e Salgado definen os límites do debate. O copo medio baleiro, ou medio cheo. Cando falan da arquitectura da Rede, admiten que a promesa da neutralidade segue viva, aínda que a igualdade no acceso está moi lonxe de cumprirse. Mais o uso das infraestruturas inclina a balanza cara o negocio e a vixilancia en favor das empresas e os Estados, cos seus intermediarios políticos e medios de comunicación

O libro da xornalista Marta Peirano, El enemigo conoce el sistema, converteuse desde o ano pasado na proba de cargo definitiva contra a Rede. Peirano empeza e remata o seu ensaio cunha afirmación concluínte: “as ferramentas do poder nunca serven para desmantelar o poder”.

“Non podo estar máis en desacordo con esa frase”, protesta Sergio Salgado. “A guerrilla, de sempre, consistiu en coller as armas do inimigo. A tensión entre centralización e descentralización é un movemento pendular. En 1997, cando a burbulla das punto com, Douglas Roscoe dixo aquilo de perdemos para sempre… A burbulla estoupou e deixou todo convertido nun vertedoiro baixo o monopolio de Internet Explorer. Pero no 2001 apareceu Firefox, despois veu a blogosfera, que foi unha especie de Big Bang avanzando o que hoxe se fai en Instagram ou Twitter, e xurdiu a Wikipedia… Daquela, moita xente da miña xeración abandonamos outras militancias e abrazamos esta nova cultura política. Agora o momento é parecido, están xurdindo cousas que nós farán a vida mellor, non só para sermos máis soberanos e autónomos, senón para gozar de mellores servizos que os que ofrece Google”.

Santiago Saavedra empezou a desenvolver IUVIA en 2016 buscando “servizos alternativos de software libre para fuxir das grandes plataformas e reunilos nun sistema operativo coherente e útil para poder sacalo ao mercado”. Detrás de IUVIA, di, está a idea dunha internet “descentralizada” fronte ao monopolio das corporacións actuais que colocan o usuario como simple consumidor “que descarga contidos”. Mais tamén teñen o compromiso de garantir a privacidade dos datos dos usuarios e non comerciar con eles.

“A burbulla estoupou e deixou todo convertido nun vertedoiro baixo o monopolio de Internet Explorer. Pero no 2001 apareceu Firefox, despois veu a blogosfera, que foi unha especie de Big Bang avanzando o que hoxe se fai en Instagram ou Twitter, e xurdiu a Wikipedia… Daquela, moita xente da miña xeración abandonamos outras militancias e abrazamos esta nova cultura política”, lembra Sergio Salgado.

“Esta preocupación pola privacidade que empezamos a ter todos fixo que recuperemos a conciencia de principios de século en canto ao poder que teñen as grandes compañías para limitar o que podemos coñecer de Internet”, explica Saavedra. O monopolio ten fendas, mesmo porque as propias corporacións mostran certa preocupación polos contidos que están axudando a difundir: “Twitter facendo fact checking a Trump”, apunta Saavedra.

Porén, avisa, o principal obstáculo “para saír da burbulla na que nos teñen atrapados” está na comodidade. “Vivir aí dentro, onde as túas opinións son constantemente reforzadas é cómodo; se saes, toparas xente que non opina coma ti. Acaba sendo máis cómodo aceptar noticias falsas que aceptar que che poidan quitar a razón”.

Problemas para a democracia

“Non creo que se lle deba cargar a Internet con toda a responsabilidade. Internet é democratizadora na medida en que o é o espazo público, todo o espazo público, en cada momento”, intervén Galdón. “Internet non é unha ameza para a democracia: a democracia baséase no conflito, é un sistema para xestionar o conflito de forma pacífica. A ameaza non está na ferramenta, está na correlación de forzas actuais”, subliña Galdón. “Que pasará se o próximo virus é un virus informático e quedamos sen Internet? Pois que haberá que activar ese outros espazos de democracia, non?”

Bárbara Román, que confesa que comparte a visión de Peirano, considera tamén que é preciso aproveitar esa crecente conciencia de asalto á privacidade para fomentar mecanismos de auto-defensa individuais e colectivos. “Quen se queira defender vai atopar ferramentas nas que apoiarse; pero é certo que precisamos organizacións colectivas, como o Partido Pirata alemán, por exemplo, que actúa diante das institucións”.

“A calidade da democracia depende da nosa capacidade, como sociedade, de estar informados”, sinala Santiago Saavedra, co pano de fondo das reflexións do relator de Nacións Unidas sobre liberdade de opinión e expresión, David Kaye: “En determinadas circunstancias, a información salva vidas. En cambio, as mentiras e a propaganda privan aos individuos de autonomía, a capacidade de pensar criticamente, a confianza en si mesmos e nas fontes de información, e o dereito a participar no tipo de debate que mellora as condicións sociais”.

De súpeto, as guerras fanse con memes. “As teorías da conspiración pasaron a ser o marco propagandístico e os memes son a unidade propagandística básica. Desde hai cinco ou seis anos a dereita “memeou” mellor; e a esquerda sobre-reaccionou…. Non lle deas de comer o troll! Pero cebárono até convertelo en presidente dos EUA e do Brasil. Temos que cambiar de estratexia, se non, darémoslles o control da axenda, toda a atención. E esa pode ser a forma que vai adoptar o fascismo”, conclúe Salgado.

 

A imaxe da cabeceira, de Alex Rozados, é a imaxe da capa do Novas da Galiza do mes de xuño.

Esta serie é froito dunha colaboración entre Novas da Galiza e o Coletivo Amanhecer (adiante.gal & Galiza livre).

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

Colectivo Amanhecer / Dossiers

Unha plataforma de Galiza livre e adiante.gal aberta a medios e xornalistas que difunde contidos en colaboración este mes co Novas da Galiza.

Umha crise, muitas crises

Deixe um comentário

Deixe um comentário