"A pregunta non é polas causas das migracións, senón como parar as guerras"

Na mesquita

TEIMA | Os muros migratorios - Capítulo 4

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | Coruña, 12 de xullo.  “O que hai que lembrar, aínda que sexa algo obvio, pero que moitas veces esquecemos, é que o noventa por cento dos migrantes non queren abandonar as súas casas nin os seu países. Eles están teñen os seus estudos, os seus traballos e están preparados para vivir alí. Cal é a orixe de todas estas migracións? Non sexamos hipócritas nin tratemos de enganarnos a nós mesmos. Mentres Rusia celebraba o Mundial de Fútbol e recibía con alegría ás diferentes nacións, os seus avións bombardeaban Siria. Hai centos de miles de persoas cada día cruzando as fronteiras. O xadrez internacional entre as potencias grandes e as potencias locais está provocando mortes e éxodos en todas partes. Se rematamos coas guerras, rematamos con todo iso. Mentres, podemos seguir chorando polos nenos que vemos morrer no Mediterráneo e seguir ignorando os centos que morren todos os días nas guerras no mundo. Por que o mundo enteiro non para isto?”.

Mustafá Alhendi é o presidente da Unión de Comunidades Islámicas de Galiza. Reúne a un grupo de fieis despois do rezo un martes na mesquita da Coruña, un baixo nun edificio de vivendas que ocupa tamén a entreplanta onde sentan descalzos media ducia de homes: Sadek, Dame Ndiaye, Mohamed Charha, Ayham Alshweki, Ass Fediore, Mohamed Habib… alxerianos, senegaleses, marroquís, sirios… na xunta directiva da mesquita hai até oito nacionalidades. “Pero a maioría somos españois, levamos moitos anos aquí e miramos o mundo desde aquí”, apunta Mustafá, que cede a palabra a Ayham.

“Séguese insistindo en que a maioría dos migrantes chegan aquí por causas económicas”, di Ayham, “pero pensemos que hai dez anos existían estas mesmas causas económicas en Siria, en Libia, en Iemen, en Iraq, en todos os países e a xente non intentaba fuxir. A causa máis importante das migracións desde os países árabes e musulmáns son as guerras. E é lóxico que veñan a Europa, porque as fronteiras son con Europa. Quen ten interese nas guerras? Os que venden as armas. E quen vende? Todos sabemos que Estados o fan… mentres o negocio vaia ben, pouco lles importa que aparezan dez mil refuxiados en España ou cincuenta mil en Alemaña, que morran mil ou dez mil persoas en Siria… Facer a pregunta sobre cal é a causa é como pechar os ollos. A verdade é clara. Podemos falar, si; pero falar e falar e falar non vai rematar coas guerras. A pregunta non é polas causas das migracións, senón como parar as guerras”.

A mesquita da Coruña inaugurouse no 2007. É un centro relixioso, e tamén cultural e social, polo que a diario pasan un cento de persoas. Os venres, para o rezo semanal, chegan mesmo ás catrocentas. As procedencias dos fieis son diversas, desde bosníacos a indios, desde norteafricanos a latinoamericanos. “Cando fomos inscribir a mesquita no rexistro dixéronnos que parecía unha pequena ONU”, sorrí Mustafá, que é sirio. A mesquita sostense coas achegas dos fieis.

“O mundo está separado”, pensa Ayham. “Hai douscentos, trescentos, mil anos, había guerras e había xente que fuxía. E a esa xente que fuxía non lle chamaban refuxiados, non lle pechaban as fronteiras… E hoxe, neste mundo que se di globalizado, o que hai é separación. Dis que es español, pero estás esquecendo que antes diso es humano”.

Respecto

Europa ten dous problemas, di Mustafá. “Un é a xente que está dentro; o outro, a xente que quere entrar”. El pensa que a emigración pode ser resultado dunha elección voluntaria, pero cre que o que sucede hoxe en día é “que se está obrigando ás poboacións a emigrar e deixar, forzosamente, as súas terras e pertenzas”. E reflexiona: “Se os gobernos de Europa queren ser humanitarios, que se preparen, que atendan á xente que xa está dentro e que coñezan as necesidades vitais da que está por chegar. Porque seguirán chegando e cada vez máis. E non basta con darlle unha botella de auga e unha chaqueta. Toda esa xente precisa máis. Os inmigrantes non traen nada consigo, pero o que si traen é a súa cultura, os costumes, a relixión”.

inmigrantes, migracións, islam, Alhendi, Siria
Ayham Alshweki, sirio, xunto a outros dous membros da xunta directiva.

Na mesquita os homes máis vellos asenten. Mustafá, nos sesenta, deixou Siria hai décadas. Asenten, pero non falan. As voces de Mustafá e Ayham, o máis novo, case un mozo, tamén sirio, son voces que se escoitan dentro da comunidade.

“Eu, cando cheguei aquí, entre os sirios, os xordanos, creamos unha comunidade grande”, lembra Mustafá. “Pero, é certo, hoxe as comunidades dos inmigrantes son débiles. Por que? Porque non puideron conservar as súas costumes. Como vas conservar as túas costumes se nin sequera no ensino son capaces de compensar a perda dos valores de aquí? Na escola pública todo é estudar e estudar. En Senegal ou en Ghana, malia a pobreza, consérvase un respecto cara os maiores. Un pai só precisa mirar a un fillo para que este saiba como ten que comportarse. Aquí iso perdeuse. Perdeuno mesmo a xente de aquí. Que sucede? Que o inmigrante, ou se integra na sociedade que hai, que non axuda a manter certos valores, ou se volve máis conservador e péchase na casa”.

Seguen sen cemiterio. “Que integración se quere se nin sequera podemos enterrar aquí aos nosos mortos?”.

O mes pasado morreu unha crianza de 4 meses aquí na Coruña, e meses antes falecera outro mozo senegalés. No país non hai un cemiterio musulmán. O máis próximo está en Madrid. Enterrar alí ao bebé custaba 7.000 euros. Saíu máis barato repatrialo. A comunidade sostense arredor da mesquita. “Ningunha ONG preguntou se podía botar unha man”, conta Mustafá. Os gastos asumíronos entre os fieis. Desde 1992 o Estado mantén uns acordos de colaboración coa comunidade islámica. “En novembro estiven convidado no Congreso para a celebración do 25º aniversario deses acordos, e díxenlle a Ana Pastor, como galega que é, que aquí aínda non tiñamos un cemiterio musulmán. Díxoo que o miraría. Estou agardando”, laiase Mustafá. “Cos gobernos municipais da Coruña e de Vigo pasa o mesmo, din que si, que atenderán a demanda, e despois nada… Fomos ao Parlamento galego este ano e case todas as forzas, a dereita e a esquerda, se comprometeron. O resultado? Ningún. Polo que máis nos preguntaron todos foi pola cifra de musulmáns que hai no país. E eu dicíalles: ‘non queredes saber a cifra de mortos musulmáns que hai en Galiza?”. Aqueles acordos do 92, recoñecen certos dereitos á comunidade islámica, por exemplo, a participar do ensino público. “Pero non se cumpriron, salvo en Estremadura que eu saiba, non hai profesores no ensino público para a ensinanza relixiosa”. Este ano, a comunidade islámica galega tamén foi recibida pola FEGAMP. Seguen sen cemiterio. “Que integración se quere se nin sequera podemos enterrar aquí aos nosos mortos?”.

Integración

“Na miña primeira viaxe, nos anos setenta, coincidín no tren cun matrimonio que viña de Suíza, emigrantes galegos. Faláronme moito da dura realidade da vida dos emigrantes. Parece que as novas xeracións, aquí, no Estado e en Europa, esqueceron a súa propia historia. Se non, non se comprende que un ministro italiano poida dicir iso de ‘mandámosvos para España esta carne humana’. É a medida do valor dos políticos de hoxe… por iso os extremismos, a xenofobia”, di Mustafá. E subliña, Galiza, país de emigrantes. Aquí el, cando inmigrante, non sentiu “rexeitamento social”. Sentiu “desconfianza”. Había medo. Hoxe, mellorou o coñecemento, asegura.

“Cantas veces ten dito o imán nos sermóns dos venres: ‘trata ao teu veciño como se fora teu irmán”, intervén Ayham. “Na mesquita esforzámonos en asumir e facer de parapeto a todos eses ataques inxustificados conta o Islam, contra as nosas crenzas e os nosos fieis”.

“Non teríamos que defendernos de nada, as nosas ideas e ensinanzas están claras”, di Mustafá. “Pero non saen nos medios de comunicación nin se ensinan nas escolas. Integración? Si, con coñecemento”.

Sadek, Mustafá e Dame, na mesquita.
Mustafá Alhendi (centro) é o presidente da Unión de Comunidades Islámicas de Galiza.

Valados

Os valados e os muros son un “dereito legal” de cada estado a conservar as súas fronteiras, di Mustafá que adianta a súa postura na cadeira. “Os Estados teñen dereito a protexerse, pero ao mesmo tempo, deberían deixar unha porta para a xente honrada, que poida entrar e saír”. A xente salta os valados e os muros, explica Mustafá, porque está “desesperada”: ditaduras, pobreza, guerra… “a xuventude sentada nas rúas sen emprego e as multinacionais collendo o oro e a pesca, porque hai convenios internacionais que din que o peixe é seu”.

Vivimos entre outros valados que son os prexuízos, avisa Ayham. Prexuízos como que o Islam non é compatíbel coa democracia ou que consinte a desigualdade social. “Temos unha historia de 1.500 anos. Entre as ensinanzas están formas de elixir o goberno ou preceptos como o de doar parte das riquezas aos que non teñen… pero iso non se coñece. En Occidente coñécese a Gandhi e a Mandela, por exemplo, pero coñécese pouco da ensinanzas da nosa relixión. O Islam foi a primeira relixión que dixo: ‘Todos sodes iguais’. Niso cremos”.

“Un árabe achegouse ao Profeta é preguntoulle: ‘Despois de a Deus, a quen podo adorar no mundo?’. E o Profeta respondeulle: ‘A túa nai’. Repetiu a pregunta dúas veces máis, e a resposta foi a mesma”, explica Mustafá. “O machismo non se pode achacar á relixión”.

“Un mundo sen fronteiras sería perfecto”, di Ayham. “Cando eu era neno había guerra en Iraq e chegaron moitos refuxiados. O problema non é abrir ou pechar as fronteiras. O problema é facer bos filtros. O noventa por cento da xente que foxe necesita un lugar no que estar. Non viñeron nin para roubar nin para facer mal. Como dixo o doutor, o que se precisan son portas nas fronteiras”.

“O que pasa nas fronteiras, o que pasa cos refuxiados e cos inmigrantes que están dentro non pode depender do que pense o partido no goberno ou do momento da disputa entre partidos. Un Estado ten que ter a súa política de Estado”, resume Mustafá. O resto dos homes, parte da xunta directiva da mesquita, fieis ao rezo diario, asenten con calma. A mesquita é un lugar calmo. O balbordo está fóra.

Deixe um comentário

Deixe um comentário