A primeira viaxe

"A Paga", capítulo 18

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Cada día, exactamente ás 08:15, pasaba por diante daquela parada de bus. Alí había só tres persoas, as mesmas de sempre, as mesmas tres persoas que cada xornada agardaban pacientemente a chegada do vehículo soportando o frío do inverno ou intentando refuxiarse da choiva entre as febles paredes de cristal da marquesiña. El saudábaos, coma de costume, e continuaba o seu camiño. Iniciara o seu traxecto cinco minutos antes e aínda lle quedaba máis de media hora por diante; era o que lle levaba chegar á escola.

De entre todo os rapaces da clase el era o único que ía a pé, os demais ían en autobús ou nos coches dos seus pais. El non podía facer nin unha cousa nin a outra: os seus pais non tiñan coche con que levalo, e pagar dúas viaxes en autocar cada día era algo que non se podían permitir.

O bus sempre chegaba pouco despois do seu paso pola parada. Os viaxeiros subían, pagaban a pasaxe e refuxiábanse do tempo nos seus asentos. Para a maioría deles o rapaz pasaría completamente desapercibido, sería soamente outra sombra na rúa, se non fose polo condutor e mailo seu acostumado “Aí vai o negro”, que dicía cada día ao adiantalo.

É difícil saber que pasaba pola cabeza dos viaxeiros ao escoitar estas palabras. Algúns veríano coma un simple comentario sen malicia, outros veríano coma un desprezable xesto racista. Sexa como fose, ninguén dicía nunca nada, o único que se escoitaba era o eco das verbas do condutor.

Por aquela época estaban a suceder moitos cambios, cambios políticos e sociais que, sen ser el consciente diso naquel momento, acabarían por mudar completamente a rutina diaria do rapaz.

Un día, ao chegar á parada, saudou ás persoas que alí se atopaban, coma sempre, pero a diferenza do acostumado non continuou o seu camiño. Cando o bus chegou, estaban agardándoo catro persoas: as tres de sempre e mailo rapaz que nunca se detiña naquel lugar.

Agardou a que se abrise a porta, dándolle voltas no peto ás moedas que lle deran os seus pais para pagar a viaxe. El foi o último en subir, despois de atravesar as pozas que deixara a choiva na obra que estaban a facer xusto diante da parada.

Cando subiu as escaleiras e se detivo diante do condutor para pagar a pasaxe, este mirouno aos pés e díxolle:

-Non podes entrar. Vas manchar todo o bus.

O rapaz mirou ás súas botas, cubertas pola lama da obra, e volveu mirar ao condutor sen moverse, sen saber que dicir.

-Tes que baixar. Entendes? -continuou o condutor- Ou é que non sabes falar o meu idioma?

Ante a inacción do rapaz, o condutor levantouse do seu asento e púxose a abrir a pequena porta que os separaba cando foi interrompido por un dos viaxeiros que acababan de entrar.

-E por que non vai poder subir ao autobús? -dixo o home- Só é un pouco de terra, o pobre non vai quedar fóra co frío que vai hoxe.

-Pero é que o que vai ter que limpar iso despois son eu, non el. Entendes?

-Si, creo que si, creo que o entendo perfectamente. Entón poderíasme explicar por que a min non me mandaches baixar tamén?-dixo o home sinalando os seus zapatos, igual de sucios que os do rapaz.

O condutor mirou ao calzado do home. Non se sabe que é o que lle ía contestar, non lle deu tempo a facelo, o home continuou falando antes de que o chofer puidese pronunciar unha soa palabra.

-E por que tampouco mandaches baixar á metade dos que están aquí e teñen os zapatos igual de sucios ca el?

O condutor non dixo nada, limitouse a lanzar unha mirada desafiante aos ollos daquel home.

-Este neno queda no autobús. E se queres que baixe, intenta baixarme a min tamén, a ver se te atreves.

Sen dicir unha palabra máis, o condutor volveu ao seu asento, cobroulle ao rapaz, e arrincou. Dez minutos despois, na parada do colexio, o rapaz camiñou cara a saída. Cando estaba a piques de baixar, o home que o defendera díxolle:

-Neno, vémonos mañá. E non te preocupes, estou seguro de que non vas volver ter problema ningún con este condutor.

O autor

Álex Pernas

Álex Pernas

A Coruña, 1986. Enxeñeiro de software, músico, poeta e activista polos dereitos dos animais. Autor da novela Xarfas.

A paga

Deixe um comentário

Deixe um comentário