A simboloxía franquista segue viva tras os muros de Defensa

Presas e presos de Ferrol denuncian nunha carta á ministra Margarita Robles o amparo que o seu departamento dá a elementos de exaltación da ditadura.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google+
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email
Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Redacción adiante | A Coruña | 18 de decembro de 2020.  “En democracia no se homenajea ni a dictadores, ni a tiranos”, dixo Adrana Lastra, unha das líderes estatais do PSOE. Mais das palabras aos feitos aínda media un amplo catálogo de simboloxía franquista e fascista espallada por todo o territorio e, boa parte dela, refuxiada tras os muros do Ministerio de Defensa.

Por este motivo, un colectivo de ex presas e ex presos do franquismo fixeron público este venres en Ferrol unha carta dirixida á ministra Margarita Robles na que mostran o seu malestar pola falta de “vontade política para acabar con esta vergoña”.

Os asinantes son Fernando Miramontes Vázquez, Rafael Pillado Lista, Francisco Rodríguez Sánchez, Sari Alabau Albors, Vicente Couce Ferreira, Raúl Pillado Lista, Alfonso Tellado Sande, Antón Martínez Aneiros, Xosé Piñeiro Arnoso, Anxo Ferreiro Currás, Ignacio Fernández Toxo, Fina Varela Fontán, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández, Manuel Monge González e Ricardo Aneiros Sixto.

E recriminan directamente o goberno central: “Dificilmente pode [o goberno actual] prometer acabar con esta situación cando son numerosos os casos nos que o propio ministerio de Defensa promociona ou permite a apoloxía, exaltación ou enaltecemento do franquismo. En Galiza permanecen hoxe 23 símbolos franquistas en instalacións que dependen de Defensa e 13 están en Ferrol”.

A misiva, que se ocupa tamén de comentar a última polémica intervención de militares na reserva en cuestións políticas do Estado, remata cunha ameaza ao Ministerio de Defensa: “Se Defensa non actúa e mantén esta situación vergoñenta, non quedará outra saída que presentar unha denuncia no xulgado correspondente por incumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007.

Edificio de Aduanas en Ferrol.

A carta.

Sra. Dona. Margarita Robles
Ministra de Defensa

As abaixo asinantes, presas políticas de Ferrol na ditadura, tivemos coñecemento polos medios de comunicación que o ministerio de Xustiza está a traballar na reforma do Código Penal e que tipificaría como delito a apoloxía ou exaltación do franquismo.
Adriana Lastra, vicesecretaria  xeral do PSOE, manifestaba: “Retiraremos la simbología franquista que aún queda en lugares públicos. En democracia no se homenajea ni a dictadores, ni a tiranos”. Por outra parte, o anteproxecto de Lei de Memoria Democrática prohibe actividades de exaltación e enaltecemento da ditadura. 

Son tres boas noticias, pero manifestamos o noso escepticismo porque desde hai máis de corenta anos é unha evidencia que os sucesivos gobernos desde a morte do ditador Franco non tiveron vontade política para acabar con esta vergoña. Dificilmente pode o goberno actual prometer acabar con esta situación cando son numerosos os casos nos que o propio ministerio de Defensa promociona ou permite a apoloxía, exaltación ou enaltecemento do franquismo.

En Galiza permanecen hoxe 23 símbolos franquistas en instalacións que dependen de Defensa e 13 están en Ferrol.

A Ministra de Defensa sabe que o concello de Ferrol, con alcaldía do socialista Xaime Quintanilla Ulla, aprobaba o 2 de marzo de 1981 retirar as rúas de significados franquistas e militares golpistas, entre eles: Almirante Fernández Martín, Almirante Vierna, González Llanos, Salvador Moreno, Marqués de Alborán (Francisco Moreno Fernández), Soldado Lois, Crucero Baleares, Cándido Pérez. Almirante Honorio Cornejo. O Ministerio de Defensa desprezaba a vontade democrática manifestada pola corporación municipal de Ferrol e permitía que varias rúas do Arsenal Militar de Ferrol fosen bautizadas con eses mesmos nomes.

Unha ofensa á democracia e ás 714 persoas (entre civís e militares) asasinadas polo franquismo na comarca de Ferrol, despois da sublevación militar e fascista do 18 de xullo de 1936. Despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica en 2007 os sucesivos ministerios de Defensa dos gobernos de PSOE e PP non retiraron os nomes desas rúas franquistas do Arsenal. Por outra parte, o cuartel Sánchez Aguilera aínda conserva un escudo franquista na súa fachada.

A Ministra sabe que en 2009 o Pleno de Ferrol, alcaldía do socialista Vicente Irisarri e cos votos a favor do PSOE, Esquerda Unida e BNG, pedía ao Ministerio de Defensa o cambio de nomes desas rúas, que son unha auténtica exaltación do franquismo e fan referencia a persoas da Armada relacionadas coa represión na ditadura. Esta petición chegaba ao Congreso (goberno do PSOE) a través de diversas organizacións políticas, pero Defensa non fixo nada.

Vostede, Sra. Ministra, coñece desde 2018 o Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas, como resposta a outro de exaltación do ditador Franco apoiado por un numeroso grupo de xenerais. Os promotores do citado Manifesto (Arturo Maira Rodríguez, capitán de navío retirado era o portavoz) denunciaban o incumprimento de Lei de Memoria Histórica porque a permanencia desas placas cos nomes das rúas franquistas no Arsenal son unha “exaltación colectiva da sublevación militar e Guerra Civil”.

Como alternativa a  esas rúas, e coa colaboración de historiadoras como Bernardo Máiz, Xosé Manuel Suárez e Soledad Gómez de las Heras, presentaron o nome de dez persoas relacionadas coa Armada e o Arsenal ferrolán, que loitaron e sufriron polos valores democráticos e cívicos, entre elas Antonio Azarola Gresillón, Contralmirante e Xefe do Arsenal, executado polos sublevados. Por outra parte, a deputada do PSOE no Congreso, María Paloma Rodríguez Vázquez, presentaba en xaneiro de 2014 unha proposición non de lei para que se retirasen esas rúas do Arsenal Militar de Ferrol, petición que tampouco foi atendida polo goberno de Mariano Rajoy.

O almirante Salvador Moreno Fernández estaba ao mando do acoirazado Canarias que na chamada “Espantá” (fuxida de máis de 100.000 persoas pola estrada Málaga-Almería, cando os fascistas entraron en Málaga en febreiro de 1937), provocaba a morte de máis de 5.000 persoas no bombardeo desa estrada. Está imputado, xuntamente co seu irmán Francisco e outros 33 cargos do franquismo, polos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade no sumario instruído polo xuíz Baltasar Garzón da Audiencia Nacional (auto de 16 de outubro de 2008).

O concello de Pontevedra, alcaldía do BNG, xa retirou en outubro de 2002 a rúa Moreno Fernández, hoxe Rosalía de Castro. A rúa Almirante Franciso Moreno tamén foi retirada en Madrid no Pleno de 27 de abril de 2017. Estes dous golpistas manteñen a rúa no Arsenal de Ferrol

Por outra parte, o Ministerio de Defensa se nega dende hai anos a cambiar o nome do colexio Moreno Fernández, que depende de Defensa, cando no concello veciño de Marín, alcaldía do PSOE en 2008 (goberno PSOE-BNG), o IES Salvador Moreno pasaba a chamarse Illa de Tambo, previa aprobación polo Consello Escolar.

En Santiago está a “Residencia de Estudiantes Teniente General Barroso”, que depende do ministerio de Defensa. Trátase dun militar golpista que durante a Guerra Civil foi Xefe do Cuartel  Xeneral de Franco e despois ministro do Exército de 1957 a 1962. Por qué se mantén o nome desta residencia se o concello de Valencia (ningún voto en contra) xa retirou a distinción de Fillo Adoptivo a Antonio Barroso y Sánchez Guerra no Pleno de 28 de xullo de 2016?

Vostede debería visitar o edificio de Capitanía Xeneral na Coruña. Unha placa sinala o nome da Sala de Honor: “Tte. Gral. Yagüe”, coñecido popularmente como o “Carnicero de Badajoz”. Despois de asasinar o exército franquista a 4.000 persoas na praza de touros desa cidade declaraba: “Naturalmente que los hemos fusilado ¿Pensaban que me llevaría conmigo a 4.000 rojos mientras mi columna avanzaba luchando contrarreloj? ¿Debía dejarlos en libertad a mis espaldas, permitiéndoles que hicieran nuevamente de Badajoz una ciudad roja?”. Non é isto exaltación do franquismo?

En cumprimento da Lei de Memoria Histórica, o Ministerio de Defensa, sendo ministra Carmen Chacón, publicaba unha Orde en decembro de 2009 para a “retirada de militares e acciones de guerra”. Durante 2009 e 2010 Defensa traballou sobre un total de 410 símbolos, modificándose tamén o nome de 11 bases, acuartelamentos ou establecementos dependentes de Defensa. En Burgos a Residencia General Yagüe,  pasa a denominarse Dos de Mayo. E o Centro Deportivo Militar General Yagüe pasa a La Deportiva. O concello de Madrid tamén retiraba a rúa General Yagüe o 28 de abril de 2017 cos votos a favor de Ahora Madrid, PSOE e Cs, e abstención do PP. Logroño retiraba a rúa General Yagüe o 12 de febreiro de 2020 e o pleno de Burgos de 6 de outubro de 2017 retiraba a Yagüe a distinción de Fillo Adoptivo e a Medalla de Ouro. Por que o Ministerio de Defensa mantén na Coruña esta distinción a un significado falanxista e golpista como Yagüe?

Visite o Museo Histórico Militar da Coruña. A explicación do alí exposto podería corresponder perfectamente a calquera ano da ditadura. O retrato e o busto de Francisco Franco está acompañado dun texto no que non se fai referencia a que o 18 de xullo de 1936 houbo unha sublevación militar contra a Constitución e o goberno lexítimo e democrático da República. Tampouco se cualifica a Franco como ditador, nin se di que durante 40 anos tivemos unha ditadura criminal. Nos retratos do Marqués de Cavalcanti (José Cavalcanti de Alburquerque y Padierna) e do xeneral José Luis Romero Corral non se explica que se trata de dous golpistas que participaron no exército dos sublevados en 1936. Sergio Peñamaría de Llano ten un retrato con esta indicación: “Uniforme de etiqueta de General de Brigada. Auditor General del Ejército y Alcalde de La Coruña”. Xunto ao retrato o uniforme de militar de Peñamaría coas condecoracións. Noutra sala hai unha vitrina coa súa pistola. Como é posíbel que reciba tantos honores e distincións este militar que destacou pola criminal represión que protoganizou como tenente da Lexión en 1939 na comarca de Valdeorras (Ourense) e tamén como fiscal militar, solicitando penas de morte, entre outros, para dirixentes do PCE?

Visite a igrexa castrense de San Francisco en Ferrol. Na entrada e en lugar preferente atopará unha gran cruz coa inscrición: “Caídos por Dios y por España”. Despois unha placa con este texto: “La Marina de Guerra a los gloriosos caídos del Baleares. Caídos por Dios y por España en el Crucero Baleares ¡Presentes!”. Unha igrexa convertida, coa colaboración do Ministerio de Defensa, nun auténtico museo de exaltación do franquismo. Tamén está sinalizada a pía onde foi bautizado o ditador Franco. Todo isto trece anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica. E sen saír de Ferrol, vostede pode visitar a escultura de Camilo Alonso Vega (golpista, tenente xeneral, ministro da ditadura) na entrada do hospital Juan Cardona (outro militar golpista), que é cualificado nunha placa como “Soldado heroico. Gobernante exemplar. Paradigma de lealtades”. Si, o mesmo que era coñecido entre a militancia antifranquista como “Camulo” pola represión violenta contra o pobo.

O Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando (Cádiz) honra a memoria de significados golpistas. María Paloma Rodríguez Vázquez, deputada do PSOE no Congreso solicitara en xaneiro de 2014, a través dunha proposición non de lei, que se retirase dese panteón os restos dos golpistas irmáns Salvador e Francisco Moreno Fernández. Pero aí seguen.

É moi preocupante, Sra. Ministra, a exaltación do ditador Franco en manifestos públicos de militares, cando algúns fixeron a súa carreira na democracia. Non debían ser moi precisos os currículos ou programas de estudo nas Academias Militares despois da morte de Franco, ou o profesorado non explicou ben os contidos para distinguir entre democracia e ditadura; para saber o que é un golpe de Estado e a obriga das Forzas Armadas de defender a democracia e a Constitución; para respectar a vontade popular expresada nas urnas. Entra nos programas de estudos das Academias Militares o coñecemento do Decreto de 22 de abril de 1931?: os militares que aceptaron continuar en activo despois da proclamación da República prometían polo seu honor “servir bien y fielmente a la República, obedecer sus leyes y defenderlas por la armas”.

Os resultados non poden ser máis desalentadores. Pouco aprenderon algúns dos alumnos desas Academias cando, despois de 43 anos de democracia, 65 xenerais, 7 almirantes, 30 capitáns de navío, 2 capitáns de fragata, 374 coroneis e tenentes coroneis, 48 comandantes, todos eles en situación de retirados, facían público en agosto de 2018 unha Declaración de respeto y desagravio al general don Francisco Franco Bahamonde. Soldado de España, que xustificaba a sublevación de 1936 contra o goberno lexítimo da República: “Llegado aquel momento crucial para la supervivencia de la Nación española, asumió la responsabilidad que le entregaron sus compañeros de Armas para ejercer el Mando único de la España agredida y asediada por el comunismo internacional aceptado y adoptado por el Frente Popular”.

Entre os asinantes dese manifesto estaban militares que ocuparon importantes responsabilidades nas Forzas Armadas ou na Casa do Rei: tenente xeneral Luis Alejandre, ex–Xefe do Exército de Terra cando Federico Trillo era ministro de Defensa; tenente xeneral Agustín Muñoz–Grande Galilea, fillo do xeneral Agustín Muñoz–Grandes, xefe da División Azul e ministro de Franco; almirante Antonio González–Aller Suevos, que foi xefe do Cuarto Militar da Casa do Rei; xeneral de división Juan Chicharro, axudante de campo do rei Juan Carlos e presidente da Fundación Nacional Francisco Franco na actualidade; xeneral de división Alberto Asarta, candidato de Vox nas eleccións xerais (apoiaron o manifesto outros tres militares que se presentaron nas candidaturas de Vox); xeneral Eduardo González–Gallarza Morales, foi xefe do Estado Maior do Aire (JEMA), fillo de Eduardo González–Gallarza Iragorri, ministro do Aire con Franco; xeneral de brigada Blas Piñar Gutiérrez, fillo de Blas Piñar, fundador de Fuerza Nueva, organización de ultradereita; tenente coronel José Ignacio San Martín Naya, fillo do coronel San Martín, condenado pola súa participación no 23-F; comandante Ricardo Pardo Zancada, condenado no 23-F.

Que fixo a ministra de Defensa do Goberno do PSOE ante este grave pronunciamento franquista? Expulsar do Exército de Terra ao cabo Marco Antonio Santos Soto (ingresou no Exército en 1999), que asinou outro manifesto de militares, que proclamaba: “El general Franco no merece respeto ni desagravio alguno, sino nuestra repulsa más absoluta por haber encabezado un golpe de estado sangriento y genocida contra la legal y legítima II República Española, la feroz guerra civil posterior, y una dictadura opresiva e inclemente durante casi cuarenta años”.

Como contraste con esta actitude permisiva coas declaracións e manifestos que exaltan ao ditador Franco e xustifican a sublevación militar e fascista de 1936, o Código Penal de Alemaña contempla penas de até tres anos de cárcere por exaltación do nazismo e o seu Ministerio de Defensa disolvía unha compañía en xuño de 2020 por vínculos coa extrema dereita dalgúns dos seus membros. En Italia a apoloxía do fascismo pode ser castigada até con catros anos de prisión e tamén está penalizada a propaganda do réxime fascista.

Os sinalados son só algúns exemplos de exaltación de persoas que participaron na represión franquista ou sustentaron a ditadura, e é evidente que o Ministerio de Defensa incumpre a propia Lei de Memoria Histórica de 2007. Máis recentemente, a Lei de Memoria Histórica e Democrática de Estremadura –presidencia do PSOE, aprobaba o 20 de decembro de 2018– concretaba a súa aplicación: “A Xunta de Estremadura, de oficio no exercicio das súas competencias ou a instancia das asociacións memorialistas ou da cidadanía, tomará as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou menciones conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva da sublevación militar de 1936 e do franquismo, dos seus dirixentes ou das organizacións que sustentaron ao réxime e da represión da Ditadura” (artigo 25.1). “As Administracións Públicas de Estremadura procederán, no prazo dun ano a partir da entrada en vigor da presente lei, a revisar e invalidar as distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e demais formas de exaltación de persoas vinculadas coa represión franquista” (artigo 25.14).

A Lei de Memoria Democrática de Aragón sinala no seu artigo 31.1.d que son contrarias á dignidade das vítimas da represión franquista as “denominacións de rúas, vías ou lugares que rendan homenaxe a militares ou políticos afectos ao golpe de Estado ou ao réxime franquista”.

Está presentado un anteproxecto de Lei de Memoria Democrática, que supón un avance respecto á lei de 2007, pero por riba do contido das leis cómpre vontade política para que sexan aplicadas. Se o goberno quere ter credibilidade e dar resposta á reivindicación de verdade, xustiza, reparación y garantía de non repetición, que demandamos as vítima do franquismo, debería dar exemplo, respectando o propio ministerio de Defensa a lei, que está vixente desde hai 13 anos, e proceder á retirada da simboloxía franquista que depende directamente de Defensa.

Xa é hora de que o Ministerio de Defensa acabe coa simboloxía franquista e a exaltación de golpistas e criminais. Se Defensa non actúa e mantén esta situación vergoñenta, non quedará outra saída que presentar unha denuncia no xulgado correspondente por incumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007.

Deixe um comentário

Deixe um comentário