A síndrome de Corxesta

"A paga", capítulo 11

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Día 1

Colás: Sabedes o que pasou en Corxesta?

Heitor: Non. Que pasou?

Colás: Derrubouse a mina.

Uxío: Que dis? Pero que pasou?

Colás: Non sei, mandoume unha mensaxe antes Rei. Seica houbo un accidente e quedaron non sei cantos atrapados.

Uxío: Pero hai mortos?

Colás: Nin idea, a ver se alguén di algo máis.

Día 3

Uxío: Ao mellor algún se puido salvar, din que hai recunchos aos que aínda non chegou a auga.

Heitor: Véxoo difícil.

Colás: Non se pode perder a esperanza.

Uxío: A ver se polo menos conseguen poñer rápido as barreiras para deter o río. Por moito que achiquen, non serve de nada se non deixa de entrar a auga.

Heitor: Aínda así. Non creo que poida saír ningún vivo de alí.

Día 11

Colás: Aínda nada?

Uxío: Nada.

Heitor: Pois xa podían parar.

Uxío: Eh?

Heitor: Que ben podían parar de buscalos. A estas alturas xa van estar todos mortos.

Uxío: Pero como van facer iso?

Heitor: Aínda que non afogasen, é imposible que un ser humano aguante tantos días sen comer e sen beber. E ao paso que van…

Uxío: Nunca se sabe.

Colás: Iso mesmo. Ata que os atopen non se saberá.

Heitor: Eu só digo que é unha parvada que os sigan buscando, é perder o tempo.

Uxío: Pero como vai ser perder o tempo? Non me sexas salvaxe, home.

Día 26

Uxío: Estou alucinando. Non chega con deixar os corpos alí embaixo, que agora aínda queren foder máis ás familias.

Colás: O que?

Uxío: Acaban de dicir que os van botar das casas. Como son da empresa e os que morreron xa non traballan para a compañía, pois que as súas familias xa non poden vivir alí.

Día 33

Colás: Baixades á manifestación?

Heitor: Tanta gana tes de que che rompan a cabeza?

Uxío: Xa estás coma sempre. Ti quédate no sofá vendo a tele, que xa che tocará algún día a ti tamén.

Heitor: Boh, non esaxeres.

Colás: Déixao, Uxío. Xa sabes como é.

Uxío: Non o deixo, non. Sempre igual, pero despois ben que se beneficia do que conseguen os demais.

Heitor: O que ti digas.

Colás: Seica se vai montar unha boa, hai máis de douscentos colectivos secundándoa.

Uxío: Normal, despois do que fixeron… Son uns putos salvaxes. Iso foi unha masacre, nin situación excepcional, nin de emerxencia nacional, nin hostias. Dáme igual o que nos intenten vender na tele, non podes mandar ao exército contra a poboación civil, e menos así.

Heitor: Ninguén lles mandou montar unha barricada na mina. Se andas a provocar, xa sabes o que hai, despois non chores.

Uxío: Pero que dis? Que provocar nin que nada?

Heitor: A ti paréceche normal o que fixeron?

Uxío: Pois si. Que farías ti no seu lugar?, poñerte a traballar enriba dos cadáveres dos teus compañeiros?

Colás: Veña, haxa paz… A cousa é que a xente está mobilizada; a ver se desta vai a boa e hai un cambio de verdade.

Heitor: Iso é o que dis sempre, pero despois ninguén fai nada.

Colás: Eu non perdo a esperanza, isto ten que cambiar, e co que pasou en Corxesta a xente está moi cabreada.

Día 35

Uxío: O peor de todo son as familias, porque os que morreron, xa morreron, pero esa pobre xente que quedou sen nada… Iso non se pode permitir.

Colás: Pois hai formas para que esas cousas non pasen. Onte á noite estiven lendo algo interesante que me pasou Rei sobre que todos teñamos unha renda fixa.

Uxío: Unha renda fixa? Pero como?, dis que todos cobremos o mesmo?

Colás: Non, non é iso, aínda que tampouco estaría mal. É máis ben coma unha especie de renda que ten todo o mundo. Pero todos, tamén os que non traballan.

Heitor: Acabáramos! Agora tamén queredes vivir sen traballar? A vivir todos do conto e que outros levanten o país, non?

Colás: Non. A ver, que eu aínda non sei moi ben de que vai, pero creo que é máis ben coma un mínimo que da para que todo o mundo poida subsistir.

Heitor: Pois o que digo eu.

Colás: O que dicían nese artigo era que cada persoa tiña uns cartos fixos ao mes, e os nenos tamén tiñan algo, menos. Dá para vivir daquela forma, non moito máis.

Uxío: Pois mira, con iso os de Corxesta polo menos non estarían como están.

Colás: Iso digo eu, malo sería que entre toda a familia non puidesen alugar un piso barateiro e ir tirando ata atopar traballo.

Heitor: Eu non sei. A min sóame a xente que quere vivir do conto.

Colás: Ao parecer xa se fixo algún experimento nalgún país. Viable é, as contas están feitas e economicamente é posible. E o que dis ti de vivir sen traballar, é xusto ao contrario. Para pasar unha mala época dáche, non tes que ir durmir á rúa como lle pasa a moita xente, pero a maioría traballan igual, porque para vivir normal tampouco dá. Ademais, tamén poñía que os que a tiñan incluso rendían máis no traballo, porque ao ter iso aí, coma non sei, coma se fose unha seguridade ou algo así, tiñan menos presión, menos preocupacións, caían menos en depresións, e cousas así.

Heitor: Pois dillo ti aos políticos, a ver se che fan caso.

Día 41

Heitor: Deuche forte con iso da paguiña para todos, eh? Aínda te van despedir por ir deixando panfletos por aí.

Colás: Pois mira, con algo así non habería a miseria que hai, todos poderiamos vivir polo menos con dignidade. Así que si, eu vou facer todo o posible. Rei e máis eu metémonos nun colectivo que está promovéndoa, a ver se conseguimos metela no debate e con todo o que está pasando acadamos algo.

Heitor: Farías mellor baixando das nubes e dedicándote ao teu.

Uxío: En serio, ás veces danme ganas de darche unha malleira. Alguén que intenta facer algo e ti sempre poñendo paus nas rodas.

Heitor: Eu só digo que non quero leas.

Uxío: I si digui qui nin quiri liis.

Heitor: Sabedes que vos digo?, que vou traballar. Paso de aturarvos.

Día 51

Uxío: Colás, pegáronseche as sabas hoxe?

Colás: Veño do hospital. Rei perdeu o ollo.

Uxío: Que dis?

Heitor: Pero que pasou?

Colás: Estaba na manifestación de onte, un policía disparoulle unha pelota de goma á cara.

Día 60: Mañá

Uxío: Vistes como saíu correndo? Fervíalle o cu.

Heitor: Iso tampouco se pode facer, non son formas de comportarse.

Uxío: Non me toques o carallo. O cabrón ese manda á policía a mallar na xente, estalle ben recibir da súa propia menciña, para que vexa o que é.

Colás: Pero que pasou? Estiven toda a noite con Rei e non escoitei nada.

Uxío: As mulleres dos mineiros. Presentáronse onte na casa do presidente cando acabaron a marcha dende Corxesta e por pouco a tiran abaixo. O moi covarde escapou nun helicóptero.

Colás: Pois mira, pena non me dá.

Uxío: Despois chegou a policía e o de sempre, leña. Detivéronas a case todas. Están facendo unha vixilia diante do cárcere ata que as solten, había miles. Hoxe a primeira hora dicían que polo menos había dez mil persoas.

Día 60: Tarde

Uxío: Oístelo?

Colás: O que?

Uxío: Din que van mandar ao exército.

Colás: Que dis?

Uxío: O que oes. Ao parecer a policía non quere ir, din que non teñen medios para controlar a tanta xente. Eu creo que están empezando a coller medo.

Colás: Pero de onde sacaches iso?, está confirmado?

Uxío: Empezaron a saír unha chea de soldados do cuartel da Cela, así que parece que movemento hai.

Colás: Miña nai querida, iso vai ser unha masacre.

Uxío: Pois as da vixilia din que non se moven. É máis, unha das portavoces da plataforma de mulleres dixo que como as atacasen se ían defender, que ían armadas e non ían deixar que seguisen abusando delas.

Heitor: Xa veredes, como isto siga así vai acabar nunha guerra civil.

Día 61

Heitor: Escoitei que foron trinta e seis.

Colás: As compas de Rei dicían que xa contaran máis de oitenta.

Heitor: Oitenta? Isto non vai acabar ben.

Colás: Xa non vai ben. Pero isto non queda así, xa cho digo eu; os ánimos están moi caldeados e a xente pensa responder. Panda de asasinos…

Heitor: Responder para que?, para que morran máis?

Colás: Para acabar dunha vez con todos eses desgraciados.

Heitor: Vives nas nubes, Colás. Ti segue así que xa verás como acabas. Sabes algo de Uxío?, hoxe non veu.

Colás: Non sei. Onte dixérame que ía baixar ás protestas, espero que non lle pasase nada.

Heitor: Será idiota…

Día 65

Heitor: Manda carallo, os mártires de Corxesta…

Colás: Que?

Heitor: Mira, a primeira plana do xornal de hoxe. A xente está empezando a chamalos así, aos da mina, coma se fosen uns heroes. Léoche: <Aqueles homes que morreron sepultados baixo a rocha, os que loitaron incansablemente na superficie pola memoria dos seus compañeiros, as mulleres que levan dende entón fraguando un futuro para as súas familias, para os seus fillos. Son os Mártires de Corxesta, o exemplo a seguir pola cidadanía que sae cada día á rúa intentando cambiar o estado das cousas>. Isto é un panfleto, nin xornalismo nin hostias.

Colás: A min o que me ten é certo cheiro machista.

Heitor: Xa falou o castrado. Mira, non me empeces agora con iso tamén.

Colás: Polo menos parece que algo cambia. Este xornal ata agora apoiaba ao goberno. É un bo sinal.

Día 71

Colás: Heitor! Líchelo?

Heitor: Non. Que pasou agora?

Colás: O goberno en pleno dimite, van convocar eleccións. Ademais ordenaron reiniciar a busca dos cadáveres de Corxesta.

Heitor: E sábese algo do presidente?

Colás: Non. Que deixou o país é fixo, pero non se sabe onde foi.

Heitor: Entón acabou?

Colás: Diso nada, isto é só o comezo. É o que che dixera, a xente cansou, quere un cambio de verdade. Heitor, estamos a vivir un tempo histórico, por fin van cambiar as cousas. Faime caso, xa nada volverá ser igual.

Álex Pernas

Álex Pernas

A Coruña, 1986. Enxeñeiro de software, músico, poeta e activista polos dereitos dos animais. Autor da novela Xarfas.

A paga (capítulos anteriores)

Deixe um comentário

Deixe um comentário