"A Xunta aplica cos inmigrantes políticas destinadas a colectivos en situación de exclusión"

ENTREVISTA | Miguel Fernández

TEIMA | Os muros migratorios - Capítulo 3

Facebook
Twitter
Google+
WhatsApp
Telegram
Email

Erik Dobaño | Compostela, 25 de xuño. “Cos inmigrantes hai un problema básico de desigualdade de dereitos”, di Miguel Fernández, un activista que traballa a pé de obra desde hai dúas décadas, que ten o rastro da perseveranza na pel e nas paredes dun vello despacho nun local na parte vella de Compostela que viu tempos mellores, pero igual de duros.

Cales son os obxectivos do Foro?

Pois mudaron, como mudou a situación asociativas dos propios inmigrantes neste anos. Somos entidades diferentes que traballamos cun mesmo colectivo. Por iso o Foro. Pero entre as entidades hai propósitos de denuncia e hainos máis asistencias, digamos de axuda directa, e algunhas desas entidade se desligaron do Foro. Na actualidade haberá unhas vinte ou trinta organizacións, e a maioría entendemos a labor do Foro como unha labor de denuncia e reivindicación.

Daquela segue sendo preciso ese traballo de denuncia, como ao principio, nos primeiros anos da chegada masiva?

Segue… naqueles anos os inmigrantes precisaban organizarse e fixérono. Deron en montarse moitas asociacións, e tamén é certo que había diñeiro por parte das administracións. Coa crise, despois de 2008, todo isto foi cambiando. Hoxe apenas existen asociacións que participen activamente na sociedades. Imos cara un tipo de representación máis informal. Moitas daquelas asociacións pincharon. E son máis ben persoas que formaran parte delas as que asumiron ese rol. O tecido asociativo dos inmigrantes desapareceu. Están no rexistro, pero na práctica non funcionan.

Como afectou iso ao Foro?

Naqueles anos, cando o tecido era forte e con recursos, fomentabamos moito o traballo intercultural. Facíanse asembleas bastante multitudinarias… en Santiago, en Vigo… Eran actividades que lles interesaban a eses colectivos. Entendamos que estes colectivos manexábanse un pouco como se manexan as colonias de galegos no exterior: recuperación da cultura, gastronomía… este tipo de cuestións. Esta liña convivía dentro do Foro coa liña reivindicativa de dereitos das persoas migrantes. Agora facemos moitas menos actividades de tipo cultural e imos máis na liña de denuncia.

Cuestión de recursos?

Non. Non só. Son recursos e son situacións. Hai un proceso natural que é lóxico, quero dicir, naqueles momentos, cando a chegada masiva, cando entre o 2001 e o 2006 viñeron para quedarse entre cinco e seis millóns de persoas ao Estado e que precisaban unirse, organizarse. Lembro que aquí en Compostela, durante anos, organizábase unha cea de Nadal, sobre todo latinoamericanos. Despois, cada familia empezou a ter a súa vida, as persoas que chegan na segunda ola xa veñen por procesos de reagrupamento. Así que aquel asociacionismo foi perdendo o seu sentido. Desde o Foro chegamos a organizar viaxes para ir á praia ou á neve. Hoxe cada quen igual xa ten seu coche… e ao mesmo tempo é certo que todos eses recursos públicos desapareceron.

Hoxe apenas existen asociacións que participen activamente na sociedades. Imos cara un tipo de representación máis informal. O tecido asociativo dos inmigrantes desapareceu. Están no rexistro, pero na práctica non funcionan.

Como era aquela inmigración de principios dos dous mil e cales eran os seus problemas?

En realidade os problemas son os mesmos ca hoxe. Hai un problema básico de desigualdade de dereitos. A demanda do Foro sempre foi a mesma: cambiar a lexislación en temas de estranxeiría. A norma, basicamente, non establece ningún mecanismo de entrada de persoas no Estado español e vincula calquera posíbel entrada á situación de necesidade de man de obra. O que pasou naqueles anos é que se precisaban traballadores unido a que este é o Estado da UE no que resulta máis fácil traballar na economía somerxida. Para todas aquelas persoas o problema era resolver a situación de ilegalidade. O 95% dos que entraban, facíano de forma irregular… para ser precisos, a entrada non era exactamente irregular, a maioría facíano cun visado de turista e despois pasaban a irregulares. O mesmo sucede hoxe. E nesa situación están tres anos até que teñen dereito a un arraigo social.

Naqueles anos houbo procesos de regularización que facilitaron as cousas.

Si. E incluso algunha bastante laxa. Nos preparamos aquí moita documentación. Entidades como o Foro podían acreditar determinados requisitos para que os irregulares accederan aos papeis. Pero desde 2008 non houbo máis regularizacións, así que podemos afirmar que a situación dos inmigrantes no plano legal é peor que antes da crise. Digamos que agora a vía de acceso a regularización é a través do arraigo social, unha vía individual… Hai unha teoría segundo a cal a crise foi o elemento determinante na baixada dos fluxos de inmigrantes. Eu non estou moi de acordo.

Cal é a súa teoría ao respecto?

Eu penso que este cambio de tendencia nos fluxos foi que os mecanismos de defensa e de control do Estado español, e en xeral da Unión Europea, melloraron de forma substancial… O peche das fronteiras dificultou a entrada de persoas por vías irregulares. A gran fronteira do Estado non está en Ceuta nin en Melilla ou no Mediterráneo… a gran fronteira está en Barajas. No aeroporto de Barajas hai decenas, centos de persoas que veñen de países latinoamericanos, por exemplo, son devoltos sen chegar a entrar na zona internacional. Nun ano forte de chegada de caiucos, haberá unhas vinte ou trinta mil inmigrantes que entran por esta vía. Pero son moitos máis os que chegan vía aérea. Os mecanismos de control aplicáronse aí e fixeron que se frearan os fluxos, porque tampouco é certo que se dera un fenómeno de retorno tan significativo como se di. A emigración cara España normalmente é unha emigración finalista, fica aquí. Como era a emigración galega… Non retornaron porque o seu proxecto de vida, para a maioría, está aquí. E tentan sobrevivir, igual que o resto de nós. O que si se freou un pouco foron as entradas, por iso o número de inmigrantes non medra. Tamén hai que dicir que a reagrupamento familiar favorece as entradas de xente cos papeis e que non terá eses problemas legais. E pasa que mingua o número de estranxeiros e medra o de nacionais, pero son as mesmas persoas, as que van conseguindo a nacionalización.

O elemento determinante na baixada dos fluxos non foi a crise, foron os mecanismos de peche das fronteiras no Estado español e da Unión Europea.

Portavoz do Foro Galego da Inmigración

Como recibimos os inmigrantes no país? Cambiaron as percepcións despois da crise?

Galiza podería ser un modelo de integración e de convivencia. Por que? Porque mesmo nas épocas de maior número de estranxeiros, houbo anos de 120.000 empadroados, aquí a porcentaxe era das máis baixas do Estado e ségueo sendo. Non chega ao 4%. Así que o proceso pode ser tranquilo. Nunca se vai ver como unha invasión. Pero aquí, nesta mesma oficina, cando vén alguén pedir unha persoa que teña a nacionalidade española para traballar nunha casa, non lles vale unha persoa nacionalizada.

Por que non se mudaron as leis en todos estes anos? Pode que a principios de século as autoridades se viran sorprendidas polo aluvión, pero pasaron case vinte anos. Non se fixo nada?

Case nada, e pode que fora porque o tema da emigración foi sempre un tema moi utilizado politicamente. Lembro algún verán, polo 2006 ou o 2007, no que nos telexornais practicamente retransmitían a chegada de caiucos como se foran partidos de fútbol, en directo… Cando se fai iso, a imaxe é que están chegando moitos, demasiados, e que hai que utilizar as leis para frealos. Despois está a outra parte. No momento en que non ten utilidade política, o asunto desaparece dos medios. É un pouco a situación na que estamos agora mesmo, salvo por un matiz, que se fala do tema dos refuxiados. A realidade e que as leis non mudaron porque non houbo presión social; e as veces cando hai presión social, mudan cara a modelo máis restritivos…

Que papel xogan os medios de comunicación nesa estratexia de visibilización e invisibilización?

Nos temos certa experiencia nesa cuestión, porque estamos sempre tentando ter incidencia, pero realmente podes conseguir certa incidencia en casos puntuais, como cando expulsaron aquí en Compostela a un rapaz paraguaio que levaba quince anos, ou se non deixan pasar a un neno de catro anos no aeroporto coa nai esperando por el… Claro, se iso se sabe, pois… Para min, no caso dos medios, o problema é que os temas de estranxeiría son enormemente complexos: a propia lexislación, os regulamentos. É moi difícil de explicar cada situación. Para nós mesmos resulta complicado transmitir iso, todas esas situacións. Queda todo en xeneralidades.

Agora hai medios de comunicación alternativos, por chamalos dalgún modo, que puxeron o foco na represión, nas devolucións. Aumentou a represión, ou é tamén un efecto mediático?

O proceso de persecución das persoas migrantes en situación irregular incrementouse. Aínda que non houbo un cambio substancial na lei desde o ano 2000, si que houbo no 2011 un cambio no regulamento que facilitou unha aplicación máis dura da norma. É como se estivésemos funcionando con esa sentenza da Biblia: “premiar aos bos e castigar os malos”. Aos que están en situación regular se lles dá un trato decente. Pero aos irregulares estanos esmagando. O Estado ten un acordo cunha filial de Iberia para as devolucións. O que di a lei é bastante claro: cando se identifica a un irregular ten que ser detido, hai un período de detención de 48 horas, e se nese período non se resolve a situación, en principio tes que deixalo en liberdade pero queda cun procedemento de expulsión enriba. Pode pasar que se resolva o caso, que a persoa quede en liberdade ou que remate nun CIE. Hai dous procesos: por un lado, os expedientes de expulsión, e por outro, facer efectivas as devolucións. E non todos os expedientes se fan efectivos, claro.

A nós o PSOE xa nos decepcionou tantas veces que… Parece que este goberno está decidido a solucionar o tema da sanidade vía decreto lei, pois ben, anímoos a que utilicen o mesmo procedemento para cambiar a Lei de estranxeiría.

Que reflexión fai do acontecido co Aquarius nos medios?

Ten unha parte positiva que é que se volve falar da inmigración, dos caiucos, do que está a pasar, porque parece que o tema da inmigración non estaba de moda. Pero tamén volvemos a ver o uso da inmigración no enfrontamento político e algunha expresión de xenofobia.

Que espera do novo goberno?

Pois non sabería dicirlle… A nós o PSOE xa nos decepcionou tantas veces que… Pasou con Zapatero, que parecía que ía chegar lonxe e ao final decepcionounos. Agora é certo que, máis alá dun asunto mediático como o do Aquarius, o novo goberno xera certa expectativa porque as políticas do PP sempre foron moi restritivas. Parece que este goberno está decidido a solucionar o tema da sanidade vía decreto lei, pois ben, anímoos a que utilicen o mesmo procedemento para cambiar a lei de estranxeiría, que é o fundamental. Veremos…

Portavoz do Foro Galego da Inmigración

Como é un voo de deportación?

Hai deportacións en voos regulares, e tamén hai voos especiais para ir a determinados países. Nestes últimos, intentan xuntar xente do mesmo país ou próximos. Van a Colombia e despois cara Chile, por exemplo. Ou no caso de África, que se fan barbaridades. Senegal acepta nacionais e estranxeiros a cambio de cartos. Págase. Non directamente, claro. Están os convenios de axuda ao desenvolvemento, cooperación… Por que non hai hoxe caiucos en Canarias? Esa vía pechouse despois dun acordo con Mauritania que permite que a Garda Civil e a Policía patrullen as costas daquel país. Loxicamente é o mellor sistema: se non saen… E algo debeu aprender a UE do Estado español cando decidiu que os refuxiados non pasaran de Turquía. Desta forma, os puntos de entrada vanse trasladando. Que pasa se as condicións para pasar empeoran en Libia? Pois que os refuxiados empezan a chegar até Ceuta e Melilla.

Como chegamos aos CIE?

Os CIE nacen cando o Estado cae na conta de que todas esas persoas que están detendo non cometeron ningún delito, se non que están nunha situación administrativa irregular. Entón búscase un lugar onde, digamos, almacenalos. Optouse por unha vía punitiva e de control. A vía normal dentro da súa lóxica, por outra parte, porque se non esas persoas non permanecería voluntariamente en ningún CIE. Non se quere falar moito disto. Non está moi clara a estrutura de funcionamento. Na práctica, son como cárceres… un exemplo parecido podían ser os centros de menores, unha cárcere que non pode ser unha cárcere e que para algúns acaba sendo peor ca unha cárcere. Nos CIE hai unha indefinición que os fai moi perigosos.

Os CIE definen ese modelo de explotación laboral, persecución e devolución que producen entre a poboación inmigrante un estado de medo.

Que significan os CIE para unha política de inmigración?

Os CIE definen ese modelo de explotación laboral, persecución e devolución que producen entre a poboación inmigrante un estado de medo, de desconfianza… que parece ser o obxectivo desta política. Digamos que os números dos CIE, uns poucos miles, ou os das devolucións, unhas sete u oito mil cada ano, non parecen significativos para unha poboación de máis de cinco millóns de inmigrantes. Pero funcionan como estruturas que os inmigrantes teñen interiorizadas. Saben que iso lles pode pasar a eles.

Fala vostede de Senegal, un país cun certo continxente en Galiza. Como trata o goberno senegalés aos seus emigrantes?

A situación de desamparo é grande. No conflito este en Lavapiés, en Madrid, despois dunha das mortes apareceu por alí un cónsul de Senegal e tivo que chamar pola Policía. Senegal case non oferta servizos aos seus nacionais, e os poucos que ofrece, cóbrallos. Acaban facendo negocio con eles. Teñen que tramitar visados, pasaportes… no caso dos senegaleses, teñen que ir a Madrid a resolver o trámite do pasaporte.

E un país comunitario, como Romanía, como trata aos seus?

Pois os romaneses que están en Galiza teñen que ir a Bilbao resolver os seus trámites. Trámites por exemplo para seren atendidos no sistema sanitario, ao que en teoría teñen dereito como comunitarios, pero precisan determinados documentos que algúns, que viñeron de alá xa en situación de pobreza, non teñen. E aquí lles din que só poden ser atendidos como comunitarios porque así é Romanía a que paga. Pero precisan eses papeis… En fin, están tan mal atendidos como os senegaleses, por poñer dous exemplos.

E con que políticas públicas se atende desde o Estado español aos inmigrantes?

No caso da Xunta, o que se fixo foi converter aos inmigrantes nunha parte do sector de pobreza social, e aplica cos inmigrantes políticas destinadas a colectivos en situación de exclusión social. Pero non hai servizos específicos, mesmo desapareceron a nivel municipal, non se gastan recursos nestes cidadáns.

Que políticas públicas fan falta?

Loxicamente hai que mudar a lei de estranxeiría e este decreto sanitario que exclúe da atención a inmigrantes. Pero eu diría que o máis urxentes é dispor de recursos materiais e humanos públicos para unha atención organizada. É moi importante que sexan recursos públicos, tamén para que eles se sentiran identificados como cidadanía.

Que vai pasar desde o punto de vista legal con ese continxente de venezolanos que está chegando nos últimos anos?

Até agora, e dada a actitude do Estado español, a vía máis recomendábel para eles era a do asilo político. Iso significa unha entrevista na subdelegación do Goberno na Coruña na que eles piden protección internacional. Obteñen así unha tarxeta para seis meses, e despois dese período poden incluso traballar. Que pasa? Que o procedemento de asilo está levando unha media de dous a tres anos para resolverse e no 2017 practicamente non houbo concesións de asilo. Desde o Foro pensamos que o que vai pasar e que non se lle conceda asilo político aos venezolanos porque se entenderá que a situación alá non é como a de Siria, unha guerra. Claro, unha vez que pasen eses dous anos e pico de espera, xa só lles restarán uns meses para ter o arraigo. Parece que esa vai ser a vía para non abrir unha porta a determinadas nacionalidades. É dicir, por que os venezolanos si e os colombianos non?

O entrevistado

Miguel Fernández Blanco

Miguel Fernández Blanco

Villafranca del Bierzo, 1966. Activista social, cristián de base, con ampla experiencia en traballo social de inserción socio-laboral con persoas en exclusión e inmigrantes. Portavoz do Foro Galego da Inmigración, que naceu en 2004 e reuniu a diferentes entidades para a representación do colectivo e a labor de denuncia.

#Migracións

O Entrevistado.

Miguel Fernández Blanco

Miguel Fernández Blanco

Villafranca del Bierzo, 1966. Activista social, cristián de base, con ampla experiencia en traballo social de inserción socio-laboral con persoas en exclusión e inmigrantes. Portavoz do Foro Galego da Inmigración, que naceu en 2004 e reuniu a diferentes entidades para a representación do colectivo e a labor de denuncia.

Outras teimas

Deixe um comentário