A Xunta indulta Ponte Inferno e condena o Verdugo

A central hidroeléctrica comezou a turbinar de novo ao día seguinte de que os ecoloxistas denunciasen que Augas de Galiza non completou o proceso de extinción da concesión do encoro, que data de 1899.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña | 18 de decembro. A Xunta de Galiza deixou caducar o trámite de extinción da concesión de 1899 dun encoro no río Verdugo. Tres anos facendo que facía para non facer nada nin incomodar a eléctrica (Naturgy), un poder asentado no país malia que a propiedade e os cartos escapasen hai anos cara o Mediterráneo. A presa de Ponte Inferno segue en pé, a empresa volveu turbinar ao día seguinte de que os ecoloxistas, Adega e as asociacións A rente do chan e Pladever, lanzasen unha alerta indignada.

“Comunicouse hai apenas quince días. Procedemento nulo. É dicir, o expediente de caducidade, caducado… por falta de dilixencia de Augas de Galiza”, explica Fernando Malvar, de A rente do chan. “No 2017 caducou a concesión, que era de 1899, Augas de Galiza tiña que ter iniciado os trámites de oficio. Pero non o fixo. No 2018 fomos entrevistarnos con eles, coa Administración, e tamén levamos o caso á Fiscalía de Medio Ambiente de Compostela. Entón fixeron algúns trámites para a extinción da concesión. Tiñan 18 meses, que finalmente foron 20, dous de graza pola situación de pandemia.”

En xaneiro de 2019, Naturgy presentou alegacións. Os ecoloxistas responderon en marzo esixindo o precintado cautelar do encoro. “Inexplicabelmente, a Administración deixou pasar máis de oito meses, até novembro de 2019, para mover un papel, e outros sete meses máis, até xuño de 2020, para emitir o informe, xusto 10 días despois de que por lei caducara o trámite de extinción… Mesmo tendo en conta a suspensión dos prazos administrativos, desde mediados de marzo a xuño de 2020, causada pola pandemia, a mediados de novembro deste ano, dous anos despois de iniciarse o procedemento, os trámites aínda non estaban concluídos”, explica Adega na nota de prensa deste venres que denuncia o fracaso das institucións públicas na que debería ter sido a primeira reversión dun encoro ao dominio público na demarcación hidrográfica Galiza-Costa.

Ponte Inferno. @adega

Os ecoloxistas instarán á Administración a empezar de novo o procedemento de extinción. Presentarán un recurso de alzada diante da Consellería de Medio Ambiente. Mais non descoidarán a vía penal aberta con denuncias contra a empresa por parte do Seprona e outra no Xulgado de Instrución nº 1 de Pontevedra por non alcanzar os límites do caudal ecolóxico.

“Esta empresa fai o que quere e a Xunta está habituada a non facer nada”, quéixase Malvar, “desde 2005 incumpre reiteradamente a lei, desde o 2008 hai unha sentenza firme do TSXG esixindo que se rebaixe en cinco metros a altura da presa, pero non o cumpriron e a presa segue tendo 11 metros”.

O aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Inferno no río Verdugo data do 20 de setembro de 1899. En 2020 tiña que estar listo o expediente de extinción. A Xunta tería recuperado a titularidade e, segundo establece a lei, podería volver sacar a concesión a concurso ou solicitar da empresa que restaurase o río á situación anterior. Polo momento, Naturgy gaño tempo, non fará obra ningunha e continuará “facendo caixa cun aproveitamento hidroeléctrico que data do século XIX”, di Adega.

Outros expedientes

Na mesma situación poderían atoparse tamén outros 4 expedientes de extinción de concesións, con prazos mesmo anteriores: dous máis de Naturgy nos ríos Lambre e Anllóns e outros dous de ENEL Green Power España nos ríos Vexo e Mandeo.

“Mentres Núñez Feixóo teima en eliminar e simplificar trámites administrativos para beneficiar a actividade empresarial, o seu goberno non ten présa en tramitar a recuperación das concesións hidroeléctricas. Todo sexa por beneficiar a determinados lobis empresariais a costa dos dereitos da cidadanía e do ambiente”, denuncian Adega. “Nós seguiremos a loitar porque a concesión retorne para o dominio público e non volva saír a concurso, que se rexenere o río”, conclúe Fernando Malvar e anuncia que nas próximas semanas os ecoloxistas intensificarán a campaña sobre Ponte Inferno, convertido xa nun símbolo da batalla contra a depredación dos recursos hidráulicos do país.