A Xunta informa da paralización en Touro para evitar unha investigación desde Europa
Medio Ambiente explica nunha carta á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo que a declaración ambiental sobre o proxecto resultou negativa e solicita que se teña en conta na decisión de enviar ou non unha misión visitar as minas galegas.
Redacción adiante | A Coruña, 6 de febreiro. Diante da falta de institucións públicas rigorosamente democráticas no país, Europa é o camiño máis curto para obrigar a Administración a acometer as súas responsabilidades no coidado do territorio e das súas poboacións.
O Parlamento Europeo sopesa se enviar unha misión de eurodeputadas (Fact Finding Visit) para comprobar sobre o terreo as denuncias de colectivos cidadás sobre o perigo que para a veciñanza e o medio ambiente supoñen determinadas prácticas de explotación mineira en Galiza: os casos de Touro e Lousame (a mina San Finx), mais tamén outros como Santa Comba ou o Monte Neme.
O Goberno do PP na Xunta coñece o risco dunha intervención deste tipo. Antes sucedeu co estado das rías, e o conflito político segue vivo grazas a aquilo. E agora que os medios se lanzan a anunciar o descubrimento do ouro do coltán en Viana do Bolo, tamén a Xunta ten présa para evitar que Europa meta o nariz.
Por iso a Conselleira de Medio Ambiente apresurouse a comunicar ao Parlamento Europeo a resolución da declaración de impacto ambiental negativa sobre o proxecto mineiro presentado por Cobre San Rafael para a re-apertura da mina de Touro-O Pino, que se publicará no Diario Oficial de Galiza de mañá, 7 de febreiro.
Nunha carta datada o 31 de xaneiro, o departamento de Ánxeles Vázquez diríxese a presidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, Dolors Montserrat (PP), coa intención de dar conta do acordo respecto ao proxecto mineiro de Touro e insistindo que a declaración “tiene el carácter de informe vinculante para la resolución que corresponde adoptar al órgano sustantivo con competencias en materia de minas”.
O documento subliña o seu obxectivo ao final: “lo (…) ponemos en tu conocimiento a los efectos de la decisión que se adopte al respecto de las peticiones relacionadas con el proyecto”.
As peticións ás que se refire son a nº 1194/2017 (presentada pola asociación ecoloxista Cova da Crea), a nº 0174 / 2018 (de Petón do Lobo) e a nº 0386/2018 (da Plataforma Mina de Touro- O Pino NON). Estas peticións foron obxecto de debate nunha sesión da Comisión o pasado 12 de novembro grazas as xestións da nacionalista Ana Miranda, que apenas un mes antes levara tamén ao Parlamento Europeo a peticionarios en relación co estado da mina San Finx.
Despois do debate, a Comisión de Peticións acordou que as tres demandas ficaran abertas “para o seu seguimento e avaliación”, o que pode supoñer que nalgún momento os europarlamentarios decidiran activar esa misión e analizar in situ o estado das explotacións mineiras na Galiza.
“Veñan a Touro, veñan a Galiza, e véxano cos seus propios ollos antes de que sexa demasiado tarde”, dixo Iria Ares, activista da plataforma de Touro, diante da Comisión de Peticións en novembro, onde tivo ocasión de intervir xunto a Luis Gallardo, María Sampedro e Isabel Vila que coincidiron en denunciar o desleixo das Administracións públicas estatal e galega neste caso.
A carta de Ánxeles Vázquez á súa compañeira de partido e presidenta da Comisión de Peticións, tan urxente que se enviou apenas se fixo público o resultado do estudo ambiental e mesmo antes da súa publicación no DOGA, “ten a intención evidente de frear esa misión de eurodeputadas”, advirten desde os colectivos que presentaron as peticións en Europa.
Touro
Gaña Touro, a guerra segue
Militantes ecoloxistas valoran a decisión da dirección xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático de emitir unha declaración de impacto ambiental negativa con relación ao proxecto de actualización da explotación da mina de Touro.
Touro acumula contexto
A activista madrileña dota á pelexa contra a mina de cobre que quere reactivar Atalaya Mining de argumentos e inxírea no movemento global de resistencia.
Mina Touro-O Pino, NON (un texto de Emma Pedreira)
As máscaras. O engano. O veleno nas mans de quen chega para arrincar os metais metendo os dedos por baixo da nosa pel e turra. Os camións a pisotear o resto. O roubo, o espolio, a precariedade e o engano; as botas da morte na nosa cara. Canto tardan en sandar as feridas dunha guerra?