Accidente do ALVIA | Falan as vítimas (3)
"Espero que se sinalen os culpábeis e que morran da vergoña"
Esperanza Fernández
[O 24 de xullo de 2013, Esperanza Fernández perdeu o seu pai e a súa cuñada. Isidoro Fernández Redondo (67 anos) foi das últimas vítimas en ser identificadas, a número 73. Marta Jiménez Cámara (28 anos) era natural de Valdepeñas (Ciudad Real) e acompañaba a súa parella, Isidoro Fernández Iglesias, para reunirse co resto da familia deste na véspera do día de Galicia. O único que sobreviviu foi Isidoro fillo, o irmán de Esperanza, quen tivo que pasar 2 meses na Unidade de Queimados da Coruña. Máis de cinco anos despois, as cuestións aínda abertas.]
Comostela, 24 de decembro. Non teñen nada que facer contra as familias que perderon os seus fillos, porque a batalla destas familias vai ser esta para toda a vida. Precisamos darlle dignidade á xente que faleceu por culpa dos máis. Por iso, saia o que saia da comisión, xa se verá. Non quero aventurar nada e supoño que a Plataforma tampouco. De todas formas, saia o que saia, non perdemos, nunca, xamais. Iso tamén o falamos moito. Aínda que non gañemos a guerra, gañamos moitas batallas unha a unha.
O ACCIDENTE
Moita xente xa desde o principio xa sentía que era así. Ou sexa, un tren que ten todos os sistemas de seguridade e custa millóns de euros… Era imposíbel que toda a culpa fora dun señor que se despistou. Se lle tivese dado un ataque ao corazón que tería pasado? Ía só unha persoa aos mandos dun comboio. A miña familia sentiu desde o primeiro momento que non só o maquinista debía ser culpábel. Tiña que haber máis cousas. Por iso, cando a xente se comezou a recuperar e a ser conscientes do que pasou, comezamos a investigar e a xuntarnos aos poucos.
Tamén é verdade que o primeiro ano estivemos nun limbo emocional. Non foi até despois do primeiro ano que nos reunimos todos, que a prensa comezou a reunir historias e falar coa xente… Non foi até aí que comezamos a ver que había algo máis. Moitos pensabámolo xa e outros foron xuntándose a medida que pasaba o tempo.
Cando pasou o accidente, hai moitas lagoas que tes aínda e que tes que ordenar. Eu, por exemplo, non me paro a pensar porque se o fago non podo vivir. Non tiven aínda o meu momento de deixarme caer por conta das miñas circunstancias familiares. Entón, eu daquela tívenme que enfrontar aos de seguros de viaxeiros aos tres días. Estaba o meu irmán en queimados na Coruña e o meu pai acabábano de atopar. Eu fun facer as reclamacións oportunas, porque tes que facer ti as xestións para reclamar obxectos perdidos e seguros. Montaron a oficina e ao reunirme con eles comezaron a falarme de moitas cousas. Díxenlles que o que se ía reclamar era o funeral, sobre todo da miña cuñada porque trasladar o corpo desde Santiago até Cidade Real serían 15.000 euros. Eles comezaron a falarme, eu estaba soa. A miña nai estaba a ser operada en Cidade Real, o meu pai estaba sendo enterrado… Así que collín o teléfono e púxenlles o meu irmán, que é director dunha oficina de seguros. Aí foi cando, ao falar con el, baixaron moito o ton. Eu non digo que teñan que saltarse as cláusulas, mais debían ter unha empatía. Eles ían alí para dous ou tres días e marchar.
A PLATAFORMA
Despois de que pasara todo iso –ir a Coruña amañar papeis, o xulgado, as herdanzas, encher formularios, certificados de defunción…–, entras no teu mundo e apágaste un pouco. A primeira reunión de vítimas á que fun foi unha de APAFAS nun hotel no Hórreo, mais eu púxenme as pilas por Bob, un home de Houston que perdeu a súa muller. El non entendía a pasividade que tiñamos aquí, dicía que en Estados Unidos xa estarían na rúa con pancartas. E eu non quería porque me daba vergoña. Dábame vergoña porque non quería que a xente me coñecese ou me sinalase, ou que me mirasen con mágoa. O que me tiraba para atrás é o morbo que provocamos na xente. Sentíame marcada e sentía medo por enfrontarme á xente.
Os meus irmáns máis eu fundamos a páxina de Facebook e cando comezamos a ter máis contacto con xente en Madrid, contactamos con Jesús e xuntámonos á asociación. Decidimos entón que a páxina e a asociacións se xuntaran. Aí a nosa plataforma xa tiña 7.000 seguidores e algo. Agora teñen preto de 14.000. Penso que son poucos. Despois da entrega das medallas, comezamos a estar máis en contacto. Non vou dicir que fora un campo de rosas. Todos temos os nosos máis e os nosos menos, mais vemos que as diferenzas van diminuíndo e vemos que aquí o que prima é o ben común, o ben de todos.
“Púxenme as pilas por Bob, un home de Houston que perdeu a súa muller. El non entendía a pasividade que tiñamos aquí, dicía que en Estados Unidos xa estarían na rúa con pancartas. E eu non quería porque me daba vergoña. O que me tiraba para atrás é o morbo que provocamos na xente.”
Todo o que facemos non é en van. Conseguimos algo moi importante que é chegar a Europa. Tamén mostrar como hai moitas chapuzas e como funcionan moitas políticas, xa non só no que a nós nos afecta senón a respecto de moitas cousas que fan neste país. Saia o que saia, non perdemos porque, aínda que non o queiran recoñecer, ese accidente foi totalmente neglixente. Ademais disto, a nós humilláronnos e faltáronnos ao respecto cada vez que interveñen e fan algunha comparecencia e nos dan o pésame en calquera institución. Tamén cando estivemos nos concellos de todo o Estado español buscando apoios para a Comisión de Investigación tamén moitos socialistas sempre comezaron a súa comparecencia co seu pésame, sumándose á nosa dor e non. Non. É humillante para nós. Estás a poñernos trabas, estás negando a facer unha comisión de investigación independente, Europa di que a CIAF non é independente, non queres volver reabrir a investigación…. Non veñas darme as túas condolencias nin sumarte á miña dor. Estás humillando os meus seres queridos, os meus familiares que están mortos, estás faltándolles ao respecto e por aí si que non imos pasar.
A COMISIÓN
Persoalmente, a min non me está a sorprender como decorre a Comisión. Despois de ver como funciona o mundo da política, é claro que os pactos existen entre partidos que non teñen a mesma opinión. Ves moitos intereses políticos de persoas que estiveran nos cargos que foran sinalados por nós e polas evidencias que amosamos. Entón, claro, que terán que agochar para estar enredando isto? As comparecencias que eles escollen sempre van dirixidas. De feito, tivemos o lapsus do ex presidente da CIAF, Vicente Rallo, que dixo que Ana Pastor non deixara reabrir a investigación e logo á tarde permitíuselle entrar para rectificar. Aí é evidente que hai unha “man negra”. Logo ao mellor non aceptan outro, mais ese si. Tamén o deputado do PP Celso Delgado, que é quen fai as preguntas, emitiu hai pouco unha opinión persoal antes de que acabara a comisión. Deu a entender que non había máis culpábel que o maquinista. El xa vai co xuízo feito, non vai intentar investigar, vai coas súas ideas fixas e de aí non se moven. Chegan aí para facer un paripé‘e iso é faltarnos ao respecto porque non están abertos a coñecer a verdade.
Para min está a ser un paripé. E os políticos que están a ser máis independentes e están a dar máis caña como Alexandra Fernández Miranda ou Gabriel Rufián están evidenciando moitas cousas, sacando á luz moitas cousas que nós xa estivemos reivindicando. Isto danos a razón, mais aínda que fica moito por preguntar e investigar. Despois, algo que pediamos desde o principio, é que as vítimas volvan ter voz ao final da comisión de investigación.
Eu non estiven cando nos tocou comparecer ás vítimas. Foron Jesús e Cristina, Conchi de Estremadura -que perdeu o fillo, por APAFAS-, e Conchi -a mamá do mozo da filla de Asun-. Todos levaban a mesma liña de reivindicación e declaracións. Desde aí até agora, seguimos a pensar o mesmo. Non variaron as nosas opinións.
Cando contactamos con algún partido, sempre queren saber que queremos reivindicar para levar unha liña común entre o grupo e as nosas demandas. Aínda que sempre hai un 50-50 de interese, o que fan sempre os partidos é intentar estar en sintonía con nós. E se hai algún logro, ou ven algún posíbel camiño, sempre se poñen en contacto con nós porque eles non lideran a cuestión. Sempre están atentos.
A XUSTIZA
Puxemos contra as cordas o sistema político e xudicial español. É moi forte dicir isto, mais no Estado español é claro que non está garantida a independencia xudicial. Grazas a nós volveron reabrir o caso, grazas a nós e a pesares de todas as trabes das institucións como Adif, Renfe ou o goberno español pechouse a instrución con outro imputado. Evidentemente, a plataforma recorreu porque pensamos que hai máis responsabilidades.
Europa xa dixo o que tiña que dicir. Xa fóramos varias veces e xa nos atenderamos. Violeta Bulc díxonos que nós, como cidadáns, pedíramos ao noso goberno. Ela non entende como o Estado español actúa así. Os informes da Unión Europea dixeran que, evidentemente, a CIAF non era un organismo independente e que se debera repetir. Un non pode ser avogado e verdugo ao mesmo tempo. Porén, tamén nos dixeron que eles teñen as mans atadas e que obviamente non poden obrigar o Estado a repetir a comisión de investigación. Aí é onde entramos co ministro Abalos, que xa recibiu a comisaria Violeta Bulc, e con quen hai máis de dous meses solicitamos unha reunión. Queremos falar con el sobre como ían as propostas que fixemos, que o ministro e o seu equipo ían estudar. Penso que o mínimo que merecemos é que se nos responda cando nos vai recibir ou, en caso contrario, diga que xa non nos quere recibir. En fin, está claro que outra vez están dando largas, rizando o rizo, vendo como poder zafar disto e saír algo máis vitoriosos para non volver demostrar que neste Estado todo está a conveniencia de quen manexa os fíos.
Eu tamén quedo con que Violeta Bulc que desde o accidente de Angrois foi feito un paquete de medidas a nivel ferroviario, que debe ser de obrigado cumprimento desde 2016. Se os países membros non cumpren iso, serían sancionados. Iso si, non tería carácter retroactivo, polo que todo o anterior que non se cumpriu en materia de seguridade ferroviaria, non entraría. Iso tamén foi frustrante. Con todo, Bulc xa deixou o posto e comezou agora un novo comisario.
“Puxemos contra as cordas o sistema político e xudicial español. É moi forte dicir isto, mais no Estado español é claro que non está garantida a independencia xudicial.”
As esperanzas dalgunhas persoas é que do que saíra na comisión de investigación influenciara tamén a parte xudicial. Con todo, o xuíz non chamou ninguén da UE a declarar. Na comisión si que foi declarar o xefe da Unidade de Seguridade Ferroviaria da Axencia Ferroviaria Europea, Chistopher Carr. Penso que o xuízo tamén foi algo fabricado a nivel de comparecencias. Foi a gusto dos intereses de certas persoas. Desde que se pechou a instrución, abriron 10 días para reclamar. Penso que na comisión de investigación, ao verse libres, non van cantar. Claro, se ti estás sinalado e están a facer unha investigación, pode ser que fales dalgún.
Claro, agora todo está calmado. Hai dous imputados e eran obvios. Eu tiña moi claro que Andrés Cortabitarte ía ser sacrificado. Moi claro, porque se non chegan a facer iso ardería Troia. Era obvio que ese señor –era director de Seguridade de Adif cando se activou o servizo Ourense-Santiago– tiña unha responsabilidade. O maquinista xa tiña responsabilidades mais obvias, mais a Cortabitarte están a sacrificalo. Non sei se chegará a haber condena de prisión, quizais inhabilitacións.
A plataforma recorreu porque quería máis imputacións, incluíndo a Antonio Lanchares [ex responsábel de seguridade de Renfe]. Polo tanto, aínda que pechou a instrución, seguimos a recorrer.
Eu teño moita rabia, mais eu son da opinión de que o meu pai e a miña cuñada morreron por culpa doutra xente. Non podo dicir que os mataron, mais teño ese sentimento. Non pretendo dicir que eles pretenderan cargarse a vida de tantas persoas ou desgraciarlle a vida a tantas outras. Todo o mal que fixeron non o van poder amañar. Outra cousa, cando se falaba das indemnizacións… canto vale o sorriso dun fillo? Que podes esperar, realmente? Eu o que espero é que se sinalen os culpábeis e que morran da vergoña, que se saiba que por culpa de este e de esta outra persoa morreron tantas persoas. Non teñen dereito a durmir coa conciencia tranquila, que se recoñeza a súa responsabilidade neste accidente. Se fose un accidente fortuíto e se comportaran con empatía, terías rabia mais polo menos notarías o apoio dos teus representantes políticos que votaches. Ao contrario, eles só nos humillaron máis e nos trataron de parvos. Despois disto, é difícil non pensar na xustiza sen un velo de rabia. Só quero que se decaten do que fixeron e que o mundo tamén o saiba.
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
Frankenstein 04155
Opinións
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Opinións
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan