Accidente do ALVIA | Falan as vítimas (1)

"80 mortos, 4 anos de cadea: unha pena leve, non?"

JOSÉ ANTONIO GAYOSO

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

[José Antonio Gayoso regresaba A Coruña aquela tarde despois de presentarse nos xulgados de Plaza de Castilla en Madrid para cumprir cun dos trámites da súa baixa laboral no Corpo Nacional de Policía. Gayoso sufrira un accidente de circulación durante o traslado dun preso, no regreso a Madrid. Anos antes, destinado en Euskadi, zafou dalgún atentado, conta, pola súa experiencia no terreo. Pero unha vez ETA colocou unha bomba xunto as vivendas da Policía. E estourou. El non sufriu danos, pero o seu automóbil particular si. Daquela entrou en preitos coa Administración polas indemnizacións e os seus dereitos como vítima. Cando sobreviviu ao accidente do Alvia enseguida soubo a que poderes se tería que enfrontar. Hoxe segue na pelexa.]

A Coruña, 17 de decembro.  Eu son neto dun maquinista, e cando nos levaron a Urxencias tiña ao lado ao maquinista do tren. Miraba para el e estaba vendo ao meu avó, que sempre me pareceu unha das persoas máis razoábeis que coñecín. Foi un momento. Mirábao e dinme conta de que ese home que facía o seu traballo íase comer o marrón.

O ACCIDENTE

Sentín que o tren descarrilaba. Levei golpes por todas partes. Estaba todo escuro. Cando intentei incorporarme, a xente queixábase. Non sabía onde pisaba. Intentei axudar unha rapaza. Collina polos brazos, pero ao tirar empezou queixarse. Despois díxome que collera á muller que tiña o lado. Turrei por ela pero notei que estaba inconsciente. Estaba morta. Saín como puiden. Baixei do tren. Vin chegar correndo un bombeiro, ou un policía. Non lembro ben. Díxenlle que tiñan que romper as ventás, que non había por onde entrar. Mirou para min como se eu fora un marciano. Non dixo nada e seguiu. Vin arder os vagóns e pensei que fora un atentado. Foi o que pensei.

Unha infraestrutura como a Alta Velocidade, por favor… se ti miras, non hai accidentes. Incumpriron moitos principios. O tren no era un tren lixeiro, era moi pesado. Os materiais, os asentos, os cristais… había cristais, romperan, algo que non debería ter pasado.

A muller estábame esperando na estación do tren aquí na Coruña. Aos poucos minutos chameina e díxenlle que o tren descarrilara e que ía tardar, que me esperara na casa… Tomouno como algo normal porque ela vivira un descarrilamento dunha vez alá en Rentería e non fora nada. Despois viu a televisión, pero xa falara comigo.

Somos humanos e todos podemos cometer un erro. Foi o que pasou co maquinista. Iso enténdoo, pero a frialdade e a impunidade coa que se actuou desde a Administración… iso é o peor.

O ESTADO

Cando pasou o do Alvia eu xa tiña experiencia de como me tratara o Estado. Nunha entrevista en televisión, aos poucos meses do accidente de Angrois, xa contei que me temía o que despois pasou. Hoxe non lembro que foi o que me levou afirmar iso naquel momento. Loxicamente, eu escoitara as primeiras manifestacións do maquinista cando fala con Atocha e se laia dicindo que iso xa o sabían os de seguridade, e di: ‘Me ha tocado a mi’. Xusto despois do accidente, nese momento non minte o home, é imposíbel.

Aos poucos días houbo unha rolda de prensa na Xefatura Superior de Policía, aquí en Santiago, dicindo que para a Policía estaban rematadas as dilixencias e que o autor era o maquinista. E presentábano como detido. Esa rapidez sen entrar en máis consideracións… cando sucede iso é porque hai detrás unhas instrucións rápidas . Ti podes presentar ao detido, pero podes seguir coa investigación. Iso foi facer o favor político ao político que toca. E, a continuación, reclamar unha medalla con pensión, como pasou. Se ti pinchas en Google: rueda de prensa+jefatura superior de Policía+Iglesias: sae isto

As medallas con distintivo vermello están destinadas a quen sufriu algunha lesión, suponse… e tes que ter ti unha intervención directa. Non cumprían eses requisitos. Deron unha rolda de prensa facéndolle un favor aos políticos, e despois aparecen os políticos dándolles unha medalla con pensión.

Doe. Pero tes que loitar contra iso. Son unha persoa que o vivín e sei o que pasa. O normal é quedarte calado. A xente está desarmada. Eu non podía permanecer calado. Foi no propio Xulgado onde mo dixeron. Eu fixera unha denuncia no Xulgado de Instrución de Santiago, igual que denunciara a ETA. Chamei e unha funcionaria díxome: ‘O que tedes que facer é asociarvos’. Para loitar tes quer estar asociado. Porque ti só, onde vas? Somos particulares e temos unhas capacidades moi limitadas para enfrontarnos á Administración. Ás veces tiramos de instinto… e tamén houbo moita xente boa que se achegou a nós e nos axudou.

José Antonio Gayoso, na Coruña.

A COMISIÓN

A Comisión é un instrumento bo para que xente que tivo responsabilidades manifestara publicamente cal foi a súa intervención. Descoñezo se van comparecer Ana Pastor e José Blanco. Hoxe en día, quen máis sabe do asunto é Ana Pastor. De Ana Pastor e José Blanco, a estas alturas xa coñezo as respostas. Trataron de enterrar o asunto, de dilatalo, cambiaron xuíces, fiscais, influíron na avogacía do Estado… A estratexia da mesa paréceme que é poñernos a nós, ás vítimas, de primeiras e logo ir graduando aos comparecentes para que as nosas queden un pouco esquecidas. Sigo as comparecencias a través da web do Congreso. Persoalmente estou decepcionado cos deputados galegos do PP e do PSOE… que en principio teñen que defendela nosa seguridade.

A Celso Delgado véxoo como o típico administrativo escuro… esa persoa non obedece aos intereses dos seus concidadáns. Hai que partir da idea de que os políticos viven da xestión do público, e que a dereita ten esa xestión como algo patrimonial deles, mentres que a esquerda víveo como se fora algo pre-revolucionario… Non sei, ves actuar os políticos e esperas que desa antítese saía unha síntese que nos beneficie aos cidadáns. Agora mesmo o noso tema é unha arma nas mans de Podemos e de ERC, non? É unha arma e estana usando. A nós agora benefícianos que se saque a luz isto. En teoría, os deputados galegos de Podemos parecen os máis afíns á nosa causa. Obxectivamente é así. Quizais por proximidade, por utilidade política, por empatía ou polo que sexa, podo verme algo representado en Alexandra Fernández. O BNG non está nesa Comisión, pero teño que destacar o traballo de Ana Miranda, que axudou coas xestións diante da Axencia Europea do Ferrocarril. E tamén é incansábel a defensa das vítimas que Ana Pontón fai no Parlamento galego.

Quen lles vai ganar no seu terreo aos altos cargos, aos xefes de seguridade de Adif e Renfe? Un deputado, unha vítima non. Vimos como un destes cargos dixo que Ana Pastor impedira unha investigación, e volveu o mesmo día a retractarse. Agora sabemos que a súa filla é un alto cargo en Fomento… pero polo PSOE. As comparecencias de Jesús e Cristina en nome das vítimas ten sido o mellor que pasou na Comisión. O demais son todo comparecentes que están alí polas decisións que tomaron, polas súas neglixencias ou descoñecemento… aínda que digan que as decisións se toman en conxunto, ti se estás nunha mesa, tes voz e pódela manifestar. Iso non te exime da túa responsabilidade. Igual non teñen unha responsabilidade penal, pero si política. E non dimitiu ninguén.

Non sei que conclusión tirará a Comisión, pero que saía á luz pública todo isto xa é un gran logro para uns particulares que fomos menosprezados. A xente, o público… se o día de mañá pasa algo, saberá a que aterse. Iso é moi importante para a seguridade colectiva, tanto para os cidadáns como para os que vaian tomar as decisións. Pensarano un pouco máis.

A fronteira está nos investigados. Está aí: nos xefes de seguridade. Por riba deles estaba o secretario de Estado de Infraestructuras de Fomento que era Rafael Catalá, nomeado despois Ministro de Justicia. Así que se o xuíz salta os xefes de seguridade, o seguinte sería el. A sensación que teño eu agora mesmo é que están poñendo todo para que os xefes de seguridade aguanten e a cousa non vaia máis arriba.

Os políticos terán seu corazón como calquera persoa. Non sei que pensar. Hai unha regras, e cando os políticos ían chegando de un en un, ou agora que chegan de cen en cen, tampouco cambian as regras. E cando chegan a miles, os sistemas de poder son igual de corruptos.

A XUSTIZA

Rafael Catalá non tería acabado de Ministro de Justicia se non estivera naquel momento como responsábel de infraestruturas de Fomento. Ese foi seu mérito. Que cambiaran ao xuíz Alaiz non foi casualidade. Non lle tocaba. Pero imputou aos presidentes de Adif. A Audiencia Provincial retirou as imputacións con argumentos baseados nos escritos do fiscal, Antonio Roma, que estivo opoñéndose ás dilixencias do xuíz natural, ao que lle correspondía instruír a causa até o final, porque se lle supón que non está contaminado… Pois, cambiárono. E puxeron outro.

Pasou o tempo e afortunadamente a Axencia Ferroviaria Europea fixo un informe sorprendida de que os mesmos que tomaran as decisións sobre os trens e a posta en circulación das vías foran quen fixeran o informe sobre o accidente. Iso obrigou á Xustiza a reabrir o caso. Ao fiscal Roma, que era un fiscal de sala en Santiago, puxérono nun posto de nova creación en Estrasburgo para a loita contra o crime organizado en países de Sudamérica.

Que teñan sobre eles a espada de Damocles de Europa, digamos que permitirá que o xuíz teña máis autonomía e se respecte máis o seu traballo.

Como se faría xustiza? Pois a Administración tería que repensar os procedementos polos cales se toman as decisións que afectan á seguridade colectiva. A toma de decisións ten que ser con luz e taquígrafos. A nosa seguridade é o máis importante. Por que funcionan os países que mellor funcionan? Porque a seguridade colectiva dáche como individuo unha seguridade para moverte e para actuar. Por que non son libres de dicir nesa Comisión o que pensan, o que realmente saben? Porque non están seguros, porque mañá poden cambialos de posto, traerlles consecuencias.

Responsábeis? Se hai delito, as nosas accións teñen que ter unha resposta penal. Poden ser condenados por neglixencia e pode que non tiveran vontade de causar dano, pero para iso tamén hai penas no Código Penal. Creo que son catro anos… Lin un artigo dun xornal de Estados Unidos que se sorprendía que, con 80 mortos, a pena puidera ser de 4 anos. Poñíano no titular. 80 mortos, 4 anos de cadea: unha pena leve, non?

Frankenstein 04155

Deixe um comentário

Deixe um comentário