Adianto electoral para redefinir bloques políticos

Carmen Arango

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Os mentideros madrileños estaban ben informados esta vez: Votaremos en eleccións xerais o 28 de abril, un mes antes do superdomingo electoral no que coincidirán os comicios europeos, municipais e autonómicos na maioría dos territorios. En apenas tres meses, as urnas dirimirán boa parte do poder territorial para os próximos anos con dous puntos de partida: Estabilízase unha fragmentación, á que se suma VOX, que fará necesarios os acordos entre os diferentes partidos para poder formar goberno; e albíscase unha viraxe do electorado cara a postulados conservadores favorecido pola desmobilización do electorado progresista.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, vinculou o adianto electoral ao rexeitamento dos Orzamentos Xerais do Estado no Congreso e confirmou as filtracións que, desde La Moncloa e Ferraz, sinalaran que o non de ERC e o PDeCat ás contas públicas socialistas derivarían nun adianto electoral. Sobra dicir que non estariamos a falar deste escenario se non fóra polo fracaso da manifestación convocada polo PP e C’s, con foto de familia incluída coa plana maior de VOX, na praza de Colón de Madrid contra os contactos do Goberno central co independentismo catalán. Tampouco se o PSOE percibise desgaste nas sondaxes sobre estimación de voto.

Finalmente, acudiremos ás urnas o 28 de abril nunha convocatoria que sorprendeu a case todos os actores, que apostaban por un Sánchez atrincheirado na Moncloa até outono. O líder do PP valorou o adianto electoral como consecuencia da convocatoria de Colón á vez que Cidadáns decidiu por unanimidade non pactar co PSOE en ningún escenario tras as eleccións. Unidos Podemos, o principal socio parlamentario do Goberno, afeou ao PSOE que se dedicou durante meses a preparar a campaña electoral en lugar da defender a axenda social dos PGE mentres que VOX proxecta modelo de país e discurso como acusación particular contra os líderes do Procés, que estes días comparecen ante o Tribunal Supremo.

O ascenso do PSOE e a fragmentación do centrodereita

Que o PSOE levaba semanas preparándose para un posible adianto electoral certifícao a difusión das primeiras mensaxes de precampaña, con anuncios moi ben realizados e mensaxes claras dirixidos ao seu nicho de votantes que en 2011 abandonaron as filas socialistas. Tamén a presentación das memorias do presidente do Goberno, que constitúe un acto máis da precampaña dirixida a dominar o espazo mediático diario e o discurso cunha mensaxe nítido ao electorado: O PSOE é a única fronte posible para traballar por un país no que caibamos todos ante unha alianza de todo o espectro do centrodereita que, ademais, manifesta sinais de contaminación do efecto VOX.

Parece que este marco está a funcionar. As últimas sondaxes sobre estimación de voto apuntan escenarios similares: O PSOE recuperouse tras o desastre electoral que, en xuño de 2016, deixoulle en 84 deputados no Congreso dos Deputados, recuperación que se sustentaría no retroceso de Unidos Podemos, a marca electoral coa que a formación morada acudiu ás urnas xunto a EU, Equo e as confluencias.

“Parece que este marco está a funcionar: O PSOE é a única fronte posible para traballar por un país no que caibamos todos ante unha alianza de todo o espectro do centrodereita que, ademais, manifesta sinais de contaminación do efecto VOX.”

Podemos albíscase como unha forza política independente das confluencias (con presentación de lista alternativas en Galiza ou na Comunidade Valenciana) e dixire a súa permanente crise interna e a crítica externa do seu electorado máis esixente. Falamos dun estado de ánimo que se proxecta na desmobilización do seu electorado e na posibilidade de que apenas conserve 40 dos 71 deputados obtidos nas eleccións xerais de xuño de 2016.

Non é o único movemento que se percibe na fragmentación política que se confirmou nas eleccións celebradas en 2015. A irrupción de VOX, aínda en fase de ascenso como marca política tras o seu papel no cambio no goberno da Xunta de Andalucía, monopoliza a axenda política, en boa medida polo efecto contaxio ás forzas políticas que compiten directamente por un electorado que se move entre unha cosmovisión de país moi conservadora e o enfado ante o statu quo.

Os datos parecen concluíntes: VOX crece á conta do PP (o 40-50% do seu electorado potencial procede das filas populares), de C’s (20%) e de abstencionistas (20%), cun discurso que se move entre os postulados neoliberais no económico e neocon no resto, cunha reacción airada á mobilización das mulleres e das minorías, que circunscriben nunha sorte de guerra cultural.

É a fuga deste electorado, que durante anos foi un voto cativo do PP, o que explica a estratexia política dos populares, que parecen incapaces de desmarcarse de VOX aínda á conta de ceder espazo no centro ideolóxico. A imaxe de Albert Rivera á beira de Pablo Casado e de Santiago Abascal, dous líderes cos que comparte xeración e estética, alimenta a idea dos trillizos, un marco que está a sepultar as opcións da formación laranxa para postularse como unha alternativa liberal, renovadora e, sobre todo, posible.

A negativa de C’s a pactar co PSOE de Sánchez constitúe un erro de novato que ata á formación de Rivera a VOX e PP. Tras a fotografía en Colón, a formación laranxa necesitaba desvincularse do modelo de país que defende a formación de ultradereita e, por contaxio, o PP. A decisión da súa Executiva de romper relacións co PSOE empúxalle a competir directamente na dereita, o que deixa ao PSOE a posibilidade de seducir ao votante máis centrista. Se temos en conta a situación política pola que pasa Podemos, os socialistas teñen marxe para gañar o centro, o centroesquerda e coquetear coa esquerda baixo a premisa de que son a única fronte útil ante a ultradereita. É dicir, un escenario ideal que pode terminar beneficiando a un líder con tantas carencias como Pedro Sánchez.

“A negativa de C’s a pactar co PSOE de Sánchez constitúe un erro de novato que ata á formación de Rivera a VOX e PP. Tras a fotografía en Colón, a formación laranxa necesitaba desvincularse do modelo que defende a formación de ultradereita.”

Cara a unha política de bloques

A noite do 28 de abril podemos ver, a grandes liñas, un Congreso cunhas maiorías moi parecidas ás que se plasmaron na moción de censura que descabalgou a Mariano Rajoy como presidente do Goberno: Por unha banda, o bloque conservador, cun PP debilitado pola transferencia de votos a C’s e a VOX, que será a sorpresa das eleccións cunha pinza de 35-42 escanos. Aínda en fase de ascenso, non tivo oportunidade de cometer grandes erros que minen a propia coherencia dos seus postulados, doutra banda amplamente difundidos en redes sociais e medios de comunicación xeneralistas.

As sondaxes recollen unha pugna directa entre PP e C’s pola segunda praza, en torno ao 20% de apoio. Con todo, por experiencia, todo fai pensar que finalmente a marca PP aguantará polo seu dominio dos territorios, especialmente nas circunscricións nas que se reparte menos escanos. En calquera caso, un resultado por baixo dos 100 escanos constitúe un fracaso en toda regra do proxecto Casado e faría moi complicada a súa continuidade tras as eleccións de maio.

“Con todo, por experiencia, todo fai pensar que finalmente a marca PP aguantará polo seu dominio dos territorios, especialmente nas circunscricións nas que se reparte menos escanos.”

En fronte, todo apunta a que se configurará un bloque heteroxéneo liderado por un PSOE moi reforzado (é posible que poida chegar aos 130 deputados se non comete erros importantes na campaña electoral), á espera de que Unidos Podemos non se desangre do todo e manteña os 35-40 escanos. Neste suposto, a vista volvería dirixirse aos nacionalismos periféricos, con especial mención ao PNV, cuxo portavoz volveu dar unha lección de facer política desde a tribuna de oradores no debate sobre os PGE.

Se se confirma este escenario, Pedro Sánchez podería conseguir unha carambola case perfecta para afianzar o seu liderado: Dun lado, podería recuperar ao electorado que, desde 2011, abandonou ao PSOE. E, doutro, axudar á pacificación do partido cun bálsamo similar ao que utilizou José Luís Rodríguez Zapatero, é dicir, un resultado aceptable nas CCAA gobernadas polos socialistas desde 2015 e/ou o goberno da Comunidade de Madrid.

Cataluña é o elefante rosa

A devolución dos Orzamentos do Estado foi a escusa esgrimida polo Goberno para ir eleccións anticipadas. A reacción esaxerada do bloque conservador á idea dunha mesa de partidos en Cataluña para desbloquear a situación política na que estamos metidos desde 2012 non ocultou o dano que infrinxe ao PSOE o tema catalán, un dos argumentos defendidos polos baróns socialistas para explicar o fracaso en Andalucía. Quedou demostrado que a imaxe dun PSOE próximo ao independentismo non só serve munición ao adversario, senón que alimenta as contas pendentes nun partido que aínda mantén feridas abertas da súa crise interna.

O fracaso da mobilización conservadora contra a figura do relator, moi mal explicada polo Executivo central, e coas pontes tendidas polo PSOE para axudar a aterrar a cuestión catalá serviron de argumentos para ir a unha campaña electoral que, en principio, será curta e que compartirá protagonismo co xuízo aos líderes do procés. Unha coincidencia que axuda a explicar a posición de ERC e do PDeCat en Madrid, que demostraron un erro de diagnóstico: Ningún mediu cal era a súa capacidade real de presionar un líder como Sánchez, que deu numerosas mostras de seren imprevisible, e o papel de PNV e Unidos Podemos que, durante meses, mediaron para calmar a situación.

Neste momento da partida, o razoable sería pensar en que, tras o 28A, o independentismo participará na construción dunha maioría similar á da moción de censura, á espera de pór prezo político a unha futura investidura de Pedro Sánchez, tendo en conta do proceso xudicial que se dirime no Supremo. No entanto, convén non perder de vista a propia presión das bases sociais independentistas cara aos seus líderes, máis interesados en evitar que se lles acuse de botiflers (traidores) mentres traballan fóra dos focos por buscar unha saída honorable á crise aberta, que se antolla imposible cunha maioría conservadora no Congreso dos Deputados. 

Madrid, 28 de febreiro.

Carmen Arango

Carmen Arango

Son autora do blogue La última en llegar. Son xornalista e politóloga, especialista en comportamento electoral e análise. Desde Madrid, teño contribuído á política de comunicación de partidos políticos. Aínda que estou en fase de transición, sigo con interese os procesos internos de renovación de liderados e proxectos políticos no Estado, cun ollo posto en Catalunya.

La última en llegar

Deixe um comentário

Deixe um comentário