Altsasu: as chaves da montaxe policial e a solidaria resposta popular
Ano e medio de presión mediática e xudicial por unha agarrada nun bar durante as festas
Boro LH | Texto e fotos | Madrid | 3 de maio. Nestes días, a Audiencia Nacional española está xulgando a causa contra os oito xoves da vila navarra de Altsasu, acusados de “terrorismo” por unha agresión a dous Guardias Civiles fóra de servizo e ás súas parellas ocorrida en outubro do 2016. Un dos casos máis soados mediaticamente nos últimos tempos, pola magnificación dos feitos por parte dos medios de comunicación, as esaxeradísimas penas de cadea solicitadas, mais tamén pola onda de solidariedade cos xoves que se desatou tanto en Euskal Herria como noutros pobos do Estado.
Os feitos
Noite do sábado 15 de outubro do 2016, Altsasu (Nafarroa). Son preto das 5 da mañá, ese día celebráronse as Ferias de Altsasu e a esas horas da madrugada grupos de xente nova e non tan nova alongan a noite nos bares que quedan abertos. Nun deles, o Kotxa, prodúcese unha discusión entre un axente da Guardia Civil, que está acompañado por outro e as súas respectivas parellas, e algúns mozos. Finalmente hai unha pequena agarrada e un dos Guardias chama á Policía Foral que se persoa no lugar.
Malia que os Guardias denuncian numerosas lesións, posteriormente queda demostrado que a única lesión é unha fractura de nocello dun dos axentes. Os Guardias Civiles implicados quedan en ir prestar declaración á Policía Foral, mais a fin realizan a denuncia nas propias dependencias da Guardia Civil en Altsasu.
A montaxe mediática
Ao día seguinte, os medios de comunicación abren portadas e telexornais falando dunha multitudinaria agresión, na que, contan, participaran entre 50 e 60 persoas. A grande maioría dos medios de comunicación descríbeno coma un “linchamento” e tratan de ligalo co independentismo e co movemento local Ospa Mugimendua.
Altsasu é unha vila que ten unha historia moi activa socialmente, e conta con ese movemento que reivindica a saída da Guardia Civil de Altsasu e de Euskal Herria e que durante anos viña organizando o Ospa eguna, unha xornada festiva e reivindicativa. Este colectivo leva anos denunciando o acoso e o control ao que son sometidas moitas persoas da vila pola súa participación nos movementos populares, mediante os abundantes controis e seguimentos. Non é casual que a vila de Altsasu se convertera en obxectivo desta montaxe. Desde o primeiro momento intentase vincular esta pelexa de bar co Ospa! facendo un relato no cal a reivindicación da saída das Forzas de Seguridade do Estado de Euskal Herria estaría baixo as directrices de ETA.
Pola súa banda, o mesmo día 16 unha asemblea popular denuncia que se están manipulando os feitos e que se tratou dunha pelexa de bar provocada polos axentes. Pola súa banda, o movemento Ospa! emite un comunicado no que di que “a actitude dos Guardias Civiles borrachos foi provocadora”, que empurraron e ameazaron “con frases como ‘te voy a matar’ ou ‘te voy a meter un tiro entre ceja y ceja”.
A montaxe policial
Tras os feitos daquela noite, o 14 de novembro oito mozos da vila son detidos, trátase de Oihan Arnanz, Aratz Urrizola, Jon Ander Cob, Jokin Unamuno, Iñaki Abad, Julen Goikoetxea, Ainara Urkijo, Adur Ramírez, Aritz Urdangarín e Edurne Martínez. Sete deles ingresan na cadea, e o 20 de decembro saen en liberdade provisional catro deles, quedando desde entón en preventiva Oihan, Jokin e Adur.
Posteriormente escenifícase unha disputa entre a Audiencia de Navarra e a Audiencia Nacional por ver quen é competente para xulgar o caso. A acusación de terrorismo solicitada pola fiscalía fai que ao final sexa a Audiencia Nacional a que se declara encargada de xulgar o caso. En xullo do ano seguinte saltan todas as alarmas pola esaxeración das penas solicitadas, que sumarían os 375 anos de cadea para as oito persoas denunciadas.
Inicialmente rexéitanse case todas as probas aportadas pola defensa. Os acusados fan unha protesta contra a designación da xuíza Espejel dado o seu matrimonio cun coronel da Guardia Civil e tamén porque foi condecorada por Interior coa orde do mérito da Guardia Civil, dita protesta foi rexeitada.
O xuízo
O 16 de abril de 2018 empezou un xuízo que deixou grandes evidencias da magnificación dos feitos e da absoluta desproporción das penas solicitadas. Todos os intentos da fiscalía foron intentar vincular a pelexa coa reivindicación Alde hemendik! (Que marchen!) e con ETA.
Os puntos máis quentes foron a declaración do dono do bar Koxka, que afirmou que o atestado policial recollía frases que el non dixera e negou ter visto a pelexa, como se recollía no documento. Outro punto importante foi a admisión como proba (malia a que inicialmente fora rexeitada) dun vídeo que botaría polo chan a versión dos Guardias Civiles e as súas parellas, relativa á identificación de Adur Ramírez coma un dos agresores. A acusación declara que Adur vestía de vermello, mais no vídeo demóstrase que ía de negro.
Sen dúbida, o punto álxido do xuízo foi a admisión como proba e a difusión dun vídeo que Iñaki Abad, un dos acusados, gravou momentos despois da agarrada. Dito vídeo non encaixa coa versión dunha agresión multitudinaria nel, o sarxento da Guardia Civil loce unha camisa branca impoluta, o que non corresponde con alguén que ten sido agredido por decenas de persoas, ademais tira o móbil a Abad dun golpe na man e non identifica aos supostos agresores, malia a que os ten diante. Ademais a xente recrimínalle a súa actitude provocadora que desembocou na pelexa que tivera lugar momentos antes.
Todos os intentos da fiscalía foron intentar vincular a pelexa coa reivindicación “Alde hemendik!” (Que marchen!) e con ETA.
A solidariedade
O caso dos xoves de Altsasu suscitou grandes doses de solidariedade. A posibilidade de que estes xoves pasen o resto das súas vidas na cadea, ligado a que é un caso que pode crear precedente e onde se aprecia unha total baixada de listón á hora de acusar a alguén de “terrorismo” fixo que grande parte da sociedade vasca se mobilice, e tivo o seus reflexos noutros pobos do Estado.
Na vila de Altsasu vivíronse varias manifestacións históricas durante este ano e medio, e o pasado 14 de abril unhas 50.000 persoas esixiron en Pamplona xustiza e a liberdade dos mozos encausados. Organizáronse tamén marchas á cadea de Soto del Real, onde están os tres xoves encadeados.
Numerosas mensaxes e mostras de apoio tiveron lugar ao longo de todo o Estado, espertando unha onda solidaria ante a brutalidade do Estado para con estes xoves. Os familiares dos acusados realizaron unha xira levando o seu caso por todo o Estado, recollendo infinitas mostras de solidariedade e apoio. Distintas asociacións pro-dereitos humanos declaráronse en contra desta desproporción, entre elas Amnistía Internacional, que enviou observadores internacionais ao xuízo.
No ámbito institucional, tamén o Parlamento de Navarra denunciou a desproporcionalidade das penas solicitadas, así como o seu rexeitamento á situación das tres persoas que levan máis de 500 días en prisión preventiva. E até a propia Comisión Europea declarou que seguía con preocupación o caso dos mozos altsasuarras e recordou a España que debe aplicar as penas con proporcionalidade.