Aparencias
"A paga", capítulo 9
Todo está perfectamente colocado: as dúas cuncas coa infusión á dereita dos pratos, os garfos e mailos coitelos á distancia idónea, no centro da mesa o pequeno recipiente coa froita cortada en forma de flor (framboesas no medio e mango simulando os pétalos), ao seu lado as améndoas tostadas en salsa de soia, e sobre cada prato unhas tortas no seu punto, coa inicial de cada un debuxada con caramelo.
Clic!
Recortamos un pouco, uns cantos filtros, etiquetas, localización, un comentario divertido, e subimos:
<<Primeiro almorzo das vacacións! #verán #vacacións #relax #almorzo #faltanosfacía #froita #san #vida #asídagusto #comonoscoidamos #queéisodemadrugar>>.
Silencio.
Revisar o móbil mentres se engule (aproveita, que isto non se come tódolos días): gústalle a tres persoas, a vinte, a cincuenta e tres! Doce comentarios:
<<@persoa_que_non_coñezo_de_nada Que envexa!>>
<<@ex_compañeiro_de_traballo Menos lorchanear e máis levantar o país! Veña, a pasalo ben (chiscadela)>>.
<<@esa_que_fai_o_mesmo_ca_min_e_nos_seguimos_mutuamente Fotaza! O mantel é exquisito, e fai xogo co debuxo dos pratos…. OMD! Morroooooooo!!!>>
Un momento, pero isto que é? Acábame de seguir @vlogueira_(que_non_blogueira)_ultra_súper_famosa. Vaime dar algo! Pero que éxito hoxe!
Acabamos.
A mesa sen recoller. Vou ao baño (coidado non tropeces coa roupa ciscada polo corredor), volvo mirar a crema depilatoria que me enviou esa marca. Hoxe mellor non, case que a promovo outro día, senón os seguidores vano notar demasiado, vai ser moi descarado. A ver se algún día me pagan por isto, como a @vlogueira_(que_non_blogueira)_ultra_súper_famosa. Polo menos regálanmas, menos é nada.
Voume duchar (ningunha toalla limpa). Collo o móbil e intento sacar unha foto ás pernas, que se vexa como cae a auga (a ver se non o mollo, que é novo).
De preto non se ve ben, pero se a saco de lonxe vaise ver a roña das paredes. Bah, xa recortarei despois. Mmmm, case mellor subo outra cousa máis tarde, na praia, @tipo_que_aconsella_sobre_redes_sociais di que tampouco é bo facer tantas publicacións xuntas.
Rebusco entre os bikinis do armario. Este é mono, a ver se atopo a parte de abaixo. Busco, busco…. Parece que non hai forma. Aquí está! A ver… Chéiroo. Non é moita cousa, pero ben pode valer.
Viaxe no coche. Aparcar. Poño hoxe pano á cintura ou non? Mellor non, que se vexa este cuíño tan mono que teño.
Entro na area (hai pouca xente hoxe). Camiño cara as rochas: aproveitando a marea baixa vou ir á furna, dende alí poderei sacar a foto sen que me vexan pero de forma que pareza que estou no medio da praia. Merda!, esquecín a camisa. Volta ao coche.
Xa estou na furna. A ver como fago. Que tal se poño a manga da camisa rodeándome a cintura e deixo a miña man sobre o pulso da camisa, de forma que pareza que lle estou suxeitando a man? Non, que a súa man debería ser meirande que a miña. Xa sei, engánchoa nesa rocha e fago como que estou tirando del, correndo cara a auga, e que el sacou a foto. Imos ver… Non, así vense as rochas da esquerda, vou ter que ir un pouco máis arriba (coidado non caias). Perfecto. Veme alguén dende a praia? Non, é imposible. Pois xa está: un pouco de volume ao pelo, sorriso, inclino o corpo coma se estivese indo cara a auga (coidado non caias), e…
Clic!
Listo, saíu perfecta: ao desabrochar o pulso da camisa parece que lle suxeito a man por enriba, e non se nota que non hai nada; vese a súa manga, o meu corpo, sorriso, e un pouco de cacha, que iso sempre fai que máis xente lle dea a que lle gusta.
<<Xa chegamos, non podo ser máis feliz! Solazo! (Praia de Areas Quentes) #verán #vacacións #relax #praia #solazo #comeuamor #vida #asídagusto #praiadeareasquentes #parelliña #calor #quente #moza #rapariga #rapaza #bikini #cu #escote>>.
Pois non se está nada mal así, con este sol, camiñando á beira do mar… A ver como vai a publicación: gústalle a 586 persoas. Nótase cando unha ensina un pouco de carne. E os comentarios:
<<@outra_persoa_que_non_coñezo_de_nada Que recordos nesa praia. Estás moi guapa>>.
<<@ex_compañeiro_de_traballo E eu aquí traballando… Aiii, que ben vivides algunhas>>.
<<@baboso_número_un Eu si que che daba a ti felicidade, bombón!>>
<<@baboso_número_dous Mira o sol e as nubes que che mandei por privado. Se os queres son todos para ti>>.
<<@persoa_que_non_coñezo_de_nada Quero estar aí!>>
<<@fotógrafo_que_só_fotografía_mulleres_espidas A ver cando facemos unhas>>.
<<@baboso_número_tres Déixate de parvadas e ensina as tetas>>.
<<@unha_muller (Resposta a @baboso_número_tres) Machista de merda>>.
<<@baboso_número_tres (Resposta a @unha_muller) Cómema>>.
Estase indo o sol e parece que empeza a refrescar. Vai ser mellor que poña a camisa por enriba dos ombreiros.
–Ei, ti non es @nome_que_teño_na_rede_social?
–Si, son eu.
–Non mo podo crer! -mira cara atrás e comeza a facer xestos coa man en alto cara outras dúas rapazas- Ei, tías, que está aquí, atopeina!
–Estabades buscándome?
–Si. É que somos moi fans, e como vimos que estabas aquí, queriámonos sacar unha foto contigo. Podemos?
–Si, claro. Señor, pódenos sacar unha foto?
Clic!
–Ai, moitas grazas. Vouna subir xa!
(Recibo unha notificación) @rapaza_da_praia etiquetoute nunha publicación:
<<Non mo podo crer, atopámonos con @nome_que_teño_na_rede_social!>>.
–E onde está @nome_do_meu_mozo? Non estaba aquí contigo?
Merda, e agora que digo? A ver como saio desta.
–Emmm, si, pero… -merda, merda, merda!- Marchou un momento. Foi ao coche buscarme a chaqueta, como está facendo un pouco de fresquiño… Por iso teño enriba a súa camisa, deixouma mentres. É un sol.
–Impórtache se esperamos a que volva? Encantaríame sacar unha foto con el tamén.
Agora si que a fixemos boa.
–Si, claro, como non. Unha foto e tódalas que queirades, amores.
Veña, pensa nalgo rápido, que aínda se vai descubrir todo o pastel por culpa destas idiotas do carallo. Xa sei!
–Desculpade un momento, estame chamando @nome_do_meu_mozo.
Apártome un pouco delas e fago coma que collo o teléfono.
–Si, cari, dime.
–…
–O que? Non pode ser!
–…
–Si, si. Vou correndo!
Achégome outra vez ás rapazas.
–Perdoade, pero teño que irme correndo, non vexades o que nos acaba de pasar! Resulta que chegou ao coche e tiña o cristal roto. Roubáronnos!
–Que me dis? Que horror!
–Síntoo moito pero teño que irme. Vémonos outro día, guapas!
Volvo correndo ao coche. Tamén é mala sorte. En fin, que se lle vai facer. E agora que fago? Na praia non podo quedar, terei que volver á casa. Un momento! Se volvo sen máis, sen dicir nada do roubo, aínda van sospeitar. Que fago? Creo que xa sei, non é que me guste moito a idea, pero vai ser o mellor.
Abro o maleteiro. Onde está? Aquí. Saco o gato. Miro (non vén ninguén), levántoo e…
Pum!
Nada.
Pum!
Nada
Pum!
Por que serán tan duros os cristais de hoxe en día?
Pum! Crash!
Alá foi!
Gardo o gato. Collo o móbil. Enfoco.
Clic!
<<Unha vai toda ilusionada á praia para pasar o primeiro día das vacacións, e sempre ten que haber alguén que amole. Mirade o que se atopou @nome_do_meu_mozo cando foi ao coche. Por sorte non roubaron nada de valor, pero estou moi asustada. Acabouse o día #ladróns #cristalroto #coche #roubo #praia #vacacións #verán #sol #atraco #mantédevosasalvo>>.
Será mellor que vaia mañá ao taller para que o amañen e pague eu a reparación, non vaia ser que o seguro descubra o que pasou e aínda a liemos máis. Buff, e agora como vou facer para pagar isto? Se aínda tivese mercado o outro móbil en lugar deste… Non, necesitábao, non podo ir por aí cun gama media.
Chego a casa (os cristais dan noxo, a ver se os limpo). Xa vou tendo un pouco de fame, haberá que facer algo de comer. Primeiro vou deixar o bikini no cuarto da lavadora. Entro. Merda de mantas, a ver se me acordo de lavalas dunha vez, que xa estamos no verán. Íspome e cisco o bikini enriba da morea de roupa que hai no chan.
Abro a neveira (isto tamén necesita unha limpeza). Non hai moita cousa. Collo o bote de tomate triturado aberto e vou con el á sala, esquivando as botellas de cervexa que hai polo chan e collendo de entre elas a bolsa de pan de molde. Déitome no sofá e acendo a tele. Unto o pan co tomate, e a rillar.
A verdade é que esta comida da noxo, pero se quero mercar eses zapatos de 600 euros teño que facer algún esforzo, que case son a paga dun mes; e ademais, tampouco quero comer moito que non podo engordar.
Se cadra non tiña que ter deixado o traballo, tería máis cartos; pero por outro lado, traballando todo o día non tería tempo para isto. En fin, xa irán mellor as cousas: estou tendo cada vez máis seguidores, as marcas empezan a mandarme produtos, e dentro de pouco xa me pagarán por promovelos e por ir a eventos; o esforzo merecerá a pena.
Collo o móbil cunha man. Enfoco. Medio tapo as tetas co outro brazo (insinuando pero sen que se me vexa todo, que non quero armar un escándalo). Poño cara triste.
Clic!
<<Hoxe foi un día horrible, pero xa estou descansando na casa por fin #triste #verán #casa #vacacións #relax #sofá #deitada #quente #tetas #espida #mullerespida #atraco #roubo #muller #rapaza #mátamecamión>>.
Pois non quedou nada mal, sensual e riquiña a un tempo. Un momento, que é iso que se ve aí detrás? Merda!, sae a pila de pratos sucios que deixei ao lado do sofá!
Non! Non! Borrar! Borrar!
Álex Pernas
A Coruña, 1986. Enxeñeiro de software, músico, poeta e activista polos dereitos dos animais. Autor da novela Xarfas.
A paga
“O Tolo”
A saída (I)
A saída (II)
O home das cavernas
Hulla
Corxesta
Pornai
Solpor
O virus do medo
Cadeas
Cadeas
Outras opinións
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso