Apropiación falanxista de símbolos cristiáns

Os mortos do bando sublevado eran recordados e glorificados como mártires durante anos, utilizados como escusa para lexitimar a ditadura. Namentres, os vencidos xacían (e xacen) en cunetas e foxas comúns (coma os sete fusilados pola Bandera de Marrocos), penaban en prisión ou ían camiño do exilio.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Pablo Sánchez | Celanova, 22 de febreiro. Unha esvástica é un símbolo común a varias culturas utilizado desde hai miles de anos, pero tamén é un emblema do nazismo. E hai que saber diferenciar os diferentes significados. Do mesmo xeito, non tódalas cruces son obxectos sagrados ou símbolos piadosos. Depende do significado. Sabíao moi ben o bispo Cesáreo (o mesmo que excomungou a Curros) cando ordenou derribar unha cruz alzada en Montealegre por iniciativa do profesor e sacerdote Marcelo Macías, porque a algúns se lle metera na cabeza que estaba chea de simboloxía masónica. Ningún católico defendería as cruces do Ku Klux Klan como tampouco ningún católico debería defender, cando é desvelado o seu significado, as cruces falanxistas dedicadas a homenaxear aos caídos dos sublevados contra a legalidade da Segunda República.

Malia o maridaxe entre a Igrexa e o réxime, o Vaticano chegou a protestar pola utilización de simboloxía relixiosa con fins políticos. En Sevilla, os xerarcas de Falanxe tiveron que instalar a cruz dos caídos fronte ao Alcázar, pola negativa do cardeal Segura, arcebispo de Sevilla, a que eses monumentos falanxistas se fixasen nos seus dominios. O bispo, que era ultracatólico e monárquico, consideraba que esas cruces estaban profanadas pola simboloxía da Falanxe e eran un agravio á santidade dos templos. Na diocese de Ourense, a maioría das cruces falanxistas que había nos muros das igrexas foron retiradas por orde do cabido catedralicio trala morte de Franco. Preto de Celanova, en Cartelle, unha “cruz dos caídos” foi retirada pola Corporación do Partido Popular nos anos 90.

O “monumento aos caídos” de Celanova pasou por varias etapas. Primeiramente, foi promovida a instalación da cruz pola Bandeira da Falanxe de Marrocos, unha unidade paramilitar que tan só estivo dous meses de gornición na vila, onde deixou un triste ronsel de violencia e terror. Na memoria do pobo aínda quedan os metrallamentos indiscriminados contra os presos e o recordo dos 7 fusilados por este batallón de falanxistas. Os seus corpos sen vida, desfigurados, foron abandonados no cemiterio da vila á vista dos veciños. Os fusilamentos tiveron lugar dous días antes da celebración de Nosa Señora da Mercé, patroa dos presos. Segundo a crónica do diario La Región, ese día a Bandeira abandonou triunfalmente a vila, despois de celebrar unha misa ante a cruz, onde o comandante encargou ao alcalde “perpetuar esta cruz que nosotros os legamos como recuerdo de nuestros muertos”.

Monumento falanxista levantado en 1939 no Outeiro da Obra en Celanova.

Con posterioridade, os xerifaltes da Falanxe local e provincial aproveitaron para preparar o sitio utilizando como man de obra aos presos que había no mosteiro. Ano tras ano, a cruz sería testemuña de como as autoridades do réxime acudían ao lugar para exaltar publicamente o golpe de Estado, aproveitando para lembrarlles aos veciños quen eran os que mandaban e por que. O Día dos Caídos, que coincidía co aniversario da fundación de Falanxe, era celebrado con gran solemnidade. Ante a cruz facíanse as ofrendas, entoábase o Cara al Sol, e instruíase aos asistentes, especialmente aos mozos, na doutrina falanxista. Os mortos do bando sublevado eran recordados e glorificados como mártires durante anos, utilizados como escusa para lexitimar a ditadura. Namentres, os vencidos xacían (e xacen) en cunetas e foxas comúns (coma os sete fusilados pola Bandera de Marrocos), penaban en prisión ou ían camiño do exilio.

Coa chegada da democracia cambiouse o uso do espazo, que foi transformado en merendeiro, sen cuestionarse o monumento e a simboloxía que alí había. Tan só desapareceu unha placa que lembraba á Bandeira de Marrocos, destruída por mozos antifascistas.

Detalle na base do monumento: escudo franquista.

Os monumentos falanxistas non inspiran sentimentos cristiáns. Representan todo o contrario do que, segundo a Biblia, predicaba Xesús. Constitúen unha apoloxía visible do terrorismo franquista, un enaltecemento da violencia e da opresión. A cruz presente nestes monumentos debe interpretarse como un símbolo funerario en recordo aos caídos falanxistas. A súa intencionalidade foi política, non relixiosa: conmemorar a sublevación militar honrar á facción gañadora da guerra civil, a través dos seus mortos. Non está construída en solo sagrado nin é venerada como obxecto de culto.

Non se trata de quitar unha cruz e borrar o pasado. Ao contrario, hai que desvelar o que alí pasou, resignificar o lugar para que sirva de recordo permanente da opresión imposta aos vencidos, que explique e denuncie como a ditadura ocupou os espazos públicos para facer propaganda dos seus principios, de natureza antidemocrática e totalitaria.

Pero é imposible resignifcar o lugar sen antes eliminar o monumento.

Este artigo foi publicado no xornal ‘La Región’ e no blogue do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Deixe um comentário

Deixe um comentário