ENTREVISTA | Rosa Diez Tagarro

"As macrogranxas contaminan, expulsan poboación e precarizan o emprego"

Teima | Lumes, porcos e políticos – Capítulo 5 (moratoria)

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | Ourense | 29 de febreiro de 2020. Rosa Diez conversa coa ex eurodeputada Lidia Senra e activistas do Movemento Ecoloxista da Limia na terraza da Facultade de Ciencias de Ourense minutos antes de intervir no acto máis concorrido dos que teñen celebrado até hoxe os colectivos que denuncian a contaminación das augas das comarcas limiás. Diez está na Galiza para apoiar unha demanda veciñal, a de poñer freo á multiplicación de macrogranxas, que se converteu nunha praga en comarcas de Aragón, onde ela reside e loita, e Catalunya. A convocatoria deste venres de principios de mes será tamén, inesperadamente, un dos primeiros actos de adhesión a Manuel García, o activista ameazado por Coren cunha demanda civil dun millón de euros. Rosa fai un alto na conversa para explicar a adiante.gal cal é a situación do problema a nivel estatal e internacional e parte do repertorio que empregan os movementos veciñais e ambientalistas nesta loita. Rosa debuxa unha gran cadea internacional de externalización dos custes ambientais na que Galiza é un dos sumidoiros.

Cal é a realidade da gandaría industrial no Estado español e na nosa contorna europea?

No resto de Europa están deixando de apostar polo modelo de gandaría intensiva. Estase a frear a produción e indo cara unha transición a un modelo máis sostíbel. Isto acontece pola concienciación da poboación a respecto dos problemas medio ambientais que xera este modelo. Vemos como aquí, no Estado español, pola contra, estamos nunha fase de expansión. Estamos vendo unha proliferación descontrolada e desmesurada porque se abrazou o modelo sen ter recollido a experiencia dos problemas que provocou noutras zonas. España foi a última en sumarse a este frenesí da gandaría industrial, pero xa ten as explotacións máis grandes de Europa por número de animais, e este é un dato da Comisión Europea.

Foi a última. Cando se empezou?

O bum rexistrouse a partir do ano 2011. Daquela as explotacións máis grandes estaban en Alemaña e tiñan unha media de cincocentos e pico animais. En España a media é de 1.170 animais por explotación. Insisto, son datos da Comisión Europea. Pode que chegaramos os últimos, pero demos o salto ao chanzo máis alto.

Ese salto ten a ver cos custes de produción ou con outras cuestións?

Non, os custes laborais do modelo son baixos, o principal investimento é a soja que hai que traer dos países do Sur. Os custes laborais representan un dous por cento do custe total. O que sucede en España é que o sector externaliza outros custes: os ambientais e os sanitarios. O principal custe son os residuos dos animais, e o sector non se fai cargo. É o erario público quen o asume. O sector aforra eses custes, por iso é tan lucrativo. Outra cuestión que nos diferencia de Europa é que aquí si funcionan as integradoras. Que son? Son estas cárnicas que se ocupan desde o primeiro elo da cadea até o último. Ocúpanse dos pensos, dos antibióticos, dos coidados veterinarios, son propietarias dos animais, deciden cando recollelos das instalacións, canto pagar por eles, encárganse do procesado, etcétera… Este nivel de integración non se dá fóra de España. Isto creou unha burbulla, un negocio que se xoga todo a facelo máis barato ca competencia.

Hai risco de que estoupe esa burbulla, por onde vén a crise?

Se non apostas pola calidade, senón por facelo máis barato, pois sempre haberá alguén que poida facelo máis barato. Empresas chinesas están empezando a mercar terras en Senegal para dispor de explotacións de porcino que atendan a demanda de China. Porque China xa non pode contaminar máis o seu territorio. China é o principal produtor de porcino. Pero tamén ten 300 millóns de persoas sen acceso a auga potábel. O que fixeron foi externalizar e, de momento, teñen España. Mais xa contan con suficientes terras en África para producir alí, agora andan en solucionar os problemas da cadea de frío debido as carencias nas estradas.

Se China adoita esa solución, como quedaría o sector aquí?

Pois a aposta tería fracasado a medio prazo, parte do territorio quedará inhabilitado para outro tipo de desenvolvementos máis sostíbeis, estará contaminado e sen mercado para este tipo de produción.

“China xa non pode contaminar máis o seu territorio. Ten 300 millóns de persoas sen acceso a auga potábel. O que fixeron foi ‘externalizar’ e, de momento, teñen España. Mais xa contan con suficientes terras en África para producir alí”

Cal é a cabana máis contaminante, estase a falar do porco, pero tamén hai outras?

Na cuestión da contaminación por amoníaco, a peor é a porcina, mais a segunda é a avícola, que está a producir contaminación por micropartículas no aire que causan trastornos respiratorios, e neste aspecto é a peor. Aínda que é certo que os xurros dos porcos son moi agresivos, en realidade o que estamos a denunciar é todo o problema dos residuos animais, porque ao final pode haber moitos porcos, que xeran moitos xurros, pero hai miles de aves máis, mesmo explotacións cun millón de polos.

Rosa Diez, durante a entrevista na Facultade de Ciencias de Ourense.

Nas comarcas da Limia hai porcos e aves, sucede tamén noutras partes?

En Aragón a aposta forte foi polo porco, e tamén se está empezando a apostar por tenreiros. Aragón é líder en porcino industrial, xa por diante de Catalunya. Castela e León é a terceira comunidade en canto a cabana porcina, derivada dunha aposta clara polo bum do mercado chinés.

Cantas empresas se reparten o negocio?

Hai grandes integradoras aragonesas actúan en Catalunya e tamén as catalás producen en Aragón. As catalás tamén están a entrar en Castela. Estamos a falar dunhas dez megaempresas en todo o Estado con diferentes niveis. Campofrío, por exemplo, dedícase sobre todo ao procesado, á transformación. El Pozo integra a cadea. En Castela A Mancha a máis importante é Incarlopsa, en Aragón está o Grupo Jorge, entre as catalás, moi potente, está Vall Companys. Coren no está entre as maiores, quizais porque está moi concentrada na Galiza. Todas estas grandes empresas están coordinadas a través dunha asociación interprofesional: Interporc. É un lobby moi poderoso. E dispón de moitos cartos, mesmo de Europa…

Que fai co financiamento europeo?

Campañas de publicidade. Eles decidiron que a carne do porco é carne branca, aínda que a OMS di que é vermella. Cada ano sacan un bus rosa a facer publicidade sobre as bondades da carne do porco. Reciben cartos da PAC, pero tamén recibiron un millón de euros para estas accións de márketing. Nós, como coordinadora, estivemos en Bruxelas para denunciar como non se axuda ao pequeno produtor pero si a estas grandes empresas para montar un bus contando que a carne de porco é branca cando a OMS di que vermella. Xa temos solicitada unha reunión co ministro de Consumo para advertirlle que este lobby ten un poder considerábel e está tocando temas que afectan á saúde pública.

Quen debería estar controlando estes lobbies e non o fai?

As Administracións. Non é que vaiamos en contra destas empresas, o que pedimos é que as Administracións atendan o ben común e a saúde pública. Gran parte da culpa do que sucede téñena os gobernos autonómicos, porque permiten o que pasa e mesmo subvencionan. En Aragón hai unha especie de barra libre, non se vixía o que fan, está custando un mundo que se actualicen no Estado os mapas de zonas contaminadas por nitratos… en Castela A Mancha pasou que dunha actualización a outra, multiplicáranse por 15 os concellos afectados. E, volvendo ás subvencións, en Aragón son indirectas, en Castela A Mancha, directas. A maior parte das competencias están nestes gobernos autonómicos. A nivel do Estado, hai posibilidade de defender as augas, pero o verdadeiro problema está no nivel autonómico.

Cal é a vosa relación coa gran industria agrogandeira?

Ningunha. Non temos porque tela. O noso papel é denunciar diante das Administracións.

Hai algunha empresa que estea a realizar boas prácticas?

Non podemos falar de que en gandaría industrial alguén estea a facelo ben en España.

E en Europa?

Xa expliquei que as dimensión das empresas é diferente. O que vemos é que son produtores individuais que se fan cargo dos residuos e que achegan moito máis terreo para a explotación. Teñen menos animais e pagan os custes de tratamento. Nas institucións europeas funcionan os lobbies, sobre todo cando se trata de dirixir os fondos cara un ou outro sitio, cara a gran industria ou cara os pequenos produtores.

Nesta serie sobre a contaminación na Limia tamén poñemos o foco sobre o papel dos políticos, cal é a vosa relación cos partidos como coordinadora ou desde as distintas plataformas?

A Bruxelas fomos da man de Florent Marcellesi, pero realmente é un tema moi complicado. Nos concellos, adoita a apoiarte o partido que está na oposición independentemente da cor política. Apóiante para desgastar a outro. Noutros niveis, a dinámica do partido no goberno, sexa o PP ou o PSOE, é promover o modelo industrial. No tamén coinciden é en criminalizar aos movementos veciñais. Non lle teñen respecto á cidadanía, organizámonos porque a clase política e a Administración non defenden o territorio.

“Non temos relación coa gran industria agrogandeira. Non temos porque tela. O noso papel é denunciar diante das Administracións”

Tedes experiencia en casos de denuncias como a que ameaza a Manuel García, do Movemento Ecoloxista da Limia?

Levo nisto catro anos e a verdade é que non vira un ataque igual. Estamos afeitos a ameazas, a que che vertan xurros na túa finca ou che raien o coche… Iso pasa: ameazas próximas e anónimas. Nunca recibirmos unha presión como a de Manuel.

E que papel están a xogar as entidades reguladoras das bacías?

As confederacións veñen lanzando alertas sobre os niveis de contaminación, e nos intentaremos transmitirlle isto tamén a ministra de Transición Ecolóxica coa que tivemos ocasión de falar na Coop25 a finais do ano pasado en Madrid. Desde a Confederación Hidrográfica do Ebro, por exemplo, xa advertiron que ou se fai algo pronto ou imos botar a perder todos os acuíferos. Ademais, as multas que cheguen de Europa van recaer sobre o Estado. Estase a incumprir a Directiva Marco da Auga, pero tamén hai aberto desde o outono de 2018 un expediente por niveis de nitratos, e isto é competencia do Ministerio de Agricultura. A Alemaña xa lle caeu unha sanción por este tema, e o problema en España é aínda maior. Desde a Comisión Europea tamén avisaron a respecto da transposición da normativa europea en cuestións de benestar animal, e sinalaron directamente á industria do porcino, en particular, á práctica de cortar o rabo sen anestesia e a ausencia de leitos de palla para que os animais non estean sobre as súas propias feces.

Diapositiva do mapa de contaminación por amoníaco que mostrou Rosa Diez durante a súa charla en Ourense.

Cales son os efectos máis prexudiciais da gandaría industrial?

Penso que en España o máis preocupante é a contaminación por amoníaco. Somos o único estado da nosa contorna europea que continúa a incrementar este tipo de emisións. Todos demais países, reducíronas. España supera o límite legal nun 39%, e o 90% desas emisión procede da gandaría industrial. Basicamente porcino, pero tamén avícola. No mapa que mostrarei na miña exposición [ver arriba] vese como en Ourense, concretamente en Maceda e en Sarreaus están algunhas explotacións máis contaminantes. Estas emisión son consecuencia da falta de tratamento dos xurros. Ninguén quere facerse cargo dese gasto. O que se fai é vertelos nas terras ou deixalos en balsas.

Diapositiva coa última actualización do mapa de acuíferos afectados do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Como está o mapa en canto á contaminación das augas?

Os datos e os mapas, que proceden todos de estudos e fontes oficiais, o que nos indican é que hai problemas en todo o Estado. No caso de Galiza, concretamente na Limia. A cuestión é que as explotacións vanse expandindo duns territorios a outros. Vemos problemas en Valencia, en Andalucía.

O modelo estadounidense

Todas estas explotacións aséntanse en territorios que perden poboación. De que xeito a gandaría industrial contribúe ou agrava as dinámicas de despoboamento?

Aquí o que se copiou foi o modelo estadounidense, no que a práctica da agroindustria é ocupar áreas na que a poboación fose negra, porque eran xentes con menos estudos que ía protestar menos… en España son áreas onde non hai poboación, ou moi avellentada e con poucos estudos. Buscáronse esas localizacións. O sector funciona de forma moi opaca, e a Administración tamén. O que pasou durante anos é que de súpeto aparecían unha naves das que ninguén coñecía o propietario nin que función ían ter. Sempre en sitios pequenos, buscando esa España baleirada… Despois, vendía que estaban alí para crear emprego e fixar poboación.

Mais non acontece iso…

Hai estudos que informan de que a instalación deste tipo de industria empeora o problema de despoboamento. É lóxico, quen quere vivir nun sitio onde non se pode beber a auga da billa? Mire, estamos vendo casos nos que chega o verán e se lles dá preferencia ás explotacións sobre a poboación para cando empezan a secar os mananciais… Por lei. Pero é que ademais esta industria está tan automatizada que unha soa persoa pode levar unha explotación de 6.000 porcos. Por riba, destrúe o tecido da pequena produción. Despois, está o emprego precario con falsos autónomos e inmigrantes nos matadoiros que continúan a cadea. Neses matadoiros as condicións laborais son moi duras, hai estrés, lesións… En Aragón estamos na fase do bum dos macromatadoiros por acordos comerciais con China, Xapón e México, para exportar; e neses matadoiros vese un retroceso enorme dos dereitos laborais. As macrogranxas contaminan, expulsan poboación e precarizan o emprego.

Moratoria

Que pasa coas normas internacionais, coas estatais ou autonómicas que non se cumpren? Coas recomendacións sobre a carga que pode soportar un territorio…

Diso non hai nada, non se están a facer nin os estudos preceptivos. Non hai en todo o Estado, non coñezo, ningún estudo que poña o límite sobre a carga gandeira que pode soportar un territorio. É a coordinadora a que está a demandar estes informes. E estamos conseguindo que en determinadas zonas non se poidan ampliar instalacións existentes ou levantar outras novas… Non hai planificación. En Aragón, as macrogranxas empezaron a instalarse no regadío porque lles era máis doado desfacerse alí dos residuos. Cando nesa zona xa non había sitio para ningunha máis, viñeron para o secano. Nestas zonas a esixencia de abono para o cultivo é moi baixa, pero non viñeron alí por iso, viñeron porque había sitio, moito, e moi pouca xente. Non hai sequera control para que non se concedan licencias en zonas de Rede Natura. O Tribunal Superior de Justicia de Aragón acaba de tombar unha licencia para construír nove naves de porcino industrial no parque de Sierra de Guara. En xeral, a lei e a normativa son laxas.

Pero di que están conseguindo parar á industria nalgúns casos. Como?

Estamos pedindo unha moratoria a nivel estatal. Hai que parar. Non se poden seguir concedendo licencias. Necesitamos unha moratoria para poder planificar. Mais, até hoxe, o que fomos conseguindo son moratorias a nivel municipal. En Castela A Mancha e Aragón xa hai concellos que prohibiron a gandaría industrial e outros que teñen ordenanzas restritivas. Cando quixemos subir a outro nivel, topámonos cun muro…

Mais iso permite ir parando a multiplicación de granxas neses concellos?

Si. É moi laborioso. Hai que ir de municipio en municipio… Hai que facer unha labor de formación.

Como se levan a cabo?

Hai casos que o que se fai é promover unha moratoria dun ano para revisar o plan xeral de ordenación urbana, porque esa é unha competencia municipal. Estanse facendo tamén normas de protección para non seguir funcionando coas subsidiarias, ampliando as distancias que debe haber entre unha explotación e unha poboación ou unha masa de auga. Tamén podes elaborar unha ordenanza para prohibir os vertidos de explotacións de outros concellos. Todo iso pódese empezar a traballar a partir dunha moratoria. Hai decenas de concellos que están protexidos. Ás veces, simplemente falando coa alcaldesa ou co alcalde; outras, como en Loporzano, creando unha lista para concorrer ás eleccións e gañando a alcaldía.

E mentres, como operan as industrias no resto de concellos? Aquí, a Sociedade Galega de Historia Natural leva un tempo alegando contra concesións municipais sen éxito…

Nas normas que eu coñezo, depende do número de animais, se pasan de 1.999 porcos, os proxectos deben ter avaliación de impacto ambiental e iso é un procedemento máis longo. Entón o que fan é pedir a licencia sen pasar o límite, e antes de cumprir o ano xa están ampliando, porque ese trámite pasa só polos concellos. É un fraude de lei. Nos concellos moi pequenos, como o meu, Loporzano, non hai técnico de medio ambiente. Mesmo vemos comunidades, en Aragón pasa, nas que aínda que teñan que pasar pola declaración de impacto ambiental, sempre lle conceden a licencia; e recoñecendo na declaración o que sexa: que hai especies protexidas ou contaminación ou o que sexa… É moito máis sinxelo montar unha explotación de porcino industrial que, por exemplo, unha adega de viño ecolóxico. Este outro modelo é o que ten que sortear os obstáculos administrativos.

A entrevistada

Rosa Diez Tagarro

Rosa Diez Tagarro

1969, León. Portavoz da coordinadora estatal Stop Ganadería Industrial, que agrupa a máis de medio cento de movementos veciñais de sete comunidades autónomas que loitan contra este tipo de gandaría. A coordinadora naceu en 2017 impulsada impulsada pola plataforma Loporzano Sin Ganadería Intensiva, á que pertence Rosa desde a súa formación a finais de 2015. Loporzano é unha localidade de Huesca na que o movemento ecoloxista mesmo conseguiu á alcaldía nas municipais de 2019 desde onde desenvolve distintas accións de defensa do territorio.

A Limia

Outras entrevistas

A entrevistada

Rosa Diez Tagarro

Rosa Diez Tagarro

1969, León. Portavoz da coordinadora estatal Stop Ganadería Industrial, que agrupa a máis de medio cento de movementos veciñais de sete comunidades autónomas que loitan contra este tipo de gandaría. A coordinadora naceu en 2017 impulsada impulsada pola plataforma Loporzano Sin Ganadería Intensiva, á que pertence Rosa desde a súa formación a finais de 2015. Loporzano é unha localidade de Huesca na que o movemento ecoloxista mesmo conseguiu á alcaldía nas municipais de 2019 desde onde desenvolve distintas accións de defensa do territorio.

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário