As radios da casa
'O Quinteiro', proxecto da xornalista de Negreira Olalla Liñares, é unha das propostas gañadoras da bolsa Nacho Mirás de Xornalismo 2018.
Raquel Cecilia Pérez | Compostela, 21 de agosto. Un programa de radio artellado en torno ás vivencias, presentes e pasadas, da xente do Val do Barcala. Que poña nas ondas as voces daquelas persoas que habitualmente están ao outro lado escoitando. Que invita a reflexionar sobre o antes e o agora. O Quinteiro, proxecto da xornalista de Negreira Olalla Liñares, é unha das propostas gañadoras da bolsa Nacho Mirás de Xornalismo 2018. Unha aposta polo xornalismo local, do que precisamente o propio Mirás foi un gran defensor.
Nun contexto no que este tipo de xornalismo perde peso, como mostra a decisión da CRTVG de suprimir en setembro as conexións locais, nacen ou consolídanse iniciativas que implican á cidadanía máis próxima a facer parte dos seus medios. A menos de vinte quilómetros de Negreira, no concello de Ames, a radio municipal vén de recibir vinte propostas de programas ideados polas propias veciñas. Nazaret López e Juan Luís Silva son os xornalistas que están detrás do 107.2, e dunha grella que non deixa de medrar grazas ás achegas dos amesáns e amesás.
Olalla Liñares: “O xornalismo local rompe fronteiras, toda a xente pode facer parte”
Na casa de Olalla Liñares sintonízase Radio Negreira. “Escóitase dende sempre, xoga un papel moi importante a nivel de creación de comunidade”, explica. “Só se escoita en determinadas franxas horarias, entón pode convivir con outras radios, como a Radio Galega”. Nace da man de Concello e comeza a emitir en 1989 a través do 107.0 FM. “Foi unha das emisoras que formaron parte do EMUGA nos noventa, unha rede de radios municipais”. Se ben Radio Negreira leva o nome dun concello concreto, informativos e programas abarcan o que acontece en todo o Val do Barcala. Hoxe é conducida por Emilio Forján e Ovi Martínez. Nesta radio leva participando a propia Liñares dende que estudou xornalismo na universidade.
“Cando comecei a carreira”, lembra, “atraíame a prensa escrita”. Mais a radio comezou a turrar por ela. “Non me interesaban os informativos, pero si os programas”. De aí as prácticas no Diario Cultural da Radio Galega, “o mellor sitio no que podía estar”, e máis a súa colaboración coa súa radio municipal. “Ambas experiencias son ben distintas. Unha é de ámbito autonómico, a outra de ámbito local”. En Radio Negreira aprendeu a facer un pouco de todo. “Falas do que hai ao teu redor e a quen está ao teu redor, é moi próximo. A radio acompaña, non está rexida polos mesmos criterios que outros medios”.
O interese de Liñares polo xornalismo local foi medrando. “Gustoume sen darme de conta”. Na carreira non tiña practicamente cabida dentro da programación de estudos. “Hai unha tendencia a apuntar sempre moi alto no oficio, ao xornalismo estatal, ao xornalismo de conflito. Semella que nos ensinan que o local non é xornalismo”. Non é allea ao difícil que é manter este tipo de proxectos. “É certo que está pouco profesionalizado”, reflexiona, “non podes competir cos grandes medios”.
En Radio Negreira Liñares atopou inspiración e azos para dar forma ao Quinteiro. Neste proxecto incluíu tamén as súas inquedanzas como música ligada á tradición do país, e máis as xurdidas dende a súa participación na asociación Afonso Eanes. Esta leva a cabo un importante traballo, tanto no fortalecemento de lazos e sentimento de comunidade no Val de Barca, como o realizado a prol da recuperación da súa memoria histórica. “Eu, paralelamente, tiña interese en recompilar na miña zona”, di Liñares. A xornalista explica que a súa participación na radio e os seus desexos de recoller na comarca, cantos, contos ou lembranzas converxeron no Quinteiro. “Eran dúas vías do tren que en min discorrían paralelas. Eu traballo nun medio baseado na oralidade, non hai plataforma mellor para emitir o que recolles”.
O título do programa ideado por Liñares é unha declaración de intencións. “Na miña casa hai unha expresión que a min me gusta reivindicar: estar no quinteiro. É estar aos contos. Pódese corresponder cun lugar físico, claro, pero non só. É o onde nos comunicamos cos demais”. A expresión tamén se corresponde co concepto ten do seu futuro programa. Un espazo nas ondas onde teñan voz “os que están á escoita”. “O xornalismo local rompe moitas barreiras en canto ás voces”, afirma, “todo o mundo pode facer parte”. Un programa para encher de contidos “que nos retroalimenten como comunidade, un lugar para a memoria, para a lembranza”. Tamén de música. Un medio para que a xente “se empodere e valore a súa memoria”.
“Hai unha tendencia a apuntar sempre moi alto no oficio, ao xornalismo estatal, ao xornalismo de conflito. Semella que nos ensinan que o local non é xornalismo”.
O Quinteiro será tamén un programa que convide á reflexión. Explica a xornalista que para ela é importante “realizar unha comparativa”. “Por exemplo, se falamos de como se celebran as festas. Gustaríame analizar como foron mudando, en vez de explicar tan só como eran antes”. Para poñer en marcha o programa, primeiro, Liñares quere “explorar, recoller”. Desprazarse aos fogares e aos espazos comúns da veciñanza do Val do Barcala. “O primeiro é conversar”, di, “é un programa que require tempo, e a nivel de formato voume ter que adaptar”. A continuación establecer os temas de interese e volver, seguir conversando.
Ademais das propias persoas da comarca, a xornalista acudirá a testemuñas gravadas e escritas. Como as de Xosé Maneiro, cuxa familia conserva, colaborador durante moitos anos de Radio Negreira. Ou o libro Xente e terra do Barcala, escrito, editado e publicado polo alumnado do instituto de Negreira. “O programa ten tamén unha parte divulgativa. Se falamos do Entroido, por exemplo, hai que contextualizar, explicar como se celebraba aquí e en que consistía”. Nestes meses comezará a recoller voces. Liñares aínda non ten claro o que se vai atopar, ou cal será o resultado. Si que se emitirá en Radio Negreira, e que estará dispoñible en formato podcast. “Moitas veces grávanse cousas que quedan nas casas, di, “eu non vou ceder nada, porque para empezar nada vai ser meu”.
Ames Radio, xornalismo cidadán nas ondas
No 2017, cando a emisora municipal de Ames publicou a primeira convocatoria de programas de radio cidadá recibiron trece propostas “Dez foron para diante”, explica a xornalista Nazaret López, “este ano chegáronnos vinte”. “Enriquecen moitisimo a radio”, di. Ela conduce o programa Somos Ames, mentres que o seu compañeiro Juan Luís Silva adoita encargarse dos informativos. “Tivemos unha charla en setembro, na que lles explicamos o funcionamento”. Os programas emitíronse até xuño de este ano, nas ondas e a través da web municipal. Espazos de música da comarca, sobre ecoloxismo, educación parental, historia de Galicia ou emprego das redes e ferramentas 2.0. Na convocatoria do 2018 recuncaron cinco programas. Julia Bobarro, Daniel Rilo e Rosa Martínez son veciñas e veciño que decidiron repetir.
Julia Bobarro é unha das dúas voces de Pais na onda. Teñen unha Escola de Pais en Compostela, e decidiron espallar o que nela traballan a través do 107.2. “O noso enfoque baséase na crianza positiva e na educación emocional. As familias que están na escola tecen unha rede de apoio”. Ames, destaca Bobarro, é un municipio cunha poboación moi nova. “É importante falar destes temas”. Co paso dos programas Bobarro foille perdendo medo ao micrófono. “Tes ideas preconcebidas de como se traballa na radio, non tusir, non facer ruído”, ri. “As radios locais”, reflexiona, “axudan a construír a identidade dunha comunidade e permiten a integración”.
As radios locais tamén axudan a redescubrir o teu concello. Así, Rosa Martínez, mestra de historia retirada, visitou o Arquivo Municipal mailo Arquivo Provincial na procura de información sobre Ames. Ela tamén levou a súa profesión ás ondas. De Museo é un programa con varias seccións. “Excursións dun día que podes facer dende Bertamiráns, historia de Galicia, As mulleres tamén fan historia ou Pingas da historia de Ames”. “Visitei lugares que non coñecía, normalmente desprázaste en coche, e camiñando vas á traseira das igrexas, por camiños que non adoitas percorrer”. Tamén entrevistou a veciños e veciñas de Ames.
“As radios locais”, reflexiona Julia Bobarro, “axudan a construír a identidade dunha comunidade e permiten a integración”.
Daniel Rilo é xornalista de formación. En Buenos Aires traballou na radio, en programas de deportes. “Ten unha maxia que non podes acadar coa prensa escrita”, di. Fai sete ano, xa vivindo en Bertamiráns, propuxo a Radio Obradoiro un programa sobre tango. Estivo na emisora ata que pechou. A convocatoria de Ames foi unha oportunidade para continuar, explica. “O tango ten unha vinculación moi forte por Galiza, polos emigrantes. Chegaba nos vinilos que levaban nas maletas”, explica. En Tango en la esquina sur fala da vella garda do tango, pincha música, descubre aos ouvintes nomes novos. Escóitano dende Bertamiráns até o Río da Prata, grazas á emisión en Internet. “Hai persoas no Concello que non saben que temos unha radio, e é importante que se coñeza”.
illas
Olga Novo, perdoa se che digo…
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas