As traballadoras da CRTVG piden en Europa a saída de Sánchez Izquierdo

A denuncia rexistrada na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo documenta oito casos de manipulación informativa e sinala como responsábel destas prácticas ao director xeral.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña, 4 de setembro. “O actual Director Xeral e os sucesivos directores dos servizos informativos da Radio Galega e a Televisión de Galiza designados por aquel veñen incumprindo de forma sistemática a obriga legal de garantir a obxectividade, a veracidade e o pluralismo da información”, sostén a denuncia presentada polo Comité Intercentros da CRTVG (Corporación Radio e Televisión de Galicia) diante da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo o pasado 14 de agosto en Bruxelas e que se fixo pública hoxe.

As traballadoras e os traballadores da CRTVG piden ao Parlamento Europeo que “obrigue” ao Goberno galego a impulsar a elección dun novo Director Xeral. As traballadoras sinalan a Alfonso Sánchez Izquierdo, no cargo desde maio de 2009, como máximo responsábel das prácticas de manipulación informativa.

A Comisión Europa decidirá agora se admite a trámite esta demanda. De facelo, será a propia Comisión de Peticións a encargada de estudala e abrir un proceso de debate e exposicións e os representantes sindicais poderían ser escoitados, subliña o comité nunha nota de prensa. As traballadoras esperan que dese proceso saía un ditame que inste ao Goberno galego a cumprir coa normativa europea. Da Comisión de Peticións fai parte Ana Miranda, a eurodeputada do BNG que esta mesma semana reuniuse con membros do comité. Un dos cinco sindicatos do intercentros, a CIG, informa de que Miranda suxeriu que ás traballadoras solicitaran unha reunión cos responsábeis da Directiva Audiovisual da Comisión Europea, e ademais pediran ao Centro para o Pluralismo Mediático e Liberdade de Prensa, unha entidade de investigación co-financiada pola Unión Europea, que actúe e informe á Comisión Europea da situación na CRTVG.

Segundo a denuncia en trámite, o Goberno de Feijoó incumpre a directiva comunitaria 2010/13 sobre servizos de comunicación audiovisual e a Carta de Dereitos fundamentais da UE. Ademais, o Comité Intercentros alude a “centos de casos de manipulación e silenciamento de informacións na televisión e a radio públicas de Galiza (ocultación de mobilizacións contra leis e decisións do goberno, rexistros nas sedes do PP, colapsos hospitalarios)” que foran denunciados no blogue eunonmanipulo.wordpress.com entre 2013 e 2016. “Tan só no primeiro ano de actuación de eunonmanipulo se documentaron máis de 700 casos de manipulación informativa”, arranca a exposición de motivos da denuncia.

Traballadoras e traballadores da CRTVG na Coruña o último ‘venres negro’.

E a continuación refírense os seguintes casos:

Xuño de 2009: as vacas tolas

En xuño de 2009, Rosa Vilas, que acababa de ser nomeada Directora da TVG (hoxe é Adxunta á Dirección Xeral) ordenou a retirada dun documental sobre a crise social, económica e política causada polo chamado “mal das vacas tolas”. O Colexio de Xornalistas protestou pola “censura” e a representación sindical advertiu dun “atentando contra a liberdade de expresión”.

Xuño de 2016: A conspiración do ministro

Jorge Fernández Díaz, ministro de Interior en funcións, conspira co xefe da Oficina Antifraude catalá para fabricar escándalos contra Esquerra Republicana de Catalunya e Converxencia Democrática de Catalunya segundo se puido saber despois da publicación dunhas escoitas telefónicas. Non se emitiron as gravacións, silenciouse a versión da oposición e presentouse ao PP como “vítima”. Houbo unha manifestación de traballadores da Televisión de Galiza e a representación sindical aludiu a “unha manipulación brutal e intolerábel”

Abril de 2017: A dignidade dun profesional

O xornalista Luis Quintas denuncia que se eliminaron unhas declaracións críticas coa Xunta de Galicia e se mantivo a súa locución nunha información que elaborou. O xornalista solicitou o amparo do comité de empresa da CRTVG e o Colexio Profesional de Xornalistas. “Na TVG ocúltase a parte da realidade de Galiza que non satisfaga a egolatría do goberno”, explicou Quintas nunha entrevista. 

Xullo de 2017: Rajoy no Xulgado

O presidente do Goberno e presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, comparece no xulgado para declarar como testemuña durante o caso Gürtel para dar explicacións sobre as irregularidades no financiamento do Partido Popular. Ese día na Radio Galega as declaracións de apertura foron do ex presidente socialista Felipe González feitas en 1998. O seu testemuño era sobre o secuestro de Segundo Marey. “Non é a primeira vez que un presidente ten que acudir a un tribunal para ofrecer testemuño”, empezaba a narración do locutor. 

Setembro de 2017: Desaparece a vinculación co PP dun detido en Melilla

O comité da CRTVG amparou á xornalista da Radio Galega Ana Belén Costoia Viqueira, que denunciou a través do Protocolo de actuación ante as denuncias de manipulación informativa (creado en marzo de 2017) a manipulación dunha nova elaborada por ela sobre unha célula terrorista en Marrocos e Sevilla. Cando a traballadora locutaba a noticia en directo no informativo vespertino A Crónica, xusto antes da lectura dun parágrafo no que informaba que o presunto líder da célula xihadista “fora afiliado do PP de Melilla”, unha responsable do programa ordenoulle non ler esa referencia. O Director Xeral compareceu no Parlamento Galego para responder ás preguntas dos partidos da oposición sobre este caso.

Outubro de 2017: Sen vaga de lume até as once da noite

Logo de dous días de incendios, o domingo 15 de outubro de 2017 o lume rodeaba a cidade máis populosa de Galicia, Vigo, e a súa área metropolitana. Catro veciños da zona faleceron. Durante todo o día os informativos da canle pública fixeron unha cobertura ordinaria dos lumes malia que a situación era de extraordinario perigo, e non se puxo en marcha un especial informativo até as 23 horas. As críticas á CRTVG apareceron nas redes sociais por estar emitindo unha serie cando a poboación demandaba a información de urxencia e de proximidade. O Comité Intercentros xa solicitou daquela a dimisión de Sánchez Izquierdo.

Maio de 2018: Minuto e medio para a Gürtel

A sentenza da Audiencia Nacional sobre a primeira etapa de Gürtel obviou os detalles da condena ao Partido Popular, beneficiario a título lucrativo de 245.000 euros, e o pasado dun dos condenados con máis pena, Pablo Crespo, como secretario de Organización do PP galego. As instrucións da dirección de informativos foron que o vídeo da sentenza debía durar como máximo 50 segundos, 10 para a introdución desde o estudo e 35 ou 40 máximo para o vídeo da información. A cobertura da sentenza finalmente durou 76 segundos, entre a presentación e o vídeo, e incluíuse na segunda metade do informativo. O Telexornal emitiu dúas veces (en titulares e no desenvolvemento) a opinión do presidente do Goberno central Mariano Rajoy, anterior a que se coñecese a sentenza, sobre o dano que a corrupción causara ao seu partido. “A información está absolutamente fiscalizada”, denunciou o Comité Intercentros.

Xuño de 2018: Agochan a protesta contra a minaría

O 10 de xuño en Compostela celebrouse unha multitudinaria manifestación contra a instalación dunha mina na localidade de Touro. Os propios organizadores da marcha denunciaron nas redes sociais que a televisión pública non emitira imaxes da praza principal da cidade ateigada de manifestantes. 

Ana Pérez e Marga Pazos, o pasado venres, 31 de agosto.

A cinco días da manifestación do próximo sábado en Compostela, na que se anuncia a maior protesta de xornalistas e traballadores de medios de comunicación no país, o Comité Intercentros continuou hoxe recibindo adhesións de formacións políticas, colectivos sociais e veciñanza en xeral a través das redes sociais. Mentres, este martes a CRTVG lanzaba a súa programación de tempada co anuncio das novas franxas horarias dos programas culturais na radio e na televisión. O proxecto chámase #Cultura365, un hashtag para agochar a perda de relevancia da información cultural nas canles públicas, agora en mans de María Solar.

Nin na web nin nas redes sociais nin nos informativos da Radio e da Televisión públicas galegas houbo polo de agora referencia algunha ao conflito entre as traballadoras e a dirección da corporación, o que define cal é a idea do público, do servizo público e da propiedade dos medios públicos que manteñen a actual dirección e o goberno que a utiliza e protexe desde hai nove anos.

Deixe um comentário

Deixe um comentário