"Ás veces temos medo: a ver se imos ser nós quen paga os pratos rotos da minaría"
Teima | Como se para unha mina – Capítulo 4 (Touro)
A. Noguerol, E. Dobaño texto e fotos | Pontevedra, O Pino. 26 de outubro. “Touro está liquidado. Por que non deixan de enredar coa empresa e lle din xa que non, que non haberá mina?”, opina Ana Varela, secretaria da asociación ambientalista Petón do Lobo. “Espero que os de Touro o consigan, eu naquela manifestación en Compostela pensei ‘somos moitos, podemos botar isto para atrás’. E botámolo”, conta Fina Pose, veciña de Corcoesto, daquel 2 de xuño na Quintana. Cinco anos despois, o pasado verán, a protesta contra a minaría salvaxe volveu encher Compostela, pero desta volta a TVG quixo minimizar o impacto e por iso as veciñas e veciños da Plataforma Mina Touro-O Pino NON, volveron hai cousa dun mes para acompañar a técnicos e xornalistas das empresas públicas de radio e televisión noutra protesta. Por unha prensa libre, rezaba a súa pancarta. Aquela mañá M. P. e J. M. libraron, quedaron descansando nas súas casas. Xa se converteran en personalidades públicas, cos seus custos, por iso agora prefiren refuxiarse no anonimato e falar como voces da plataforma para contar como se para unha mina, como elas están a piques de conseguilo, aínda que son máis precavidas que as activistas de Corcoesto.
“O final ten que estar cerca porque isto xa non hai corpo que o resista. É certo que hai precedentes de loitas que pararon minas, por iso ás veces temos máis medo: a ver se imos ser nós quen paga os pratos rotos da minaría. Abandonou xente e sumouse xente. Pero estamos moitas desde o principio. A xente que abandonou non é que cambiase de opinión, o que pasa é que a vida ás veces non che permite… Canto resistiremos? Eu teño clarísimo que non vou parar de loitar. Pero clarísimo!”.
A Arca, no concello do Pino, e un rebulir de peregrinos que toman café, miran e pasan alleos a loita que desde hai ano e pico libran nestas aldeas veciñas e veciños que se resisten a entregar as súas vidas e a terra a unha gran empresa que quere sacar cartos e punto, como si iso, os cartos, as empresas, furar na terra e espallar merda con tal de sacar cartos, a lóxica empresarial, fora o máis normal do mundo, tan normal como ver pasar un peregrino coa súa mochila. E non. Iso din as veciñas e veciños, bastantes. Suficientes para pensar que tamén aquí a xente será quen de parar a mina. E non están soas.
Hai cinco anos de experiencias no país desde o de Corcoesto. E está a xente da Plataforma de Defensa da Ría de Arousa. Coordínanse. Os da ría falaron en Bruxelas, mentres os de Touro ían a Londres a unha xunta de accionistas de Atalaya Mining, a empresa que quere máis mina. As veciñas da ría tamén entraron na loita porque o mar tamén está afectado.
“Nós descoñecíamos a existencia do proxecto. Foron os compañeiros e compañeiras da plataforma de Touro os que nolo fixeron saber. Convidámolos a unha reunión nosa, e alí diante de toda a xente da ría expuxeron o problema. Decatámonos das implicacións. E puxémonos a investigar. Ao fin e o cabo, o río Ulla é o que alimenta basicamente a ría. É o máis caudaloso de todos”, explica Xaquín Rubido, Xocas, da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.
“Nós descoñecíamos a existencia do proxecto. Foron os de Touro os que nolo fixeron saber. Convidámolos a unha reunión nosa. Decatámonos das implicacións. E puxémonos a investigar”, di Xocas, da Plataforma de Defensa da Ría de Arousa.
A historia destes meses de loita en Touro é sabida. No DOGA do 25 de agosto de 2017 aparece o anuncio de que unha empresa chamada Cobre San Rafael presenta un proxecto de reapertura e ampliación da mina que fóra explotada por Riotinto entre 1972 e 1986. Cobre San Rafael é una sociedade constituída por Explotaciones Gallegas, que mantén actividades nos terreos da vella mina, e Atalaya Mining, una multinacional do sector que desde hai tres anos explota minas en Huelva. Os veciños reaccionan diante do anuncio. Empezan a preguntar. Tópanse con que o plan consiste en reactivar seis cortas antigas e abrir dúas máis, que a ampliación afecta a 500 hectáreas de árbores e labradío, que se construirá unha presa de 3 quilómetros e 81 metros de altura sobre a aldea de Arinteiro, que haberá voaduras diarias durante os 14 anos que se prevé permaneza aberta a mina… E organízanse.
“Moi pronto, a principios de outubro. Seriamos un cento e pico de persoas. Moitos, si, pero moi ben organizados. Eu fun a guía turística, a ver se me dan o máster xa. Ía levando á xente, aos políticos, aos xornalistas por aquí e por alí. Primeiro tamén fun ao concello ver os mapas do proxecto para saber que parcelas de cada veciño estaban afectadas. Aquí no Pino foi máis sinxelo, en Touro houbo que andar coa lupa… na reunión coa empresa dixeran que podíamos ir polos concellos ver o mapa. Eu tardei catro días en ir ao de Touro, pero ensináronme outro mapa. Protestei e dixeron que aquel era o que lles pasara a empresa e déronme un papel cun correo electrónico para protestarlle á empresa. Fun informando a cada veciño. Despois foi cando empezaron a vir os políticos e os xornalistas”.
“A min e a varios compañeiros, non fun eu só, tocounos a parte de chapar. Fomos dando charlas polas aldeas. Fun presentador do documental de Bocixa. Papeino catorce veces. Un día díxenlle a Bocixa que lle estaba collendo manía. Outra vez fixemos unhas declaracións na radio dicindo que os camións circularían por sitios do Camiño, e nun pleno o alcalde de Touro botounos en cara que andabamos a dicir que os camións ían matar peregrinos! Perdoa? Fomos á hemeroteca e levámolo audio ao pleno seguinte. Tiven enriba da mesa os 2.500 folios, chapei todo o proxecto. Estivo moita xente mirando iso. Distribuímonos para dar as charlas, basicamente: M., A., O., L. e eu. A primeira foi no Pino. Tiña moitísimos nervios. Ese día había cincuenta ou sesenta persoas. Na anterior, aínda había máis, pero eu naquela non falara. Levabamos totalmente documentado todo. Non nos podían pillar. Con cada frase estaba anotado un número de páxina”.
“Fomos dando charlas polas aldeas. Fun presentador do documental de Bocixa. Papeino catorce veces. Un día díxenlle a Bocixa que lle estaba collendo manía”
“Na ría hai 11 confrarías, iso dá unha idea da complexidade que ten. Pertence unha parte á provincia de Pontevedra e outra á da Coruña. Levounos moito tempo trasladar a información á cidadanía. Planificamos unha campaña de charlas, de convocatorias de plenos municipais, que nos permitiran establecer unha fronte colectiva, a cidadanía e os representantes políticos máis próximos, que son os das administracións locais, para intentar plantar cara a algo tan economicamente poderoso e con tanta capacidade de presión e lobby“, explica Xocas.
Cobre San Rafael prometía 400 postos de traballo, pero os prexuízos serían enormes: tráfico pesado, balsas de lodos con metais pesados, contaminación, afectación á gandaría, perda de valor das propiedades inmobiliarias e ameaza dunha futura ampliación que triplicaría a superficie da vella mina. E, a través dos ríos que van dar o Ulla, o desastre estenderíase até a ría de Arousa.
“Era a primeira vez que desenvolvíamos unha mobilización por esta contaminación que non é visíbel. En doce horas colócase na ría de Arousa, pero ti non a ves. Non é o Prestige, non é unha marea negra. A dificultade é transmitir iso ao conxunto da opinión pública; ese problema é maior. Por iso precisamos apoio dos medios de comunicación, e non o atopamos”, lamenta Xocas.
O 70% da produción de mexillón sae da ría de Arousa, a primeira produtora europea. “A ría dá máis diñeiro que a mina. Se sumas as lonxas e o mexillón, en primeira venda, sen valor engadido, durante 14 anos, dá máis riqueza que a que afirma a mineira que vai obter neses anos. Cal é a diferenza? A riqueza da mina vai para o exterior e queda todo o noso estragado. O que se reparte é a riqueza do país”.
En novembro do ano pasado, as dúas plataformas empezaron a coordinarse.
“Ganamos moitas batallas. Houbo dúas manis importantes. Fixeramos unha en Touro o 25 de febreiro. Calculamos unhas 3.500 persoas, e os tractores… houbo moita implicación xa nesa. Despois, na de xuño, cargamos as pilas para un ano máis. Sempre tivemos éxito con todas as convocatorias. Outro día importante foi cando entregamos 26.112 sinaturas que collemos. Collémolas a pé de rúa, non por Internet, contándolle a 26.000 persoas o noso problema”, di J.M.
E a súa compañeira apunta: “Para a manifestación de Compostela tivemos moita axuda, xente particular e asociacións que botaron unha man. E, claro, está a Plataforma de Defensa da Ría de Arousa. Estamos xuntos con eles. É un problema común: 82 quilómetros polo Ulla. Xuntámonos moi pronto. Non lembro as datas, pero foi pronto. Puxémonos nós en contacto con eles. E empezamos ir concellos abaixo do Ulla, e eles cara arriba. Nós chegamos até Padrón. Dúas deputacións e corenta concellos se sumaron ás nosas reivindicacións. E son de todas as cores políticas. Chamamos a todas as portas. A nivel parlamentario pedimos falar con todos. Todos nos recibiron. Todos viñeron aquí, excepto o PP”.
Un ano despois, a razón está de lado das veciñas e veciños. Iso din os sucesivos informes que distintos departamentos da Administración foron emitindo sobre o proxecto. Mais o lobby é poderoso. Mentres empregados da empresa seguen visitando casa por casa, outros van facendo buratos, cada vez máis lonxe da vella mina. Pero as ambientalistas están certas de que a cousa se vai parar. “Desde o momento en que os informes de Medio Rural e de Montes son negativos; e o que sinalan eses informes non se pode arranxar, porque un informe de Augas pódelo arranxar facendo restauración, controlando o PH da auga ou o que sexa… pero isto non. Ou é unha cousa ou outra. Este proxecto está liquidado. Mesmo o Instituto Xeolóxico estatal fala da falta de viabilidade”, insiste Ana Varela.
Un ano despois, a razón está de lado das veciñas e veciños. Iso din os sucesivos informes que distintos departamentos da Administración foron emitindo sobre o proxecto.
Pero a pé de loita, as cousas aínda se ven doutra forma. “No Pino a maior parte da xente non se pronuncia, din que non queren a mina pero non van en contra do concello… que non é ir contra o concello”, contan as activistas. “En Touro a complicación é que hai xente traballando no que era a mina. Din que por culpa da Plataforma quedará xente na rúa. Nós non queremos pechar o que hai funcionando alí, porque o que hai foi compatíbel até agora e pode seguir séndoo sempre que teñan respecto medioambiental. É o único que pedimos: que teñan respecto medioambiental”.
Tamén o portavoz da Plataforma de Defensa da Ría de Arousa mostra a súa cautela, e apunta dous problemas que teñen que ver co repertorio de resposta da Administración e os arredores do poder: o acceso á información. Por un lado, a nube de silencio mediático; por outro, os obstáculos para dispor da información pública.
Sostén Xocas que estamos diante “dun proceso onde a cidadanía non ten opción de coñecer ese diálogo existente entre a Xunta e a empresa, que podería cambiar algúns aspectos formalmente para permitir que a Administración outorgue autorización. E nós non podemos presentar alegacións a iso. Levamos nove meses agardando información dos expedientes da antiga mina, non do proxecto actual, senón da antiga mina. Isto que acabo de dicir é a foto dunha realidade absolutamente pechada, propia dun réxime ditatorial. Como se pode entender que en medio do verán a Dirección Xeral de Minas faga público no DOG unha normativa específica de acceso á información da Consellería? A partir do verán, os cidadáns que queiran consultar información sobre minas non poden facelo en función da lexislación xeral da Xunta de Galicia”.
“Din que por culpa da Plataforma quedará xente na rúa. Nós non queremos pechar o que hai funcionando alí, porque o que hai foi compatíbel até agora e pode seguir séndoo sempre que teñan respecto medioambiental. É o único que pedimos: que teñan respecto medioambiental”
Despois están os medios ao servizo das elites, xa non a radio e a televisión públicas que fan información de parte, senón os aliados na prensa privada. Di Xocas: “En comparación coa loita contra a lei de acuicultura, agora observamos unha maior dificultade para que as nosas posicións accedan aos medios de comunicación. Existe unha barreira máis grande. Esta vez fixemos moito máis traballo e conseguimos encher a praza do Obradoiro. Até ese momento non sabíamos realmente que pasaría, porque insisto: tivemos serias dificultades para que as nosas posicións apareceran nos medios. Non existía un eco. Teoricamente os medios de comunicación teñen unha función social, e non había o retorno para saber se a nosa voz chegaba á xente, agás as asembleas. Pero enchemos o Obradoiro”.
Despois da manifestación do pasado 10 de xuño, a empresa abriu unha oficina no Pino e outra en Touro. Para informar. A manifestación foi un domingo e as oficinas abriron o martes. A mesma rapaza atende as dúas oficinas. O martes e o xoves, no Pino. Luns e mércores, en Touro. Ten pouca xente. Pero de cando en cando algún veciño se topa cos técnicos da empresa facendo buratos. E polas casas seguen indo os compradores.
“A miña foi a última casa da aldea á que veu un deles. Faleille moi ben. Démonos a man ao final. Expliqueille o risco que corría a miña casa se puñan alí unha balsa de lodos. Expliqueillo coma a un neno de tres anos. El dixo: ‘Son un mandado’. Á miña tía, que vive en San Fis, dábanlle moito máis. Creo que a min non chegaba a dous euros, e a miña tía, penso, que a 2,80 o metro cadrado”. Hai dúbidas respecto do prezo entre elas aquí no café en Arca. Así que chaman a outro compañeiro. “Somos un equipo”. Atende N. “Sabes a como pagaban?”. Eran 2,60 euros por metro cadrado de terreo plantado; e o sen plantar, a 1,80. “Non temos constancia de que ninguén que firmara. Pedían un preacordo de compra do 10% de cada finca. Así non te botabas para atrás aínda que despois che viñera alguén ofrecendo máis. Firmaches, e aí te quedas”.
Cara a ría as cousas son algo diferentes. Son máis e a xente está máis unida. A Plataforma de Defensa da Ría conta co apoio do sector produtivo. Cada asociación, cada confraría. “Estamos abordando os problemas e dando unha saída. Imos consolidando unha forma de defensa e resposta social”, afirma Xocas. E xa van pensando no futuro: “Unha vez que poidamos neutralizar este proxecto, levaremos a cabo unha iniciativa de axitación popular para declarar as actividades artesanais de pesca e marisqueo de Galiza como de interese xeral”.
A finais de setembro vai sol e aínda bulen os peregrinos por Arca. As boas novas non paran de chegar desde o verán. Ese día, unha que vén de Andalucía. Alí, o Tribunal Superior da comunidade acaba de decidir que suspende a licencia condicionada para os traballos dunha explotación mineira de Atalaya. Proxecto parado. “Non pola Administración, ollo; senón pola Xustiza”, subliñan as activistas. “Os informes que saíron sobre Touro son todos desfavorábeis para eles”, din. “Pero deberían ser máis contundentes, porque sempre deixan unha porta aberta para arranxar”. Con ese medo andan no corpo, non vaian ser elas e eles, as súas aldeas, as que paguen o pato.
“A min téñenme controlada. Xa puxeron carteis novos. Prohibido pasar. Explotación minera. Un día topeime coa balsa de Bama desbordándose, e o que responderon foi que me metera en propiedade privada. A actividade que hai, que siga sempre que sexan respectuosos co medioambiente. Que non o están sendo… agora din que é todo mentira o que dicimos que se botou aí… Xa non volvín máis a mina. Nin que fora un terrorista. Estás defendendo a túa terra… pero se a xente tivera un pouquiño de amor pola terra na que naceu non pasarían estas cousas”.
“Unha vez que poidamos neutralizar este proxecto, levaremos a cabo unha iniciativa de axitación popular para declarar as actividades artesanais de pesca e marisqueo de Galiza como de interese xeral”, din os da ría.
As posicións antes do que se presupón a batalla final
En Pontevedra a cita co Xocas é unha mañá fría e seca como este comezo do outono. Houbo tempo de dixerir as boas novas do verán. De temperar a euforia e ollar con máis demora os movementos de cada quen. “Un mapa do campo de batalla? Vexamos:
1º A empresa está xogando varias bazas: quere conseguir a autorización ben para poñer en marcha o proxecto ou ben para vendelo e facer caixa. A solución terá que ver cos custes e coas expectativas que manexen.
2º A Xunta, basicamente, marea a perdiz cara á cidadanía: dun lado trata de atenuar a presión cidadá e doutro intenta resolver os problemas técnicos e ambientais que presenta o proxecto. Pero vai da man coa empresa e quérelle dar a autorización de costas ao conxunto da cidadanía.
3º A veciñanza está vivindo a realidade. E máis cando chove. Porque a contaminación se fai máis visíbel, tela na porta da casa. Por iso hai certa conciencia social e mantense a presión e a denuncia.
4º Non temos ningún tipo de información dese diálogo entre a Xunta e a empresa mineira en relación ás modificacións técnicas. Tampouco temos información da antiga mina. Non sabemos se pretenden tapar co proxecto actual as eivas do proxecto anterior, que estivo 30 anos contaminando –está demostrado polas analíticas de Augas de Galicia-. Pero a administración está encubrindo a actividade contaminante da mina.
5º Conseguiremos os informes solicitados. Iniciaremos as accións legais que consideremos oportunas en función dos datos que vaian aparecendo nesa documentación administrativa. O discurso da Xunta inicialmente era que non había informes. Ou sexa, que o proxecto non estaba informado. Esa foi a primeira desculpa, a primeira barreira, o primeiro muro. Unha vez que apareceron enriba da mesa os 16 informes das respectivas consellerías pasaron a dicir que habería que estudalo.
6º Todo isto hai que encaixalo no calendario electoral. Se valoran que vai ter un custe político moi elevado, supoño que xogarán a baza de dicir que non publicamente para despois volvelo a facer. Xogan coa ignorancia e descoñecemento da xente en parte debido á opacidade dos medios de comunicación”.
– Mais nunca antes a opinión pública tivo tanta información sobre o que acontece nesa mina en Touro…
– Seguramente. Todo é moi relativo. Pero é certo que agora estamos máis informados en relación á mina que a finais do 2017. Nun ano, a conciencia da cidadanía da ría de Arousa e do conxunto do país é maior.
#Minaría
Como se para unha mina: Corcoesto
Mina Touro-O Pino, NON (un texto de Emma Pedreira)
Como se para unha mina: Xunta vs. Minería de Corcoesto
Touro acumula contexto
Gaña Touro, a guerra segue
886 días berrando “Mina non!”
Zona franca non rexistrable
Marchan. Os case mil días de Touro
illas
Precariedade institucionalizada nas bibliotecas públicas