Ameaza á vida e á liberdade de Assange
Marga González
Onte luns, 24 de febreiro, coincidindo co primeiro día da vista sobre a súa extradición, celebrouse unha protesta global para pedir que o xornalista e fundador do sitio web WikiLeaks, Julian Assange, sexa extraditado a Estados Unidos, onde corre o risco de sufrir torturas.
A detención de Julian Assange derívase directamente da publicación de documentos divulgados como parte do seu traballo con WikiLeaks, que non debe ser punible en si mesmo. Por tanto, Amnistía Internacional pide ás autoridades estadounidenses que retiren todos os cargos de espionaxe e outros cargos relacionados contra Julian Assange que apoian a solicitude de extradición do Reino Unido, para permitir a súa pronta liberación.
Os cargos contra Julian Assange débense exclusivamente á publicación de documentos aos que tivo acceso polo seu traballo en WikiLeaks. Esta actividade, en si mesma, é un reflexo do traballo que de forma habitual realizan os xornalistas de investigación no exercicio da súa profesión, e non debería castigarse. A implacable persecución do goberno estadounidense contra Julian Assange pola publicación de documentos aos que tivo acceso sobre posibles crimes de guerra, entre outros, cometidos polo exército de Estados Unidos é un ataque directo ao dereito á liberdade de expresión. Restrinxir o dereito á liberdade de expresión é moi perigoso.
Segundo o dereito internacional dos dereitos humanos, o dereito á liberdade de expresión só pode ser restrinxido polo Estado cando exista un obxectivo lexítimo, incluída a seguridade nacional. Con todo, os Estados teñen a obrigación de garantir que calquera restrición estea prevista pola lei, e que sexa necesaria e proporcionada a ese obxectivo lexítimo.

As restricións ao dereito á liberdade de expresión e ao acceso á información baseadas na protección da seguridade nacional deben respectar o papel dos medios de comunicación, e non se debe impedir que as persoas publiquen información clasificada baseada en nocións vagas ou demasiado amplas do que constitúe un ameaza para a seguridade nacional. Un estado non pode negar o acceso a toda a información relacionada coa seguridade nacional, pero debe designar categorías específicas e estreitas que son necesarias para protexer un interese lexítimo de seguridade nacional.
Os medios de comunicación desempeñan un papel fundamental en informar á sociedade sobre temas de interese público. Castigar a xornalistas e outros traballadores dos medios de comunicación unicamente por publicar información clasificada sobre abusos contra os dereitos humanos vai máis aló destas restricións permitidas.

Amnistía Internacional ten serias preocupacións de que os crimes dos que se acusa a Assange reflicten condutas que os xornalistas de investigación levan a cabo regularmente na súa actividade profesional. O enxuizamento de Assange por estes cargos podería ter un efecto negativo sobre o dereito á liberdade de expresión, o que podería levar aos xornalistas a auto-censurarse por temor a ser enxuizados.
A atención médica para as persoas privadas de liberdade é responsabilidade do Estado e, por tanto, as autoridades competentes do Reino Unido deben tomar todas as medidas necesarias para garantir que Assange teña acceso á atención médica que a súa condición require. Os Estados teñen a obriga de garantir que as persoas privadas de liberdade poidan gozar dos mesmos estándares de atención médica que os dispoñibles na súa comunidade. Cando unha persoa privada da súa liberdade require atención médica urxente que non se pode proporcionar no cárcere, debe ser transferida a institucións especializadas ou hospitais externos.
A Coruña | 25 de febreiro.
Amnistía Internacional pide ás autoridades de Estados Unidos que retiren todos os cargos de espionaxe e outros cargos conexos aos que se enfronta Julian Assange para que poida ser posto en liberdade inmediatamente.
A autora

Marga González Varela
Noia, 1957. Leva 37 anos participando activamente en Amnistía Internacional. Na actualidade, entre outras actividades, coordina o grupo da Coruña e colabora co Equipo de Medios de Comunicación de Amnistía Galicia.
O caso Assange

A caza
Este luns, 24 de febreiro, comezará o xuízo contra Julian Assange, o fundador de WikiLeaks, que podería terminar coa súa extradición aos EUA, mentres durante a fin de semana se suceden as protestas en todo o mundo diante do ataque á liberdade de expresión e outros dereitos que están en xogo neste caso.
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
#xornalismo


O xornalismo público apela á cidadanía “para recuperar a Galega”


Novo ataque á liberdade de expresión: agora todas somos “GARA”
Outras opinións

Tecendo resistencias nun medio hostil



Nunha época de autoritarismo crecente…

Outras opinións

A vida extínguese sen fogos de artificio


Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo

Unha multitude dentro de Dylan

Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso