Berta Cáccamo e o hermetismo transparente
Baldo Ramos
Hai pintores que pintan o que ven e pintores que pintan o que son. E Berta Cáccamo pertence a estes últimos.
Sempre apreciei no seu traballo esa vontade de evitar o confesionalismo, a representación, a anécdota.
A primeira vez que vin unha obra súa nos primeiros 90, unha desas lonas traballadas con pegadas de tempo e pintura acrílica moi velada, souben que naquela obra falaba unha artista de dicción inconfundíbel, con rexistros de respiración lenta, contida, acompasada. Amosar sen impoñer. Compartir sen adoutrinar. Unha artista que convida a habitar a súa pintura coa ollada cómplice de quen entende que os espazos creados nas súas teas, nos seus papeis, son espazos de acollida, de complicidade. Lugares nos que poder acougar.
Hai na súa experiencia plástica moito de ensaio meditado, pero tamén azaroso; moito de expansión, pero tamén de contención.
Nos conceptos de expansión ensaio, título da que había ser a súa derradeira gran exposición en vida, están condensados dous dos tensores que fan da súa pintura unha das achegas máis orixinais da plástica galega das últimas décadas.
Cando entramos no mundo de Berta Cáccamo sentimos que os seus accesos son de natureza líquida, peneirada pola transparencia dunha visión interiorizada e moi material.
Sobre a súa intensa traxectoria, aínda que non tan longa como quixeramos todos, escollería a palabra “coherente” para describila cun só trazo. E se tivera que escoller, dos seus máis de trinta anos de constante experimentación plástica, quedaría coa súa produción da década dos 90.
Amosar sen impoñer. Compartir sen adoutrinar. Unha artista que convida a habitar a súa pintura coa ollada cómplice de quen entende que os espazos creados nas súas teas, nos seus papeis, son espazos de acollida, de complicidade.
Nas obras deses anos conseguiu iso que só conseguen os artistas que pintan para ser eles mesmos, sen distraccións externas nin condicionantes mundanos: a suspensión do tempo. Nese espazo tensado pola suspensión do tempo, quen ve estas obras sente o pracer de saberse reconfortado, protexido da intemperie do exterior.
Sernam (1990), Absu (1991), Los años circulares (1995), Choroní (1995) ou a serie Horas felices (1996) son obras que traballan o baleiro con caligrafía tan contida e radical que diante delas é imposíbel non sentirse apelado e acollido simultaneamente. Hermetismo transparente que nos incita a entrar, a saber, a recoñecernos. Un territorio refuxio no que sentirse acubillado despois de percorrer os labirintos do abismo. Ese lugar que a Berta lle gustaba transitar e cuestionar. Porque só cando un artista se asoma a ese abismo sentimos o estremecemento dunha verdade alentadora, dun desexo feito corpo indefenso, dunha luz que transloce o nada habitábel que nos permite respirar desoutro lado da morte.
Quédanos na obra de Berta Cáccamo un camiño circular que nos devolve a súa ollada fráxil e serena como un poderoso espazo maternal, uterino, un espazo no que poder refuxiarnos do sufrimento, dos medos, da morte máis cruel.
Ese “camiñar sinuoso nun bosque pola noite”, metáfora que empregou para definir o seu trazo negro nas Horas felices, é o camiñar que agora nos permite desandar a nós os seus pasos de volta a esa casa que Berta foi construíndo con vagar e constancia dentro da caótica cidade das artes na que actualmente vivimos.
Baldo Ramos
Celanova, 1971. Poeta e artista plástico, é autor de obras como A árbore da cegueira, A ferida de comprender ou Cartas dende o esquenzo. Escribe para non darse por vencido. A súa pintura busca a mestizaxe coa literatura en proxectos individuais e colectivos como Os ollos das palabras, Onde beben os cervos que amansou o calígrafo ou A dobre páxina.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso