Camiño á desaparición das cadeas?

Bletxu Valeiras

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

O 17 de outubro, Esculca organizou en Compostela unha charla-coloquio sob o título É possivel unha sociedade sem cárcere? co profesor da Universidade de Barcelona, director do Observatori dels drets humáns, Iñaki Rivera Beiras. A pesar da aparente radicalidade do título do debate, tanto a palestra do profesor Rivera como o posterior coloquio centráronse sobre todo nos pasos posíbeis para a redución da poboación reclusa, previos á descarceración total da sociedade.

Incluír este debate dentro da axenda política, informativa ou mesmo social do Estado español, é unha tarefa practicamente imposíbel. A crenza de que as persoas presas entran por unha porta para saíren logo por outra, ou de que a vida nas cadeas é practicamente como nunha urbanización de luxo (até piscinas hai!), está tan estendida que nin a partidos nin a medios de comunicación nin a moitos dos axentes sociais interesa tocar o tema, como non sexa para afirmar esta opinión tan pouco informada.

E no entanto, malia esta crenza, os datos mostran unha realidade ben diferente e un sistema penal notabelmente máis duro que o do resto dos estados europeos. A estadía media das persoas reclusas nas cadeas do reino é de 21,9 meses, máis do dobre da media europea e só por detrás de Portugal, Romanía e Azerbaián. A ocupación dos penais é de 120 persoas presas por cada 100 celas, sendo a media europea de 91 persoas por cada 100. A taxa de poboación reclusa por cada 100.000 habitantes é de 133, un 34% máis elevada que a media europea. A taxa de criminalidade é dun 44,7 de infraccións por cada mil habitantes fronte ao 61,3% na media europea.

Se non utilizásemos máis que as matemáticas comparativas, diríamos que no Estado español hai o duplo de persoas reclusas das que debería haber, tendo en conta a taxa de criminalidade, segundo cálculo da Rede de Organizacións Sociais do Contorno Prisional (ROSEP). 

A estadía media das persoas reclusas nas cadeas do reino é de 21,9 meses.

A ocupación dos penais é de 120 persoas presas por cada 100 celas, sendo a media europea de 91 persoas por cada 100.

A taxa de poboación reclusa por cada 100.000 habitantes é de 133, un 34% máis elevada que a media europea.

E se o sistema penal no Reino de España é probadamente moito máis duro que no do resto de Europa, a outra “crenza popular” tampouco se achega moito á realidade. Sen entrarmos nos numerosos casos de abuso de poder dos funcionarios, na práctica ilegal do réxime de isolamento, no estendido costume de manter inmobilizados durante horas (e días) os presos, a vida na prisión non é equiparábel a unha estadía hoteleira cos gastos pagos, como moita xente adoita dicir.

Iñaki Rivera, no centro, durante a charla-coloquio do pasado 17 de outubro en Compostela.

A alimentación é moitas veces deficiente -as presas se ven obrigadas a comprar co seu diñeiro alimentos extra- e a auga corrente (como acontece no C.P. de Teixeiro) de moi dubidosa potabilidade. A atención sanitaria é máis que deficitaria. A aplicación de permisos penitenciarios é arbitraria, un mecanismo para impedir que as persoas presas se organicen para reclamar dereitos ou protestar por abusos (quen reclama é considerada persoa conflituosa e deixa de ter acceso a permisos). Unha vez sentenciado, o recluso xa non ten dereito ao asesoramento legal gratuíto e ten de recorrer, no mellor dos casos, ao labor voluntario de profesionais que actúan por solidariedade.

Por isto é fundamental colocar na sociedade o debate sobre a progresiva redución da poboación reclusa, a descarceración, até chegarmos -por que non?- a desaparición final da reclusión en penais como práctica punitiva.

A alimentación é moitas veces deficiente. A atención sanitaria é máis que deficitaria. A aplicación de permisos penitenciarios é arbitraria.

Unha proposta concreta.

Falou Rivera no debate da proposta de descarceración que desenvolve no seu libro Descarcelación. Principios para una política pública de reducción de la cárcel e sinalou algunhas das medidas que poderían ser postas en práctica de maneira inmediata:

Redución das penas e dos delitos penais. Como antes se indicou, a duración das penas no Reino de España é moi superior á media do continente. Unha grande parte da poboación reclusa cumpre condena por delitos menores -delitos contra a saúde, pequenos trapicheos…– e a estadía na cadea, lonxe de preparar o infractor para a súa reintegración na sociedade, xera problemas que empeoran a situación. A busca de alternativas (traballos para a comunidade, accións formativas, tratamentos de desintoxicación…) é por tanto fundamental, non só para o penado, tamén para a sociedade.

Excarceración inmediata de determinados colectivos. A permanencia no cárcere de nais con menores ao seu cargo ou doentes con padecementos graves, alén de ser unha crueldade innecesaria polo insignificante risco de fuga destas persoas, é un castigo que se aplica a persoas que non cometeron delito algún: crianzas separadas das nais ou convertidas tamén elas en reclusas, familiares a quen se furta o coidado dos seus cando máis o necesitan, etcétera.

Establecemento de modalidades xuridico-peitenciarias como o cumprimento condicionado da condena en réxime aberto, con vixilancia externa, en casas de acollemento, en réximes de semiliberdade…

Políticas de integración efectivas. A saída do recluso da cadea pode ser moi complicada xa que moitas veces se atopa coa rotura das relación familiares, sen un lugar onde vivir ou sen posibilidade de encontrar traballo por causa dos antecedentes penais ou falta de aptitudes despois dos anos pasados sen traballar. Por outra parte, quen sae en liberdade despois de anos de cadea carece da información sobre os sistemas de saúde ou os servizos sociais, o que agrava a desorientación e por tanto o risco de reincidencia. A estadía en prisión torna inevitábel que a vinculación cos ambientes delituosos sexa moi elevada nos primeiros momentos. De aí a necesidade dunha forte colaboración asistencial nesta fase do proceso en todos os ámbitos, incluídos os concellos.

En Italia conseguiuse dar cabo do ateigamento nos cárceres e reducir a poboación penitenciaria de 66.000 a 52.500 persoas en pouco máis dun ano.

Hai exemplos que mostran que unha redución do castigo carcerario é posíbel. Holanda fechou xa un elevado número de cadeas grazas a novas estratexias de rehabilitación deste tipo. Un proceso menos coñecido mais en modo algún menos interesante é o desenvolvido en Italia despois de que a sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos no caso Torreggianni e altri obrigase o Estado a solucionar o problema da sobreocupación das prisións. Levando a cabo intervencións normativas (redución de penas e de ingresos en prisión, medidas alternativas á reclusión…), organizativas (réxime mais aberto para moitas persoas reclusas, oferta de actividades diarias…) e mesmo arquitectónicas (mellora do espazo físico), en Italia conseguiuse dar cabo do ateigamento nos cárceres e reducir a poboación penitenciaria de 66.000 a 52.500 persoas en pouco máis dun ano.

O obxectivo da proposta presentada por Iñaki Rivera é reducir con estas medidas, perfectamente viábeis no curto prazo, o máximo posíbel de persoas presas. Para aquelas que nesa altura aínda ficaren en prisión, condenadas por delitos moi graves como son os delitos contra a vida ou os delitos sexuais, deberíamos procurar un camiño -agora máis facilmente accesíbel- que permitise avanzar decididamente cara esa sociedade sen cárcere que unha sociedade non vingativa avista no horizonte do seu devir.

Ourense, 31 de outubro.

Bletxu Valeiras

Bletxu Valeiras

Ourense, 1971. Secretario de Esculca - Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, e activista. Ex traballador de banca.

Deixe um comentário

Deixe um comentário