Cando Touro e O Pino dixeron "ata aquí"
plataforma Mina Touro - O Pino NON
Touro e O Pino sempre foron dous concellos tranquilos, coñecidos apenas por ser sede do programa Luar da TVG nos seus inicios un, e por ser a antesala de Compostela para os peregrinos que fan o Camiño Francés a Santiago o outro.
Nos anos 70 iniciouse a explotación de cobre, o que xerou empregos, é certo, pero tamén desapareceron algunhas casas e moitas outras víronse danadas polos barrenos, que provocaban grandes fendas nas paredes. Ademais, a mina tamén supuxo a renuncia a moito terreo de monte e labranza, que xa nunca volvería, nin volverá seguramente, a recuperar o seu valor. En pouco máis de dez anos o cobre baixou de prezo e a extracción deixou de ser rendible, de xeito que a empresa mineira marchou, deixando tras de si unha terra erma e moreas de homes de mediana idade desempregados e, en moitos casos, xa sen terras nas que poder traballar, pois non foron poucos os casos nos que, na negociación de venta dos terreos á mineira, unha condición sine qua non era a contratación dun fillo para traballar na mina.
A finais da década dos 80, logo do abandono da explotación, o único gran cambio que se percibía en Touro e O Pino respecto á mina foi unha paisaxe desoladora, cun horizonte marcado por enormes escombreiras e balsas de lodos sen ningún mantemento nin medidas de seguridade e uns ríos que, logo do seu paso polos terreos explotados, seguían o seu curso cara o mar sen rastro de vida algunha.
“En pouco máis de dez anos o cobre baixou de precio e a extracción deixou de ser rendible, de xeito que a empresa mineira marchou, deixando tras de si unha terra erma e moreas de homes de mediana idade desempregados e, en moitos casos, xa sen terras nas que poder traballar.”
Por se o resultado da extracción de cobre non abondase para deteriorar o entorno, a nova concesionaria, nada máis chegar, eliminaba o sistema de bombeo, provocando aínda máis contaminación nas augas e no solo. O plan de restauración dos terreos proposto polo edafólogo Felipe Macías tampouco veu a mellorar as cousas. Presentado desde o principio como a alternativa máis económica, o método dos tecnosoles ou solos á carta veu a supoñer un problema engadido para a veciñanza, que día si e día tamén ten que aturar os insoportables, e case indescritibles, cheiros dos lodos e demais materiais empregados na planta de tratamento.
Co tempo, este sistema foise convertendo máis nun negocio moi lucrativo baseado en amorear lixo e botalo polos noiros, que dan ao río, que nunha solución efectiva para a drenaxe aceda da mina antiga. Todo isto ía acontecendo ao longo dos anos coa total conivencia e permisividade dos alcaldes Codesido e Taboada.
Con estes antecedentes, e cunha ameaza de creación dunha incineradora para as vacas tolas a comezos de milenio, tamén botada abaixo pola presión veciñal, o coñecemento do novo proxecto de extracción de Cobre San Rafael en 2017 foi a gota que colmou o vaso. O pobo, por fin, despertou dun longo letargo e dixo “ata aquí”; non estabamos dispostos a aturar un novo ataque ao noso benestar nin aos nosos modos de vida.
Un proxecto cheo do de ameazas para a nosa seguridade vital e o medio ambiente de todos non podía ter cabida aquí, desta vez había que atallar este despropósito a tempo. E así foi como Touro e O Pino abriron os ollos e se embarcaron na loita contra a mina, que desde o principio se nos presentaba como un David contra Goliat no que o pobo partía como o David desvalido e indefenso e a empresa e a Administración semellaban ser o Goliat todopoderoso. Pero nas nosas cabezas resoaban os ecos doutras loitas populares como a de Corcoesto non había moitos anos; se eles o conseguiron, se foron quen de facerlle ver á Xunta e á sociedade todos os prexuízos que suporía unha mina a carón das súas casas e granxas, para nós tamén había esperanza. Pero, sobre todo, había moito traballo por diante que facer…
“Nas nosas cabezas resoaban os ecos doutras loitas populares como a de Corcoesto; se eles o conseguiron, para nós tamén había esperanza.”
O labor máis importante, o principal, era a información, chave para conseguir tantos apoios como finalmente se lograron, pero para iso previamente foron necesarias moitas horas de estudio exhaustivo do proxecto, moitos escritos a organismos que dalgún xeito tamén se ían ver afectados de levarse a cabo a explotación de cobre, moitas chamadas, reunións, mocións presentadas en concellos, charlas, mesas informativas en todo tipo de eventos,…
E moitos atrancos que sortear no camiño, como os propios alcaldes dos nosos concellos, totalmente favorables á actividade extractiva. Posiblemente a día de hoxe nin Ignacio Codesido nin Manuel Taboada teñan lido unha soa páxina do proxecto para comprobar todo o que a veciñanza lles intentou facer ver durante máis de dous anos. A Xunta de Galicia, pese a que a Consellería de Medio Ambiente resolveu negativamente a Declaración de Impacto Ambiental, casualmente ás portas das eleccións autonómicas, tampouco nos facilitou as cousas. A transparencia administrativa foi case sempre máis ben opaca, e en moitas ocasións o goberno galego parecía estar máis preocupado por ter contenta á empresa que por facer valer os dereitos dos cidadáns e o benestar da sociedade galega, ao tempo que miraba, e segue mirando, para outro lado ante as advertencias de vulneración reiterada da lexislación medioambiental por parte da concesionaria actual.
“Aquí permaneceremos, incansables ata a consecución da total restauración medioambiental dos terreos e a depuración de todas as responsabilidades polos danos causados”
O longo periplo da loita contra a mina levounos a chamar a moitas portas institucionais, así chegamos a defender en Bruxelas unha moción na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, conseguimos que o Defensor del Pueblo lle recomendara á Xunta non autorizar o novo proxecto extractivo mentres non se restaurasen os terreos da explotación anterior, e recibimos un informe de ICOMOS, o organismo asesor da ONU en materia patrimonial, que alertaba do grave risco que podería supoñer a mina a carón do Camiño de Santiago, facendo perigar a permanencia das rutas primitiva e francesa na Lista de Bens Patrimonio da Humanidade.
Así foi como, logo de moito traballo, Galicia conseguiu parar a mina de Touro. O coidado e defensa da terra requiren de moito esforzo e implicación pero, sen dúbida, paga a pena. Máis aquí permaneceremos, incansables ata a consecución da total restauración medioambiental dos terreos e a depuración de todas as responsabilidades polos danos causados nas últimas décadas. Punto e aparte.
Touro | 25 de febreiro
Mina Touro - O Pino NON
Somos unha plataforma veciñal que nos manifestamos en contra do proxecto mineiro a ceo aberto que pretende instalarse nos nosos concellos.
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
Touro
Gaña Touro, a guerra segue
886 días berrando “Mina non!”
Zona franca non rexistrable
Marchan. Os case mil días de Touro
Unidade e mobilización para parar Touro
Outras opinións
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan