O 17, día de Carvalho Calero

Carvalho Calero na historia do noso teatro

Henrique Rabuñal

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Don Ricardo, poeta, narrador, historiador e crítico literario, foi un home de teatro: lector, espectador, actor, investigador, director, editor, historiador, divulgador, xurado, autor…

Xa en Ferrol, onde fora alumno de García Pereira e Manuel Comellas, asiste de rapaz no Jofre a diversos espectáculos, coñecendo o teatro clásico español. Tamén escribe algunhas pezas (El puente de los enamorados ou La cruz más santa) e mesmo represéntaas na súa casa. Desde entón, o teatro foi unha referencia básica na súa biografía intelectual: investigando e divulgando a nosa produción teatral, fomentando o teatro escolar e infantil, escribindo algunhas das obras máis representativas da nosa escena, interesándose polas máis diversas manifestacións teatrais desde Shakespeare até Ibsen, pasando polo teatro chinés, nipón ou hindú, dirixindo traballos de investigación sobre o noso teatro e realizando escritos maxistrais sobre pezas e autores, desde Comellas até Xoana Torres, pasando por Cuveiro, Castelao, Otero, Cabanillas, Risco, Cotarelo, Cunqueiro, Marinhas del Valle, Dieste, García Pereira, López Abente, Valle-Inclán ou Villar Ponte.

Carvalho escribiu teatro para ser representado, un teatro que camiña do realismo para o simbolismo e o expresionismo, usuario do substrato mítico e aberto ás súas grandes inquietudes: as relacións problemáticas entre home e muller, a maternidade, o amor, a ambigüidade da política, a actividade artística, etc. Logo das pezas de infancia, escribe antes da guerra civil O fillo, e comeza Isabel.

Carvalho escribiu teatro para ser representado, un teatro que camiña do realismo para o simbolismo e o expresionismo, usuario do substrato mítico e aberto ás súas grandes inquietudes.

O fillo é un drama de mulleres que aborda o tema da maternidade virxinal. Hai na peza dous caracteres antitéticos: Joana e Estrela. A primeira, a señora da casa, é sinxela, boa, virxinal e solteira. Estrela, a criada, é a outra cara da moeda combinando a dimensión maternal e sexual. Xa nesta obra fican anotados algúns elementos do seu teatro: coidada estrutura, lingua modélica, abundancia de personaxes e conflitos femininos, incorporación de partes líricas, parellas de personaxes (criados-amos, criada vella-criada nova)ou tensión entre a realidade e a ilusión. Isabel é unha comedia psicolóxica de intriga que nos devolve ao xogo da ilusión e a realidade. Hai unha cura difícil porque o problema é a viuvez de Mário, quen vai aceptar Isabel, enviada ao pazo por uns amigos para representar o papel da muller morta, como a súa muller.

Fiel á legalidade republicana, don Ricardo foi xulgado, condenado e encarcerado até que en 1941 obtén a liberdade condicional e volta a Ferrol. Nos anos 40, sen público nin lectores, retoma a escrita teatral en 1948 con A sombra de Orfeu, unha comedia psicolóxica de mulleres artistas con evidente substrato mítico e que predica moito do noso autor. Rafael accede a posar polas mañás para Mariana, de quen está separado, dedicando as tardes á música. A experiencia é seguida con interese por outras pintoras e en particular por Magdalena, quen vai facer un retrato antitético do de Mariana. O amor é incompatíbel coa arte.

Cartel que anunciaba unha representación da ‘Farsa das zocas’ en Zarracós (A Merca) en 2017.

Tamén en 1948 escribe Farsa das zocas e A árbore. A árbore, é un auto organizado en tres escenas e un epílogo-prólogo. En palabras do autor (1985), “Dando un tratamento moderno á história bíblica da árbore da ciéncia, escenifica-se a expulsión do Paraíso e a conversión do amor, que debia dar a felicidade ao home, en causa da sua desdita”. Volvemos ao tema das relacións home-muller. Polo home pasa o tempo mentres a muller ten sempre a mesma idade. O amor tórnase imposíbel.

A Farsa das zocas, de 1948, é a súa peza máis popular. Ambientada na vida rural galega da posguerra, está baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Caricaturesca, humorística, próxima ás grandes farsas do noso teatro, aborda o tema do interese económico.

Debemos á profesora Herrero Figueroa (1990) unha análise da etapa de Carvalho como director de teatro no Colexio Fingoi de Lugo (1950-1965), cando representa A ofrenda das fadas no portal de Belén de Cabanillas, o lance Pimpinela de Castelao, estreándose tamén, en versión anónima, a Farsa das zocas en 1958. Realiza en 1951 a adaptación para teatro infantil do drama chinés de Li Hsing-Tao O círculo de xiz co título de O redondel. Carvalho recorre á técnica da autopresentación no caso do xuíz que debe dirimir a maternidade de Chu-Lang. Asistimos a unha reflexión sobre a xustiza, a mentira e os intereses económicos.

En 1969 escribe o Auto do prisioneiro e Os xefes en 1980, unha das súas obras predilectas. O Auto do prisioneiro aborda un problema existencial, na liña do teatro filosófico e alegórico. O autor tentou “reflectir nunha forma moderna, poética e incisiva, a angústia do home engaiolado na sua finitude, mas con unha faústica sede de alén”. O punto de partida é a do home que vive na cadea por orde do pai.

Os xefes é un drama político no cal Carvalho pretendeu desenvolver o pensamento “das ambigüidades das posicións políticas, e, como harmónico deste motivo, o da inanidade das loitas civis, o da identidade íntima dos ideários políticos opostos, o da escravitude dos xefes con relación ás masas e o da manipulación das masas polos xefes”. Resulta fácil establecer paralelismos coa guerra civil e o asedio de Madrid.

A Coruña, 17 de outubro.

Henrique Rabuñal

Henrique Rabuñal

Pastoriza (Arteixo, A Coruña), 1962. Escritor e profesor. Doutor en filoloxía galega pola USC e catedrático de lingua e literatura galegas no IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña. Membro da AELG, colabora en Radio Coruña, Boletín da Real Academia Galega, Luzes ou Grial. Autor de A fariña das horas (1998), Poemas da luz e da loucura (1992), A Coruña na historia (1999), Manuel Murguia (1999), Manuel Martínez Murguía (1999), O tempo demorado nos marmelos (2000), Jenaro Marinhas del Valle, a vida escura (2000), O Padre Sarmiento (2002), Ollos negros (2004), Palabra e patria (2005), Manuel Lugrís Freire (2006), O cristal da sede(2006), Literatura galega (2007), Xosé María Álvarez Blázquez na súa canle secreta (2008), Poemas coruñeses (2008), O teatro en Jenaro Marinhas del Valle (2009), Teatro incompleto (2009), Escritos sobre teatro galego 2000-2012 (2012) e Porlier en Pastoriza (2018) con Miguel Sande.

Deixe um comentário

Deixe um comentário