Catro discos sobresaíntes con xenes galegos

Gonzalo Trasbach

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

A comunidade galega sempre contou con destacados artistas no mundo da música popular contemporánea, dende Andrés do Barro ata Siniestro Total, pasando polos inesquecibles Golpes Bajos. Nos últimos tempos, a sona de grupos como Bala, Triángulo de Amor Bizarro ou Novedades Carmiña, entre outros, é incuestionable no ámbito nacional e, no caso da banda liderada por Rodrigo Caamaño e Isabel Cea, mesmo no ámbito internacional. No que levamos do 2018 teñen aparecido discos que, dado o seu considerable nivel artístico, confirmaron a valía dalgunhas das nosas/os cantantes ou converteron outros en enormes esperanzas de cara ao futuro.

Neste sentido, o que buscamos nesta ocasión é facer un pequeno comentario sobre catro álbums. A nosa primeira referencia é para Déixaas (Altofalante), o último longa duración que ten publicado Mercedes Peón. A compositora e vocalista coruñesa leva xa moitos anos conxugando tradición, electrónica e vangarda, tantos como lle leva dedicado á tarefa de renovación da música tradicional da nosa comunidade, mais sempre insistindo na busca de novas paraxes sonoras. Agora, coa posta na rúa de Déixaas segue transitando polo camiño que abriu con SOS (2010), onde o local, en canto o singular, se erguía coma o universal.

Coa compaña de Ana Fernández e Mónica de Nut déixase seducir polo son dos estaleiros, gravados en Navantia (Ferrol), para configurar un disco impactado polos metais, polos espazos e polas polifonías dos materiais da construción de barcos. Estamos falando dun traballo moi suxerinte e atractivo, renovador, que nos invita a gozar dunha alianza perfecta entre tradición, electrónica, pop e rock. Auténtico vangardismo.

A moza ourensá-estadounidense Marem Ladson acaba de presentar un disco homónimo, un debut tan sorprendente coma maduro para unha rapaza de tan só dezanove anos. Aínda que a primeira vista puidese non parecelo (talvez se necesite máis dunha escoita), Ladson é unha artista que vence e convence. E non só iso, todo fai indicar que estamos diante dunha cantante que agocha un grande talento e conta cun prometedor porvir.

Marem Ladson acaba de presentar un disco homónimo, un debut tan sorprendente coma maduro para unha rapaza de tan só dezanove anos. 

Baiuca é o nome do segundo proxecto de Alejandro Guillán. O de Catoira, agora afincado en Madrid, tíñase estreado no mundo musical no ano 2014 con Autogonasia, un disco de pop hedonista luminoso, traballo que asinou baixo o pseudónimo de Álex Casanova. Logo de ser formado na súa infancia con instrumentos coma a gaita dentro da música tradicional galega, agora aposta neste álbum por unha combinación de tradición e electrónica vangardista (gaitas, sintetizadores e caixas de ritmos) para confeccionar Solpor, un artefacto atrevido, auténtico, exultante e emocionante.

Imaxe da portada de ‘Incoming Noise’, de Agoraphobia.

Boiro é a miña vila. Din os veciños dos arredores e mesmo algúns de entre nós, que aquí non temos nada salientábel. Dentro do mundo da música, tradicional, clásica e popera, temos moito. Mais ninguén se quere decatar. Neste sentido, o último disco deste comentario está dedicado a un grupo con raíces aquí, como Triángulo de Amor Bizarro ou The Lakazans: Agoraphobia. Logo de que debutasen no mundo do indie rock con dous intensos EPs, Dirty Little Things (2014) e Ready To Play (2015), as boirenses deron o salto á Premier League co álbum Incoming Noise, un disco de dez cancións marcadas polo desasosego, a anguria, os sentimentos de baleiro existencial e unhas cantas doses de melancolía. Todo isto, nun envoltorio atravesado por un son visceral e emocional, con pingueiras dunha rabia que dota as composicións dunha enerxía pouco común.

Boiro, 3 de outubro.

Gonzalo Trasbach

Gonzalo Trasbach

Licenciado en Filosofía e diplomado en Educación Básica (mestre) pola Universidade de Santiago, traballei durante máis de vinte anos en La Voz de Galicia, xornal co que aínda colaboro na edición do Barbanza cun artigo semanal. Agora exerzo basicamente de xubilado na miña vila, Boiro, onde vivo. Ocupo o meu tempo libre camiñando, nadando, lendo, escribindo, escoitando música e indo ao cine de vez en cando. Tamén achego algunha colaboración á revista dixital Café Barbantia. Son dos que penso que non só somos de onde nacemos ou pacemos, senón que tamén somos o que lemos, o que escoitamos, os cadros que contemplamos, as amizades que cultivamos...

Café Barbantia

Deixe um comentário

Deixe um comentário