Xosé Luis Méndez Ferrín

Ourense, 1938. Doutor en Filoloxía. Foi catedrático de Literatura no Instituto Santa Irene de Vigo. Preparou a edición crítica do Cancioneiro de Pero Meogo (1966) e como ensaísta publicou De Pondal a Novoneyra (1984). Colaborador no Faro de Vigo e director da revista A Trabe de Ouro. Membro do grupo literario nacionalista Brais Pinto. Deuse a coñecer como poeta coa obra Voce na néboa (1957), á cal seguiron Antoloxía popular (1972), asinado co heterónimo de Heriberto Bens; Sirventés pola destrucción de Occitania (1975); Con pólvora e magnolias (1977), Premio da Crítica; Poesía enteira de Heriberto Bens (1980); O fin dun canto (1982); Erótica (1992) Estirpe (1994), Premio Losada Diéguez, 1995; O outro (2002); e Era na selva de Esm (2004). No 2006 volveu gañar o Losada Diéguez con Contra Maquieiro (2005). Desta obra o xurado dixo: “É a crónica lítrico-sarcástica e comprometida do século XX e comezo do século XXI. Méndez Ferrín consegue harmonizar poesía, ficción, profecía e realidade social cun perfecto equilibrio entre a resolución técnica, a variedade formal dos poemas e os contidos solidarios con todo tipo de xente oprimida”. Como narrador publicou: Percival e outras historias (1958); O crepúsculo e as formigas (1961); Arrabaldo do norte (1964); Retorno a Tagen Ata (1971); Elipsis e outras sombras (1974); Antón e os inocentes (1976); Crónica de nós (1980); Amor de Artur (1982); Arnoia, Arnoia (1985); Bretaña Esmeraldina (1987), Premio da Crítica de Galicia, 1988; Arraianos (1991), Premio da Crítica de Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Crítica Española, e No ventre do silencio (1999), Premio Eixo Atlántico. Foi fundador da UPG e presidente da Real Academia Galega entre 2010 e 2013.