Como me fixen editor da miña primeira novela

O pasado abril saquei á luz a miña primeira novela, 'Xarfas', autopublicándoa a través da plataforma CreateSpace. Esta é a miña experiencia.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Cambre, 8 de agosto. O mundo da cultura está mergullado nunha profunda transformación nos últimos tempos coa aparición das novas tecnoloxías: cambio de formatos, diferentes formas de promoción… Entre estes cambios están as novas posibilidades de autoedición que se lles están ofrecendo aos autores, onde estes son os encargados de todo o proceso, desde a escritura e corrección ortográfica, até a posterior promoción.

Coa autoedición tradicional, o autor usualmente solicita un número determinado de libros a unha imprenta, sendo el o que se encarga da súa posterior distribución e venda. Para que sexa rendíbel, o pedido non pode ser excesivamente pequeno, xa que cantas máis unidades, menor será o prezo por unidade. Isto ocasiona que se deba realizar unha grande inversión inicial, que dados os tempos que corren, poucos se poden permitir, sen garantir tampouco que a mesma se vaia recuperar.

Nos últimos tempos apareceu o concepto de publicación baixo demanda coma alternativa á tradicional. Con esta modalidade non é necesario facer ningunha inversión inicial; os libros permanecen dispoñibeis e son impresos e enviados ao comprador cando este os solicita, evitando desta forma calquera gasto innecesario ou que queden unidades impresas sen vender.

Despois de darlle moitas voltas ao asunto, e sen estar aínda hoxe en día moi seguro de que fose a opción máis idónea, eu decanteime pola autopublicación, seguindo esta nova modalidade de publicación baixo demanda, para a miña primeira novela, Xarfas, facéndoo a través da plataforma CreateSpace, filial de Amazon.

Un dos primeiros pasos na autoedición dun libro é a maquetación, primeiramente do interior e posteriormente da cuberta, a cal pode ser feita polo propio autor grazas a determinados programas informáticos.

1. Software

No caso do interior, pódese introducir na plataforma un ficheiro en formato PDF ou Word que cumpra cos requisitos de impresión (fundamentalmente que existan uns bordes axeitados). Estes requisitos preséntanse nun documento dispoñíbel para descarga, onde se especifica o tamaño dos bordes necesario dependendo do tamaño do libro e do número de páxinas, entre outros conceptos.

Está a disposición dos autores un modelo en formato Word de libro, onde aparece todo o que se acostuma indicar xa colocado no seu lugar (créditos e ISBN, dedicatoria, números de páxina, cabeceiras co nome do autor e do libro, etc.). No meu caso non o utilicei, en troques o que usei para a edición do interior foi unha ferramenta chamada LaTeX. Trátase dun software libre que serve para crear libros e diversos tipos de documentos, bastante orientado á formulación matemática, pero co cal tamén é posíbel maquetar novelas.

Existe unha grande comunidade arredor deste software, na que varios usuarios compartiron diversos modelos para novelas; mesturei estes modelos e modifiquei o resultado até ter o que desexaba para o meu libro, que consistía na primeira e última folla en branco, e as primeiras páxinas co nome do libro e do autor, créditos e ISBN, e dedicatoria, a cal di: “A tódolos que derramaron sangue e bágoas por un futuro mellor que nunca chegamos a coñecer”. Para as páxinas centrais estipulei unhas marxes suficientes, así coma o tamaño da letra, numeración, e nome do autor e do libro na parte superior das páxinas. Tamén introducín un índice final.

Unha vez maquetado o interior, cómpre subilo á plataforma, seleccionando ao tempo unha serie de características: o tamaño que terá o libro, que se debe corresponder cun dos indicados na plataforma, e debe coincidir co tamaño de páxina do PDF, tinta negra ou a cor, e tipo de papel (branco ou crema). Cando se finaliza o proceso, o interior pasa á revisión, na cal CreateSpace valida que sexa apto para a impresión segundo as súas especificacións. Este proceso pode demorar entre 24 e 48 horas.

Respecto á cuberta, o autor escollerá un acabado (mate ou brillo), e o propio contido da mesma, para o cal ten dúas opcións: subir unha proposta feita por un mesmo, que debe ter as medidas axeitadas (incluído o lateral, que depende do número de páxinas do interior), ou crear unha a través dun editor que poñen a disposición. Eu optei por esta segunda opción.

Esta ferramenta conta cunha serie de modelos con diferentes tipos de cuberta, cuxos atributos poden ser modificados (textos, tipografía, cores, imaxes…). No meu caso escollín unha sinxela: fondo negro, o meu nome e o título da novela, xunto a unha fotografía, por diante, e unha pequena descrición do libro e do autor por detrás. A fotografía de portada, que ten por título Close up Barbed wire, foi realizada por Masami Ishikawa, estando distribuída baixo unha licenza Creative Commons (CC BY-SA 3,0). Na parte de atrás resérvase tamén un espazo para o código de barras e ISBN. Respecto ao ISBN, necesario para a venda do libro e poder identificalo, existen varias posibilidades: mercar un propio nunha axencia local, ou utilizar un sen custo que proporcionan eles; a miña opción foi esta última.

Esta plataforma de Amazon atópase entre as que ofrecen mellores condicións e trato aos autores. Un dos pedidos chegou con erros de impresión, e tras poñerme en contacto con eles, enviáronmo de novo sen ningún tipo de custe extra. Até ese momento eu non tivera ningunha relación con Amazon, e pouco despois da publicación de Xarfas fíxose pública a situación dos que se gañan a vida nos seus almacéns. Sei que resulta en certo modo hipócrita o feito de autopublicarse a través dunha empresa coa que non compartes moitos dos ideais, pero na vida hai decisións que non son fáciles de tomar, e moitas veces tampouco che deixan demasiadas opcións. Aínda así: moito ánimo ás traballadoras e traballadores de Amazon.

A novela describe unha sociedade quebrada, na que a maioría sofre a violencia policial e xudicial e a rebelión tórnase un imposíbel.

2. Prazos e prezos

O prezo de venda ao público é o especificado polo propio autor. A plataforma indica un prezo mínimo, que cobre o gastos de impresión e as ganancias que levan eles pola venda do libro (arredor de 7 euros para 200 páxinas). A partir de aí, a ganancia do autor é a diferencia entre esa cantidade e o prezo de venda.

O autor pode mercar exemplares desta forma, aínda que tamén dispón doutra posibilidade, facendo un pedido directo. Neste caso, un libro de 200 páxinas só lle custaría ao autor 3,25$ (a moeda coa que se traballará neste caso é o dólar, co cal haberá que ter en conta o tipo de cambio). Os pedidos directos son impresos nos Estados Unidos, así que tamén haberá que ter en conta os gastos de envío.

Ofrécense tres tipos de envío: prioritario (pouco máis dunha semana), medio (sobre un mes), e estándar (arredor de mes e medio). O prezo do envío non só depende da prioridade, senón tamén do número de exemplares; así, pedindo un só libro de 200 páxinas, os prezos do envío serían 14,38$ para prioritario, 7,99$ para medio, e 4,88$ para estándar; pedindo 10 libros, os prezos serían 33,49$ para prioritario, 23,49$ para medio, e 17,99$ para estándar. Desta forma, se o autor pide un único libro de 200 páxinas con pedido prioritario, este libro custaríalle 17,63$ en total; sen embargo, se o pedido é de dez unidades, cada unha delas sae por 6,60$.

Ao vir dende un país de fóra da Unión Europea, cómpre ter en conta tamén os gastos de aduanas, que se deberán pagar para produtos de valor superior a 22 euros (só se ten en conta o valor dos libros, non o do envío), e que inclúen o IVE (4% ao tratarse de libros), e dependendo do caso, outros tipos de taxas.

3. Postedición

Cando é unha editorial quen publica o libro, esta é a encargada de todo o proceso, incluíndo a publicidade e maila distribución. Na autopublicación é de novo o autor quen se encarga disto.

Se cadra este sexa o traballo máis arduo. Por un lado está a publicidade do libro, os intentos de que apareza na prensa sen ter os contactos das editoriais, tanto a prensa xeral como as revistas especializadas, enviarllo a críticos, blogues de literatura, etc, para que sexa coñecido polo maior número de lectores posible aos que lles poida interesar.

Logo están as presentacións, que adoitan levarse a cabo en librarías ou centros culturais. Cómpre pórse en contacto con eles para poder utilizar os seus espazos e realizar eses actos, que a pesar de non ser moi concorridos, soen acudir a eles afeccionados á lectura.

Dado que o libro se atopa en Amazon e está á venda baixo demanda, non está dispoñíbel directamente para o mercado das librarías e dos lectores que acostuman mergullarse nelas en busca de novidades. Unha editorial conta cunha distribuidora para esta labor, no caso do autor que se decide pola autoedición, pode ser el mesmo quen acuda ás librarías e fale coas persoas encargadas, intentando que deixen un espazo para vender alí varios exemplares, ou pode contactar cunha distribuidora, para o cal precisará ter un gran número de exemplares dispoñibeis.

Algúns autores tamén se decantan por deixar exemplares nas bibliotecas, de forma que o seu libro poida ser lido por calquera persoa de forma gratuíta nestes espazos.

A autoedición de venda baixo demanda non é un traballo rápido nin sinxelo, non sempre é gratificante, pero é una fórmula eficaz para que os autores, sobre todo os principiantes, nos vaiamos dando a coñecer sen que isto esixa un gran desembolso económico ou depender de terceiros. E ao encargarse o propio autor de todo o proceso, un ten total liberdade para que a súa obra se axuste ao que quere que o público vexa.

Alex Pernas

Alex Pernas

A Coruña, 1986. Enxeñeiro de software, músico, poeta e activista polos dereitos dos animais. Se tedes curiosidade por saber máis, podedes descargar Xarfas de balde na seguinte ligazón: http://bit.ly/XarfasAlexPernasPdf. E se sodes dos que preferides o tacto do papel (neste caso cor crema e acabado da portada en mate), podédelo mercar a través da seguinte ligazón: http://bit.ly/XarfasAlexPernasPapel, ou nas librarías Suévia e Berbiriana da Coruña.

illas

Deixe um comentário

Deixe um comentário