Como organizar a defensa?
Sábado de protestas contra a lei mordaza e a represión. Xuntanza de activistas en Compostela e concentración en Vigo en apoio a La Insurgencia.
Escribe Robert A. Heinlein nun parágrafo da novela de ciencia ficción Tropas Estelares, en 1959:
“Porque eles non tiñan unha teoría científica da moral. Si tiñan unha teoría de valores morais (…) pero a súa teoría era errónea: cincuenta por cento soños quiméricos e outro cincuenta por cento charlatanería racionalizada (…). Verá, eles supoñían que o home ten instinto moral (…). O home non ten instinto moral. Vostede non naceu con el. Non se nace con sentido moral (…). Nos adquirímolo sentido moral mediante o adestramento, a experiencia e a suor da mente”.
Alberte Murado, Erik Dobaño | Vigo, Compostela | 19 de marzo. Como nos afecta a todas e a todos o retroceso nas liberdades e como organizar a defensa? Esa era a cuestión que convocou o sábado no Matadoiro, en Compostela, dúas ducias de activistas sociais, membros de colectivos de apoio a presas e presos, á infancia, sindicalistas, actrices e actores, anarquistas, nacionalistas ou pensadores. Menos dun cento de persoas reuníanse horas máis tarde en Vigo en apoio a La Insurgencia, ese grupo de rap, doce rapazas e rapaces que xa se ven no cárcere. O Grupo de Apoio a La Insurgencia é unha ferramenta improvisada para organizar esa defensa. En Compostela buscábanse máis. Pero o camiño é longo. No Matadoiro ficou dito que está por articular todo un discurso que sosteña esa defensa alén dos soños quiméricos e a cháchara racionalizada que criticaba Heinlein desde un futuro non moi distante.
Quixo o malfado que a xornada de protesta que o Grupo de Apoio a La Insurgencia proxectara realizar na escalinata do museo Marco coincidise coa inauguración da sé do Celta, na rúa Príncipe. Para cando representantes dos rapeiros condenados ao cárcere, membros de Amnistía Internacional e de Greenpeace nin deran apenas en chegar ao lugar, o rebumbio xerado polo gaiteiro, Xosé Manuel Budiño, arriba do escenario que erguera o club vigués, xa imposibilitara o acceso ao museo e, asemade, á rúa enteira.
O grupo de apoio, desprazado até o Barclays de Urzáiz, comezou daquela —máscaras brancas nas faces, mordazas vermellas— o seu cerimonial. E, de novo, a xustaposición de significantes foi desapiadada: aquel silencio solemne e teatral, case litúrxico, non impoñía a gravidade axeitada á hora de simbolizar o secuestro do dereito á libre expresión no marco cotiá, namentres, só a uns metros de distancia, integrantes do concurso OT refervían a milleiros de afeccionados, e apenas unhas ducias de individuos ficaban do lado da escena solidaria.
“Que facer?”, pregunta Elvira Souto, e abre a discusión no Matadoiro. “Somos partidarias de que se reprima o que non nos gusta e carta branca para o que nos gusta? Vai cos nosos principios solicitar medidas de endurecemento penal para casos como o do autobús de Hazte Oír? Como defendernos, indo cara atrás?”. E alguén cuestiona se debería pedirse que se ilegalice a Fundación Franco, e os que respondan dirán que non, que a liberade de expresión, que censura non… “que dentro de nada non vai ser lexitimo pensar”. Mais… “como se pode xustificar un ataque contra os dereitos fundamentais?”. A represión, Alsasua, Casandra, o 155, o pregoeiro en Compostela, La Insurgencia, o profesor do Porriño acusado de abrir un debate sobre Catalunya en clase…, di alguén, non é simplemente un ataque dos dominadores contra a maioría social, “porque hai unha maioría social disposta a restrinxir as liberades”. Intervén Borxa Colmenero, autor de Vidas culpáveis. O control neoliberal do crime. E sinala que hai que pór o foco máis alá do ordenamento xurídico, das leis e da práctica xudicial, que só son unha parte do mecanismo de control. “O debate non está nos límites da liberdade de expresión, senón en todas as dinámicas de control”.
Intervén Borxa Colmenero: “O debate non está nos límites da liberdade de expresión, senón en todas as dinámicas de control”
“Todas censuramos. Non lle teño medo a iso”, asume unha muller, activista contra o maltrato infantil.
Hai un profesor de historia que admite non censurar á Fundación Franco e di que os danos hai que reparalos sen ter que recorrer ao castigo. “Vivo nunha sociedade na que a xente sofre, e esa dor hai que tratala”, di o profesor que fai parte dun colectivo de apoio a presas e presos. Outro profesor, que está aquí como sindicalista do STEG, explica que non é o mesmo restrinxir a liberdade nos comentarios machistas nas redes que facelo coa da Fundación Franco. “Todas censuramos. Non lle teño medo a iso”, asume unha muller, activista contra o maltrato infantil. E resume o avogado: “Cada vez usan menos o castigo como forma de control. Hai castigo, si; contra a disidencia. Pero contra a maioría usan o medo, a autocensura”. “A censura é horizontal”, intervén Suso, partidario de colocar os límites nos dereitos humanos, na integridade física e moral, e confesa que el tampouco censuraría á Fundación Franco.
Antes de deseñar calquera estratexia de defensa, mesmo as ferramentas, a cuestión está en producir un discurso contra hexemónico, como deixou anotado Colmenero. E sen ter claros os límites, non hai discurso posíbel. Por exemplo, cal é a relación que o activismo quere manter co público? No Matadorio non ficou claro por que os cartos considéranse patrimonio público, pero as leis non. Ao parecer hai unanimidade en xulgar que non se debe empregar a coerción da lei para impedir as agresións da Fundación Franco, que pode continuar as súas actividades sempre que non sexa con diñeiro público…
Preto xa do remate, o Grupo de Apoio a La Insurgencia lanzou unhas proclamas, coreadas animosamente pola meirande parte dos presentes:
“Nin reis, nin leis/ queremos liberdade”
“Que non; que non; que non pode ser/ rapeiros na cadea e corruptos no poder”
“A voz do pobo/ non é ilegal”
E agradecéndolle a asistencia ao público, quixeron lembrarlle que “fronte a unha lei inxusta, a única resposta é a desobediencia”. Ao fondo, a só uns metros de distancia, os afeccionados do Celta festexaban a nova sé do Celta —que conta con residencia para xogadores, oficinas intelixentes, tendas de merchandising, e gastrobar—, ao ritmo da letra de Bailaré sobre tu tumba, letra que, paradoxos, non habería hoxe de aprobar o estándar da tutela estabelecida pola lei mordaza.