Como se para unha mina: Corcoesto

Teima | Como se para unha mina – Capítulo 1

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | Texto e fotos | Corcoesto, 9 de xuño.  Pasado mañá, domingo, haberá en Compostela outra protesta masiva, chova ou non, contra unha mina. Unha protesta como a que hai cinco anos foi o punto de inflexión da batalla por parar Corcoesto, a explotación de ouro que ameazaba con cambiar a vida dunha comarca. Desta volta a ameaza pende sobre Touro e O Pino, pero os contendentes son os mesmos: dun lado unha empresa, doutro, as veciñas e veciños. Fina e Paco, que estiveron na primeira liña da defensa veciñal en Corcoesto, contan como conseguiron parar aquilo.

“Era o día da festa e alguén comentou que ás dúas da tarde viría un rapaz de Corcoesto falar da mina. Non era o mellor día, creo que non houbo ninguén nesa reunión. Eu non fun. Tiñamos xente a xantar”. A festa é o primeiro fin de semana de xuño. Era o ano 2012. E Fina Pose, traballadora na fábrica de conservas Calvo, tiña xente na casa, en Cereo, unha aldea de Coristanco. Escoitara algunha cousa do ouro, pero non lle facía moito caso. Era mal día para ter aquela xuntanza.

O rapaz era Meli Souto, un dos que empezaran meses antes, non moitos, a organizarse contra a ameaza do ouro, contra Edgewater, unha empresa canadense disposta a rebentar a terra para sacar ouro.

Había prospeccións desde os anos 90. Cada catro ou cinco anos, aparecían pola zona, contrataban algunha xente e facían uns buratos. Distintas empresas. “No 2011 e 2012 empezaron a parar por aquí durante períodos máis largos”, conta Paco García na carballeira de Santa Mariña do Remuíño, alá baixo o Anllóns, correndo por un canón entre montes frondosos que ía rebentar Edgewater. Paco é bombeiro no parque comarcal. Non lembra se aquel día da festa en Cereo el andaba noutra palestra. Tiñan repartido o traballo. A veciñanza en Corcoesto comezara a organizarse meses antes que en Cereo.

Edgewater presentou o proxecto diante da Xunta. As asociacións ecoloxistas foron consultadas. “Cando saíron os resultados da consulta, soubemos que ía ser unha mina a ceo aberto, que ían empregar cianuro”, explica Paco. Para a maioría dos veciños, aquilo era unha oportunidade: ouro, emprego, cartos. “Empezamos a ler cousas e un grupo de xente, da miña xeración [Paco andaba na trintena] preguntámonos se había que facer algo”. Unha tarde reuníronse nunha casa en Baralláns que, segundo os plans canadenses, ía quedar a douscentos metros da mina. É a casa da fotografía superior. Eran cinco. Nesa casa comezou a organizarse a resistencia á mina. Agromou un movemento que deseñou seu propio repertorio. Fina e Paco resúmeno en sete leccións de como se para unha mina.

1 Nós: as veciñas e veciños

“Que aprendín? Aprendín que hai que loitar nesta vida para conservar o teu, aprendín que hai xente marabillosa que te axuda, aprendín que non podemos esperar nada dos nosos gobernantes… é unha magoa pero é así. Tes que loitalo”, di Fina Pose, sentada no baixo da casa de Cereo, entre quenda e quenda de traballo na conserveira. A Fina gústanlle os animais, a horta, o seu.

“Ten que ser xente da zona que se organice. O resto? Pois que presten axuda, e é un apoio importantísimo, certo. O motor da loita ten que partir das zonas afectadas”, explica Paco. “Ningunha organización unilateral ten capacidade de paralizar un proxecto desta magnitude”.

Paco lembra que cando comprendeu o que se lles viña enriba, pensou nas Encrobas. “Tamén me preocupaba a xeración de meus pais e os avós. Sentían tamén que dun día para outro o seu patrimonio podía desaparecer”.

“Persoalmente aprendín que toda a xente é importante. Hai que ser capaz de sumar. Non lles pidas ningún tipo de manifestación ideolóxica… aquí foi xente anónima a que deu unha lección de traballo eficaz que moitas organizacións xa constituídas non serían quen”.

Fina Pose, na súa casa de Cereo, cunha pancarta dos días da loita contra a mina.

2 Informarse, debullar

“Despois daquela visita o día da festa, empezamos a buscar información. Entre Xosé Moreira e eu, que eramos da directiva da asociación de veciños, empezamos a mirar por internet. Pedímoslle ao alcalde que trouxera técnicos da mina para falar con eles… Veu un técnico, explicounos o proxecto na Casa do Concello. Tan bonito como nolo poñía sabiamos que non sería… Chamamos a ecoloxistas, enxeñeiros … pedimos reunirnos coa directiva da mina. Conseguimos que viñera a empresa. Foi na praza de Cereo, diante duns cen veciños. Veu xente de fóra que tiña montes por aquí. Sería contra finais de ano, novembro ou decembro… Puxeron unhas pantallas, falou un xeólogo, outro técnico, o director, explicáronos”, lembra Fina.

En Corcoesto, xa levaban camiño andado desde a primavera. Da reunión na casa de Baralláns acordaran formar unha plataforma. Paco conta como o fixeron: “Tiñamos que ver con cantas veciñas e veciños contabamos para opornos á mina, porque eles, a empresa, tiñan feito xa moito traballo social. E había moita xente convencida. Tiñan ao alcalde de Cabana a favor, a asociación de veciños a favor … Entón obrigamos á asociación a ter unha reunión informativa sobre isto. Era a forma de presentarnos. A directiva non deu a cara e fomos nós os que explicamos todo. Habería unhas sesenta ou setenta persoas. Todas, de Corcoesto. Formamos a plataforma a finais de abril”.

Desde Corcoesto lanzaron un manifesto. Ao mes seguinte, en maio, o proxecto xa estaba en exposición pública. Sete tomos dunhas duascentas páxinas cada tomo. Tiñan 30 días hábiles para alegar. “Tardamos unha semana e pico en conseguir o proxecto, non nolo querían dar. Tiñamos dereito a unha copia en formato dixital. E tiñan a obriga de colgalo na páxina web, pero non o fan. Obstrúen. Que corra o tempo e ti non poidas facer alegacións que lle fagan dano de verdade”, advirte Paco. “Os pequenos detalles son importantísimos. Tes que ir veciño por veciño e facer eses informes técnicos. Hai que buscarlle os defectos ao proxecto. Entrar na Consellería de Industria e poñelos nerviosos eles, dicirlles ‘non aprobedes isto porque sabedes que estades incumprindo aquilo’. Hai que debullar todo”.

“Os pequenos detalles son importantísimos. Hai que buscarlle os defectos ao proxecto. Entrar na Consellería de Industria e poñelos nerviosos, dicirlles ‘non aprobedes isto porque sabedes que estades incumprindo aquilo”.

3 O traballo organizado suma

A plataforma de Corcoesto foi quen de topar un enxeñeiro que fixera as alegacións técnicas, e outros especialistas que alegaron polas augas, outros no ambiental, outros pola ausencia dun estudo arqueolóxico. “Tiñamos á Xunta a favor do proxecto; ao Concello de Cabana a favor; aos medios de comunicación de masas, capados por eles; eles intentando conseguir a licencia social; e nós, criticados desde todos os lados”, explica Paco mentres mostra uns mapas e outros documentos do proxecto, que conserva como memoria daqueles días nos que non se separaba deles.

Fina, que daquela tiña 48 anos e un traballo que atender, e a casa, as fillas, lembra eses días como “un descontrol”. “Ao mellor estaba facendo unha tortilla e tiña que estar atendendo o teléfono por alguén que chamaba… Foron dous anos terroríficos. Custoume moitos nervios, dores de estómago… unha parte da miña saúde custouma. Pero sempre atendín o meu traballo. E mesmo cando tiñamos mobilizacións, eu levaba carteis para o taboleiro de anuncios do traballo”.

“A chave foi que fomos capaces de sumar”, di Paco. “Ti es avogado, pois ben, fas un traballo importantísimo. Ti es carpinteiro, pois vale, ti fas pancartas ou preparas o escenario para un acto… Ti tes oitenta anos e non sabes de leis, pero resulta que se vas polas casas a ti os veciños fanche moito máis caso ca min… Decatámonos de que toda a xente era importantísima, que todos tiñan cabida”.

E as loitas comezaron a confluír. Sumouse xente de fóra de Corcoesto, que viña doutras loitas. E naceu Contraminación. Vinte colectivos. “Pero nós, como plataforma autónoma, seguíamos traballando moito tamén pola nosa conta”.

“Foron dous anos terroríficos. Custoume moitos nervios, dores de estómago… unha parte da miña saúde custouma. Pero sempre atendín o meu traballo”.

4 Divulgación e mobilización

En Cereo, as veciñas e veciños organizados foron porta por porta e convocaron reunións na escola unitaria. Un sábado pola noite acordaron que había que empezar a moverse. “Decidimos que se xuntabamos un mínimo de 50 persoas, íamos a Coristanco cortar o tráfico. O domingo ás seis da tarde apareceron 70 persoas. Fomos e empezamos a cruzar os pasos de peóns. A estorbar. O primeiro domingo fomos sen autorización. Logo seguimos indo todos os domingos até as manifestacións de febreiro en Coristanco e de Carballo en abril. Primeiro fomos de aquí, de Cereo e destas parroquias. A segunda vez xa veu xente de Corcoesto”, di Fina, e subliña: “A xente necesita información, senón non sae da casa”.

“Durante o 2012 custounos moito camiñar”, recorda Paco García, “nunca viñera un proxecto desta envergadura ao país… había que concienciar á sociedade. E foi a través de moitas palestras, de buscar locais, de facer actos para sumar á xente, de reunirnos con partidos e sindicatos, de enviar notas de prensa, de facer moito ruído”.

Contraminación naceu en abril do 2013, case un ano despois de que Paco e a xente de Corcoesto comezara a facer ruído. Había ameazas mineiras na Terra Cha, en Triacastela, en Xinzo, e os ecoloxistas fixeron de pegamento. Contraminación deu a súa primeira charla en Teo.

5 Estratexia

A veciñanza, informada, foi perdendo o medo en Corcoesto, en Cereo, por todo o país. Paco resume os eixos nos que aquela altura se desenvolvía a loita: no social, no xurídico, no político. “Había que captar moita xente, que se sumase á plataforma para traballar. Pedir posicións aos partidos políticos: si ou non… E no xurídico, seguíamos descubrindo os fallos da normativa, poñéndoos en evidencia e enchendo a Administración de papeis. Unha das chaves é esa”, insiste Paco, “marealos, e crear división aí dentro. Conseguimos informes para contrarrestar os da Administración, os dos distintos departamentos da Xunta… houbo técnicos e peritos que se prestaron a facer eses informes. Estivemos mandando informes case até o último momento”.

6 Coraxe

“Aquí estabamos decididos a todo”, conta Fina Pose, que inda se emociona, inda sofre. “Aquí falouse de folgas de fame, xente maior de oitenta anos dicindo que se hai que quitar a escopeta, quítase. Non se sabe todo o que se falou… A min dábame medo a folga de fame, ir o monte, meterme diante das máquinas, iso non… pero a folga de fame… Pero pensar que tiñas que marchar da túa casa… Quen son estes desta empresa?, quen é este goberno para botarnos fóra?”.

“Aquí falouse de folgas de fame, xente maior de oitenta anos dicindo que se hai que quitar a escopeta, quítase. Non se sabe todo o que se falou… A min dábame medo a folga de fame, ir o monte, meterme diante das máquinas, iso non…”, conta Fina.

Paco: “Tiñamos que comunicar ben, sinxelo, sen alarmismos, indo a cuestións concretas, conseguir credibilidade e non cometer erros que supoñan un paso atrás. E foi así. Desde o principio. Foron case cen comunicados. E nunca houbo que rectificar. Chegou un momento en que a empresa viña detrás”. 

7 Comunicación sen alarmismos

Ao principio foron as palestras. Como a de Meli Souto na festa de Cereo. Foron Tiñan mellorando o deseño e na plataforma dispuxeron a tres ou catro persoas para facelas. Paco García era un deles. “Nin lembro cantas palestras fixen. O mellor foron vinte… en dous anos máis ou menos. Houbo algunha semana que fixeramos unha en Coristanco, outra en Monte Alto na Coruña e outra en Ferrol”. Fóronse sumando colectivos (Contramínate, Salvemos Cabana…). Expoñían as cifras. E con iso bastaba. Explosivos: 2.600 metros de barrenos, Cianuro: cada día vanse utilizar 1,5 toneladas, a 200 metros das casas. “Eran de semellante magnitude que a xente xa non ficaba equidistante”.

“Cando construímos Contraminación xa era un tema de país”, lembra Paco, “os medios en xeral, mesmo estranxeiros, tratáronnos ben, salvo a Televisión de Galiza e La Voz de Galicia. Eses, mal. Dunha vez xuntaramos case 5.000 persoas en Carballo, e La Voz, case nada. Nunca se puxeron en contacto connosco. Só unha vez ao principio. E despois fíxose público que a primeira xefa de prensa da empresa que formaran aquí, Mineira de Corcoesto, era a muller dun que era directivo do xornal”.

Entón pensaron noutro deseño: nunha estratexia de comunicación. “Tiñamos que comunicar ben, sinxelo, sen alarmismos, indo a cuestións concretas, conseguir credibilidade e non cometer erros que supoñan un paso atrás. E foi así. Desde o principio. Foron case cen comunicados. E nunca houbo que rectificar. Chegou un momento en que a empresa viña detrás. Tiñan que mandar comunicados tratando de desmentir o que diciamos. Nunca lle contestamos. Deuse ese debate e decidiuse que non había que contestar…”

A estratexia completábase coas palestras. A xente móvese se está informada, como di Fina. E diante da desinformación dos medios, os pés da xente organizada: “Eles comunicaban a través dos seus altofalantes, pero nos pateabamos o terreo, coas palestras, coa xente… Nin lembro cantas fixen”, remata Paco.

“Chegamos todos até o final. Pero foi unha experiencia mala. Eses dereitos están caducados, pero iso non quere dicir que non volvan mañá facelo o mesmo”, resume Fina Pose. “Desconfío, espero que non volvan. Pero con esa lei de depredación, con algunha intención a farían… non sei. Espero que os de Touro o consigan, eu naquela manifestación en Compostela, pensei, somos moitos, podemos botar isto para atrás. E botámolo”.

Deixe um comentário

Deixe um comentário