Ola, corazóns. Aquí estamos outra vez saudándovos desde esta sección que acapara cada vez máis éxito. Aínda ben que a humildade non vai con nós e lidamos estupendamente con esta gloria merecida, porque, sexamos sinceras, non é moi cómodo pasear con lentes de sol polas estacións de autobuses do país por medo a que nos recoñezades e vos botedes a nós. Ben, que todos os males sexan este. Mandámosvos unha agarimosa aperta a todas, menos ás que vos cruzades con nós nun sarao literario e facedes coma que non nos coñecedes de nada. Envexosas, lurpias, serpes pezoñentas.
Hoxe queremos abordar a interesante cuestión que nos envía a lectora chamada Curiossa, que está desexosa de que lle expliquemos como é posible que non haxa prensa rosa da poesía galega. Por fin sacades un tema con chicha.
Querida papexona, que saibas que non es a única á que lle quita o sono esta carencia. Somos lexión as que pensamos que o insomnio se levaría moito mellor deixando a retina en páxinas de papel cuché que nos subministrasen datos sobre as interesantes vidas privadas dos nosos vates. En que clase de país sen curiosidade estamos a criar ás nosas fillas? Por que non hai subvencións para estas cousas? Se son ben para todas! Mirade, a día de hoxe non houbo campaña de animación á lectura que funcionara. Asumamos isto e deámoslle a volta a tortilla, caramba!
Non andamos a queixarnos sempre de que non hai xeito de vivir da poesía? Cre alguén que se poida comer un bisté ó ano coa miseria que reportan os dereitos dunha publicación? Pois vivamos das exclusivas! A privacidade, á fin e ó cabo, xa a perdemos ó abrir ós nosos corazonciños en cada poemario, amigas. Poñamos, pois, á mesma altura as nosas inquedanzas e as nosas vacacións nun cámping das Rías Baixas, as nosas reflexións sobre a lingua e aquela vez que defraudamos (só un pouquiño) a facenda. Que máis da? Non creo que sexa máis molesto tourear cun paparazzi que cun editor.

“Poñamos, pois, á mesma altura as nosas inquedanzas e as nosas vacacións nun cámping das Rías Baixas, as nosas reflexións sobre a lingua e aquela vez que defraudamos (só un pouquiño) a facenda.”
Cremos firmemente na vantaxe que suporía achegarse, por exemplo, á obra de Lupe Gómez sabendo en que posto do mercado de abastos de Compostela merca as patacas, ou cal é a verdadeira razón da tristura que zumegan os versos das poetas tristes. Podemos seguir vivindo sen saber a ciencia certa se María Lado e Lucía Aldao son mozas? Podemos, pero queremos salseo, shippeo e poesía para ser felices, que carallo!
Bríllannos os ollos ó imaxinar unha revista que conteña unha sección de “aaaaargs” coas rimas internas que se lles escaparon ás poetas consagradas, reportaxes onde poidamos ver que títulos enchen os seus estantes e a cor das súas cortinas. Que enriquecedoras esperas no salón de peiteado e na clínica dental!
Lerchas da poesía, cos esforzos que facemos como lectoras e como autoras, ben merecemos ese descanso intelectual.
Coruña, 21 de decembro.

