Contra os espazos de impunidade machista
A Rede Galega contra a Trata Sexual celebra este xoves a súa xornada anual con palestras en torno a masculinidade que precisa de prostíbulos.
Redacción adiante | A Coruña, 17 de outubro. Poñer en evidencia eses espazos nos que se constrúe a sexualidade dos homes, de todos os homes, a masculinidade; dar testemuño dunha violencia sexual que se exerce contra un grupo de mulleres e que afecta a todas as mulleres como violencia simbólica, “sempre che queda esa saída…”, eses son os obxectivos este ano. Silvia Pérez, socióloga, investigadora na Universidade de Vigo, portavoz da Rede Galega contra a Trata Sexual, leva quince anos estudando e explicando o papel dos homes na industria sexual, sinalando que “no fondo, a prostitución é un problema deles, un outro tipo de violencia na que se impón o pracer do home por riba da necesidade da muller, un efecto da desigualdade sen relación afectiva”.
A Rede Galega contra a Trata Sexual organiza hoxe en Vigo a sétima edición da súa xornada anual. O aforo está completo. A activista Amelia Tiganus é unha das poñentes que esperta máis interese. Desta volta, o fío condutor das palestras é a reivindicación dunhas masculinidades fóra do mercado sexual. Mais a realidade é outra. Lola Ferreiro arrancará os debate cunha conferencia titulada Como se ‘fabrica’ un putero?
As xornadas comezaron no 2012 co impulso de Alecrín, Accem e Vagalume. Hoxe son dez as entidades asistenciais que fan parte da Rede. “Non queremos ficar só no traballo asistencial”, explica Silvia Pérez, “por iso as xornadas, que teñen a función de visibilizar a cuestión da trata, da explotación sexual e da prostitución, unha realidade que vén dos países empobrecidos pero que se desenvolve aquí, entre nós”. Pérez concede que o marco legal é outro e máis eficaz que cando comezaron as entidades comezaron a pensar en coordinarse inspiradas por unha visita de Verônica Teresi.
“O contexto mellorou, certo; mais non hai demasiada preocupación institucional, nin tampouco xudicial nin policial. E iso tamén inflúe para que a sociedade admita a existencia da prostitución. Está normalizada, e iso tamén é dalgún xeito violencia…”, insiste a investigadora que refire o seu traballo xunto a Águeda Gómez e Rosa Verdugo que deu como froito o libro El putero español.
A conclusión desa obra, “que coincide coa de todos os estudos que se teñen feito”, indica que non existe un perfil socioeconómico do cliente, “non hai unha pauta, nin por nivel de estudos, nin por ingresos, nin nada… todos, calquera, é un cliente”. É iso, subliña Silvia Pérez, é o grave: “Porque quere dicir que o recurso á prostitución está normalizado na construción da sexualidade dos homes, na de todos”. O rito, ir de putas, muda de formas, pero a base da idea de home segue ligada ao sexo, “á necesidade de despregar impunemente o machismo, tocar as mulleres neses espazos nos que se admite o abuso, porque noutros xa non”. A Rede Galega contra a Trata Sexual debate hoxe en torno á idea do que é ser home: a que está socialmente asentada e inclúe os prostíbulos como espazos de coacción e abusos contra as mulleres.
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos