Consultorio literario

«Corpo, identidade, patria e lingua» (e un galón de Barrantes)

Minia Remorenda & Pinga Lazurca

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Ola, amigas. O éxito desta sección está a piques de desbordarnos. Sabiamos que había moita xente perdida polo labiríntico mundo da literatura, pero xamais imaxinamos que seriades tantas as almas que vedes en nós a salvación. Saudámosvos a todas, sen excepción, agardando que chegue o día no que unha soa palabra nosa baste para sandarvos, e non este lote da caracteres que temos que cuspir en cada consulta. Pesadas, que sodes unhas pesadas.

Hoxe queremos obsequiar coa nosa inconmensurable sabedoría á persoa que se agocha baixo o nome de Morgano, e que recorre a nós con esta delicadísima cuestión:

Queridas escritoras de referencia, son un poeta novo que intenta facerse un oco na poesía galega e necesito que leades o poemario que vos envío. Agardo pola vosa sincera opinión.

Prezado Morgano, recibimos correctamente o teu libro de poemas Corpo, identidade, patria e lingua. Quedamos tan tolas ó ler o título, que non nos quedou outra que abrir un galón de Barrantes e empezar a baixar cuncas de viño coma se fose o mesmísimo 25 de xullo.

Sentimos que sexas ti a pinga que colma o chupito da nosa paciencia, pero mira… como dicircho? Preferimos bater cos dentes contra unha pedra antes que ter que ler por obriga outro libro máis. Dicímoscho sen cariño e sen respecto, si, pero co corazón na man e iso é de agradecer.

‘The Mother and Sister of the Artist’ (or ‘The Lecture’). National Gallery of Art, Washington DC. [detalle]

Es consciente da cantidade de gigas que enchen a carpeta dos libros que nos enviades e que nunca leremos? Non hai árbores que cheguen se temos que poñernos a imprimir todo ese exceso de lecturas obrigatorias. Ademais, pensamos que por fin ía callar na xente nova esa moda das poetas estragadoras de papel que de tanta elipse que fan xa case non din nada, pero observamos angustiadas o voso gusto polos libros de quilo e medio. A última vez que lemos baixo o xugo da esixencia foi en COU, amigo, e chámanos tolas se nese intre decidimos ser donas do noso tempo e empregalo en consumir a literatura que nos dá a gana. Deixádenos escoller as nosas propias lecturas! Deixádenos incluso non ler! Pretendedes que lle quitemos horas de sono ás nosas noites para darvos unha opinión hipócrita do voso ego feito verso? Pois batedes en ferro frío.

“A última vez que lemos baixo o xugo da esixencia foi en COU, amigo, e chámanos tolas se nese intre decidimos ser donas do noso tempo e empregalo en consumir a literatura que nos dá a gana”. 

Non busquedes aprobación en nós nin en ninguén, por favor. Presentádevos se tal a algún certame, que temos a sorte de pertencer a un sistema literario tan atrasado que nin sequera os premios están amañados e os xurados poden saírche por calquera lado.

Ai amigas, que desgraza. Nós, que sempre defendemos que a sinceridade, igual que Joaquín Sabina, está sobrevalorada, e mira que cousas nos facedes dicir. Polo ben de todas imos botarlle a culpa ó viño. Marchamos descansar un pouco e despois prometemos revisar este texto antes de envialo ó xornal.

Acabamos de ler os teus poemas. Es un crack. Que gusto dá atoparse con novas voces tan potentes. Hai canteira. Todo indica que serás unha das novas figuras que fará país a costa de traballar gratis no tempo libre que che deixe o teu verdadeiro oficio. Parabéns.

Barrantes (Pontevedra), 30 de outubro.

Minia Remorenda & Pinga Lazurca

Minia Remorenda & Pinga Lazurca

Minia Remorenda e Pinga Lazurca son os pseudónimos baixo os que escriben esta sección dúas autoras de referencia das nosas letras. Mulleres de éxito absoluto, empoderadas ata as cellas na literatura e na vida, atenden presente consultorio literario para xoves poetas dende o coñecemento e a experiencia. Ámbas as dúas levan ao lombo unha longa traxectoria, mais prefiren ocultar o seu nome para evitar as consecuencias naturais que poida traerlles o revelado das crudas realidades do sistema literario, as cales expoñen sen pudor a aquelas persoas que se dirixen a elas buscando consello.

Queridas portadoras do virus da escritura, se vos quita o sono calquera dúbida relativa ó oficio podedes dirixirvos a nós, que todo o sabemos, na seguinte dirección: colaboradoras@adiante.gal

Deixe um comentário

Deixe um comentário