Corxesta

"A paga", capítulo 5 (II)

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

A situación era insostible. Os mineiros levaban meses soportando os abusos da empresa, as neglixencias, os despedimentos… Fora a culpable da morte de moitos dos seus, mortes que se podían ter evitado perfectamente, de 235 compañeiros cuxos corpos permanecían sepultados a centos de metros baixo a terra. E agora, despois de todo ese sufrimento, as súas familias quedaban sen nada, na rúa, completamente expostas. Non estaban dispostos a seguilo soportando, a seguir aguantando todo iso, e estouparon.

Decidiron seguir coa busca. A pesar da negativa da empresa, acudiron ao pozo para continuar co rescate. As directrices da compañía eran claras: comezar de novo coa extracción, xa que uns días antes chegaran ata as primeiras capas de hulla e era posible abrir de novo as vetas, e, en caso de atoparse con cadáveres durante o traballo, iríanse sacando segundo avanzaba a escavación. Eles non o fixeron, declararon que non volverían sacar carbón ata que cada un dos corpos dos seus compañeiros volvese á superficie, e así o fixeron.

Tras tantos días de paro, as reservas de hulla estaban case en mínimos. No país non había moitos pozos, e aquel era do que se sacaba a maior parte da rocha; isto implicaba que as centrais térmicas corrían o risco de quedar paradas e puidese haber problemas de abastecemento eléctrico. A petición da empresa, o goberno declarou que a extracción do carbón era un asunto de prioridade estatal, e enviou á policía para obrigar aos mineiros a volver ao traballo.

Eles non estaban dispostos a facelo. Atrincheiráronse no pozo e levantaron barricadas, converteron a simple cuestión de humanidade que os levara a continuar co rescate nun símbolo, nun exemplo de loita contra a explotación que sufrían día tras día. Fartos de pasar tantas penurias, de tantos abusos, decidiron en asemblea que loitarían, que chegarían ata onde fose necesario con tal de non deixar aos seus compañeiros nas profundidades da mina.

“O goberno declarou que a extracción do carbón era un asunto de prioridade estatal, e enviou á policía para obrigar aos mineiros a volver ao traballo. Levantaron barricadas, converteron a simple cuestión de humanidade que os levara a continuar co rescate nun símbolo”

No momento non eran conscientes do que iso implicaría, da revolta xeral que crearían as súas accións. O único que desexaban, o único que querían, era recuperar aos seus seres queridos, a eses homes cos que convivían, cos que suaban e sufrían arrincando a rocha día tras día, cos que cantas cousas compartiran.

Os seguintes días produciuse unha encarnizada batalla nos arredores do pozo. Os mineiros construíron armas caseiras para combater á policía, crearon unha rede de subministración a través dos túneles que permanecían abertos e chegaban ata as saídas de ventilación, para poder abastecerse de todo o que necesitasen e así poder aguantar o máximo posible. Pero a loita apenas durou unha semana: o goberno enviou ao exército, e ante esa forza os mineiros pouco puideron facer.

Os mortos contáronse por ducias, o país quedou escandalizado pola forte represión do goberno, pola excesiva reacción que tivo ante eses homes cuxo único desexo era recuperar os corpos dos seus compañeiros, dos seus familiares, dos seus amigos. O acontecido estaba en boca de todo o mundo, era practicamente do único que se falaba, dese Mes Negro que o mudaría todo, que daría inicio aos acontecementos que cambiarían a vida de miles de persoas.

As protestas fixéronse multitudinarias. Esixiron que se asumisen responsabilidades por eses crimes, que as familias non quedasen sen nada, que tivesen unha saída ante a súa indefensión. O goberno, en lugar de escoitalos, dedicouse a reprimir as manifestacións, iniciou unha escalada de violencia que sumiu ao país nun período de terror. A enfermidade que comezara naquel lugar, que ameazaba con derrubar o sistema existente, estábase espallando rapidamente entre toda a poboación, e non parecía que houbese outra forma de parala que non fose aceptando as súas xustas reivindicacións.

Finalmente fixérono. Decidiron importar o carbón necesario para as centrais e cederon ao rescate dos corpos que permanecían soterrados. Compensaron ás familias dos mortos, tanto dos que faleceran na mina coma dos que o fixeran no exterior, dándolles un lugar onde vivir aos que non o tiñan e proporcionándolles unha pensión a todos eles. As vidas perdidas non se recuperarían, pero polo menos esas familias non se verían abocadas a unha vida de miseria. Pero o máis importante de todo, o que sería realmente o punto de inflexión que marcaron eses días: iniciouse o longo proceso que desembocaría na aprobación diso que despois se coñecería comunmente como A Paga.

Din que todo comezou preto de Corxesta, nese lugar onde antes había unha mina, onde as vidas duns homes se converteron no emblema que deu folgos aos demais traballadores para levantarse ante as inxustizas do seu tempo, para conseguir que ninguén tivese que continuar vivindo daquela forma, para conseguir que as futuras xeracións tivésemos este futuro mellor.

O autor

Álex Pernas

Álex Pernas

A Coruña, 1986. Enxeñeiro de software, músico, poeta e activista polos dereitos dos animais. Autor da novela Xarfas.

A paga

Deixe um comentário

Deixe um comentário