Consultorio literario
Debo ir recitar a un concello que non paga pero que me convida a xantar co alcalde?
Minia Remorenda & Pinga Lazurca
Queridas amigas e amigos:
Remorenda e Lazurca volvemos a esta sección que acollestes con tanto afecto para solucionar outra das moitas, e moi interesantes, consultas que apareceron na nosa caixa de correo nestes días. De novo saudámosvos, amantes das letras e pretendentes da palabra escrita, con agarimo sincero. Menos a aquelas persoas que atribuídes todo tipo de frases a Paulo Coelho. Dádelle un respiro, por favor, el xa ten dabondo co seu.
Desta volta atendemos con emoción a consulta de Versolibrista con descendente, que así se presenta na súa misiva, na que nos pregunta:
Debo participar recitando a miña obra nun acto moi bonito moi bonito moi bonito organizado por unha corporación municipal que non me pode pagar, pero que me invita a xantar co alcalde?
Ah! A eterna pregunta! Esta cuestión ten provocado non poucas conversas entre escritores e escritoras de todos os tempos e lugares. Xa Flauvert e Maupassant na súa correspondencia departían acotío sobre este contumaz asunto. O avellentado Flauvert escribíalle, con toda sinceridade, o 17 de xullo de 1878 ao seu amigo “como hei de ir eu, amigo, meu, recitarlle gratis ao conde de Mac Mahon, se non teño máis que tres moedas no peto e dúas vounas gastar no selo desta carta?”.
No ámbito galego, esta cuestión era adoito tema de enfrontamentos, algún deles gravísimo, entre Rosalía e Murguía, pois a de Padrón deixou plantados en varias ocasións a distintos alcaldes casteláns que requirían da súa presenza para dar esplendor ás súas cuchipandas sen gastar. Ela mesma escribía nunha nota manuscrita que se conserva, medio queimada, na casa-museo da escritora: “Manolo, para comer, en cas miña nai nunca faltaron ovos e patacas. O que eu necesito son uns reais para ir sacar unhas fotos para promoción, que non teño máis ca unha”.
Con estes antecedentes, querida Versolibrista, embárganos a emoción ao tratar nesta humilde páxina este tema tan candente. Lazurca e Remorenda coincidimos en que a resposta breve é NON. Non debes ir recitar gratis, por moi sedutor que resulte sentar á mesa cun cargo político. Cando menos non debes tomalo como norma. Nada ten de malo respectar e facer respectar o teu traballo de poeta se queres dedicarte a el de maneira profesional. Da mesma maneira que os fontaneiros que visitaban o Pazo de Meirás en tempos de Dona Emilia, cobraban relixiosamente (certo é que, sendo francos, xa deixaron de cobrar, pero iso é outro tema do que non imos falar agora…).
Traballar gratis está ben como anécdota para contar aos netos, ou para fachendear na taberna (“pois eu un día… traballei gratis!”). É tamén moi respectable facelo de maneira esporádica en segundo que sitios; sempre hai algunha causa no que é benvido o compromiso de poetas e fontaneiros. Pero que o teu pago sexa xantar cunha autoridade, fala mal de ti e da autoridade. Quen máis certeiramente expresou isto foi o finado de Lao-Tse, moito insistía en que é mellor ensinar ás poetas a pescar que invitalas a unha robaliza un día.
Querida Versolibrista, entendemos que queres facerte un oco na xungla que é o directo lírico galego, pero se valoras o teu traballo, serás valorada. E algún día poderás mesmo convidar a xantar a alcaldesas, concelleiros, parlamentarias de todo rango e condición, directores de banco e mesmo a presidentas da Xunta. E a comer ben, como está afeita esa xente.
Sempre hai algunha causa no que é benvido o compromiso de poetas e fontaneiros. Pero que o teu pago sexa xantar cunha autoridade, fala mal de ti e da autoridade.
Se malia estes nosos exquisitos consellos, non podes reprimir as ganas de recitar de balde, o mellor é que te achegues á taberna máis cercana á túa casa e lle fagas o favor de montarlle alí un show gratuíto, que che han retribuír como mereces, porque os taberneiros son menos hipócritas que a clase política en xeral. Ou sexa, que se o fas ben hanche convidar ás cañas e se o fas mal hanche convidar a que te vaias.
Agardamos que a nosa ilustrada resposta dese boa conta das túas inquedanzas e que continúes pola senda da poesía ata que chegues a final de mes. Dende alí, abrazámoste afectuosamente Minia Remorenda e Pinga Lazurca.
Vigo, 12 de xullo
Minia Remorenda & Pinga Lazurca
Minia Remorenda e Pinga Lazurca son os pseudónimos baixo os que escriben esta sección dúas autoras de referencia das nosas letras. Mulleres de éxito absoluto, empoderadas ata as cellas na literatura e na vida, atenden presente consultorio literario para xoves poetas dende o coñecemento e a experiencia. Ámbas as dúas levan ao lombo unha longa traxectoria, mais prefiren ocultar o seu nome para evitar as consecuencias naturais que poida traerlles o revelado das crudas realidades do sistema literario, as cales expoñen sen pudor a aquelas persoas que se dirixen a elas buscando consello.
Queridas portadoras do virus da escritura, se vos quita o sono calquera dúbida relativa ó oficio podedes dirixirvos a nós, que todo o sabemos, na seguinte dirección: colaboradoras@adiante.gal
Debo confesar á miña nai e ó meu pai que son poeta?
CONSULTORIO LITERARIO. Minia Remorenda e Pinga Lazurca dan resposta ó drama que nos confesa un amigo descoñecido que oculta o seu verdadeiro nome, e ben que fai, baixo o alcume poeta pasivo na súa primeira entrega deste consultorio. Minia Remorenda e Pinga Lazurca son os pseudónimos baixo os que escriben esta sección dúas autoras de referencia das nosas letras. Mulleres de éxito absoluto, empoderadas ata as cellas na literatura e na vida.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso