Democracia virtual
Baldo Ramos
Polo que se pode ver, ultimamente, a condición de demócrata calíbrase por oposición. Como nos vellos tempos. Ese carácter noso tan de nostalxias. Hai algúns que teñen a necesidade de ser máis demócratas que, porque non lles abonda con ser tan demócratas como.
Os que pensabamos que os valores democráticos estaban máis ou menos interiorizados pola sociedade, e que polo tanto esa carreira xa estaba disputada, atopámonos agora con que hai que volver adestrar e mentalizarse para unha nova competición. Que preguiza.
Semella que para boa parte dos políticos de arestora é máis importante –e seguramente máis rendíbel politicamente– falar de democracia que practicala. O preocupante pode ser que no futuro inmediato o político chegue a confundirse co social, seguindo o rastro da etimoloxía. Porque as estratexias de partido planifícanse para gañar eleccións, pero non para satisfacer as necesidades da sociedade. E se chega a esvaecer demasiado este pequeno matiz entre os dous conceptos, o mesmo despois a clase política vai ter moi difícil xustificar as súas responsabilidades na quebra da paz social e na confrontación cidadá. Temos tendencia a repetir o pasado, a furgar nel coa intención de explicar o presente, de construílo á medida, superpoñendo coordenadas que nunca son coincidentes. E polo tanto esas analoxías serven de pouco. Auga que non move muíño. Distraerse mirando atrás mentres o futuro das xeracións máis novas é unha paisaxe cuberta de néboa espesa. De aí que os máis conscientes, os que realmente padecen a situación, ergan o voo e lisquen. Aí abaixo esa nebulosa permitiralles aos que fican aquí seguir vivindo ás apalpadas, avanzar lentamente, con medo, con demasiadas sospeitas. Co perigo de zoupar co outro. Distracción de acomodados. Ser máis que. Tanto como fainos iguais. E a igualdade non está ben vista nos tempos que corren. Ser por oposición, non polo que se é. Sempre pendentes do outro para realizarse. Os que se consideran máis demócratas que é porque teñen que desprezar os que están ao seu carón e son menos demócratas ca eles. Complexo de superioridade.
Agora a democracia interesa como concepto, como entelequia política. Non cabe dúbida de que, como elemento de controversia e confrontación, algúns pensan que pode ser rendíbel electoralmente. E poida que o sexa, pero pisando a liña da irresponsabilidade. Exercitar a memoria histórica debería ser un exercicio elemental de democracia. Para aprender dos erros, non para repetilos.
“Para os profesionais da política, eses demagogos do populismo, é máis doado distraer a atención do cidadán falando de defender a democracia como concepto que propoñendo medidas correctoras da desigualdade social.”
É sospeitoso que un partido político que cumpre os requisitos legais para presentarse ás eleccións poida acusar a outro, que tamén os cumpre, de non ser democrático. Este é o síntoma dunha anomalía que debería facernos reflexionar sobre o que significa o respecto polo adversario político nunha sociedade verdadeiramente democrática. Desta frivolización sobre a democracia deriva, case por antonimia, o simplismo e a irreverencia ideolóxica coas que se acusan uns partidos a outros de fascistas. Como se o fascismo se presentara ás eleccións e tivera os seus representantes no parlamento. Observar a frivolidade coa que certos políticos acusan a outros de fascistas resulta incómodo para calquera cidadán cuns mínimos principios democráticos e coñecementos de historia. Respectar os teus adversarios políticos é o mínimo esixíbel en democracia. Como se non é posíbel avogar polo diálogo? É posíbel o diálogo para chegar a acordos co teu adversario político se non se sustenta no respecto mutuo? Eu penso que non, pero igual é posíbel noutra clave que para min non abre portas.
Para os profesionais da política, eses demagogos do populismo, é máis doado distraer a atención do cidadán falando de defender a democracia como concepto que propoñendo medidas correctoras da desigualdade social. Detrás dos populismos sempre está a manipulación duns cidadáns desesperados, tanguidos pola pobreza. Porque, no fondo, democracia é poder vivir dignamente en sociedade, con igualdade de oportunidades e garantindo a xustiza social. E os políticos que se preocupan por ser máis demócratas que deberían centrarse en ser tan demócratas como e buscar, cos seus adversarios políticos, alternativas para os indignados, para aqueles que votan moitas veces desde a desesperación, a carraxe ou a marxinalidade. Porque eles están reclamando simplemente máis dignidade para as súas familias. Máis democracia para o seu pobo. Así de simple e de utópico.
Compostela, 30 de decembro.
Baldo Ramos
Celanova, 1971. Poeta e artista plástico, é autor de obras como A árbore da cegueira, A ferida de comprender ou Cartas dende o esquenzo. Escribe para non darse por vencido. A súa pintura busca a mestizaxe coa literatura en proxectos individuais e colectivos como Os ollos das palabras, Onde beben os cervos que amansou o calígrafo ou A dobre páxina.
Dóenos Ourense
Casalonga (un artigo de Baldo Ramos)
Berta Cáccamo e o hermetismo transparente
Pedra e alquitrán
Actualidades
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Actualidades
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas