Dóenos Ourense

Baldo Ramos

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

A demografía desta provincia foi, lamentabelmente, na súa historia recente, un taboleiro no que se xogaron partidas sociais, económicas e políticas nas que a súa xente case sempre saíu perdendo. Algúns datos testemuñan este doloroso prestixio:

En 1930 Ourense tiña unha poboación de 476.000 habitantes. En 1971, descendera ata os 441.000. E no ano 2017 Ourense acada o seu mínimo histórico cun total de 309.000. É dicir, que en menos de 90 anos perdeu case un terzo da súa poboación, exactamente 167.000 habitantes.

Ourense foi a provincia de toda España que máis poboación perdeu a causa da emigración nos derradeiros 15 anos do franquismo: emigraban 30 persoas de cada 1.000, sumando un total de 19.000 emigrantes, a maioría a países europeos, durante ese período.

Nos últimos 35 anos a provincia perdeu 115.000 habitantes, encabezando en España a listaxe de provincias con máis perda de poboación proporcionalmente.

En 2015 contabilízanse 321 núcleos de poboación totalmente despoboados e, entre ese ano e o 2000, o 90 % dos concellos da provincia viron como a regresión demográfica era imparable, a excepción de núcleos de poboación como Verín, Carballiño, O Barco de Valdeorras, San Cibrao das Viñas e Barbadás.

50 concellos de Ourense superan o índice do 50 % respecto á poboación maior de 65 anos e 72 non chegan ao 20 % no número de menores de 20 anos.

Estes datos falan da morte paulatina dun territorio, dun suicidio demográfico por ausencia de políticas activas que limiten ou palíen a súa sangría poboacional: o que os estudosos da demografía chaman demotanasia, e que consideran moitos deles o maior problema da Galicia contemporánea.

Dóenos Ourense.

Porque na nosa provincia é onde se atopa o epicentro desta evidencia.

“Estes datos falan da morte paulatina dun territorio, dun suicidio demográfico por ausencia de políticas activas que limiten ou palíen a súa sangría poboacional”.

despoboamento, rural, Ourense.
Fotografía: Baldo Ramos.

Temos escoitado falar nos últimos meses do Plan Retorna, aprobado pola Xunta de Galicia. 15 millóns de euros en axudas públicas para que volvan ao noso país 20.000 emigrantes galegos entre 2018 e 2020. A iniciativa certifica a necesidade urxente de reaccionar, pero teño para min que se trata máis ben dun lavado de cara ou dunha medida electoralista que dun proxecto de calado que afronte o problema do rural e da súa dramática recesión demográfica.

Bótase en falta un investimento no interior de Galicia a medio e longo prazo, con perspectiva histórica e de futuro. Unha planificación que faga do rural un lugar atractivo, un lugar habitable.

“Só fai falla vontade política e moita solidariedade. Unha solidariedade que pode ser rendible. Socialmente, claro, pero tamén economicamente”.

Por iso habería que poñer en valor, antes de nada, esas comarcas do interior susceptibles de recibir investimentos integrados e transversais para despois apostar pola súa rendibilidade e promoción. Para iso habería que empezar por facilitar o asentamento da poboación, evitando impostos inxustos e tramitacións interminables que lles permitan á xente nova sentir que son acollidos e que as administracións están con eles para axilizar e asesorar, non para poñer atrancos nin propiciar dificultades.

Resulta indecente que a tráxica inmigración doutros países non se canalice en territorios como Ourense, no que precisamos asentar poboación e deter o decrecemento vexetativo da súa sociedade. Ou xa temos esquecido que moitos dos cidadáns que perdemos na nosa longa historia de emigración deixaban as súas casas sabendo onde ían vivir, onde ían traballar e cos trámites resoltos dende os países de destino?

Ourense ten experiencia de emigración. O que me fai pensar que esta bagaxe debería aproveitala e canalizala para xestionar unha acollida de inmigrantes –galegos retornados ou non– ordenada e intelixente. Só fai falla vontade política e moita solidariedade. Unha solidariedade que pode ser rendible. Socialmente, claro, pero tamén economicamente. Unha solidariedade cos de fóra, pero tamén unha solidariedade con nós mesmos, coa nosa historia.

Porque Ourense dóenos.

E coido que o seu rural ben merece un futuro afastado de partidas nas que a súa xente sempre leve as de perder.

Celanova, 29 de outubro. 

Baldo Ramos

Baldo Ramos

Celanova, 1971. Poeta e artista plástico, é autor de obras como A árbore da cegueira, A ferida de comprender ou Cartas dende o esquenzo. Escribe para non darse por vencido. A súa pintura busca a mestizaxe coa literatura en proxectos individuais e colectivos como Os ollos das palabras, Onde beben os cervos que amansou o calígrafo ou A dobre páxina.

medio ambiente, Toysal, Teo, Casalonga, residuos

Casalonga (un artigo de Baldo Ramos)

Desde que se fixo público o interese de Toysal por instalar unha planta de reciclaxe para o tratamento de residuos de orixe animal, xurros e lodos para a obtención de biogás e fertilizantes, a veciñanza deste concello organizouse e mobilízase con determinación para impedir un proxecto claramente prexudicial para os intereses medioambientais e socioeconómicos desta bisbarra de Calo.

Berta Cáccamo, Absu 1991

Berta Cáccamo e o hermetismo transparente

Sobre a súa intensa traxectoria, aínda que non tan longa como quixeramos todos, escollería a palabra ”coherente” para describila cun só trazo. Amosar sen impoñer. Compartir sen adoutrinar. Unha artista que convida a habitar a súa pintura coa ollada cómplice de quen entende que os espazos creados nas súas teas, nos seus papeis, son espazos de acollida, de complicidade. Lugares nos que poder acougar.

Baldo Ramos (Celanova, 1971). Poeta e artista plástico.

Pedra e alquitrán

Sorprende a actualidade dalgúns escritos. Celanova, 1933. O texto que abría o primeiro e único número daquel xornal levará por título “O nacer”. Dicía alí o mozo Celso Emilio: “nistes intres estóricos e in-quedantes, n-istes intres de fondas transformacións, n-os que parés que o goberno da Repúbrica se dispón a trocar á Hespaña federabre n-unha Hespaña federal, é perciso que Galiza amostre o perfil rexo e inconmovibel da súa personalidade, para que non lle sexan negadas unhas liberdades secularmente areladas”.

Deixe um comentário

Deixe um comentário