Teo contra o eucalipto de Estado
Conchi García, a concelleira que sostén o pulso co Goberno, describe o proceso no que se reclama a inclusión da planta no catálogo de especies invasoras.
Xurxo Guitián, vídeos | Erik Dobaño, texto | Teo, 17 de novembro. Pode que Conchi García (Vigo, 1971) non consiga que o Estado español inclúa finalmente o eucalipto no catálogo de especies invasoras. Mesmo se o Tribunal Superior de Justicia de Madrid, instancia diante da cal o goberno municipal de Teo, no que Conchi ocupa a área de Promoción Económica e Mobilidade, vén de demandar ao Goberno do Estado para que atenta o ditame dun comité científico do propio Estado que avalaba a petición, despois aínda estaría o Supremo.
Tampouco é seguro que a inclusión nese catálogo vaia cambiar substancialmente a situación nos montes do país. De feito, algunha das variedades da planta xa estivo nese catálogo a principios desta década para saír na seguinte edición [mediante o R.D. 630/2013, de 2 de agosto]. E como lembran estes días grupos ecoloxistas, nese catálogo están as acacias e seguen agromando nos montes, especialmente nos montes que arderon. Ninguén as planta, pero tampouco ninguén as controla. No caso do eucalipto, a cuestión é que as plantacións silvícolas constitúen un negocio. O negocio move cartos e os cartos, vontades políticas.
A de Conchi, concelleira por Son de Teo, que vive na localidade desde o 2006 e foi presidenta dunha ANPA e impulsou a Plataforma Teobus pola mellora do servizo público de transporte, é outro tipo de vontade que non se move cos cartos.
A cousa empezou así…
O 29 de marzo de 2017, o pleno de Teo acordou solicitar ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (MAPAMA) a inclusión de varias especies da familia eucalyptus no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. A moción foi presentada noutros concellos do país, e saíu aprobada nos de Carballiño, Poio, Bueu, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Cuntis, Barro, Sober, Pobra de Brollón e na Deputación Provincial de Pontevedra. “Entendo que cada un deles deu traslado da solicitude ao Ministerio, pero realmente non teño constancia de que ningún seguira no procedemento como fixemos nós”, di Conchi García.
O ditame do Comité Científico encargado de avaliar este tipo de solicitudes está asinado o 1 de decembro de 2017. No Concello de Teo non terían coñecemento del até meses despois, cando a petición foi rexeitada polo Ministerio. Pero o ditame di: “en relación a la consulta de incluír en el Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, regulado por el R.D. 630/2013, de 2 de agosto (…) a todas estas especies: Eucalyptus camaldulensis, E. globulus, E. gomphocephala, E. gunnii, E. nitens y E. sideroxylon, así como cualquier otra especie de este género cuyo destino sea la explotación comercial”.
E continúa: “Asimismo (…) recomienda extremar la precaución con nuevas introduciones y plantaciones de Eucalyptus sp., y siempre que se observe naturalización de cualquier especie de este género en nuestro territorio se recomienda un seguimiento local y llevar a cabo medidas de erradicación antes de que se produzca la invasión”.
O ditame ía máis alá da solicitude de Teo e incluía todas as especies de eucalipto. Dous dos asinantes do informe facían parte dos catro que asinaran no 2012 outro informe achegado polo MAPAMA nun contencioso con Celulosas de Asturias. Aquel ditame referíase á variedade nitens, recomendaba a súa erradicación e advertía que é unha especie “muy peligrosa (…) por su capacidad de dispersión y transformación del medio que habita, bloqueando el funcionamiento del ecosistema (…) más resistente al frío (…) más agresiva que las ya declaradas invasoras en áreas con heladas frecuentes”.
Celulosas de Asturias, segundo determinou a Xustiza, tivo que renunciar á plantación de 10 hectáreas de nitens na ría de Navia. Mais un ano despois, o eucalipto desaparecía do catálogo. O catálogo é un elemento incómodo para o negocio, explícao Conchi García no segundo vídeo:
O negocio en risco
O informe do Comité Científico sobre a petición de Teo ten data do 1 de decembro. O día 5, a Subdirección Xeral de Política Forestal emite o seu propio informe, solicitado desde a Subdirección General de Medio Natural, no que comeza recordando que os informes do Comité Científico de Flora y Fauna «no tienen carácter vinculante» e pasa a cuestionar algúns dos traballos académicos nos que o comité sostén a evidencia do carácter invasor da especie eucalipto. Despois sitúa o incremento da superficie dedicada ao eucalipto en Galiza no contexto de incremento da superficie arborada –a comparación entre o segundo inventario forestal, 1986-96, e o cuarto, que comezou en 2008, mostra que a superficie arborada total aumentou un 25% e a de eucalipto, un 60%-. E finalmente acude ao argumento económico.
«La prohibición de plantar eucaliptos en plantaciones ya existentes por un supuesto carácter invasor no demostrado científicamente y del que no existe evidencia, conllevaría problemas sociales graves, al estar la propiedad forestal muy socializada en Galicia y la cornisa cantábrica, produciendo una merma de rentas fundamentalmente en la población rural (unos 24-30 millones de euros menos de ingresos directos al año), que precisan de rentas complementarias de la agricultura y la ganadería para lograr la sostenibilidad económica, y la pervivencia de núcleos rurales».
Conchi García, que leva case dous anos comprometida na loita contra a eucaliptización do país, discute o argumento económico: “Din que 300 millóns de euros, ben. Canto se vai na loita contra os lumes? Cen millóns? Como se cuantifican os danos na fauna e na flora? Cada vez que avanza o eucalipto, despraza a fauna e tamén a flora autóctona. O eucalipto non só é un depredador do solo, tamén é unha especie pirófita, medra durante os incendios, o eucalipto non se pode erradicar cos lumes e está demostrado que ten unha clara incidencia nos lumes. Como se cuantifica o impacto sobre o patrimonio cultural que se destrúe nos lumes ou na propia acción mecánica da silvicultura?”.
Política Forestal ponderaba un informe en mans do MAPAMA presentado por Luis Gil, “un coñecido defensor do eucalipto” e catedrático de Xenética e Fisioloxía Vexetal na Politécnica de Madrid, ao tempo que desbota as conclusións do ditame do comité ministerial.
A concelleira di que este informe de Política Forestal non é preceptivo, “é potestativo e sorprendente” e inxire o documento nun intento de “neutralizar o ditame do Comité Científico”. Unha estratexia que incluíu unha consulta desde a Comisión Estatal para el Patrimonio Natural y la Biodiversidad aos responsábeis en materia de patrimonio natural de todas as comunidades e cidades autónomas. “A consulta foi a través do correo electrónico, enviaron os informes e dixéronlles que se pronunciaran cun si ou un non á solicitude de Teo. Entendían que os que non contestaran, estaban en contra. Contestaron seis organismos. Despois indaguei e chamei a algúns responsábeis. Moitos nin sequera sabían da consulta. En Extremadura e Canarias, por exemplo, dixéronme que estaban a favor nosa”.
En Canarias, a autonomía creou seu propio catálogo de especies invasoras, incluíu nel o eucalipto e tomou mediadas non só para controlalo, senón tamén para erradicalo, comenta Conchi García. As competencias en medio ambiente permitirían a unha comunidade como Galiza asumir esa mesma política, figure ou non a especie no catálogo estatal, lembran os ecoloxistas. Cuestión de vontade política. Mais o diñeiro tamén compra vontades, mesmo as científicas…
Manobras dilatorias
O informe do profesor Luis Gil, da Real Academia de Ingeniería, merecería figurar nalgún catálogo de estafas intelectuais. Mais ese documento e a serie de correos electrónicos enviados aos organismos competentes das diferentes administracións territoriais serviron para xustificar as teses de Política Forestal e, ao fin, a decisión do MAPAMA.
O informe de 20 páxinas do profesor Gil [con evidentes relacións con ENCE] vai de Platón a Carmela Silva pasando por Descartes e Lidia Senra. Discute con todos, menos coa comunidade científica. Gil argumenta que no procedemento contra Celulosas de Asturias, os xuíces prohiben plantar nitens, pero non entran «en si E. nitens es una planta invasora», e indica: «La condición de ser una especie invasora solo aparece en la consulta CC 01/2012 [ao Comité Científico]».
Sen ningún rubor académico, o profesor recorre a Galileo para amonestar ao Comité e «reforzar la idea de separar el conocimiento científico de la autoridad, la tradición o la fe» e sinala que «numerosos gestores del territorio ignoran casi por sistema los beneficios de las especies introducidas (…) la condición de no nativas se contempla ampliamente en la sociedad como unha ‘marca de Caín’, lo que significa que asumen como una sabia, y fácil, precaución dar por hecho que ninguna planta foránea aporta nada bueno, a menos que se muestre fehacientemente lo contrario».
O texto pódese consultar aquí.
O profesor chega á conclusión de que a opinión do Comité Científico respecto do eucalipto non é válida porque o BOE di outra cousa. «En la actualidad, el dictamen no se ajusta a la legalidad por cuanto, un año después, el listado y el catálogo español de especies exóticas invasoras (BOE nº 185 3/8/2013) que deroga el R.D. de 14 de noviembre de 2011 y establece la relación actual de especies que lo conforman no relaciona ninguna especie de eucalipto».
En fin, Luis Gil sostén que o eucalipto sofre un prexuízo social, e lamenta que «una sociedad desarrollada genere una situación perversa en la que se denosta al eucalipto» o que supón «una prueba más de la inmadurez y desinformación de la sociedad actual».
As manobras dilatorias que describe a concelleira de Teo están documentadas mesmo en descoidos, intencionados ou non, da propia Administración. A negativa á demanda de Teo chegou xa baixo o novo goberno socialista en Madrid, “pero creo que a nova ministra de Transición Ecológica [o MAPAMA desdobrouse] non vería o expediente”, di Conchi García, e conta como recibiron no Concello toda a documentación, incluíndo unha advertencia manuscrita nuns papeis que desde a Secretaría de Estado de Medio Ambiente do MAPAMA lle remitiran ao persoal encargado da tramitación. A secretaria de Estado de Medio Ambiente, entre 2016 e 2018, era María García Rodríguez, que antes fora xefa de gabinete da ministra Tejerina e traballaba no departamento desde a segunda época de Arias Cañete.
A segunda negativa, a negativa ao recurso de alzada, produciuse baixo a nova Administración socialista. “O MAPAMA dividiuse en dous, e a ministra de Transición Ecológica probabelmente non chegou a ter coñecemento deste recurso, a mesma inercia administrativa penso que resolveu a resposta”, di a concelleira. “E penso que ese novo ministerio, que ten unha función de protección do patrimonio natural e ningunha outra competencia en política forestal, tería respondido con outro procedemento porque non ten que atender máis ca o seu obxectivo e non aos intereses dun lobby económico relacionado coa explotación forestal”.
Teo continuou a disputa co Estado. Agora, desde finais de xullo, na vía contencioso-administrativa. O escrito da demanda, na que Teo insiste na súa petición de incluír o eucalipto no catálogo, presentouse esta semana diante do Tribunal Superior de Justicia de Madrid. Teo está utilizando a mesma vía que Celulosas de Asturias no seu día, só que en sentido contrario. Vai contra a protección estatal do eucalipto.
“[O novo Ministerio de Transición Ecológica] tería respondido con outro procedemento porque non ten que atender máis ca o seu obxectivo e non aos intereses dun lobby económico relacionado coa explotación forestal”.
“Prazos? Ai! Este non é un procedemento normal, se xa na vía administrativa quen podía facelo fixo uso de todas as técnicas dilatorias que tiña a man, pois supoño que farán o mesmo na vía contenciosa… supoño que en canto o Tribunal dea traslado da nosa demanda ao Ministerio, este terá que formular algún tipo de alegación e terá que responder”.
-Naquela enquisa aos organismos territoriais competentes, que respondeu a Xunta?
-Non respondeu.
-Está só o Concello de Teo nesta batalla?
-Xa digo que non sei até onde chegaron os demais. Entendo que para un concello pequeno esta é unha batalla tremenda. Estamos falando de case dous anos de procedemento con moito traballo. Seguir este proceso require moitos recursos. E non tanto económicos, porque utilizamos recursos propios, eu dediquei moitas horas máis alá do traballo no Concello.
“Nós somos unha peza dentro dunha cadea. Pero eu espero que onde non cheguemos nós, cheguen outros, igual que nós chegamos onde non puideron chegar outros primeiro. Hai uns fortes intereses creados. Non vai ser fácil, ninguén o vai poñer fácil.”
Actualidades
Casalonga (un artigo de Baldo Ramos)
“O monte corre moito, e a gran industria tamén”
“Cando entras, o primeiro é varrer. Por aí se empeza”
Mina Touro-O Pino, NON (un texto de Emma Pedreira)
A toma pola forza da Insumisa esfarela o soño da Marea
Teimas
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Touro ábrese a un outro futuro
O impacto menos visível da sindemia: saúde mental