Familia nuclear, matrimonio igualitario e ventres de alugueiro: como saímos da encrucillada?
Ángel Amaro Quintas
O movemento LGBT leva anos sufrindo fortes envites por parte de grupos ultraliberais para lograr inserir dentro das axendas sexodiversas a legalización da “xestación subrogada”. Empresas privadas -e todo un conglomerado sociopolítico afín- que atoparon no arco da vella todo un filón mediático para acelerar a materialización dos seus obxectivos. Unha minoría con moito poder está forzando un debate que tenta hexemonizar e bloquear a axenda activista co obxectivo de que só se fale dos ventres de alugueiro. Queren facernos ver que “despois do matrimonio igualitario vén a xestación subrogada”.
O capitalismo rosa véndenos unha especie de evolución lóxica nisto das reivindicacións LGBT: “primeiro atopas parella, logo casas e, finalmente, endebédaste cun banco para mercar un bebé que leve a túa carga xenética”. Todo isto reducido a unha decisión individual que non debe atopar límite ningún, tampouco por cuestións éticas e ideolóxicas xa que estamos ante un pack ben simplificado e, aparentamente, cargado de boas intencións.
Entón claro, como te vas opoñer á materialización de tanta felicidade? Velaí a grande vitoria do sector pro-ventres de alugueiro: transformar os desexos en dereitos. En grande parte este posicionamento ultraliberal avanzou debido a dous factores: certo divorcio do movemento LGBT con principios básicos do movemento feminista e un lixeiro abandono do discurso de clase. Esta deriva ideolóxica lévanos a asumir que as mulleres son recipientes e que os úteros son privatizábeis.
Todo isto trouxo consigo unha etapa de aburguesamento e dereitización nalgunhas cúpulas asociativas LGBT. Mais, a que se debe este fenómeno? Por que no seo do movemento triunfou pasiño a pasiño o relato das empresas privadas pro-ventres de alugueiro? Quen promove esta dereitización que nos afasta do anticapitalismo e do feminismo?
“Unha minoría con moito poder está forzando un debate que tenta hexemonizar e bloquear a axenda activista co obxectivo de que só se fale dos ventres de alugueiro. Queren facernos ver que ‘despois do matrimonio igualitario ven a xestación subrogada.”
Hai 13 anos que coa aprobación do matrimonio igualitario demos un gran salto no avance da igualdade legal. Mais co acceso á institución do matrimonio non remataba nada, iniciábase todo. Porque para moitas de nós o matrimonio igualitario non era un fin, senón un medio para continuar a loita.
O capitalismo ofrecíanos un novo statu quo ao que non debemos aclimatarnos porque como activistas LGBT aspiramos a rachar coa lóxica familiarista. Naquela altura moitas de nós -asumindo incoherencias como males menores- xa alertábamos da cara B do matrimonio igualitario: auto-compracencia, abandono das posicións de transformación real, edulcoración das liñas de traballo, simplificación das reivindicacións. Comezouse -queiramos ou non- un punto de non retorno no que a “familia nuclear” non se cuestionaba, mais ben todo o contrario. Incluso non estaba ben visto no movemento LGBT iso de non aspirar a casarse ou non querer “crear unha familia”.
Neste sentido -queiramos velo ou non- fomos reapropiándonos da institución do matrimonio dun xeito bastante acrítico e asimilacionista. Nesta lóxica integradora caemos na adaptación e na asimilación. No canto de centrarnos en sermos creativas nisto de desbordar as alternativas existentes e de-construír a institución “familia”.
Nesta etapa post-matrimonio igualitario a meirande parte das forzas e debates activistas focalizáronse na “felicidade que supón ter parella” (monogamia), no “triunfo do amor” (amor romántico) e na “construción de familias diversas” (reforzamento da familia nuclear).
Creo, honestamente, que desde hai anos entramos nun bucle de difícil saída porque nin o matrimonio igualitario puxo en xaque á institución da familia nin no seo do movemento LGBT se freou esta lóxica de “ser nai e pai é un dereito”, “teño dereito a ter fillxs coa miña carga xenética”, “o meu desexo de ser pai non o pode frear ninguén”. O capitalismo rosa xoga cos sentimentos, emocións e vivencias de moitxs LGBT coa finalidade de crear un grande escudo contra todas aquelas persoas que se opoñan á legalización dos ventres de alugueiro.
“Nin o matrimonio igualitario puxo en xaque á institución da familia nin no seo do movemento LGBT se freou esta lóxica de ‘ser nai e pai é un dereito.”
O neoliberalismo é moi hábil e oportunista. Consciente das dificultades que a comunidade LGBT atopa para acoller ou adoptar nenxs pois tenta canalizar a angustia de individuos e parellas coa finalidade de ofrecerlles unha saída limpa, rápida, relativamente accesíbel, efectiva e xenética. Financiamento á medida e nenxs á carta, como opoñerse dende unha óptica feminista e anticapitalista a unha “solución milagre”? Velaí o terreo enlamado ao que nos levaron as empresas privadas que só aspiran a mercantilizar úteros e dinamitar pola base o movemento LGBT. Imos tragar con “solucións milagre” para uns poucos ou combateremos a institución da familia nuclear creando alternativas xustas para todxs?
Pereiro (Ourense) | 18 de setembro.
Ángel Amaro Quintas
Licenciado en Socioloxía e coeducador. Activista marica e xestor do blogue Diáspora Cuir. Amante do rural e da soberanía alimentaria. Membro da asociación cultural A Galleira.
A hexemonía da marca “Pride” e a colonización do noso imaxinario
Desde finais dos 70 impúxose por decreto o colaboracionismo extremo coa esfera institucional e aplaudiuse a marxinalización das asembleas LGBTIQ críticas, transformadoras e subversivas.
Catro décadas despenalizando a homosexualidade
A día de hoxe a homosexualidade segue estando ilegalizada en máis de 70 estados. Non fai moito tempo, un 17 de maio de 1990, a Asemblea Xeral da OMS eliminaba a homosexualidade do listado de doenzas mentais. Aínda que no Estado a lei de perigosidade deixou de aplicarse en 1978 nos “casos de homosexualidade” a derrogación virá 20 anos despois da morte de Franco, concretamente un 23 de novembro de 1995. Até esa data pódese dicir que o colectivo LGBT estivo coa espada de Damocles enriba.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso