"Felipe VI líbrase do pai do mesmo modo que Juan Carlos I se librou do seu"

ENTREVISTA | Rebeca Quintáns

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

E. Dobaño | A Coruña | 18 de marzo. Cando a comezos o outono Rebeca Quintáns presentou seu libro na Coruña, un libro silenciado polos grandes medios de comunicación que fan parte desa estrutura conxénita de poder que sostén a Restauración borbónica iniciada no golpe de Estado de xullo de 1936, confesou que parte do seu método de traballo consiste en ir tomando nota, día a día, de todo o que acontece para que, despois, ninguén veña reconstruír o relato duns feitos que se suceden á máxima velocidade e poucas teñen a paciencia e a habilidade de ir documentando. O poder, si. E despois constrúe a historia.

O día que Rebeca Quintáns falou na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña estaba recente a visita do fiscal suízo Yves Bertossa a Madrid para reunirse con colegas españois que investigaban presuntos delitos no ir e vir de grandes cantidades de diñeiro no negocio da construción do AVE á Meca, cartos que pasaron polas mans (é un dicir, en realidade pasaron polas contas privadas) de Juan Carlos I e, parte deles, acabaron nas contas de Corinna Larsen. De aí o interese do fiscal suízo, quen desde o verán de 2018 investigaba a orixe dos cartos nunha conta de Larsen en Suíza. Apenas unhas semanas despois, Corinna Larsen fixo saber ao fiscal que eses cartos non tiñan que ver cos negocios do AVE, dixo que eran un regalo do rei español. En decembro, Bertossa decidiu chamar a declarar a ex amiga do rei emérito. A finais do pasado mes de febreiro, Larsen denunciou na prensa británica que estaba a recibir presións do CNI. O 3 de marzo, o xornal suízo Tribune de Genève publicou que a fiscalía daquel país segue o rastro dunha doación saudita a Juan Carlos I. Dez días despois, o británico The Telegraph revelou que o actual monarca, Felipe VI, figuraba como beneficiario dunha fundación radicada en Panamá e cunha conta en Suíza na que Juan Carlos I, sendo rei, recibira no 2012 aquel regalo de Arabia Saudita.

Os grandes negocios privados do rei Juan Carlos que nalgún momento algún medio de comunicación ou algunha fonte fixeron públicos antes de 2016 aparecen recompilados no libro de Rebeca Quintáns, “mais o libro nunca se acaba”, advirte a autora, “por iso o de tomar nota día a día”. Este martes, Quintáns interveu nun deses poucos espazos que lle dan voz cada vez que o coñecemento sobre a actividade da Familia Real pega un brinco. Falou para a radio de Valencia Plaza e xusto despois atendeu por teléfono a adiante.gal.

Que lle pareceu o comunicado da Casa Real o domingo dicindo que Felipe VI “renuncia” a esa herdanza ‘offshore’ e que se castiga a Juan Carlos retirándolle a asignación?

O comunicado é un timo. Xuridicamente non ten valor algún. Non se pode renunciar a herdanza algunha antes de recibila. Iso están explicando os avogados. Se renuncia, que renuncie a todo, que renuncie á Coroa. É un intento de Felipe VI de gardar as costas e, ao mesmo tempo, salvar a cara diante da opinión pública. En fin, se lle funciona é que…

Gardar as costas polo que se lle vén enriba o pai?

É unha maneira de librarse do pai, sen contemplacións, do mesmo modo, por certo, que Juan Carlos se librou no seu momento de seu pai. Parece que Felipe vai algo máis adiantado niso. Juan Carlos foi deixando amigos atrás, pero Felipe aproveitou o inicio do seu reinado para separar á súa irmá, ao cuñado e, agora, péchalle as portas ao pai. Felipe é, tamén, un rei que se fai a si mesmo golpe a golpe.

No comunicado, ademais, fai un anuncio Juan Carlos. Di que contrata avogado.

Si, é un detalle importante. Sabe que vai ter problemas. Durante moito tempo a información sobre o rei estivo seca, quero dicir, absolutamente controlada. Desde o escándalo de Botsuana en 2012, ou algo antes, xa non o está tanto ou se permiten máis cousas. Mais na prensa estranxeira isto non pasaba. Sempre tiveron no foco os asuntos do rei Juan Carlos. Agora, The Telegraph saca uns papeis, documentos sobre esa fundación de Juan Carlos e os seus manexos, mentres en Suíza se investiga outra parte do mesmo asunto. Juan Carlos sabe que os problemas legais veñen de Europa, e aí xa non está tan protexido como en España, onde é practicamente impune.

“Malia o asunto do coronavirus, tampouco van conseguir tapar moito o escándalo. A xente ten tempo para pensar. E, en fin, son só dúas noticias: o virus e o novo escándalo na monarquía.”

Parece que desta volta, a Casa Real non puido controlar os tempos, e foi detrás dos acontecementos até que viu na crise do coronavirus a oportunidade para lanzar este comunicado. En todo caso, parece que é un bo momento para eles facer isto agora?

Eu penso que non, que malia o asunto do coronavirus, tampouco van conseguir tapar moito o escándalo. A xente ten tempo para pensar. E, en fin, son só dúas noticias: o virus e o novo escándalo na monarquía. Veremos en que acaban as respostas institucionais que se están dando. Podemos, por exemplo, o que di é ‘falaremos disto despois de superar o coronavirus’. Está adiando a cousa. Vale. Pero creo que a prensa británica vai seguir sacando cousas e que a polémica non vai parar.

A parte da resposta do Goberno e dos partidos, os inimigos máis íntimos de Juan Carlos si que están aproveitando o momento. Que dano lle fará a imaxe e, tamén, xudicialmente esa denuncia coa que ameaza Corinna desde Londres?

En canto á imaxe de Juan Carlos, creo que a cousa xa non ten solución. A reputación do rei emérito está no chan, non ten remedio. O peor para el está nos problemas xudiciais. O de Corinna é unha ameaza e veremos si pasa de aí. Pero en Suíza si que parece que a cousa é máis seria. Nese proceso por branqueo de capitais o rei aparece nos papeis, están a investigalo. Corinna está tamén nese proceso. Mentres, pode ser ela quen estea filtrando informacións á prensa británica. Iso non o sabemos.

Resulta estraño que a Casa Real saia negando agora unha cousa que, segundo manifesta, coñeceu hai case un ano. Pero é máis estraño aínda que non coñecera as contas que mantiña por aí o rei emérito?

É inverosímil, si. Ademais, non é o primeiro Borbón que aparece vinculado con este tipo de prácticas en paraísos fiscais. O primo do rei, a infanta Pilar… Se non o sabía, é porque non quixo sabelo. E o mesmo vale para a Xustiza española. Poderían ter investigado máis. Poderían ter solicitado antes información a Suíza.

Volvendo á resposta institucional, varias forzas políticas insisten en reclamar unha investigación no Congreso. Algunhas, mesmo que se amplíe a unha comisión de investigación sobre a Casa Real e a monarquía. Parece que desta vez van ter difícil negárllela?

Este pacto de goberno entre PSOE e Podemos é moi delicado. Penso que xa fixeron a posta en escena sobre esta cuestión. Estamos vendo como cargan contra Juan Carlos e deixan ao marxe a Felipe VI. Penso que volverán zafar da comisión. E se houbera comisión, porque o escándalo é maiúsculo, non iría moi lonxe. Mais sempre sería un paso adiante.

Despois de tantos anos investigando sobre a Casa Real, hai algo nestas últimas revelacións que a sorprendeu, ve algunha novidade significativa ou relevante na trama?

Si, hai cousas interesantes no que está a publicar a prensa británica. Persoalmente sempre me chamaron a atención esas fundacións das que se vale o rei emérito. Agora cítanse dúas: unha domiciliada en Panamá e outra, en Liechtenstein. Son entidades moi opacas e por iso se prestan moito para este tipo de manexos. É un fío do que tirar.

A imaxe do cabeceiro: Rebeca Quintáns, no programa ‘La tuerca’.

A entrevistada

Rebeca Quintáns

Rebeca Quintáns

Arzúa, 1964. Filóloga de formación, doutora en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou como reporteira de investigación para diferentes publicacións de Madrid, Barcelona e Euskadi. Na actualidade é docente no ensino medio, mais segue colaborando ocasionalmente en prensa, radio e sitios en Internet. Autora de Un Rei golpe a golpe (2000, Ardi Beltza) baixo pseudónimo, e de Juan Carlos I: la biografía sin silencios (2016, Akal).

#FranquismoSenFranco

A entrevistada

Rebeca Quintáns

Rebeca Quintáns

Arzúa, 1964. Filóloga de formación, doutora en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou como reporteira de investigación para diferentes publicacións de Madrid, Barcelona e Euskadi. Na actualidade é docente no ensino medio, mais segue colaborando ocasionalmente en prensa, radio e sitios en Internet. Autora de Un Rei golpe a golpe (2000, Ardi Beltza) baixo pseudónimo, e de Juan Carlos I: la biografía sin silencios (2016, Akal).

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário