Ferrín na poesía do circo

Interrogatorio en tres pratos e sobremesa a Quico Cadaval, director de 'Arnoia, Arnoia', unha coprodución de Pistacatro co Centro Dramático Galego.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Carlos Alfredo Castromao | Compostela, 18 de outubro. Quico Cadaval naceu no mes de marzo de 1960, dado que, cunha sinxela operación matemática, permite actualizar a cifra da súa idade todos os anos. É miope e divorciado. Mas isto non sempre foi así.

1. Para abrir boca, unha biografía non autorizada de Quico Cadaval:

Na primeira década da súa vida nin soñaba con que algún dia chegaría a ser. Foi criado por un setter inglés chamado Tule e influído por un violento mestre chamado Bayón.

Na segunda década da súa vida leu con avidez e dificultade A vida é un soño, de Calderón e Dúas tácticas da socialdemocracia na revoluçao democrática, de Vladimir Ilich. E gozou con Seven Hassel e a súa literatura repugnante.

Na terceira década, ficou finalmente miope até o punto de conseguir ser dispensado do servizo militar. Fechóuselle a porta do heroísmo tanto do lado de soldado da patria española como de arrogante insubmiso. Ao non ser probado en combate, nunca puido demostrar ao mundo a súa coraxe ou covardía. Nesta década leu a obra completa de Shakespeare.

Na cuarta década da súa vida desprega as súas capacidades na arte da narración, da dramaturxia e da provocación. Contrae matrimonio cunha muller e devora a obra de Rúbem Fonseca.

Na quinta década entrou no terceiro milenio e comprobou que todas as profecías resultaran falsas, as utopías defectuosas e as ilusións intactas. Na contabilidade do amor, recibiu muito mais do que deu e entrará en breve en concurso de acredores. Entusiasmouse pola cultura lusófona e visitou con paixón lugares arqueolóxicos. A década rematou cunha festa dos 50, de carácter propiciatorio que non deu resultado.

Na sexta década continúa a contar contos e a tentar facer teatro no mais vella nazón da Europa que tentaron destruír durante cinco séculos, e que parece que o van conseguir neste século ao contar o imperio con importante axuda nativa. Fóra diso, segue a ser divorciado e miope.

2. De segundo, unha viaxe en coche con Ferrín, de ida e volta, para asistir a un sorprendente espectáculo de teatro-circo baseado nunha obra súa:

Visiblemente emocionado, despois ter asistido a unha función matutina para o alumnado de secundaria no Salón Teatro de Compostela, desta adaptación libertaria de Arnoia, Arnoia, dirixida por Quico Cadaval, á que por certo, chegamos raspados, despois de sortear fochancas viguesas de obras infindas e cegadores labirintos lumínicos de prenatal, pregunteille ao Xefe, algo estupefacto aínda tralo espectáculo… ‘que, gustouche, Ferrín?’. ‘Hostiá!… Mooooooito…’ E tomou a súa pílula para o corazón.

O bo circo é un espectáculo para todos os públicos, e esta montaxe ademais de emocionalo, conmovelo e sorpréndelo, tamén posúe ese espírito arraiano que o Xefe comparte coas vacas piscas, un espectáculo mixto de teatro e circo, cheo de sensualidade e poesía, que transita polos intersticios dunha afortunada metáfora creativa baixo unha lona circense invisible, que nos acolle con agarimo, no triángulo máxico dunha vela branca cunha estrela vermella xigante estampada no meio, cuxos vértices son o imaxinario de Ferrín, os soños portátiles de Pistacatro e a precisión e eficacia narrativa do director de circo e xefe de pista escénica, Quico Cadaval.

Hai vento nas velas, donas e cabaleiros… Chega un novo sopro de aire fresco que empurra coa forza destes artistas valentes e polivalentes, que se atreven a meterlle man a Ferrín sen complexos e con autenticidade, para achegarnos a historia dunha adolescente que perde á súa nai, asasinada polos Veciños, comezando aí un camiño que a leva a superar as nove probas que a poidan devolver ao seu principio do mundo. Grous, acróbatas, malabaristas, excéntricos, escapistas, clowns e aerialistas vannos levando neste soño colectivo e surrealista arredor de nós mesmos, nun prodixioso xogo abstracto que cruza as fronteiras de contrabando entre a memoria e a identidade.

Volvemos de Compostela a Vigo contentiños coma cucos, comas dous meniños pequenos acabados de saír do circo, dous tipiños que cruzan o deserto das AP-9 despois de dar pronunciado as palabras máxicas, falando de Roberto Vidal Bolaño e de Xulio Verne, do Circo Feijoo e do Circo dos Muchachos, a cuxa estirpe pertence o Xefe, e tamén das miserias do país e dalgúns proxectos e esperanzas compartidas.

Despídome de Ferrín, xa na súa casa de Vigo, sabendo que aínda ten ganas de máis droga dura, coma esta que acabamos de consumir e que aínda nos mantén un pouco no aire. Mellor quedar con ganas de máis que ficar fartos. Até pronto, Arnoia. Por iso o teatro debe depender da consellería de Sanidade, dirección xeral de Saúde Mental, que diría Bolaño. Aaai… quen nos dera en Arnoia… Ou na Raia, que é onde sempre acontece todo o interesante…

E como outra vez xa falei de máis, e os alumnos puideron escoitar a Ferrín trala función, falando da poesía do circo, nós imos directamente e sen máis prolegómenos co número central deste espectáculo, que é o interrogatorio cruel perpetrado ao director deste artefacto escénico explosivo que leva aos artistas e tamén ao público a facer arriscadísimos xogos acrobáticos intelectuais que mesmo chegan a poñer en perigo a súa propia identidade.

Muito coidado…

circo, teatro, Cadaval, Ferrín
Quico Cadaval. Fotografía: Luis Polo.

3. Como prato central, un interrogatorio cruel online a Quico Cadaval:

Como xurde a idea de levar este texto de Ferrín ao teatro?

Ás veces, as leituras permanecem no quarto dos trastos que temos na mente, e chega un dia que som regurgitados e lembramos o que limos baixo umha nova luz. Aconteceu-me isto com ArnoiaX2. Voltavam á memória os acontecimentos extraordinários e impossíveis que apareciam na novella de Ferrín. Pensar essa obra no espaço cénico, levou-me necessariamente a pensar no circo, um lugar onde também acontecem feitos extraordinários e impoxem-lho a um persoeiro da vida cirqueira galega, umha noite, depois das duas da manhá.ssiveis. E como a minha única referência de circo que tinha eram as heroicas actividades da troupe de Pista 4, propuxem-lho a um autorizado persoiro dos cirquistas, umha noite, ultrapassadas as duas da manhá, hora na que começa a ser real todo o extraordinário e impossivel.

Por que botas man de artistas de circo en lugar de actores para esta adaptación?

A verdade é que forom os do circo os que botárom mao de mim. ‘Lembras aquilo que dixeche ás duas da manhá? Pois vas dirigi-lo tu’. E na anterior pergunta respondim que só os do circo o podem fazer. E para rematar, o elenco de ArnoiaX2, som também atores e atrizes.

Quen sodes e que fai cada quen nesta coprodución de Pistacatro co CDG?

Pista 4 tem como parceiro minoriatário nesta co-produçom ao CDG, o teatro público, mais arrodea-se de representantes doutros coletivos artísticos, como sou eu, por exemplo, mas também está na área da dramaturgia e direçom Marcos PTT do exitoso combo Retrete de Dorian Grey, e a presença de Clara Gayo, dramaturga e pedagoga. Marcos e Clara partilham comigo os logros na creaçom do espectáculo. No elenco coproducem também os e as artistas que o componhem, todos cinco aportam as excelências artísticas, tando os dous titulares da companhia, Aitor Garuz e Pablo Reboleiro, quanto as artistas combidadas, Ánxela Blanco, Bea Rubio e Fiti Reboredo. Os trabalhos na área dos malabares, da dança, os aéreos, o equilibrismo, procedem dum longo e custoso trabalho de creaçom dos artistas, que aportam ao espectáculo convertendo-se em visoes alucinantes, teatrais, como a subida ao ceu, os disparos contra inocentes, a fugida da cadéia, o sermom dum visionário, ou a passagem dum deserto. Toca agora lembrar a Calros d’Alonso e Baltasar Patiño, responsáveis, respeitivamente, da indumentária e do espaço, som dous antigos colaboradores, reconhecidíssimos profisionais, que contribuem comigo a subir gravemente a meia de idade. No coraçom da besta, na área da produçom trabalharom para que todas as ensonhaçoes citadas pudessem ser realidade, Belem Brandido e José Expósito. E nom podo esquecer a quem colaborou accidentalmente, porque passavam por ali, como Faia Diaz, Victor Mosqueira e Moisés Quintas. E a arte final que lhe dá Fanny a todo o que topa.

“Ferrín foi dumha cortesia extrema, quase versallesca, e mandou-me fazer o que me desse a gana, e depois dixo que toda a responsabilidade seria minha”

Que lle pareceu a Ferrín que quixeras levar o seu texto ao teatro con esta montaxe?

Ferrín foi dumha cortesia extrema, quase versallesca, e mandou-me fazer o que me desse a gana, e depois dixo que toda a responsabilidade seria minha, e lembro as suas experiéncias no circo [o Circo Feijoo era da sua família] e também as suas experiéncias no teatro, lembrando com especial carinho a sua parceria com Artello.

Puideches falar con el deste tema ou deuche algún consello?

Tivemos umha conversa dumha hora, acurralados por Aser Álvarez, e falamos um pouco de todo, dentro das minhas capacidades. Também fixo asombrosas revelaçoes que nom escreverei aqui, manterei o suspense até que se estree o documentário que fai Arraianos Producións sobre a figura titánica e politrópica de Ferrín.

Como foi o proceso creativo en comparación con outros traballos teus como director?

Comencei sem texto, só cumha mínima estructura, e depois aparecerom sortes de circo, feitos reais, que reclamarom o seu lugar no argumento. Depois escrebim um par de cenas, fugindo da letra do livro , inspirado ou provocado polo trabalho dos ensaios.

O texto fala do paso da adolescencia á idade adulta, onde hai que ir superando probas para ir avanzando cara a madurez… Por onde andas ti, segues a ser un neno, xa es un adolescente ou mesmo un adulto?

Cheguei a velho antes de chegar a sábio.

Que vai ver a xente que se achegue a este espectáculo? Que lle vai sorprender máis?

Pois muitas cousas, umha, encontrar-se coa coa a poténcia alucinante do mundo de Ferrín. Outra ver as exceléncias artísticas do circo no nosso país. E muitos perguntaram-se por que nom vam mais ao circo. Talvez porque nom tem letra. Por isso dotamos de texto a Arnoia, para os que receam da poesia ágrafa, da poesia do circo.

Xa traballaras co circo algunha vez, porque tes pinta de director de pista…

Umha vez recebim a oferta de ser chefe de pista no circo Royal e Mundial. Estavamos o dono do circo e mais eu varados na Ilha Terceira, dos Açores. O trabalho era só para a tournée por Galiza. Também queria a Mofa&Befa, estes para a gira mundial. Eu rejeitei e perdim a oportunidade de ganhar tanto como o hipopótamo, segundo confidéncia do dono do circo.

Por onde ides xirar despois de Compostela?

Por ai adiante e tamén por Portugal.

circo, teatro, Cadaval, Ferrín
Ensaio da representación de ‘Arnoia, Arnoia’. Fotografías: Pistacatro, Rubén Vilanova.

O texto de Ferrín seica está destinado para chavalada, mais para que tipo de público vai dirixida fundamentalmente esta montaxe escénica?

A montagem está orientada á adolescéncia e a juventude. A mente que que concebiu ArnoiaX2, independentemente da idade do autor, era umha mente elástica, rápida, visionária, como a que tem a mocidade que pom a jogar todo o seu instrumental, os sonhos, os medos e contramedos, as facetas espirituais, para resistir o avance hostil da idade adulta. Sendo este o tema da peça, procuramos elementos da cultura juvenil, en formas cénicas que lembram o comic, o anime, o clip… Nom esqueçamos que seica se está a fazer um video-jogo inspirado em Arnoia, Arnoia.

Estaría ben poder ver este espectáculo baixo unha lona de circo, mais como afecta o espazo escénico ao espectáculo?

Pode repetir-me a pergunta. Como influe a água na navegaçom?. Em sério, é espaço cénico, que se concibe junto coa luz, fai acontecer as peripécias de Arnoia, num espaço acoutado, opresivo, mas, cheio de via de fugida: polas gareiras inferiores, pola pasarela, polas cordas , cara o céu.

Que papel ten a música neste espectáculo?

A música contribúe ao dinamismo do circo e nalgumhas cenas, como a da mai Loretta, dota de clima e sentido a açom dramática, substituindo ao texto dialogado. Entram as músicas saudosa , o alalá e o blues significando a nostágia… E aparece também a música electrónica para contextualizar um mundo injusto e productivista como é o de Luou Gris. Na irónica cena da destruçom do heroi, personificada em Percival, aparece irónica a digníssima música clásica e barroca. E quem queira saber mais pormenores, que lhe pergunte a Marcos PTT autor da B.S. de ArnoiaX2.

Algo máis que alegar na súa defensa?

Eu aproveitei-me da energia e a criatividade do elenco, mais foi por bem…

4. Xa de remate, unha augardente biográfica destilada por Helena Torres:

O tipiño, hai que dicilo, é de Ribeira. Formouse no colexio Bayón e tamén recibiu as hostias pertinentes no colexio Galaxia.

Tentou montar Os Vellos de Castelao aos 14 anos con Manolo do Monte e Milagritos. Para logralo mercou na Sanyg La construcción del personaje, atribuído a Constantin Stanislavski. Iso retirouno do teatro até os 19. Nesa altura foi seducido polas palabras do Chino e de Lourido, e meteuse no teatro, como un sacerdocio.

Tardou anos en detectar o que o oficio tiña tamén de prostitución. Na mesma altura, estudaba historia e arte na vetusta universidade compostelá, interesándose sobre todo polo visíbel e narrativo e aborrecendo o hermético e simbólico. Deixou provisionalmente eses estudos até a actualidade.

Foi empurrado para a dramaturxia polos que desconfiaban do seu talento actoral. Nos anos noventa descubriu que a súa doenza de falar era un oficio e reinventouse como narrador, topou o territorio libertario da Nasa e a Galán, acompañou o esplendor de Mofa e Befa e As Marías, asombrou o mundo dos contos cunha xeración na que cito a Candi e a Paula, fundou a Internacional Melancólica con Colón, e fixo radio con Cea e Buceta, con Xurxo e Belén co asombro de facer algo que non sabias que podías facer.

Pensou que na lusofonía estaba o futuro, e descubriu que tamén estaba o pasado. Para cando o 17 de maio para Miguel Torga? Despois veu o terceiro milenio e non pasou nada do que estaba previsto. Desde aquela pasaron 18 anos. Subíronse uns cantos outeiros e atrás non había nada novo, ter telefone celular converteuse en indicio de pobreza ou marxinación social, a poesía recuperou o seu lugar central na sociedade, veu unha crise económica e as bandas saquearon as rúas fumegantes, o amor prodigouse en cantidades inesperadas… Todo parece estar disposto para a derrota, mais a mocidade que chegou é mais talentosa, mais fermosa e folla mellor do que o fixemos nós no noso tempo…

5. E así damos por rematado este interrogatorio con chupiño de augardente vella.

Convidámosvos a todos a asistir a este espectáculo imprescindible, unha montaxe que nos fai pensar, nos divirte e nos reconcilia con ese meniño e adolescente que todos levamos dentro, coa maxia arraiana do imaxinario de Ferrín e coa poesía universal do circo. Un espectáculo para TODOS OS PÚBLICOS.

*domador de cronopios.

O entrevistado

Quico Cadaval

Quico Cadaval

Ribeira, 1960. Actor, director e contacontos. Entre os seus últimos traballos están Galicia caníbal(2012), Románticos (2012), A ópera dos tres reás(2011), Shakespeare para ignorantes(2010) e Noite de Reis. Ou o que queirades(2008) polo que recibiu o Premio María Casares á mellor dirección. Como autor, recibirá no 2002 o María Casares por Espantoso. En 2011 foille concedido o Premio Cultura Galega de Artes Escénicas.

#artes

O entrevistado

Quico Cadaval

Quico Cadaval

Ribeira, 1960. Actor, director e contacontos. Entre os seus últimos traballos están Galicia caníbal(2012), Románticos (2012), A ópera dos tres reás(2011), Shakespeare para ignorantes(2010) e Noite de Reis. Ou o que queirades(2008) polo que recibiu o Premio María Casares á mellor dirección. Como autor, recibirá no 2002 o María Casares por Espantoso. En 2011 foille concedido o Premio Cultura Galega de Artes Escénicas.

Outras entrevistas

Deixe um comentário