Gaña Touro, a guerra segue
Teima | Como se para unha mina – Capítulo 6 (Touro)
Redacción adiante | A Coruña | 29 de xaneiro. Aparentemente, a de Touro é unha batalla gañada pola veciñanza baixo o imperio da lei contra os intereses extractivistas que fan presión sobre o aparato de poder institucional para facer leis que beneficien os seus intereses por riba dos da veciñanza.
“Eu non diría que as mineiras ven Galiza como un país especialmente hostil. Si, parouse Corcoesto, e agora Touro. Pero con esta xente na Xunta… pois penso que lles é fácil, que Galiza é un país fácil para eles”, reflexiona Ana Varela, activista de Petón do Lobo, que estivo desde os primeiros momentos, hai tres anos, cando en agosto do 2017 se abriu o prazo de alegacións ao proxecto de Atalaya Mining para recuperar e ampliar a explotación mineira en Touro. Petón do Lobo formou parte da misión de activistas que visitou en novembro pasado o Parlamento Europeo para solicitar a implicación da institución nos conflitos mineiros na Galiza, é a mesma asociación que ten denunciado nun xulgado de Arzúa os incumprimentos de rexeneración da vella explotación e o desleixo da Administración neste caso.
Os intereses extractivistas gañan a guerra polo control do territorio e dos recursos do país, mais ás veces perden algunha batalla.
Perder unha batalla ás veces significa ceder terreo conquistado, mais non renunciar a el.
Pode que sexa preciso ceder ese terreo para gañar outra batalla de maior peso estratéxico.
Enfronte, as veciñas e o movemento ecoloxista contan cunha bagaxe de loitas e enténdenas como parte dunha loita conxunta. Gañamos Touro, si; mais seguemos a perder a guerra.
“Estamos contentos, si”, di Eduardo Quintas, gandeiro, veciño da aldea de Arinteiro, activista contra a mina que viviu os últimos anos coa ameaza de que xunto a aldea ían levantar unha presa de 80 metros para conter lodos, 69 millóns de toneladas -con esas dimensións, en caso de ruptura (algo como o que aconteceu en Aznalcóllar ou en Brumandinho) o tempo en que Arinteiro quedaría sepultada sería 5 minutos-.
Eduardo sabe que inda que a presa non se lle viñese enriba, o seu modo de vida, o campo e as vacas, sería imposíbel alí. “Estamos contentos, claro. Mais somos cautos, porque non sabemos se este vai ser o punto e final. O mesmo tiñan présa polas eleccións, o mesmo pensan que coas novas leis que foron acordando a próxima vez que saquen o asunto do caixón lles será máis fácil, que seguro que lles será máis fácil”.
“O mesmo tiñan présa polas eleccións, o mesmo pensan que coas novas leis a próxima vez que saquen o asunto do caixón lles será máis fácil”

O PP é un instrumento que serve, entre outros, aos intereses empresariais que gobernan o territorio deste país, mais é un instrumento que vive da lexitimación democrática das urnas.
Nas vésperas dunhas eleccións galegas, o PP dispón de certa autonomía para tomar decisións que contribúan a manter o partido no poder institucional que confiren as urnas.
Mais o PP non é o único actor no aparato de poder institucional. Os elementos administrativos dese aparato, a quen non lles inquieta un posíbel relevo dos elementos políticos como resultado das eleccións, aproveitan o contexto para tomar as súas propias decisións baixo o amparo das leis.
“A declaración de impacto ambiental negativa tardou en chegar. Para nós, desde logo, foi sorprendente tanto atraso”, explica Guadalupe Rodríguez, activista da plataforma ContraMINAción, que aprecia nas palabras de onte da conselleira certas dúbidas. “Dixo que a decisión se pode recorrer vía contencioso… non entendo, se hai unha declaración de impacto negativa, pois xa está, non? Fáiseme difícil valorar a tardanza… Acaban de aprobar unha lei que axiliza os trámites e reduce a importancia dalgúns, o mesmo pensan que esa é outra porta pola que facer pasar a ampliación da explotación en Touro”.
Di a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, que a nova lei de ordenación do territorio de Galiza “facilitará a vida” aos gobernos municipais e que a “simplificación administrativa” que impón o texto “dará todas as garantías” ás empresas que queiran investir no país. O proxecto de lei foi presentado no consello da Xunta do 5 de decembro e debatido onte, martes 28 de xaneiro, no Parlamento de Galiza con fortes críticas da oposición e emendas á totalidade por parte do Grupo Común da Esquerda e do BNG. “Estanse centrando en mellorar os instrumentos que xa funcionaban ben para as empresas que xa se beneficiaban deles, en vez de corrixir os desequilibrios do país”, dixo na tribuna o deputado Antón Sánchez. “Queren deixar todo atado e ben atado antes das eleccións galegas. Feixoo quere morrer matando”, indicou Luís Bará.
A lei de ordenación do territorio é unha peza máis no arsenal lexislativo que o PP foi acumulando nos últimos meses para favorecer unha determinada visión da xestión do recursos naturais do país: a extractiva.

Con anterioridade, o goberno Feixoo sacou adiante normas como a lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, contestada desde o movemento ecoloxista cunha gran manifestación en Compostela e unha análise precisa. “Baixo ese barullo de siglas o que hai é un apaño de elites políticas e económicas que queren facer deste un espazo extractivo para o capital globalizado. As grandes empresas mineiras, eléctricas ou forestais están a obter máis facilidades para o seu negocio: maior acceso á terra e menos normas sociais e ambientais”, advertía o manifesto lido aquel 22 de outubro de 2017. Tres días despois a lei foi publicada no DOG.
O verán pasado a Xunta impuxo outra norma, a lei do patrimonio natural e da biodiversidade, sen atender á demanda de participación do movemento ecoloxista e introducindo restricións á cualificación de espazos protexidos, incluíndo reducións na delimitación e a perda da categoría de espazo protexido, algo que na opinión dos ecoloxistas ten unha intención evidente: non declarar máis parques naturais e mesmo ir rebaixando as garantías sobre espazos xa protexidos. Esta lei entrou en vigor o 27 de agosto de 2019.
Mentres a práctica lexislativa e administrativa da Xunta de Galiza gobernada desde o ano 2009 polo Partido Popular (así como a dos sucesivos gobernos do Estado) impulsa a privatización do territorio e dos recursos naturais do país producindo danos ambientais e inducindo o éxodo da poboación do rural, a táctica política do Partido Popular consiste en manipular a percepción social daquelas prácticas nunha guerra comunicativa continuada a través dos medios afíns, que na Galiza son case todos.
Manipulación e combate
A percepción social é importante. Oposición política e activistas medioambientais volven repetir hoxe que a reapertura e ampliación da mina de Touro non contaba coa “licencia social”, máis alá do que puidera pasar cos permisos administrativos. No terreo da comunicación, a finais de ano, as accións das empresas con intereses en Touro demostraron que buscan producir unha pegada nun prazo máis amplo co das breves lexislaturas. Poden ceder terreo hoxe sen renunciar a recuperalo pasado mañá.

ContraMINAción denunciou que alumnas e alumnos do CEIP de Arzúa fosen levadas de visita as instalación da mina “para adoutrinalos nas supostas bondades dunhas actividades extractivas que seguen a provocar a contaminación do sistema fluvial do Ulla por metais pesados e proxecta destruír aldeas enteiras e o medio de vida das familias labregas da zona”. Os ecoloxistas subliñaron que a actividade estivo organizada por Leyre Aldasoro, ex portavoz do PP en Arzúa e que desde febreiro de 2018 traballa como para Cobre San Rafael, filial de Atalaya Mining, a multinacional que pretende reabrir a mina.
Días antes daquela visita para escolares, representantes de das plataformas contra a mina de Touro e doutros colectivos ecoloxistas viaxaron até Bruxelas. Era terceira vez que a cuestión chegaba á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. Desta volta conseguiron arrancar o compromiso da institución comunitaria de enviar unha misión de parlamentarios a comprobar sobre o terreo os efectos da minaría máis agresiva no país.
“A Fact Finding Visit inda non ten data, pero funcionou como instrumento de presión á Xunta e o PP”, considera Ana Varela. Foi o último movemento do repertorio despregado na mobilización social que se iniciou en 2017 e que incluíu charlas, asembleas, participación en plenos municipais e mocións nos concellos, reunións con grupos políticos, produción de documentais, recollida de sinaturas e unha gran manifestación o 10 de xuño de 2018 en Compostela.
“A chave foi que fomos capaces de sumar”, explicaba Paco García, un dos veciños que liderou a loita contra a mina en Corcoesto, na primeira entrega desta serie. As loitas empezaron a confluír daquela. Acumularon bagaxe para as seguintes batallas. A seguinte foi Touro…
“A Fact Finding Visit inda non ten data, pero funcionou como instrumento de presión á Xunta e o PP”
En Touro, as veciñas sabían da necesidade de involucrar a todos os posíbeis afectados con informacións precisas e contrastadas. Así, a loita sumouse a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. O movemento ecoloxista advertiu que a contaminación potencial polos vertidos equivalía a un millón de metros cúbicos de auga contaminada pola conca do Ulla durante os tres primeiros anos da explotación.
A finais de 2019, vinte e sete plenos municipais de concellos da conca do Ulla aprobaran mocións contra a reapertura e a ampliación da mina.

“Sen dúbida foi o clamor popular o que parou a mina. E o exemplo máis claro dese clamor foi a manifestación de xuño de 2018”, lembra Eduardo Quintas. “Desde finais daquel verán levabamos esperando a que nun momento ou noutro se producira a decisión da Xunta de parar a mina”, di Ana Varela. “Si, foron as veciñas e os veciños os que pararon isto. Desde os primeiros días mostraron capacidade de organización, souberon resistir as presións e superar as frustracións”, comenta Guadalupe Rodríguez, e engade: “Para nós Touro, como antes Corcoesto, é unha evidencia máis de que a minaría moderna non é sostíbel, non se pode abrir sen máis unha gran mina en medio de aldeas e a quince minutos de Compostela… o proxecto estivo viciado desde o principio”.
Todo sen facer
Volvemos ao principio, subliñan as ecoloxistas. Ao punto no que estaban as cousas hai dous anos e pico. Os restos da vella mina, os entullos, as fugas nas balsas de lixiviados, a contaminación do ar, dos regatos e dos ríos, a contaminación do Ulla e da ría de Arousa, os vertidos e os cheiros que producen as novas actividades nos terreos da mina, o desleixo no labor de control por parte da Administración, a irresponsabilidade de Augas de Galiza ao non incluír o impacto da contaminación no Ulla no plan hidrolóxico Galiza-Costa, os defectos de forma nos procedementos administrativos sobre as licencias para as minas que tramita a dirección xeral de Minas, o discutido traballo de Bernardo Tahoces á cabeza desa dirección xeral, as prácticas de manipulación informativa do lobby mineiro, do propio PP no goberno da Xunta…
“Todo iso segue aí. Todo sen facer”, resume Varela. “Agora intentan evitar que a presión que poida facer Europa os poña debaixo dos focos, e non se pode incumprir as normas comunitarias durante demasiado tempo… todo iso, xunto a presión da veciñanza, os procedementos penais abertos, a proximidade das eleccións, explican esta decisión. Pero despois de celebrar este éxito, temos que ser conscientes de que todo está por facer, todo iso segue aí”.
“A loita social debe continuar. Temos demostrado que con ela se poden gañar batallas. Mais se falamos de minas, seguen quedando moitas frontes abertas no país: San Finx, Triacastela, na Terra Cha, ou a febre do litio que está afectando moito o norte de Portugal e é un asunto recorrente xa aquí”, conclúe Guadalupe Rodríguez.
Eduardo Quintas despide a breve conversa telefónica a noite do gran día, o 28 de xaneiro. “Para min, hoxe [por onte] é como se me tivera sacado unha carga pesada das costas”. A ameaza da megamina, de momento, deixou de ser un problema.

Adega emitiu un comunicado este mércores a respecto da declaración ambiental negativa. Sosteñen as ecoloxistas que o procedemento aínda non está rematado, “a declaración de impacto ambiental [DIA] é un trámite dentro dun procedemento que debe resolver o órgano substantivo: a dirección xeral de Enerxía e Minas. Falta pois que o departamento de Tahoces, considerando os informes preceptivos emitidos polos distintos departamentos, incluída a DIA, bote o peche á iniciativa mineira para podermos falar de que este proxecto está rematado”.
Ademais, lembran que a promotora do proxecto de reapertura, Cobre San Rafael S.L. dispón da concesión mineira “até o ano 2068, polo que nada impide que presente outros proxectos en calquera momento dese período”. E subliñan que o proxecto de reapertura foi tramitado con anterioridade á aprobación da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiza, “máis coñecida como Lei de Depredación” e din que esta norma “introducía enormes facilidades para que as empresas mineiras desenvolveran os seus proxectos cos mínimos ‘atrancos’ ambientais e sociais”; polo que “nada impide á concesionaria presentar un novo proxecto de explotación que formalmente supere as eivas sinaladas por Medio Ambiente na declaración de impacto ambiental”.
#Minaría

Como se para unha mina: Corcoesto
Fina Pose e Paco García, que estiveron na primeira liña da defensa veciñal en Corcoesto, contan como conseguiron parar a mina. Foi hai cinco anos, despois de dous anos de loita. Para o domingo anúnciase unha protesta masiva en Compostela. Desta volta a ameaza pende sobre Touro e O Pino, pero os contendentes son os mesmos: dun lado unha empresa, doutro, as veciñas e veciños.

Como se para unha mina: Xunta vs. Minería de Corcoesto
Máis de catro anos despois, a ameaza segue aí. O pleito entre a Xunta e a empresa Minería de Corcoesto en dúas frontes (no TSXG e nun tribunal de arbitraxe en Panamá) segue aberto e a Administración urxe a que se pronuncien os xuíces na Coruña. Os dereitos sobre a mina caducaron, pero o ‘lobby’ segue moi activo.

Quen se ocupa destas balsas?
“Tungsten San Finx tamén sostén que as balsas non facían parte dos dereitos. Négase a recoñecer que os terreos sexan deles. Din que adquiriron os terreos, pero que as presas non son deles. Non se responsabiliza. Tahoces o que di é: as presas eran para almacenamento de auga, son competencia de Augas de Galicia. E Augas de Galicia o que di é: non, esas balsas están colmatadas de sedimentos mineiros, iso é cousa de minas. Pasan a pelota uns aos outros”

“Ás veces temos medo: a ver se imos ser nós quen paga os pratos rotos da minaría”
Un ano despois de comezar a loita contra a reapertura da mina, as plataformas de Touro-O Pino e da Ría de Arousa teñen ao lobby contra as cordas.

Touro acumula contexto
A activista madrileña dota á pelexa contra a mina de cobre que quere reactivar Atalaya Mining de argumentos e inxírea no movemento global de resistencia.

Mina Touro-O Pino, NON (un texto de Emma Pedreira)
As máscaras. O engano. O veleno nas mans de quen chega para arrincar os metais metendo os dedos por baixo da nosa pel e turra. Os camións a pisotear o resto. O roubo, o espolio, a precariedade e o engano; as botas da morte na nosa cara. Canto tardan en sandar as feridas dunha guerra?
Outras novas



Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso

O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena

Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas


Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso

O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena

Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
