Gobernar para a maioría
O proxecto dunha planta de tratamento de residuos a tan só 400 metros do núcleo de Casalonga (Teo) mobiliza á veciñanza.
Baldo Ramos | Teo, 13 de setembro. Os que decidimos nas últimas dúas décadas escoller o concello coruñés de Teo como lugar de residencia habitual temos claros os motivos que decantaron esta opción: a proximidade a Santiago de Compostela e a calidade de vida que proporciona un concello eminentemente residencial.
Este convencemento colectivo é un dos motivos que explica que, desde que se fixo público o interese da empresa viguesa Toysal por instalar unha planta de reciclaxe para o tratamento anual dunhas 90.000 toneladas de residuos de orixe animal, xurros e lodos para a obtención de biogás e fertilizantes, a veciñanza deste concello se teña organizado e mobilizado con determinación para impedir un proxecto claramente prexudicial para os intereses medioambientais e socioeconómicos desta bisbarra de Calo.
Neste proxecto, asinado polo enxeñeiro agrónomo Luis Puchades Rufino, xustifícase a ubicación desta planta nunha antiga canteira a tan só 400 metros do núcleo de poboación de Casalonga, ocupando uns 135.000 metros cadrados, a menos de dous quilómetros de onde viven 4.300 persoas (parroquia de San Xoán de Calo, cunha densidade de poboación de 285 hab/km²) e a seis doutras 50.000, con estas palabras:
“La implantación del proyecto se espera que aporte beneficios medioambientales para el emplazamiento al: volverlo a dotar de una actividad económica, y en este caso con un carácter absolutamente medioambiental; retirar los edificios existentes en estado ruinoso; limpiar la parcela; producir fertilizantes de base orgánica que pueden ayudar a restaurar la cantera; impacto positivo sobre la industria agroganadera y agroalimentaria, al mejorar la gestión de residuos y subproductos y producir fertilizantes.”
Así de partida, os beneficios sociais declarados neste documento presentado actualmente no Concello de Teo non parecen nin moi convincentes nin moi realistas.
A instalación, cunha extensión equivalente a uns 14 campos de fútbol, contaría cunha balsa de 7.000 metros cúbicos de capacidade para almacenar os residuos, dous gasómetros para 1.000 metros cúbicos cada un, un espazo para o lavado diario dun mínimo de 40 camións que transportarían os residuos orgánicos e lodos á planta ou unha nave de recepción de residuos duns 2.000 metros cadrados. (Cito datos recompilados pola Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, constituída pouco despois de coñecerse o interese da empresa por esta localización).
E lembremos que a 900 metros desta canteira está situada a escola de Casalonga, a 1.600 metros o colexio de Calo, a 1.300 metros o Complexo Xerontolóxico O Castro e a 2.200 metros o Centro de Saúde de Calo.
A pouco que busquemos información na rede sobre este gas combustible, daremos con datos coma os seguintes:
O sector do biogás agroindustrial en España está en evidente retroceso (estancado en Europa a favor do sector do biometano), se ben nunca gozou de boa saúde por non ter un respaldo unánime das administracións públicas nacionais. De igual maneira, o crecemento de plantas de biogás en Europa pasou dun 15% en 2014 a un 3% en 2015, e dende esa data o seu número non se ve incrementado significativamente a pesar dos incentivos da UE. Do total de plantas en funcionamento a día de hoxe en Europa, o 77% acapárano tres países: Alemaña, Reino Unido e Italia.
Prestemos atención ás localizacións espaciais e temporais dalgunhas das plantas de biogás máis importantes do territorio nacional:
– Planta de biogás de La Vall d’Uixó (Castellón), financiada polo Banco de Valencia (rescatado en 2012 polo FROB). Foi a primeira planta que se inaugurou en España (ano 2011) en solo de propiedade municipal. Era alcaldesa da localidade a actual líder do PP de Valencia, Isabel Bonig, e presidente da Comunidade Valenciana nese momento Francisco Camps.
– Plantas de biogás de Balsa de Ves, Chinchilla e Bonete (Albacete), inauguradas en 2013, sendo presidenta de Castela-A Mancha María Dolores de Cospedal.
– Planta de Los Alcázares (Murcia), inaugurada en 2016, sendo presidente da Comunidade Autónoma Pedro Antonio Sánchez, obrigado a dimitir este mesmo ano ao ser imputado en tres casos diferentes de corrupción.
– Planta de As Somozas (A Coruña), ubicada nos terreos nos que estiveron depositados os restos do chapapote procedente do Prestige, foi inaugurada en 2015, sendo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo. Daquela, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, eloxiou o proxecto, cualificándoo “de tecnoloxía moi avanzada, unha referencia na xestión sustentable de residuos”.
Temos a sensación de que as administracións gobernadas por partidos conservadores sentiron no pasado a necesidade de promover e facilitar a creación deste tipo de iniciativas empresariais.
Sen ánimo de analizar polo miúdo as consecuencias da entrada en funcionamento deste tipo de plantas, limitareime a extractar algúns parágrafos de noticias aparecidas na prensa despois da instalación da planta de Vall d’Uixó, xa que, ao meu entender, o contido destas noticias poden facernos reflexionar sobre as consecuencias inmediatas da instalación de Casalonga:
De Castellón Diario, 06-07-2015:
“El Ayuntamiento de la Vall d’Uixó realizará un ‘seguimiento exhaustivo’ a la planta de biogás durante los próximos 12 meses, plazo en el que deberán poner en marcha ‘una serie de medidas correctoras para acabar con los problemas de olores en el polígono La Mezquita’, tal y como ha asegurado la alcaldesa, Tania Baños. Así, desde el nuevo equipo de gobierno ‘vamos a ser exigentes para que cumplan con la normativa (…) ‘A lo largo de la campaña hicimos una serie de visitas a las empresas de la localidad y el problema que nos trasladaron los empresarios de la zona era el de los olores de la planta de biogás’, ha explicado Baños. Asimismo, ha recordado que este proyecto se vendió en su momento ‘como tecnología punta y que iba a crear 15 puestos de trabajo y al final nos encontramos con que solo ha generado un empleo y muchas molestias’ a las empresas de alrededor“. (Lembremos que esa planta de biogás instalouse no polígono industrial de La Mezquita, a poucos quilómetros de la Vall d’Uixó).
“Para la alcaldesa es ‘intolerable’ que haya empresas del polígono La Mezquita que ‘se estén planteando irse a otra ciudad por los problemas de olores y las molestias para los trabajadores que los sufren’. Por ello, el compromiso del Ayuntamiento es ‘ser exigentes desde ya para que la planta de biogás cumpla con estos requerimientos’. En caso de que no los atiendan se tomarán medidas judiciales.“
Do diario Levante, 18-06-2018:
“El concejal de Medio Ambiente y segundo teniente de alcalde del Ayuntamiento de la Vall d’Uixó, Fernando Daròs, dio a conocer ayer las actuaciones de control de plagas que se están llevando a cabo ‘ante el aumento de las temperaturas, que hace que proliferen los insectos, especialmente los mosquitos’. Una de las medidas más destacadas es que «los vecinos y vecinas pueden dar un aviso si detectan una plaga, ya sea de ratas, cucarachas, mosquitos, pulgas o garrapatas y la empresa se desplaza en un máximo de 48 horas para hacer tratamiento localizado en ese foco. (…) Además se realizan tratamientos regulares tres veces al año en los colegios (en diciembre-enero, marzo-abril y julio-agosto, durante las vacaciones escolares) para ratas, cucarachas y legionela; y en edificios e instalaciones municipales (piscina, pista de atletismo, centros sociales, espacios culturales, etcétera). Además también se llevan a cabo tres campañas anuales en todo el alcantarillado de la ciudad, que «se refuerzan en caso de que sea necesario, como ahora con la llegada del calor“.
Con estes datos na man, temos a sensación de que as administracións gobernadas por partidos conservadores –no seu día en Cataluña os gobernos da antiga Convergencia i Unió tamén amosaron moito entusiasmo na apertura de plantas como as de Torregrossa ou Torres de Segre en Lleida– sentiron no pasado a necesidade de promover e facilitar a creación deste tipo de iniciativas empresariais. Saberá o goberno de Núñez Feijoo evitar estas inercias do pasado?
Quizais lle axude saber que os veciños de Teo imos seguir mobilizándonos ata que esta fatal interferencia dos intereses dunha empresa coa calidade de vida da veciñanza de Calo sexa resolta por parte da Xunta cunha negativa clara e definitiva.
Aínda que pretendan ser disfrazados de ecoloxismo e sustentabilidade, teño para min que estes proxectos están motivados exclusivamente polo lícito beneficio das empresas que os executan, pero que non callan socialmente e provocan o seu rexeitamento polo escaso retorno que xeran.
O biogás en España semella un sector endogámico e minoritario. Un exemplo: o enxeñeiro que asina o proxecto de Toysal para Casalonga –e sobre o que terá a súa última palabra a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia- é o director en España da empresa Ludan Renewable Energy España, filial do grupo israelí Ludan, e acumulaba en 2017, segundo o portal infoempresa.com, ata 11 cargos en 8 empresas diferentes do sector. De aí que o seu nome apareza en moitos dos proxectos de biogás que se teñen executado ou están en proceso de execución en España.
Isto fainos pensar na escasa diversificación do sector, seguramente motivada pola deficitaria demanda social. Porque, aínda que pretendan ser disfrazados de ecoloxismo e sustentabilidade, teño para min que estes proxectos están motivados exclusivamente polo lícito beneficio das empresas que os executan, pero que non callan socialmente e provocan o seu rexeitamento polo escaso retorno que xeran nas comarcas nas que se instalan.
Sen ser un experto na materia, non se me escapa que este tipo de proxectos poden ter a súa rendibilidade social e xustificación económica en comarcas nas que certas industrias (a gandeira, a vitivinícola, etc.) xeran unha grande cantidade de residuos que poden empregarse na produción de biogás e fertilizantes. Precisamente neses ámbitos a Unión Europea está estimulando o sector con programas de incentivo económico como Horizonte 2020. Pero tendo sempre moi presentes a pertinencia social e a xustificación económica desas localizacións.
Resulta sorprendente que nun país gandeiro coma o noso, en provincias como Lugo ou A Coruña, ás empresas do sector –e ás administracións competentes na materia– non se lles dea por incentivar e implantar biodixestores a escala “familiar rural”, como en moitos países eminentemente gandeiros de Latinoamérica e África (só en Etiopía téñense instalado na actualidade máis de 15.000 biodixestores domésticos), para mellorar a xestión de xurros de explotación gandeiras ou agroalimentarias e mellorar as condicións económicas e laborais dos seus propietarios. Neste tipo de explotacións, os biodixestores domésticos xeran enerxía eléctrica e calorífica para as explotacións e permiten que os excedentes poidan inxectarse na rede de consumo enerxético, provocando, amais do aforro de gastos nas explotacións, pequenos beneficios económicos para o produtor. En Galicia xa hai algunha empresa gandeira pioneira que xestiona este tipo de residuos de xeito ecolóxico e sustentable.
Pero o proxecto para Casalonga nada ten que ver con este tipo de iniciativas. Aquí falamos dunha planta de biogás a gran escala, ubicada nunha zona na que o sector gandeiro non existe e, polo tanto, o beneficio socioeconómico na zona sería nulo. Respecto ao dano medioambiental, tendo en conta o carácter residencial deste concello e as consecuencias deste tipo de iniciativas en concellos como La Vall d’Uixó, a ninguén se lle escapa que o prexuízo sería constante e agravado co paso do tempo.
Gobernar para a maioría debería ser o principio inspirador de calquera gobernante que mira polo seu futuro. Son moitos os casos dos que quixeron compracer a unha minoría e acabaron rendendo contas diante dun xuíz ou diante das urnas.
Levamos anos reclamando dende a sociedade civil transparencia e rigor na administración do público por parte das institucións que nos gobernan. Moitos gobernantes renderon contas pola presión social e polo traballo dos medios de comunicación que informaron sen medo. Gobernar para a maioría debería ser o principio inspirador de calquera gobernante que mira polo seu futuro. Son moitos os casos dos que quixeron compracer a unha minoría e acabaron rendendo contas diante dun xuíz ou diante das urnas. Quero pensar que a Xunta de Galicia non caerá nese erro. Por iso, se é certo que o seu presidente representa no Partido Popular a renovación dos vellos hábitos malsáns da política nacional deste partido nas últimas décadas, imos confiar os veciños de Teo en que mire polos intereses dunha maioría cidadá antes que polos intereses dunha minoría empresarial.
E que este contencioso non se dirima na rivalidade política de escaso calado, nin se enmarañe no que vemos noutros concellos de Galicia cando Xunta e administracións locais rivalizan por ambicións electorais e non polas reivindicacións xustas, sociais, dunha cidadanía que esixe rigor e transparencia nas decisións políticas que poden chegar a hipotecar dun xeito irremediable o seu futuro.
#industrialismo
Procurando a reaçom no tempo de desconto
Das Pontes a Cerceda: a cara oculta do milagre industrial
Outras novas
Nace Estreleira.gal e inza o país de bandeiras
Presentouse o Movemento Arredista
O golpista que veu chantar unha cruz na vila de seu pai
Apropiación falanxista de símbolos cristiáns
Outras novas
Nace Estreleira.gal e inza o país de bandeiras
Presentouse o Movemento Arredista
O golpista que veu chantar unha cruz na vila de seu pai