Goebbels á feira
Na TVG dimiten os presentadores do Tele Xornal da noite e na Radio Galega eliminan programas de referencia, e os sindicatos denuncian a manipulación informativa por parte da dirección.
Erik Dobaño | A Coruña, 21 de xuño. A última entrada no blogue eunonmanipulo ten data de 23 setembro de 2016, o último día da campaña electoral. Uns días antes celebrárase o debate entre os líderes dos cinco grandes partidos na Televisión. Na peza, os autores reflexionan: “A televisión non a fan os xornalistas, páctase nos despachos e acórdase entre as executivas dos partidos políticos e o máis triste é que hai algúns que se chaman a si mesmos profesionais que lles entran no xogo por unha substanciosa remuneración”.
“Estamos nunha etapa histórica no que o carácter de servizo dos medios de comunicación públicos está sendo cuestionado, igual que o sistema sanitario. Existe un furor neoliberal polo que todo está suxeito á lei da oferta e da demanda e a degradación dos medios públicos leva a que a sociedade pense que quen manda nos medios públicos é o goberno. E esa identificación é terríbel e fai que a sociedade tire a toalla”, di Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Xornalismo, o principal viveiro de traballadores da Corporación Radio e Televisión de Galiza (CRTVG), a denominación da entidade creada en 1985, que comezara as súas emisión o 24 de xullo daquel ano e que a piques de cumprir os 33 anos vive os días máis convulsos da súa historia cos traballadores mobilizados denunciando o empeoramento das condicións laborais e a manipulación informativa dos principais medios de comunicación do país: a radio e a televisión públicas, as maiores audiencias dun sistema mediático que consolidou Fraga, con tres patas. A terceira, La Voz de Galicia. Goebbels-á-feira. Propaganda de ton franquista, promoción da imaxe folclórica do país que comezara a propaganda franquista coa necesaria submisión dos profesionais que elaboran os paquetes informativos seguindo as directrices que emanan do poder.
Francisco Campos é profesor de Xestión da Empresa Informativa e Audiovisual da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o viveiro, o precioso edificio de Siza baleiro estes días polas vacacións previas aos exames das futuras e futuros xornalistas. O currículo académico de Campos está á altura da tarefa de educar as mozas e mozos que garantirán un dos piares da democracia, da nosa democracia. Licenciado en Ciencias de Información pola Complutense, doutor pola USC, MBA en Dirección e Xestión de Empresas, Experto Europeo en Xestión de Responsabilidade Social e Corporativa e da Calidade, impartiu cursos sobre xestión da empresa informativa e audiovisual e de novos medios de comunicación en varias universidades estranxeiras e foi profesor visitante en facultades de Portugal, Arxentina, Colombia, Brasil, República Dominicana e Ecuador. É membro da directiva da Asociación Española de Investigadores da Comunicación. Fai parte do grupo de investigación Nostracker, na USC, un sistema de análise e xestión de contidos on line.
O currículo profesional, como xornalista, de Francisco Campos revela unha ampla traxectoria nese sistema mediático fraguiano, o Goebbels-á-feira. Campos foi consecutivamente delegado de La Voz de Galicia en Lugo (1979-85), subdirector e director de La Región (1985-1990), director xerente da Axencia Galega de Noticias (1990-1994) e director xeral da Compañía da Radio e Televisión de Galiza (1994-2005).
Campos é o autor dun breve artigo de catro páxinas que figura como parte da análise cualitativa do último informe Diagnose da Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega. É a primeira vez que este informe inclúe un apartado cualitativo. Campos encárgase do capítulo dedicado á radio e a televisión. “As novas plataformas de acceso que xurdiron inflúen nas estratexias e nas políticas de emisión das cadeas de televisión (…) É básica a creación de produtos novos para novos soportes (…) Neste senso, non se observan novas apostas nin vontade para impulsar esas iniciativas. Hai algún proxecto perfilado na Televisión de Galicia pero aínda non está materializado. Existe a percepción de que se precisa un cambio”, reflexiona o autor. E sobre a radio: “A radio tradicional tiña un problema moi claro motivado polo envellecemento da audiencia (…) Antes os programas dirixíanse fundamentalmente á familia (…) No caso concreto da Radio Galega, si que se trata dunha radio profesionalizada e con estabilidade ao longo dos anos. Con todo, esa estabilidade quizais sexa un dos seus problemas ao non lograr aumentar excesivamente a súa cota de mercado, a pesar de realizar un grande esforzo cunha programación en galego durante 24 horas. Sería conveniente que se afanase por incrementar a súa audiencia”.
Á marxe do discurso xerencialista da Nova Administración Pública que abraza como bo alumno de MBA, está o ton de prescrición que adoita o autor dun informe dunha institución pública, o Consello da Cultura Galega, sobre outra institución pública, a CRTVG, que debería ter, e non ten, un organismo prescritor propio como denuncian os sindicatos estes días en que as traballadoras e traballadores da radio e da televisión públicas se visten de negro para denunciar a fraude á audiencia, que son as cidadás e cidadáns que sosteñen económica e politicamente eses medios e institucións como o Consello da Cultura, que Campos, ex director da CRTVG e agora membro do Consello da Cultura, utiliza para orientar a estratexia dos medios de comunicación públicos galegos.
“No caso da Radio Galega, si que se trata dunha radio profesionalizada e con estabilidade ao longo dos anos. Con todo, esa estabilidade quizais sexa un dos seus problemas ao non lograr aumentar excesivamente a súa cota de mercado”, escribe Francisco Campos.
Francisco Campos, sinalan desde o Comité Intercentros (CUT, CIG, CCOO, UXT e USO) que representa aos algo máis de 900 traballadoras e traballadores da corporación e vén de recoller e presentar 550 sinaturas delas para que o director xeral reconsidere a decisión de suprimir os informativos locais na radio na nova grella a partir de setembro; Campos, din, “é o mentor” de Alejandro López, o xefe do servizo de planificación informativa da Radio Galega, e de Tania Fernández, a xefa do servizo de xestión operativa de programas da Radio Galego, ambos baixo a tutela de Pilar Bermúdez, a directora do departamento operativo dos servizos informativos. Por riba de Bermúdez está Concepción Pombo, directora da área de información, que agrupa aos servizos da radio e da televisión. Advirten os sindicatos que tanto Alejandro López, que entrou como bolseiro hai apenas uns anos, como Tania Fernández, tamén moi nova e procedente dunha emisora privada, son dous profesionais con moi pouca experiencia, “pero dóciles e na onda deses cambios que reclama Campos”.
Así se controlan a información e os contidos en xeral nos medios públicos galegos, explica José Alvite, da CIG, un dos sindicalistas consultados, que tivo ocasión de participar hai unhas semanas nunha xornada na Parlamento Europeo, convidados por Ana Miranda (BNG) sobre a censura no Estado español, denunciando estas prácticas.
MANIPULACIÓN
“Que se considero que hai manipulación nos medios públicos galegos? Non é que o considere. E que son centos de sinaturas de profesionais da CRTVG que o din e ninguén mellor que eles para sabelo e poñelo de manifesto. Dende o Colexio agardamos que se dean pasos firmes que garantan uns medios de comunicación públicos alleos os intereses do partido no goberno”, di Francisco Sarria, decano do Colexio de Xornalistas.
As traballadoras e traballadores da sede central da corporación en San Marcos paran os martes e os xoves durante 15 minutos, e o mes pasado comezaron a vestir prendas negras para secundar a protesta que levan semanas impulsando as profesionais da Radio Televisión Española en todo o Estado denunciando tamén prácticas de intervención política na información pública. As loitas converxen e esta mesma semana unha reunión entre os representantes sindicais en Galiza de ambos entes públicos produciu un novo escándalo ao impedir a dirección da CRTVG o acceso dos sindicalistas de RTVE ás instalacións da Galega. O mesmo día, este martes, facíanse públicas as renuncias de Tati Moyano e Alfonso Hermida a seguir presentando o Tele Xornal da noite (continuará até a nova tempada).
Ao parecer, Moyano e Hermida aducen “discrepancias coa liña informativa”. Mais non queren falar publicamente das súas razóns. O xornalista declina o convite a explicarse e remite aos membros do comité. Tampouco queren comentar a súa situación outros profesionais. Non o fixo Ana Romani despois de que a comezos de maio se anunciara a eliminación do Diario Cultural na próxima tempada da Radio Galega. O anuncio provocou adhesións de todo tipo, mesmo institucións públicas (concellos, deputacións) debateron e acordaron pedir á dirección xeral que reconsiderara o asunto. Tampouco quixeron falar outras profesionais afectadas polos cambios na programación.
O director xeral é Alfonso Sánchez Izquierdo, titulado en Xornalismo e licenciado en Dereito. Izquierdo, o xefe de Concepción Pombo, a xefa de Pilar Bermúdez, a xefa de Alejandro López e Tania Fernández, empezou como redactor en La Región, traballou alí baixo a dirección de Francisco Campos, e rematou, el mesmo, por ser director do xornal ourensán até xullo de 2008. Durante uns meses impartiu aulas na Facultade de Xornalismo e en maio de 2009, tralo cambio de goberno na Xunta, accedeu á dirección xeral da CRTVG. O bipartito non fora quen sequera de suprimir o Luar, a máxima expresión daquela folclorización do imaxinario comezada no franquismo e que continuou con Fraga. A liña Goebbels-á-feira foi restituída co goberno Feijóo e con Sánchez Izquierdo ao fronte. O currículo do actual director xeral inclúe tamén referencias tan sonoras como Harvard ou Frankfurt.
Malia aos currículos, os profesionais de a pé, os veteranos, a xente que sabe do oficio, estáselle a rebotar á dirección. Polo de agora, en silencio cara fóra. “Dámoslle todo o noso respaldo [a Moyano e a Hermida] porque esas actitudes de dignidade e de ética informativa teñen un valor inmenso”, considera Henrique Sanfiz, presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA) da que fai parte adiante.gal. “É un paso que simboliza o que probablemente pensen moitos outras profesionais da comunicación nos medios públicos galegos”, anota Francisco Sarria desde o Colexio de Xornalistas, e insiste na “necesidade de dar curso efectivo aos consellos de informativos como garantía de independencia e pluralidade”.
SEN CONTROL
No blogue eunonmanipulo documéntanse ducias de casos de manipulación informativa entre 2013 e 2016. O espazo fora lanzado polo Comité de Empresa da Televisión para reclamar, entre outras cuestións, a creación dun consello de informativos na corporación. “Está na mesma lei”, indican os sindicalistas José Alvite e Concha de la Fuente, tamén da CIG e que desenvolve o seu traballo como produtora na Radio. “O Mandato Marco acordouse no Parlamento cos únicos votos do PP a finais do 2015, o Contrato Programa, un plan a tres anos cos orzamentos, os recursos e as liñas de programación, que estaba no Mandato, nunca se fixo. Sánchez Izquierdo decide todo el, sen control e sen consultar ás traballadoras e traballadores porque tampouco hai un consello de informativos que foi acordado no 2011. Vai dar explicacións ao Parlamento e di que para os cambios na programación ten un informe de expertos que non ensina”.
A crise na CRTVG non aparece nos grandes medios. A radio, explican os traballadores da corporación, está a ser empregada como “laboratorio” para o que se pretende tamén na televisión: profesionais novos (mozos) e dóciles, moita atención ás canles dixitais na procura da audiencia e ningunha consideración polo carácter “público” e de “servizo” ás donas e donos (teóricos) da cousa. O furor neoliberal, que di Pousa, o decano de Xornalismo, a Facultade desde a “que un lobby conservador”, din os sindicalistas, está a marcar a pauta dos medios públicos galegos. “Hai manipulación? Habería que contrastalo con estudos. Hai esa sensación. Calquera cidadán ten esa sensación”, interpreta Pousa.
A crise de credibilidade dos medios públicos é evidente para “calquera cidadán” pero non para o resto (para case todos) de medios de comunicación do país, que apañan cartos de subvencións e contratas públicas. A produción propia diminuíu na Televisión galega, e o comité de traballadoras e traballadores está á espera de que a dirección anuncie a nova tempada para saber que pasa co Zigzag e o Vivir Aquí, dous dos tres programas, o outro é o Luar, que aínda son de produción propia. O persoal está cun ollo na radio e con outro na tele, porque na tele a transformación “é máis lenta, por complexa, pero vai…”. A corporación contratou (doce millóns de euros) a Telefónica para acometer a dixitalización de todos os procesos de traballo. “Sen importar que Telefónica sexa tamén unha empresa que comercia con contidos audiovisual, parte da competencia”.
O resultado é o que reciben as galegas e os galegos cada día desde a radio e a televisión públicas. “Escasea a pluralidade política e social, abundan os sucesos tratados con morbo e sen contextualización social, os únicos vox populi que aparecen son sobre o tempo e se trata temas como a violencia machista sen dar voz a organizacións feministas, sociólogos, profesores universitarios que expliquen a súa visión da orixe dese fenómeno. Non aparecen as preocupacións dos pensionistas polas súas escasas percepcións, nin da xuventude pola precariedade laboral, etcétera”, resume Henrique Sanfiz.
xornalismo
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos